Ir ó contido

A verdade non trae “paz senón espada”

A verdade non trae “paz senón espada”

“Non vaiades pensar que vin traer paz á terra: non vin traer paz senón espada” (MT. 10:34).

CANCIÓNS: sjj 123, sjj 128

1, 2. a) De que paz podemos desfrutar na actualidade? b) Por que non é posible ter paz completa hoxe en día? (Ver a foto do principio do artigo.)

 TODOS queremos vivir en paz e sen preocupacións. Por iso, estamos moi agradecidos de que Xehová nos conceda “a paz de Deus”, unha calma interior que pode protexernos de pensamentos e sentimentos que nos preocupen (Flp. 4:6, 7). Ademais, como lle dedicamos a nosa vida a Xehová, tamén desfrutamos de “paz con Deus”, é dicir, unha boa amizade con el (Rm. 5:1).

2 Agora ben, aínda non chegou o momento no que Deus traerá paz completa. Vivimos nos críticos últimos días, e por iso hai tantos problemas e xente conflitiva (2 Tim. 3:1-4). Ademais, como cristiáns, temos que loitar contra Satanás e as ensinanzas falsas que promove (2 Cor. 10:4, 5, TNM). Pero o perigo máis grande para a nosa paz pode vir dos nosos familiares que non son testemuñas de Xehová. Pode que algúns se burlen das nosas crenzas, que nos acusen de dividir a familia ou que nos ameacen con rechazarnos como membros da familia se non renunciamos á nosa fe. Que debemos saber sobre a oposición familiar? Que podemos facer se estamos nesta situación tan difícil?

O QUE DEBEMOS SABER SOBRE A OPOSICIÓN FAMILIAR

3, 4. a) Que efecto terían as ensinanzas de Xesús? b) Cando sería máis difícil seguir a Xesús?

3 Xesús sabía que as súas ensinanzas dividirían a xente e que os seus discípulos necesitarían valor porque terían que enfrontarse a oposición. Isto podería afectar a paz que hai nas familias. Xesús dixo: “Non vaiades pensar que vin traer paz á terra: non vin traer paz senón espada. Porque vin enfronta-lo home co seu pai, a filla coa súa nai, a nora coa súa sogra e os propios familiares serán os inimigos de cada un” (Mt. 10:34-36).

4 Ó dicir “non vaiades pensar que vin traer paz”, Xesús quería que as persoas pensaran nas consecuencias de seguilo. Claro, o obxectivo de Xesús era “dar testemuño da verdade”, non dividir a xente (Xn. 18:37). Pero iso podía pasar, por iso Cristo quería ensinarlles que ás veces sería difícil ser o seu discípulo, sobre todo cando amigos íntimos ou familiares rechazan a verdade.

5. Que tiveron que soportar os discípulos de Xesús?

5 Ó describir as cousas que os seus discípulos terían que estar dispostos a soportar, Xesús tamén incluíu a oposición familiar (Mt. 10:38). Para ser dignos do Cristo, os seus seguidores tiveron que soportar as burlas e ata o rechazo das súas familias. Pero ganaron moito máis do que perderon (le Marcos 10:29, 30).

6. Que debemos lembrar se os nosos familiares se opoñen a que sirvamos a Xehová?

6 Aínda que os nosos familiares se opoñan a que sirvamos a Xehová, seguímolos querendo. Pero temos que recordar que o primeiro para nós ten que ser o noso amor a Deus e a Cristo (Mt 10:37). Tamén temos que darnos conta de que Satanás vai intentar usar o cariño que lle temos á nosa familia para acabar coa nosa integridade. Analicemos varias situacións que poden xurdir e como podemos facerlles fronte.

CANDO ESTAMOS CASADOS CON ALGUÉN QUE NON É TESTEMUÑA DE XEHOVÁ

7. Como debe ver a súa situación quen está casado con alguén que non é testemuña de Xehová?

7 A Biblia advírtelles ós que se casen que “terán tribulacións”, é dicir, problemas (1 Cor. 7:28). Se o noso cónxuxe non é testemuña de Xehová pode ser que suframos máis estrés no noso matrimonio. Aínda así, é importante que vexamos a nosa situación como a ve Deus. Que a nosa parella non queira servir a Xehová non é un motivo válido para a separación ou o divorcio (1 Cor. 7:12-16). A esposa cristiá debe respectar o seu home como cabeza aínda que el non atenda as necesidades espirituais da familia. Do mesmo xeito, o esposo cristián debe amar a súa muller e coidala con tenrura aínda que ela non sirva a Xehová (Ef. 5:22, 23, 28, 29).

8. Se o teu home ou a túa muller trata de limitar o que fas por servir a Xehová, en que deberías pensar?

8 E que podemos facer se o noso home ou a nosa muller trata de limitar o que facemos por servir a Xehová? Por exemplo, o home dunha irmá díxolle que só predicase certos días da semana. Se nos enfrontamos a unha situación similar, preguntémonos: “Estame esixindo o meu cónxuxe que deixe de adorar a Xehová? Se non é así, podo ceder e facer o que me pide?”. Ser razoables pode axudarnos a evitar conflitos innecesarios (Flp. 4:5, TNM).

9. Como pode un cristián axudar ós seus fillos a honrar o pai ou nai non crente?

9 Educar os nenos pode ser especialmente difícil se o teu cónxuxe non serve a Xehová. Por exemplo, temos que ensinarlles a obedecer o mandato bíblico de honrar o seu pai e a súa nai (Ef. 6:1-3). Pero, e se a nosa parella non se guía polas normas bíblicas? Deamos un bo exemplo honrándoo. Centrémonos nas súas boas cualidades e mostremos aprecio polas cousas boas que fai. Non o critiquemos diante dos nosos fillos. Máis ben, debemos explicarlles que cada persoa debe escoller se servirá a Deus ou non. A boa conduta dos nosos fillos pode motivar a nosa parella a querer coñecer a Xehová.

Fálalles ós teus fillos da Biblia sempre que poidas. (Ver o parágrafo 10)

10. Como poden os pais cristiáns ensinarlles ós fillos sobre Xehová?

10 Ás veces, pode ser que o cónxuxe non Testemuña queira que os seus fillos participen en celebracións pagás ou aprendan crenzas relixiosas falsas. Algúns homes poida que lle prohiban á súa muller Testemuña que lles ensine da Biblia ós seus fillos. Pero, incluso nesta situación, ela fai todo o posible para ensinarlles a verdade bíblica ós seus fillos (Feit. 16:1; 2 Tim. 3:14, 15). Por exemplo, quizais el non lle permita darlles clases da Biblia ós seus fillos menores de idade ou levalos ás reunións. Aínda que ela respectará esta decisión, o que si pode facer é falarlles da súa fe sempre que teña oportunidade. Así ensinaralles sobre Xehová e as súas normas (Feit. 4:19, 20). Claro, co tempo, terán que decidir por eles mesmos se van servir a Xehová ou non (Dt. 30:19, 20). a

CANDO A NOSA FAMILIA SE OPÓN A QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DE XEHOVÁ

11. Que pode traernos problemas cos nosos familiares que non son testemuñas de Xehová?

11 Ó principio, pode ser que non lle contaramos á nosa familia que empezamos a estudar a Biblia. Pero, cando a nosa fe se fixo máis forte, vimos que tiñamos que ser valentes e falarlles das nosas crenzas (Mc. 8:38). Se serlle leais a Xehová fixo que tivésemos problemas con eles, que podemos facer para manter a paz e seguir sendo fieis? Imos ver algunhas ideas.

12. Por que poida que se opoñan a que sexamos testemuñas algúns familiares, e que poderiamos facer?

12 Intentemos entender os nosos familiares que non son Testemuñas. Aínda que nós esteamos moi felices de ter aprendido a verdade da Biblia, algún dos nosos familiares quizais pense que nos están enganando ou que nos metemos nunha seita. Pode que pensen que xa non os queremos porque xa non celebramos algunhas festas. Ata poida que lles preocupe que Deus nos castigue ó morrer. Debemos de intentar entendelos e escoitalos con atención para saber que é o que lles preocupa (Pr. 20:5, TNM). Podemos seguir o exemplo do apóstolo Paulo, el esforzábase por comprender a xente de todo tipo porque isto axudáballe a predicarlles a mensaxe de Deus. Facer o mesmo pódenos axudar a falarlles ós nosos familiares sobre o que cremos (1 Cor. 9:19-23).

13. Como debemos falarlle á nosa familia non crente?

13 Falemos con apracibilidade. A Biblia di: “Que a vosa conversa sexa sempre agradable” (Col. 4:6). Podemos pedirlle a Xehová que nos dea o seu espírito santo para falarlle á nosa familia de forma apracible e bondadosa. Non debemos intentar rebaterlles tódalas súas crenzas falsas. Se din ou fan algo que nos ofende, podemos imitar os apóstolos. Paulo escribiu: “Aldráxannos, e nós bendicimos; perséguennos e nós aturamos; calúmniannos e nós falamos ben” (1 Cor. 4:12, 13).

14. Como nos beneficia ter unha boa conduta?

14 Teñamos unha boa conduta. Aínda que falar con apracibilidade pode axudarnos a manter a paz coa nosa familia, ter unha boa conduta pode axudarnos aínda máis (le 1 Pedro 3:1, 2, 16). Co teu exemplo failles ver ós teus familiares que as testemuñas de Xehová desfrutan de matrimonios felices, coidan dos seus fillos e viven unha vida limpa e plena. Incluso se os nosos familiares nunca se fan Testemuñas, poderemos estar contentos de saber que estamos agradando a Xehová porque somos fieis.

15. Que podemos facer para evitar situacións que nos leven a discutir cos nosos parentes?

15 Anticipémonos ós problemas. Pensemos en situacións que poidan levarnos a discutir coa nosa familia e decidamos como as imos manexar (Pr. 12:16, 23). Unha irmá de Australia di: “O meu sogro opúxose con forza contra a verdade. Antes de chamalo para saber como estaba, o meu home e mais eu pediámoslle a Xehová en oración que nos axudase para non responderlle enfadados. Pensabamos temas sobre os que falar para que as conversacións fosen máis relaxadas. Ademais, para evitar conversacións moi longas que a miúdo levaban a debates tensos sobre relixión, poñiamos un límite de tempo á chamada”.

16. Que nos axudará se nos sentimos culpables por unha discusión cun parente?

16 Por suposto, non poderemos evitar tódalas discusións cos nosos familiares que non son Testemuñas. Poida que nos sintamos culpables por iso, porque os queremos moito e sempre intentamos que estivesen contentos. Se nos sentimos así, recordemos que a lealdade a Xehová debe estar por riba do amor á nosa familia. Se o facemos así quizais axudemos ós nosos familiares a darse conta de que facer o que di a Biblia é un asunto de vida ou morte. En calquera caso, recordemos que non podemos obrigar a ninguén a servir a Xehová. O que si podemos facer é mostrarlles como nos axudou obedecelo. O noso Deus amoroso ofrécelles a mesma oportunidade que a nós: decidir se servilo ou non (Is. 48:17, 18).

CANDO UN FAMILIAR DEIXA A XEHOVÁ

17, 18. Que podemos facer se un familiar deixa a Xehová?

17 Cando un familiar é expulsado ou renuncia a ser testemuña de Xehová, sentimos moita dor, coma se unha espada nos atravesase o corazón. Que podemos facer nese caso?

18 Manteñamos bos hábitos espirituais. Para seguir tendo unha fe forte, temos que ler regularmente a Biblia, prepararnos para as reunións e asistir a elas, saír a predicar e pedirlle a Deus forzas para aguantar (Xds. 20, 21). Pero, que podemos facer se, pola dor, caemos na rutina? Non nos rendamos! Centrarnos no servizo a Xehová axudaranos a ter os nosos pensamentos e emocións baixo control. Fixémonos no que lle ocorreu ó escritor do Salmo 73. Empezou a ver as cousas de maneira negativa, o que lle fixo estar moi preocupado, pero conseguiu corrixir a súa forma de pensar cando entrou no lugar de adoración a Deus (Sal. 73:16, 17, TNM).

19. Como podemos demostrar que respectamos a disciplina de Xehová?

19 Respectemos a disciplina de Xehová. Aínda que ó principio a disciplina doe, os beneficios acaban sendo os mellores para todos, incluído o pecador (le Hebreos 12:11, TNM). Por exemplo, Xehová dinos que temos que deixar de relacionarnos con quen peca e non se arrepinte (1 Cor. 5:11-13). Por moito que nos doia, temos que evitar o contacto innecesario cun familiar expulsado, xa sexa por teléfono, por mensaxes de texto, cartas, correo electrónico ou polas redes sociais.

20. Que esperanza non debemos perder?

20 Nunca perdamos a esperanza. O amor “espera sempre”, e por iso seguimos tendo a esperanza de que regresen os que deixaron a Xehová (1 Cor. 13:7). Se vemos probas de que un familiar achegado está cambiando de actitude, podemos pedirlle a Deus que a Biblia lle dea forzas para aceptar a súa invitación: “Volve a min” (Is. 44:22, TNM).

21. Que podemos facer se a nosa familia está dividida por seguir a Xesús?

21 Xesús dixo que debemos amalo máis a el que a calquera ser humano. Pero confiaba en que os seus discípulos terían o valor de serlle leais a pesar da oposición familiar. Se seguir a Xesús fixo que entrase unha “espada” na nosa familia, busquemos a axuda de Xehová para facerlle fronte ós problemas (Is. 41:10, 13). Faranos felices recordar que Xehová e Xesús están contentos con nós e que nos recompensarán pola nosa fidelidade.

a Para máis información sobre como educar os fillos cando só un dos pais é testemuña de Xehová, vai a sección “Preguntas de los lectores” de La Atalaya del 15 de agosto de 2002.