Ir ó contido

ARTIGO DE ESTUDO 2

Louvemos a Xehová na congregación

Louvemos a Xehová na congregación

Louvareite no medio da asemblea (SAL. 22:23 [22:22, TNM])

CANCIÓN sn 9 Enxalcemos a Xehová!

AVANCE *

1. Que sentía David por Xehová, e a que o motivou ese sentimento?

 O REI DAVID escribiu: “Grande é o Señor e digno de louvanza” (Sal. 145:3). El quería moito a Xehová, e iso motivouno a louvalo “no medio da asemblea” (Sal. 22:23 [22:22, TNM]; 40:6 [40:5, TNM]). Non hai dúbida de que nós tamén queremos moito a Xehová e estamos de acordo con estas palabras de David: “Bendito ti, ¡ouh Iavé, Deus de Israel!, noso pai de século en século” (1 Cró. 29:10-13).

2. a) Cal é un xeito de louvar a Xehová? b) Que lles pasa a algúns irmáns, e que imos analizar?

2 Un xeito de louvar a Xehová na actualidade é comentando nas reunións de congregación. Pero a moitos irmáns fáiselles difícil. Queren facelo, pero non se atreven. Como poden superar ese medo? E que ideas nos axudarán a todos a facer comentarios animadores? Antes de responder estas preguntas, imos repasar catro razóns importantes para comentar nas reunións.

POR QUE COMENTAMOS NAS REUNIÓNS

3-5. a) Segundo explica Hebreos 13:15, por que comentamos nas reunións? b) Por que non temos que dar todos o mesmo tipo de comentarios?

3 Xehová deunos a todos o honor de louvalo (Sal. 119:108). Os comentarios que damos forman parte do “sacrificio de louvanza”. Ninguén pode facer ese sacrificio por nós (le Hebreos 13:15). Espera Xehová que todos fagamos o mesmo tipo de sacrificio, é dicir, de comentarios? Claro que non!

4 Xehová sabe que cada un de nós ten distintas habilidades e circunstancias, e valora moito os sacrificios que lle podemos ofrecer. Pensemos nos tipos de sacrificios que aceptaba dos israelitas. Algúns tiñan medios para ofrecer unha cordeira ou unha cabritiña. Os que eran pobres podían ofrecer “dúas rulas ou dous pichóns de pomba”. E se non tiñan nin para dúas aves, Xehová aceptaba “a décima parte dun efah de flor de fariña” (Lev. 5:7, 11). Aínda que a fariña era máis barata, Deus valoraba ese sacrificio sempre que fose “flor de fariña”, é dicir, fariña de boa calidade.

5 O noso Deus segue a pensar o mesmo na actualidade. É considerado e non espera que, cando comentemos, todos nos expresemos tan ben coma Apolo ou sexamos tan convincentes coma Paulo (Feit. 18:24; 26:28). Todo o que nos pide é que o fagamos o mellor que poidamos. Lembremos a viúva que botou dúas moediñas. Xehová valorábaa moito porque lle deu o mellor que tiña (Lc. 21:1-4).

Comentar nas reunións é bo para nós e tamén para os que nos escoitan (ver os parágrafos 6 e 7) *

6. a) Segundo Hebreos 10:24, 25, que efecto poden ter en nós os comentarios que escoitamos nas reunións? b) Como podes demostrar que valoras os comentarios dos irmáns?

6 Ó comentar, animámonos uns ós outros (le Hebreos 10:24, 25). A todos nos gusta a variedade de comentarios que hai nas reunións. Encántanos escoitar as palabras sinxelas e sinceras dun cativo; emociónanos cando alguén explica con entusiasmo unha verdade que acaba de descubrir; e admiramos os que teñen a coraxe de dar un comentario aínda que sexan tímidos ou estean aprendendo o noso idioma (1 Tes. 2:2). Como podemos demostrar que valoramos os seus esforzos? Un xeito é dándolles as grazas despois da reunión ou dicíndolles que o seu comentario nos animou moito. Outro xeito é comentando nós mesmos. Desta forma, non só nos animarán a nós, senón que tamén animaremos nós os demais (Rm. 1:11, 12).

7. Cales son algúns beneficios de comentar nas reunións?

7 Comentar benefícianos (Is. 48:17). Por que? Primeiro, porque se temos pensado comentar, prepararémonos mellor para a reunión. Isto fará que entendamos mellor a Palabra de Deus e será máis fácil que poñamos en práctica as cousas que aprendemos. Segundo, desfrutaremos máis da reunión porque estaremos máis implicados nela. E terceiro, como comentar implica un esforzo, as ideas que mencionemos han quedar máis gravadas na nosa mente.

8, 9. a) Segundo Malaquías 3:16, como se sente Xehová cando comentas? b) Así a todo, que lles podería pasar a algúns?

8 Cando expresamos a nosa fe, facemos feliz a Xehová. Podemos estar seguros de que Xehová nos escoita e valora moito os esforzos que facemos por comentar (le Malaquías 3:16). Ademais, cando nos esforzamos por agradarlle, El demóstranos o seu aprecio bendicíndonos (Mal. 3:10).

9 Está claro que temos boas razóns para comentar nas reunións. Aínda así, a algúns pode darlles medo levantar a man. Se ese é o teu caso, non te desanimes. Imos ver varios principios bíblicos, exemplos e ideas prácticas que nos van axudar a todos a comentar máis.

COMO SUPERAR OS NOSOS MEDOS

10. a) Que sentimentos temos moitos de nós? b) Por que pode ser positivo ter medo a comentar?

10 Fáiseche un nó no estómago cada vez que pensas en levantar a man na reunión? Se che pasa, non es o único. En realidade, case todos nos poñemos algo nerviosos cando comentamos. Pero, se iso che impide comentar, é importante que descubras por que te sentes así. Dáche medo quedar en branco ou dicir algo mal? Preocúpache que os teus comentarios non sexan tan bos coma os dos demais? En realidade, iso pode ser algo bo, porque demostra que es humilde e que pensas que os demais son máis ca ti. E a Xehová gústalle moito a humildade (Sal. 138:6; Flp. 2:3). Pero tamén quere que o louves e que animes os irmáns nas reunións (1 Tes. 5:11). Quérete moito, e vaiche dar a valentía que precisas.

11. Que principios bíblicos nos poden axudar?

11 Imos ver algúns principios bíblicos. A Biblia di que todos nos equivocamos cando falamos (Sant. 3:2). Nin Xehová nin os nosos irmáns esperan que sexamos perfectos (Sal. 103:12-14). Eles son a nosa familia espiritual e quérennos (Mc. 10:29, 30; Xn. 13:35). Entenden que cando comentamos non sempre dicimos xusto o que queremos dicir.

12, 13. Que aprendemos dos exemplos de Nehemías e Xonás?

12 Vexamos agora dous exemplos da Biblia que nos van axudar a vencer os medos. O primeiro é Nehemías, que servía no pazo dun rei moi poderoso. Cando escoitou que as murallas e as portas de Xerusalén estaban en ruínas, púxose moi triste (Neh. 1:1-4). Podemos imaxinar o nó que se lle fixo no estómago cando o rei lle pediu que lle explicase por que estaba tan triste. Antes de responderlle, Nehemías fíxolle unha breve oración a Xehová. Grazas a iso, o rei axudou moito ó pobo de Deus (Neh. 2:1-8). Pensemos agora en Xonás. Cando Xehová lle pediu que lles falase ós habitantes de Nínive, asustouse tanto que fuxiu en dirección contraria (Xon. 1:1-3). Pero, coa axuda de Xehová, puido cumprir co que El lle encargara. E as palabras de Xonás fixéronlles moito ben ós ninivitas (Xon. 3:5-10). Que aprendemos destes exemplos? De Nehemías aprendemos que é importante orar antes de responder. E de Xonás que Xehová pode axudarnos a servilo sen importar os medos que teñamos. Ó fin e ó cabo, os irmáns non nos dan tanto medo coma os ninivitas, non si?

13 Que suxestións nos poden axudar a dar comentarios que animen os irmáns? Imos ver algunhas.

14. a) Por que é bo que nos preparemos ben as reunións? b) Cando poderiamos preparalas?

14 Prepara tódalas reunións. Se sacas tempo para prepararte ben, sentiraste máis seguro á hora de comentar (Pr. 21:5). Claro, non todos temos as mesmas circunstancias. Eloise, unha irmá viúva duns 80 anos, comeza a preparar A Atalaia a primeiros da semana. Explica: “Desfruto máis da reunión se me preparo con tempo”. Joy, unha irmá que traballa a xornada completa, estuda A Atalaia o sábado, antes da reunión, porque di que lle gusta ter a información fresca na mente. Ike, un ancián e pioneiro que está moi ocupado, di: “Decateime de que o mellor para min é estudar anaquiños máis curtos pola semana, e non todo dunha vez”.

15. Que implica prepararse ben unha reunión?

15 Que implica prepararse ben as reunións? Empeza por pedirlle a Xehová que che dea espírito santo (Lc. 11:13; 1 Xn. 5:14). Despois, dedica uns minutos a facerte unha idea xeral do artigo: pensa no título, nos subtítulos, nas imaxes e nos recadros. E ó ir estudando cada parágrafo, le tantos textos como poidas. Reflexiona na información, atendendo especialmente ás ideas que che gustaría comentar. Canto mellor te prepares, máis proveito lle sacarás á información e máis fácil che será participar (2 Cor. 9:6).

16. Que ferramentas tes dispoñibles para preparar as reunións, e como as usas?

16 Se che é posible, usa as ferramentas dixitais que estean dispoñibles nun idioma que coñezas. Por medio da organización, Xehová dános ferramentas dixitais que nos axudan a preparar as reunións. A aplicación JW Library® permítenos descargar as publicacións de estudo no teléfono ou na tableta. Deste xeito, podemos estudar, ou polo menos ler ou escoitar a información, cando e onde queiramos. Algúns usan a aplicación para preparar as reunións durante a pausa do xantar cando están na escola ou no traballo, ou tamén mentres viaxan. Ademais, grazas ó programa Watchtower Library e á páxina BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower, podemos estudar máis a fondo algunhas ideas.

Cando sacas tempo ti para preparar as reunións? (Ver os parágrafos 14 a 16) *

17. a) Por que é boa cousa preparar varios comentarios? b) Que aprendiches do vídeo Faite amigo de Xehová. Prepara ben o teu comentario?

17 Se é posible, prepara varios comentarios. Por que? Porque non sempre que levantes a man che van dar comentario. Hai outras persoas que se cadra levantan a man canda ti e o que dirixe o estudo ten que escoller a un. Ademais, para rematar o estudo a tempo, ten que limitar a cantidade de comentarios. Por iso, non te desanimes nin te molestes se non consegues comentar nos primeiros parágrafos. Se preparas varios comentarios, terás máis oportunidades de participar. Algo que podes facer é ofrecerte para ler un texto. Pero, se pode ser, prepara tamén algún comentario coas túas palabras. *

18. Por que debemos dar comentarios breves?

18 Fai comentarios breves. A miúdo, os comentarios curtos e sinxelos son os que máis animan. Así que intenta dar respostas breves, duns 30 segundos como moito (Pr. 10:19; 15:23). Se levas moitos anos participando nas reunións debes poñer o exemplo e dar comentarios breves. Se dás comentarios complicados que duren varios minutos, pode que algúns non se atrevan a levantar a man porque pensen que non o van poder facer tan ben. Por outra banda, cando os comentarios son breves máis irmáns teñen a oportunidade de participar. Se che dan o primeiro comentario, é moi importante que deas unha resposta clara e directa. Non intentes abarcar tódalas ideas do parágrafo. Unha vez que xa se comentou a idea principal, podes engadir outras ideas adicionais (mira o recadro “ Que podo incluír nos comentarios?”).

19. Como nos pode axudar o irmán que dirixe o estudo, pero que podes facer ti?

19 Podes dicirlle ó irmán que dirixe o estudo que che gustaría comentar nun parágrafo en concreto. Se decides facelo, fala co irmán bastante antes de que empece a reunión. Cando chegue o parágrafo, levanta a man rápido e ben alto para que te vexa.

20. En que se asemellan as reunións de congregación a unha comida con amigos?

20 As reunións de congregación aseméllanse a unha comida con amigos. Se uns irmáns te invitan a unha churrascada e che piden que leves algo sinxelo, que farías? Se cadra poste un pouco nervioso, pero seguro que farías todo o posible por levar algo que lles guste a todos. Nas reunións, Xehová invítanos a unha mesa chea de cousas boas (Sal. 23:5; Mt. 24:45). Pero gústalle que nós tamén aportemos algo sinxelo, o mellor que poidamos dar. Así que prepárate ben e participa todo o que poidas. Deste xeito, non só estarás a comer da mesa de Xehová, senón que tamén contribuirás a que outros poidan facelo.

CANCIÓN sjj 2 Teu nome é Xehová

^ par.5 Igual que David, todos nós queremos moito a Xehová e desexamos louvalo. Nas reunións de congregación temos unha oportunidade especial de expresar o noso amor por Deus ó comentar. Pero para algúns pode ser difícil facelo. Se iso che pasa a ti, este artigo vaiche axudar a identificar os teus medos e a ver que podes facer para superalos.

^ par.17 Vai á sección ENSINANZAS DA BIBLIA > NENOS en jw.org e pon o vídeo Faite amigo de Xehová. Prepara ben o teu comentario.

^ par.63 DESCRICIÓN DA IMAXE: Irmáns dunha congregación participando con alegría no Estudo de A Atalaia.

^ par.65 DESCRICIÓN DA IMAXE: Algúns dos irmáns que estaban participando no Estudo de A Atalaia da imaxe anterior. Cada un ten as súas circunstancias, pero todos sacan tempo para estudar o artigo.