Ir ó contido

Ir ó índice

O teu futuro está nas túas mans

O teu futuro está nas túas mans

PODES ESCOLLER REALMENTE O TEU FUTURO? Algunhas persoas cren que a súa vida está controlada polo destino ou por Deus, e non polas súas propias decisións. Por iso, cando non conseguen facer o que querían, simplemente aceptan a situación e din: “Non era o meu destino”.

Outras desilusiónanse ó non ver a solución á opresión e ás inxustizas deste mundo. Poida que intenten ter unha vida mellor pero a guerra, a delincuencia, os desastres naturais e as enfermidades non llelo permiten. Por iso chegan á conclusión de que non vale a pena intentalo.

É certo que as circunstancias que nos rodean poden cambiar os nosos plans (Eclesiastés 9:11TNM). Aínda así, o destino final das nosas vidas está nas nosas mans. De feito, a Biblia ensina que o noso futuro depende das nosas decisións. Vexamos por que dicimos isto.

Cando a antiga nación de Israel estaba a punto de entrar na Terra Prometida, Moisés, o seu líder, díxolles: “Poño diante de ti a vida e a morte, a bendición e a maldición; escolle a vida, para que poidas vivir feliz, ti e a túa descendencia, amando ó Señor, o teu Deus, facéndolle caso á súa voz e apegándote a El” (Deuteronomio 30:15, 19, 20).

“Poño diante de ti a vida e a morte, a bendición e a maldición; escolle a vida.” (Deuteronomio 30:19)

Así é, Deus liberou os israelitas da escravitude en Exipto e deulles a oportunidade de vivir libres e felices na Terra Prometida. Pero estas bendicións non serían automáticas. Tiñan que facer algo: escoller a vida. Como? Amando a Deus, escoitando a súa voz e apegándose a el.

Ti tes que tomar unha decisión parecida, o teu futuro depende do que escollas. Se escolles amar a Deus, escoitar a súa voz e apegarte a el, escollerás a vida, unha vida eterna nun paraíso na Terra. Pero, como podes dar cada un destes pasos?

ESCOLLE AMAR A DEUS

O amor é a calidade principal de Deus. O apóstolo Xoán escribiu baixo inspiración que “Deus é amor” (1 Xoán 4:8). Por esta razón, cando lle preguntaron a Xesús cal era o mandamento máis importante dixo: “Amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento” (Mateo 22:37). A verdadeira amizade con Deus debe basearse no amor, e non no medo ou na obediencia cega. Pero, por que debemos escoller amar a Deus?

O amor que sente Xehová por nós é coma o que senten os pais polos seus fillos. Aínda que son imperfectos, os pais esfórzanse por ensinar, animar, apoiar e disciplinar os seus fillos con cariño porque queren que sexan felices e lles vaia ben na vida. E que lles gustaría recibir a cambio? Gustaríalles que os seus fillos os queiran e poñan en práctica todo o que lles ensinaron para o seu ben. Non é razoable que o noso Pai celestial, que si é perfecto, espere que o amemos e lle agradezamos todo o que fixo por nós?

ESCOITA A SÚA VOZ

No idioma orixinal da Biblia a palabra escoitar moitas veces ten o significado de “obedecer”. Non é isto o que queremos que entenda un neno cando lle dicimos “Escoita os teus pais”? Polo tanto, escoitar a voz de Deus implica saber o que el nos pide e facelo. E aínda que non podemos oír literalmente a voz de Deus, podemos escoitala lendo o que nos di na súa Palabra, a Biblia, e poñendo en práctica o que aprendemos dela (1 Xoán 5:3).

Nunha ocasión, para destacar a importancia de escoitar a voz de Deus, Xesús dixo: “Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus” (Mateo 4:4). Comer é importante, pero aprender de Deus aínda o é máis. Por que? O sabio rei Salomón explicou: “A sabedoría é unha protección igual que os cartos son unha protección. Pero esta é a vantaxe do coñecemento: a sabedoría conserva a vida do seu dono” (Eclesiastés 7:12TNM). A sabedoría e o coñecemento de Deus poden protexernos agora e axudarnos a tomar boas decisións que nos leven á vida eterna.

APÉGATE A EL

No artigo anterior, mencionamos unhas palabras de Xesús que en parte dicían: “Que estreita é a porta e que apretado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles” (Mateo 7:13, 14). Se tivésemos que viaxar por un camiño coma ese, seguro que agradeceriamos ter o consello dun guía experto que nos axudase a chegar ó noso destino: a vida eterna. É por iso que necesitamos apegarnos a Deus (Salmo 16:8). Como podemos conseguilo?

Tódolos días hai moitas cousas que temos que facer e moitas outras que nos gustaría facer. Estamos tan ocupados e distraídos que case non nos queda tempo para pensar no que Deus quere que fagamos. Por iso a Biblia nos recorda: “Mirade, logo, con tino como camiñades: non coma atolados senón coma sensatos, aproveitando ben este tempo, que corren días malos” (Efesios 5:15, 16). Manterémonos ben apegados a Deus se facemos que a nosa amizade con el sexa o máis importante na nosa vida (Mateo 6:33).

A DECISIÓN ESTÁ NAS TÚAS MANS

Aínda que non podes facer nada para cambiar o teu pasado, si que hai algo que podes facer para que ti e a túa familia teñades un marabilloso futuro. A Biblia móstranos que o noso Pai celestial, Xehová, nos quere moitísimo e que nos axuda a saber o que debemos facer. Fíxate nestas palabras do profeta Miqueas:

“Home, xa se che explicou, que é o bo, que é o que o Señor pide de ti: practica-la xustiza, ama-la fidelidade e comportarte humildemente co teu Deus” (Miqueas 6:8).

E ti? Aceptarás a invitación de Deus de andar con el? Se o fas Xehová darache unha vida eterna chea de cousas boas. A decisión está nas túas mans.