Ir ó contido

Por que a expulsión é unha mostra de amor?

Por que a expulsión é unha mostra de amor?

“O día que escoitei o anuncio de que expulsaran o noso fillo maior, todo o meu mundo se veu abaixo”, recorda Julian. “El e eu estabamos moi unidos e faciamos moitas cousas xuntos. Sempre fora un fillo exemplar, pero, de repente, comezou a comportarse dunha maneira inaceptable. A miña muller choraba todo o tempo, e eu non sabía que facer para consolala. Preguntabámonos onde falláramos como pais”.

Como pode alguén dicir que a expulsión é unha mostra de amor se causa tanta dor? Por que di a Biblia que hai que tomar unha decisión tan drástica? Que factores levan a alguén a ser expulsado da congregación?

CANDO É NECESARIA A EXPULSIÓN?

Hai dous factores que se deben dar para que unha testemuñas de Xehová sexa expulsada. Primeiro, que cometa un pecado grave, e segundo, que non se arrepinta.

Aínda que Xehová non espera que os seus servos sexan perfectos, si que espera que cumpran as súas elevadas normas de conduta. Por exemplo, prohibe cousas como a inmoralidade sexual, a idolatría, o roubo, a extorsión, o asasinato e o espiritismo (1 Cor. 6:9, 10, TNM; Ap. 21:8).

Non estás de acordo en que as normas de Xehová son razoables e nos protexen? E quen non desexa vivir rodeado de persoas pacíficas, decentes e confiables? Pois ese é o ambiente que hai no pobo de Deus. A tranquilidade que sentimos cando estamos entre os irmáns débese a que no momento da nosa dedicación a Xehová todos prometemos respectar as súas normas.

Pero, que ocorre se por debilidade un cristián comete un pecado grave? No pasado houbo servos de Deus ós que lles sucedeu iso, e el non os rechazou automaticamente. David foi un deles. Aínda que cometeu adulterio e asasinato, o profeta Natán díxolle: “O Señor perdoa o teu pecado” (2 Sam. 12:13).

Por que o perdoou Xehová? Porque David estaba arrepentido de corazón (Sal. 32:1-5). De maneira parecida, se hoxe en día un cristián que cometeu un pecado grave se arrepinte e deixa a súa mala conduta, non se expulsa da congregación (Feit. 3:19; 26:20). Pero se non mostra arrepentimento sincero, os anciáns que compoñen o comité xudicial téñeno que expulsar.

Ó principio poderíanos parecer que esta decisión é moi dura ou incluso cruel, sobre todo se temos unha relación estreita co irmán ou coa irmá. Pero a Biblia dános boas razóns para pensar que a expulsión é unha mostra de amor.

OS BENEFICIOS DA EXPULSIÓN

Xesús dixo que a sabedoría demóstrase polos resultados que produce (Mt. 11:19). A decisión de expulsar os pecadores que non se arrepinten é sabia e está xustificada, pois produce bos resultados. Vexamos tres:

Dálle honra ó nome de Xehová. Como levamos o nome de Xehová, é inevitable que o noso comportamento inflúa na opinión que a xente ten sobre el (Is. 43:10). Igual que a conduta dun fillo fala ben ou mal de seus pais, a nosa forma de actuar fai que as persoas teñan unha idea positiva ou negativa de Xehová. Nos días de Ezequiel, as nacións veciñas de Israel relacionaban os xudeus con Xehová (Ez. 36:19-23). Iso mesmo nos pasa a nós: as persoas relaciónannos con Xehová. Así que, se a nosa conduta é exemplar, falarán ben del.

Pero se cometésemos algún acto inmoral, manchariamos o santo nome de Deus. Por iso o apóstolo Pedro aconsellou: “Coma fillos obedientes, non vos axeitedes ós desexos de antes, cando viviades na ignorancia, senón que, do mesmo xeito que o que vos chamou é santo, así tamén sede vós santos en calquera circunstancia, porque a Escritura di: Seredes santos, porque eu son santo” (1 Pe. 1:14-16). Así é, a nosa conduta limpa fala ben do Deus ó que servimos.

Non obstante, cando unha testemuña de Xehová ten o costume de facer cousas malas, é inevitable que os seus coñecidos o saiban. Nese caso, a expulsión serve para demostrarlles que Xehová ten un pobo limpo que cumpre coas normas da Biblia. Vexamos un exemplo. Un señor foi a un Salón do Reino de Suíza e dixo que quería ser testemuña de Xehová. Por que? Porque súa irmá fora expulsada por cometer inmoralidade sexual, e o señor dixo que quería pertencer a unha organización que “non tolera a mala conduta”.

Protexe os irmáns da congregación. O apóstolo Paulo díxolles ós cristiáns de Corinto que era perigoso deixar na congregación pecadores que non se arrepentisen. Explicou que, tal como “un pouco de fermento leveda a masa toda”, o pecador pode influír para mal nos que están ó seu arredor. A continuación deulles esta instrución: “Botádeme o perverso do medio de vós” (1 Cor. 5:6, 11-13).

Polo visto, o pecador do que falou Paulo estaba cometendo inmoralidade sexual, e facíao abertamente. Como resultado, outros irmáns da congregación comezaran a xustificar o que facía (1 Cor. 5:1, 2). Se se tivese tolerado esa conduta, a congregación tal vez se tería deixado levar polos costumes inmorais tan comúns na cidade de Corinto. Da mesma maneira, se hoxe se permite que un cristián cometa pecados graves, pode que os demais empecen a darlle menos importancia ás normas de Deus (Ecl. 8:11). Os que pecan e non se arrepinten son coma “rocas escondidas baixo a auga” que poden afundir a fe dos seus irmáns (Xds. 4, 12, TNM).

Pode facer que o pecador cambie a súa mala actitude. Xesús falou dun home novo que marchou da casa e gastou toda a súa herdanza vivindo unha vida inmoral. Tivo que aprender polas malas o dura e valeira que era a vida lonxe da súa familia. Ó final, o fillo pródigo reaccionou e volveu á casa arrepentido (Lc. 15:11-24). O pai, pola súa parte, recibiuno con moita alegría. O que Xesús dixo daquel pai tan cariñoso axúdanos a comprender mellor os sentimentos de Xehová. El asegúranos: “Non me dá gusto que morra o malvado, senón que o malvado se converta da súa conducta e viva” (Ez. 33:11).

De forma parecida, os que foron expulsados deixan de formar parte da congregación —a súa familia espiritual—, e co tempo talvez se dean de conta do que perderon. Pode que vexan as dolorosas consecuencias das súas decisións. Quizais recorden a felicidade que sentían cando eran amigos de Xehová e estaban rodeados dos seus irmáns. Como resultado, é probable que reaccionen e decidan volver a Xehová.

Para conseguir que un pecador se arrepinta necesítase amor, pero tamén firmeza. “Se me golpease alguén xusto, sería un xesto de amor leal”, dixo David, e “se me reprendese, sería como aceite sobre a miña cabeza” (Sal. 141:5, TNM). Para entender mellor estas palabras, pensemos na seguinte situación. Imaxinemos que un frío día de inverno un grupo está escalando unha montaña cuberta de neve. Un deles, xa sen forzas, comeza a sufrir hipotermia e a sentir sono. Pero se queda durmido na neve, morrerá. Por iso, un dos seus compañeiros intenta mantelo desperto dándolle unhas labazadas na cara mentres chega o equipo de rescate. Aínda que doian, esas labazadas pódenlle salvar a vida. Da mesma maneira, David agradecía a corrección, aínda que fose dolorosa, pois comprendía que era polo seu ben.

En moitos casos, a expulsión pode ser a disciplina que necesita o pecador. O fillo de Julian, mencionado ó principio deste artigo, estivo uns dez anos expulsado. Despois, limpou a súa vida, volveu á congregación e hoxe serve como ancián. El admite: “A expulsión obrigoume a enfrontarme ás consecuencias das miñas decisións. Realmente necesitaba esa disciplina” (Heb. 12:7-11).

A MELLOR MANEIRA DE AXUDAR A ALGUÉN QUE FOI EXPULSADO

Aínda que a expulsión é unha traxedia, ten remedio. Todos podemos colaborar para que a disciplina cumpra o seu obxectivo.

Faise todo o posible para que os expulsados que se arrepentiron volvan a Xehová.

Os anciáns téñense que esforzar por imitar o amor de Xehová cando lle comunican á persoa que decidiron expulsala. Ó dicirllo, explícanlle con cariño e de forma clara os pasos que debe dar para ser readmitida na congregación. Ademais, visitan de vez en cando os expulsados que deron mostras de que desexan cambiar a súa vida e recórdanlles o que deben facer para volver a Xehová. a

A familia demostra o seu amor á congregación e ó pecador respectando a decisión que tomaron os anciáns. Julian recorda: “Nunca deixei de querer o meu fillo, pero a súa conduta levantou un muro entre nós”.

Os irmáns da congregación tamén poden mostrar o seu amor evitando todo contacto coa persoa que foi expulsada (1 Cor. 5:11; 2 Xn. 10, 11). Desta maneira reforzan a disciplina que Xehová lle deu por medio dos anciáns. Pero a súa axuda non termina aí. Débenlles dar ós familiares aínda máis cariño e apoio, pois están sufrindo. Eles non están expulsados, e polo tanto non debemos facer que se sintan apartados da congregación (Rm. 12:13, 15).

Julian conclúe: “A expulsión é unha medida necesaria que nos axuda a respectar as normas de Xehová. Aínda que é dolorosa, a longo prazo produce os mellores resultados. Se tivese tolerado a conduta do meu fillo, estou seguro de que nunca se tería recuperado”.

a Ver La Atalaya do 15 de abril de 1991, páxinas 21 a 23.