Ir ó contido

Resolvamos os problemas con amor

Resolvamos os problemas con amor

“Vivide en paz” (MARCOS 9:50).

CANCIÓNS: sjj 39, snnw 143

1, 2. Que problemas entre persoas encontramos en Xénese, e por que menciona estes conflitos a Biblia?

 ALGUNHA vez pensaches nos conflitos que houbo entre personaxes bíblicos? Xa nos primeiros capítulos de Xénese encontramos varios: Caín asasina a Abel (Xén. 4:3-8); Lamec mata un rapaz despois de que este o golpease (Xén. 4:23, TNM); os pastores de Abraham (Abram) e os de Lot peléxanse (Xén. 13:5-7); Hagar despreza a Sara (Sarai), e ela enfádase con Abraham (Xén. 16:3-6); Ismael ten problemas con todo o mundo e todo o mundo está en contra del (Xén. 16:12).

2 Por que menciona estes conflitos a Biblia? Porque nos axudan a ver por que debemos manter a paz e móstranos como logralo. Dende logo, benefícianos ler como persoas reais, imperfectas igual ca nós, loitaron con problemas reais. Descubrimos que os seus esforzos tiveron bos resultados e aprendemos leccións que podemos poñer en práctica. En realidade, eses relatos ensínannos que cousas debemos facer e que cousas debemos evitar en situacións parecidas (Rm. 15:4).

3. Que veremos neste artigo?

3 Neste artigo analizaremos por que os servos de Deus debemos resolver os problemas que teñamos entre nós e como conseguilo. Ademais, veremos varios consellos que dá a Biblia para solucionar os conflitos, levarnos ben cos demais e ter unha boa relación con Xehová.

POR QUE DEBEMOS SOLUCIONAR OS PROBLEMAS QUE TEÑAMOS COS DEMAIS

4. Que forma de pensar se estendeu polo mundo, e cal foi o resultado?

4 Satanás é o principal responsable de que haxa tantos conflitos e desacordos. No xardín de Edén deu a entender que cada un pode e debe decidir por si mesmo o que está ben e o que está mal, sen ter en conta a Deus (Xén. 3:1-5). Está claro que resultados tivo esa forma de pensar. O mundo está cheo de persoas que manifestan un espírito de independencia. E iso fomenta o orgullo, o egoísmo e a competitividade. Tódolos que se deixan contaxiar por esa actitude estanlle dando a razón a Satanás, quen afirma que o máis intelixente é que cada un busque os seus propios intereses sen preocuparse polos demais. Esa forma de actuar é egoísta e provoca enfrontamentos. A Biblia recórdanos que o home que se enfada con facilidade fai que haxa liortas e comete moitos pecados (Pr. 29:22).

5. Que consello deu Xesús para resolver os problemas?

5 En cambio, Xesús ensinoulles ós seus discípulos a buscar a paz aínda que iso parecese ir en contra dos seus propios intereses. No Sermón do Monte deulles moi bos consellos para resolver as diferenzas de opinión e evitar conflitos. Por exemplo, animounos a que fosen amables, buscasen a paz, se librasen de sentimentos que os poderían enfadar, resolvesen rapidamente as diferenzas de opinión e amasen os seus inimigos (Mt. 5:5, 9, 22, 25, 44).

6, 7. a) Por que é importante resolver as diferenzas persoais o antes posible? b) Que preguntas nos deberiamos facer tódolos servos de Xehová?

6 Se non buscamos a paz cos demais, os nosos esforzos por servir a Deus —o que inclúe orar, ir as reunións e predicar— non terán ningún valor (Mc. 11:25). Non podemos ser amigos de Xehová se non estamos dispostos a perdoar os demais (le Lucas 11:4 e Efesios 4:32).

7 Debemos ser honestos e pensar con coidado en se estamos dispostos a perdoar e a manter relacións pacíficas cos demais. Cústanos perdoar os nosos irmáns? Desfrutamos da súa compañía aínda que nos ofendesen? Xehová espera que os seus servos saiban perdoar. Se a nosa conciencia nos di que temos que mellorar neste asunto, pidámoslle axuda a Xehová, o noso Pai celestial. El escoitaranos e contestará as nosas humildes oracións (1 Xn. 5:14, 15).

PODEMOS PASAR POR ALTO A OFENSA?

8, 9. Que temos que facer se alguén nos ofende?

8 Como os humanos somos imperfectos, antes ou despois alguén dirá ou fará algo que nos ofenda. É inevitable (Ecl. 7:20; Mt. 18:7, TNM). Como reaccionaremos? Pensemos no que ocorreu nunha reunión social na que había varias testemuñas. Unha irmá saudou a dous irmáns, pero a forma na que o fixo molestoulle a un deles. Cando os dous irmáns quedaron sós, o ofendido púxose a criticar a irmá polo que dixera. Entón, o outro irmán recordoulle que ela servira fielmente a Xehová en circunstancias difíciles durante corenta anos, e díxolle que non cría que tivese a intención de ferir os seus sentimentos. O irmán ofendido pensouno un momento e dixo: “Tes razón”. Así que decidiu esquecer o asunto.

9 Que lección aprendemos? Que podemos controlar como reaccionamos cando alguén fai algo que nos podería ofender. O amor permítenos pasar por alto as pequenas faltas (le Proverbios 10:12 e 1 Pedro 4:8). Xehová pensa que é fermoso da nosa parte “deixar de lado a ofensa” (Pr. 19:11; Ecl. 7:9). Por iso, o primeiro que temos que facer cando sentimos que alguén nos trata con falta de respecto ou non é amable con nós é preguntarnos: “Podo pasar por alto este asunto? De verdade lle teño que dar importancia?”.

10. a) Como se sentiu unha irmá cando a criticaron? b) Que consello da Biblia lle axudou a manter a paz interior?

10 Cando alguén nos critica, pode ser difícil non darlle importancia ás súas palabras. Pensemos nunha pioneira á que chamaremos Lucy. Algúns fixeron comentarios negativos sobre a súa predicación e sobre como usaba o tempo. Lucy sentiuse doída, así que lle pediu consello a irmáns maduros. Ela di: “As súas palabras baseadas na Biblia axudáronme a ver as opinións dos demais dende unha perspectiva correcta e a concentrarme no máis importante: o que pensa Xehová”. A Lucy animouna ler Mateo 6:1-4 (leo). Estes versículos recordáronlle que o seu obxectivo debía ser agradarlle a Xehová. Ela explica: “Aínda que outros fagan comentarios negativos sobre a miña predicación, son feliz, porque sei que fago todo o posible por ganarme a aprobación de Xehová”. Entender isto axuda a Lucy a non facer caso a eses comentarios.

SE NON PODEMOS PASAR POR ALTO A OFENSA

11, 12. a) Que debemos facer se cremos que un irmán ten algo contra nós? b) Que podemos aprender da maneira na que Abraham resolveu un conflito? (Ver a imaxe do principio.)

11 A Biblia di que “todos tropezamos moitas veces” (Sant. 3:2, TNM). Imaxina que te das conta de que un irmán se molestou por algo que dixeches ou fixeches. Que deberías facer? Xesús dixo: “Se ó presentáre-la túa ofrenda no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve a presenta-la túa ofrenda” (Mt. 5:23, 24). Segue o consello de Xesús e fala co irmán. Pero non esquezas cal é o obxectivo. Non se trata de botarlle parte da culpa a el, senón de que ti admitas a túa e fagades as paces. O máis importante é estar en paz cos irmáns.

12 O relato da Biblia que mencionamos antes sobre Abraham e o seu sobriño Lot explica como resolveron pacificamente un conflito que puido dividilos. Os dous tiñan rabaños, e parece ser que os seus pastores se pelexaron polas terras de pasto. Para manter a paz, Abraham díxolle a Lot que escollese el primeiro onde vivir coa súa familia (Xén. 13:1, 2, 5-9). Que bo exemplo! Abraham buscou a paz, non os seus propios intereses. Saíu perdendo por ser tan xeneroso? Non, para nada. Xusto despois deste incidente, Xehová prometeulle que recibiría moitas bendicións (Xén. 13:14-17). Deus nunca permitirá que os seus servos sufran perdas permanentes por poñer en práctica os consellos da Biblia e resolver as súas diferenzas con amor. [1]

13. Como reaccionou un superintendente cando un irmán lle falou de maneira cortante, e que podemos aprender do seu exemplo?

13 Vexamos un exemplo actual. Un irmán foi nomeado superintendente dun departamento dun congreso. Un día chamou a outro irmán para preguntarlle se podía contar con el, pero este respondeulle dunha forma moi cortante e colgoulle o teléfono. Polo visto, tivera problemas co superintendente anterior e sentíase doído. O novo superintendente non se ofendeu, aínda que tampouco puido pasalo por alto. Unha hora máis tarde, chamouno de novo para dicirlle que, como aínda non se coñecían, sería boa cousa que se visen en persoa para resolver xuntos o que lle preocupaba. Á semana seguinte, reuníronse nun Salón do Reino. Fixeron unha oración e falaron durante unha hora. O irmán contoulle ó superintendente os problemas que tivera. Este escoitouno, púxose no seu lugar e repasou con el algunhas ideas da Biblia. Ó final, resolvéronse as cousas, e o irmán serviu como voluntario no congreso. Hoxe agradece que o superintendente fose paciente con el e o tratase con amabilidade.

HAI QUE INVOLUCRAR OS ANCIÁNS?

14, 15. a) Cando deberiamos seguir o consello de Mateo 18:15-17? b) Que tres pasos mencionou Xesús, e cal debe ser o noso obxectivo ó seguilos?

14 Na maioría dos casos, podemos e debemos resolver a nosas diferenzas en privado e sen involucrar a ninguén máis. Non obstante, Xesús dixo que ás veces poida que sexa necesario que interveña a congregación (le Mateo 18:15-17). Que pasaba se o ofensor se negaba a facer o que dixo Xesús: escoitar a seu irmán, as testemuñas e a congregación? Entón había que tratalo “como un pagán ou un recadador de impostos”. Hoxe diriamos que esa persoa debería ser expulsada. O feito de que se puidese tomar esta medida tan seria indica que o “pecado” en cuestión non podía ser un simple desacordo. Xesús falaba dunha ofensa que tiña que cumprir dúas condicións: 1) podíase resolver entre os implicados, pero 2) era o suficientemente grave como para que o ofensor fose expulsado se o asunto non se resolvía. Estes pecados poderían ser accións que implicasen algún tipo de fraude, ou calumnias que danasen a reputación doutra persoa. Os tres pasos que Xesús mencionou só se deben dar cando se cumpren estas condicións. Estas ofensas non inclúen pecados como o adulterio, a homosexualidade, a apostasía, a idolatría e outros que sempre esixen a intervención dos anciáns da congregación.

Quizais para ganarnos o noso irmán teñamos que falar con el máis dunha vez (ver o parágrafo 15)

15 O obxectivo do consello de Xesús é ensinarnos a axudar ó irmán con amor (Mt. 18:12-14). En primeiro lugar, debemos intentar resolver o problema sen involucrar a ninguén máis. Para iso, quizais teñamos que falar co ofensor máis dunha vez. Se non conseguimos resolver o problema, temos que falar coa persoa en presenza dos que foron testemuñas da ofensa ou doutras persoas que poidan axudar a determinar se de verdade se cometeu un pecado. Se coa súa axuda resolvemos o conflito, recuperaremos o noso irmán. Só debemos acudir ós anciáns cando se fixeron varios intentos de axudar ó ofensor e todos fracasaron.

16. Por que seguir os pasos que explicou Xesús é unha maneira práctica e amorosa de resolver os problemas?

16 Moi poucas veces nos vemos obrigados a dar tódolos pasos mencionados en Mateo 18:15-17. Isto é un alivio, porque significa que as diferenzas normalmente se resolven antes de que a situación sexa tan grave que faga falta expulsar a quen non se arrepinte. Moitas veces o ofensor dáse conta do seu erro e rectifica. Entón, a persoa ofendida talvez vexa que xa non hai razón para insistir en que se cometeu unha falta e decida perdoalo. En calquera caso, o que dixo Xesús indica que non debemos apresurarnos a involucrar a congregación cando aparece algunha diferenza. Os anciáns só poden intervir se se deron os primeiros pasos e a acusación se basea en probas sólidas.

17. Que bendicións teremos se buscamos a paz entre nós?

17 Mentres dure este sistema, seremos imperfectos e seguiremos ofendendo a outras persoas. O discípulo Santiago dixo: “O que nunca tropeza coas súas palabras é perfecto e capaz de refrear tamén todo o seu corpo” (Sant. 3:2, TNM). Para resolver as diferenzas, debémonos esforzar por buscar a paz e seguir tras ela (Sal. 34:15 [34:14, TNM]). Se fomentamos a paz entre os irmáns, levarémonos ben con eles e axudaremos a que haxa unidade na congregación (Sal. 133:1-3). E o que é aínda máis importante: teremos unha boa relación con Xehová, “o Deus da paz” (Rm. 15:33). Todos podemos desfrutar destas bendicións se resolvemos os problemas con amor.

^ [1] (parágrafo 12) Houbo outros servos de Deus que resolveron as súas diferenzas de maneira pacífica: Xacob, con Esaú (Xén. 27:41-45; 33:1-11); Xosé, cos seus irmáns (Xén. 45:1-15); e Guideón, cos efraimitas (Xuí. 8:1-3). Quizais recordes outros exemplos que están na Biblia.