Ir ó contido

Temos toda a información?

Temos toda a información?

“Quen responde unha cuestión antes de escoitar, conseguirá fatuidade e mais vergonza” (PR. 18:13).

CANCIÓNS: sn 43, sjj 95

1, 2. a) Que capacidade é importante que teñamos, e por que? b) Que analizaremos neste artigo?

 OS VERDADEIROS cristiáns necesitamos cultivar a capacidade de analizar a información e chegar a conclusións apropiadas (Pr. 3:21-23; 8:4, 5). Se non o facemos, seremos máis vulnerables ós esforzos que fan Satanás e o seu mundo para manipular a nosa forma de pensar (Ef. 5:6; Col. 2:8). Claro, para chegar a conclusións correctas temos que coñecer tódolos datos. Como di Proverbios 18:13: “Quen responde unha cuestión antes de escoitar, conseguirá fatuidade e mais vergonza”.

2 Neste artigo, veremos que cousas nos poden facer difícil coñecer os datos e chegar a conclusións correctas. Ademais, tamén analizaremos varios principios bíblicos e exemplos que nos axudarán a mellorar a nosa capacidade para analizar a información.

NON DEAMOS “CRETO Ó QUE SEXA”

3. Por que precisamos aplicar o principio bíblico de Proverbios 14:15? (Ver o debuxo do principio do artigo.)

3 Hoxe en día, as persoas están expostas a un bombardeo constante de información. As páxinas de Internet, a televisión e outros medios de comunicación presentan unha enorme variedade de ideas. Ademais, moitas persoas reciben constantemente correos electrónicos, mensaxes de texto e noticias que lles envían con boas intencións os seus amigos e coñecidos. Como moita da información que se comparte é incorrecta ou está manipulada, temos que ser prudentes e analizar con coidado o que escoitamos. Que principio da Biblia nos pode axudar a conseguilo? Proverbios 14:15 di: “O inxenuo dá creto ó que sexa, o asisado calcula os seus pasos”.

4. a) Como nos axuda Filipenses 4:8, 9 á hora de escoller o que imos ler? b) Por que é importante que escollamos información exacta? (Ver tamén o recadro “ Fontes que nos axudan a ter toda a información”.)

4 Para tomar boas decisións, necesitamos información de confianza. Por iso, temos que ser selectivos e escoller con coidado a información que lemos (le Filipenses 4:8, 9). Non deberiamos perder o tempo consultando en Internet sitios de noticias pouco confiables nin lendo correos electrónicos ou mensaxes de texto que conteñan rumores. Sobre todo, é moi importante que evitemos as páxinas web que promoven os apóstatas, xa que o seu obxectivo principal é destruír o pobo de Deus e manipular a verdade. A información enganosa ou incompleta podería levarnos a tomar malas decisións. Por iso, nunca debemos subestimar o poder que este tipo de información pode ter na nosa mente e no noso corazón (1 Tim. 6:20, 21, TNM).

5. Que informe enganoso escoitaron os israelitas, e como lles afectou?

5 Crer noticias falsas pode ser desastroso. Por exemplo, pensemos no que sucedeu cando Moisés enviou doce espías a explorar a Terra Prometida. Dez deles volveron cun informe negativo (Núm. 13:25-​33). O que contaron foi tan esaxerado e escandaloso que desanimou moito o pobo de Xehová (Núm. 14:​1-4). Por que reaccionaron así? Quizais pensaron que como a maioría dos espías volveron cun informe malo, o que dicían debía ser certo. Así que, negáronse a escoitar as boas noticias que trouxeran Xosué e Caleb, homes de confianza (Núm. 14:​6-​10). En vez de asegurarse de se a información era certa e confiar en Xehová, decidiron crer ese informe negativo. Vaia parvada!

6. Por que non deberiamos sorprendernos se escoitamos noticias alarmantes sobre o pobo Deus?

6 Temos que ser especialmente coidadosos cando escoitamos información negativa sobre o pobo de Xehová. Recordemos que Satanás é o acusador dos servos leais de Deus (Ap. 12:10). Por iso Xesús nos avisou de que os inimigos dirían todo tipo de mentiras e calumnias contra nós (Mt. 5:11). Se tomamos en serio esta advertencia, non nos sorprenderá escoitar noticias alarmantes sobre nós.

7. Antes de enviar unha mensaxe ou correo electrónico, que deberiamos preguntarnos?

7 Gústache enviar correos electrónicos e mensaxes de texto ós teus amigos e familiares? Quizais cando vexas ou escoites unha noticia nova queiras ser como un reporteiro e ser a primeira persoa en compartila. Pero, antes de enviala pregúntante: “Estou seguro de que é verdade? Teño tódolos datos?”. Se non estás seguro poderías facer circular información falsa entre os irmáns. Se tes dúbidas dálle ó botón de borrar, non ó de enviar.

8. a) Que táctica usaron os nosos inimigos en algures? b) Como poderiamos estar colaborando con eles sen decatarnos?

8 Hai outro perigo en enviar rápido correos e mensaxes. Nalgúns países a nosa obra está baixo restrición ou prohibida. Os nosos inimigos nestes lugares poden facer circular información falsa a propósito para meternos medo ou facer que dubidemos uns dos outros. Pensa no que sucedeu na Unión Soviética. A policía secreta, coñecida como KGB, espallou rumores sobre varios irmáns coñecidos dicindo que traizoaran o pobo de Xehová. a Moitos creron isto e deixaron a organización de Deus. Que triste! Algúns volveron máis tarde pero outros non. A súa fe naufragou (1 Tim. 1:19). Como podemos evitar que nos pase algo tan lamentable? Négate a compartir informes negativos ou sen probas. Non sexas inxenuo e asegúrate de ter tódolos datos.

INFORMACIÓN INCOMPLETA

9. Cal é outro motivo polo que pode ser difícil obter información exacta?

9 Outra cousa pola que pode ser difícil chegar a conclusións correctas é que algunhas noticias non son de todo certas ou ocultan parte da información. Recordemos que unha verdade a medias pode enganarnos por completo. Que podemos facer para que isto non nos pase? (Ef. 4:14).

10. a) Por que os israelitas estiveron a piques de comezar unha guerra entre eles b) Como se evitou a guerra?

10 Vexamos o que pasou en Israel nos días de Xosué (Xos. 22:​9-​34). Os israelitas que vivían no lado occidental do río Xordán escoitaron que os que vivían no outro lado (as tribos de Rubén e Gad, e a media tribo de Menaxés) construíran un enorme altar cerca do río. Esa información era certa pero incompleta. Baseándose nela, os do lado occidental do río chegaron á conclusión de que os seus irmáns se rebelaran contra Xehová, así que se prepararon para ir a loitar contra eles (le Xosué 22:​9-​12). Menos mal que antes de atacar enviaron a varios homes confiables para que investigasen os detalles. Estes homes descubriron que os seus irmáns non construíran o altar para ofrecer sacrificios. En realidade, era un monumento para que as xeracións futuras soubesen que eles tamén eran servos fieis de Xehová. Seguro que os israelitas do lado occidental se alegraron de dedicar tempo a obter tódolos datos e así non acabar matando os seus irmáns.

11. a) Como foi que Mefibóxet chegou a ser vítima dunha inxustiza? b) Que debeu de facer David para evitar aquela inxustiza?

11 Por outro lado, cada un de nós pode ser vítima dunha inxustiza por culpa dunha media verdade ou unha información incompleta que circule sobre nós. Vexamos o que pasou co rei David e con Mefibóxet. David foi xeneroso con el e devolveulle as terras do seu avó Xaúl (2 Sam. 9:​6, 7). Pero algún tempo despois recibiu un informe negativo sobre Mefibóxet. Sen comprobar se a información era certa, decidiu quitarlle tódalas súas propiedades (2 Sam. 16:​1-4). Cando por fin falou con el, deuse de conta de que cometera un erro e devolveulle parte das terras (2 Sam. 19:25-30 [19:24-​29, TNM]). David non tería cometido esa inxustiza se se tivese tomado o tempo necesario para obter os detalles, en vez de tomar unha decisión rápida baseada en información incompleta.

12, 13. a) Que fixo Xesús cando dixeron mentiras sobre el? b) Que podemos facer se alguén di mentiras sobre nós?

12 Que podemos facer se nos acusan de algo que non é certo? Iso foi o que lles pasou a Xesús e a Xoán o Bautista (le Mateo 11:18, 19). Que fixo Xesús? En vez de dedicar todo o seu tempo e enerxías a defenderse, animou a xente a fixarse nos feitos, no que facía e ensinaba. Como el mesmo dixo, “a sabedoría quedou acreditada polas súas obras”.

13 Aquí encontramos unha valiosa lección. Ás veces, a xente critícanos ou di cousas inxustas que manchan a nosa reputación. Podemos facer algo cando isto pase? Se alguén difunde unha mentira sobre nós, o mellor é vivir de tal maneira que ninguén a crea. Como demostra o exemplo de Xesús, se levamos unha vida cristiá irreprochable, desmentiremos calquera media verdade ou acusación falsa.

CONFIAMOS DEMASIADO NA NOSA OPINIÓN?

14, 15. Por que pode ser unha trampa confiar demasiado en nós mesmos?

14 Vimos que pode ser difícil obter datos confiables. Outra cousa pola que pode ser difícil chegar a conclusións correctas é que somos imperfectos. Supoñamos que levamos décadas servindo fielmente a Xehová e chegamos a ter bo xuízo e a capacidade para analizar ben as cousas. Pode ser que outros nos respecten por iso. Poderíase converter isto nunha trampa?

15 Si, se confiamos demasiado en nós mesmos. As nosas emocións e ideas persoais poden dominar a nosa mente. Poderiámonos chegar a crer capaces de entender unha situación aínda que non teñamos tódolos datos. Pero iso é moi perigoso. A Biblia advírtenos claramente que non nos apoiemos no noso propio entendemento (Pr. 3:​5, 6; 28:26).

16. Nesta situación ficticia, que pasou no restaurante, e que pensou Tomás deseguido?

16 Imaxinemos a seguinte situación. Un ancián de experiencia chamado Tomás está nun restaurante. De repente, queda conxelado ó ver outro ancián, que se chama Xoán, ceando cunha muller que non é a súa esposa. Os dous están pasando un momento agradable, rin e ata se dan un abrazo cariñoso. Tomás imaxínase que Xoán lle está a ser infiel á súa muller e pregúntase: “Acabaranse divorciando? Que vai ser dos seus fillos?”. Está cada vez máis preocupado, porque non é a primeira vez que se enfronta a unha situación así de triste. Como te sentirías ti se estiveses no seu lugar?

17. a) Que soubo Tomás despois? b) Que aprendemos desta situación ficticia?

17 Pero, un momento. De verdade tiña Tomás datos suficientes para chegar a esa conclusión? Aquela mesma noite, chamou a Xoán. El contoulle que a muller do restaurante era súa irmá, a quen non vira en anos. Como ela estaba de paso pola cidade só durante unhas horas, quedaron a cear xuntos, e a muller de Xoán non puido acompañalos. Tomás sentiuse moi aliviado. Afortunadamente, non falara con ninguén diso. Que lección aprendemos? Que, sen importar cantos anos levemos servindo a Xehová, é moi importante que teñamos tódolos datos antes de sacar conclusións.

18. Á hora de avaliar unha situación na que estea implicado un irmán, como pode influírnos non levarnos ben con el?

18 Se non nos levamos ben con algún irmán, farásenos máis difícil avaliar unha situación na que el estea implicado. Obsesionarnos coas nosas diferenzas pódenos levar a miralo con certa sospeita. E entón poida que creamos enseguida calquera comentario negativo que escoitemos sobre el. Isto ensínanos que gardarlles resentimento ós irmáns pode facer que saquemos conclusións equivocadas (1 Tim. 6:​4, 5). Para evitalo, non permitamos que a envexa e os celos arraiguen no noso corazón. Recordemos que estamos obrigados a amar os irmáns e a perdoalos de corazón (le Colosenses 3:​12-​14).

OS PRINCIPIOS BÍBLICOS PROTÉXENNOS

19, 20. a) Que principios bíblicos nos axudarán a avaliar ben a información? b) Que veremos no seguinte artigo?

19 Neste artigo, vimos tres motivos polos que hoxe en día non é fácil obter tódolos datos nunha situación e avalialos ben: gran parte da información que nos chega é incompleta, moitas cousas son falsas e somos imperfectos. Que nos pode axudar? Vimos que debemos seguir varios principios bíblicos. Un deles di que opinar sobre algo antes de escoitar tódolos detalles é unha parvada e trae vergonza (Pr. 18:13). Outro principio recórdanos que non debemos crer todo o que oímos sen comprobar se é certo (Pr. 14:15). Por último, sen importar cantos anos levemos servindo a Xehová, non nos debemos apoiar no noso propio entendemento (Pr. 3:​5, 6). Os principios bíblicos protéxennos ó axudarnos a usar datos exactos de fontes confiables para sacar conclusións acertadas e tomar boas decisións.

20 Pero aínda queda por analizar unha dificultade. Cal? A tendencia a xulgar polas aparencias. No seguinte artigo, veremos tres factores que nos poden levar a cometer ese erro e que facer para evitalo.