Ir ó contido

ARTIGO DE ESTUDO 40

Manteñámonos ocupados no remate dos “días derradeiros”

Manteñámonos ocupados no remate dos “días derradeiros”

“Mantédevos firmes e inabalables; aplicádevos cada vez máis á obra do Señor” (1 COR. 15:58).

CANCIÓN snnw 141 Busquemos a quen Xehová busca

AVANCE a

1. Que nos convence de que estamos a vivir no días derradeiros?

 NACICHES despois do ano 1914? Se é así, viviches toda a túa vida durante os “días derradeiros”, ou últimos días, deste sistema (2 Tim. 3:1). Todos nós oímos falar dos acontecementos que Xesús predixo para este tempo. Entre eles habería guerras, fames, terremotos, pestes e aumento da maldade. Ademais predixo que se perseguiría o pobo de Xehová (Mt. 24:3, 7-9, 12; Lc. 21:10-12). Tamén vemos que a xente se comporta como profetizou o apóstolo Paulo (ver o recadro “ Como é a xente na actualidade”). As testemuñas de Xehová estamos seguras de que vivimos na “fin dos días” (Miq. 4:1).

2. Que preguntas imos responder?

2 Como xa pasou moito tempo dende 1914, é moi probable que xa esteamos vivindo na parte final dos “días derradeiros”. Posto que a fin está tan cerca, necesitamos saber a resposta a algunhas preguntas importantes. Que pasará no remate dos “días derradeiros”? E, que espera Xehová que fagamos mentres tanto?

QUE ACONTECERÁ NO REMATE DOS “DÍAS DERRADEIROS”?

3. De acordo coa profecía de 1 Tesalonicenses 5:1-3, que proclamarán as nacións?

3 Le 1 Tesalonicenses 5:1-3. Paulo fala do “Día do Señor”. Neste contexto, esta expresión refírese ó período que empeza co ataque á “Gran Babilonia”, o imperio mundial da relixión falsa, e remata coa guerra de Harmaguedón (Ap. 16:14, 16; 17:5). Xusto antes de que empece ese “Día”, as nacións proclamarán “paz e seguridade”. Os líderes mundiais, ás veces, usan expresións parecidas cando falan de mellorar as relacións entre países. b Con todo, o anuncio de “paz e seguridade” que describe a Biblia vai ser diferente. Por que? Porque cando isto suceda, moitas persoas pensarán que os líderes conseguiron facer do mundo un lugar máis seguro. Pero en realidade, ese anuncio irá seguido dunha “gran angustia”, ou gran tribulación, que rematará nunha destrución repentina (Mt. 24:21).

Non te deixes enganar pola falsa proclamación de “paz e seguridade” que farán as nacións (ver os parágrafos 3 a 6). h

4. a) Que cousas non sabemos sobre a proclamación de “paz e seguridade”? b) Que sabemos xa sobre esa proclamación?

4 Sabemos algunhas cousas sobre a proclamación de “paz e seguridade”. Pero hai outras que non sabemos. Non sabemos que levará ós gobernos a dar ese anuncio nin como o farán. Tampouco sabemos se se tratará dunha soa proclamación ou dunha serie de anuncios. Pero o que si sabemos é que os líderes mundiais non conseguirán a paz verdadeira, polo que non debemos deixarnos enganar por este anuncio. Máis ben, darémonos conta de que ese era o sinal que estabamos esperando, o sinal de que o “Día do Señor” está a punto de empezar.

5. Como nos axudan as palabras de 1 Tesalonicenses 5:4-6 a estar preparados para o “Día do Señor”?

5 Le 1 Tesalonicenses 5:4-6. Paulo anímanos a que nos aseguremos de estar preparados para o “Día do Señor”. El dinos que “non adormezamos coma os demais; máis ben, esteamos vixiantes”. Por exemplo, necesitamos ter coidado para manternos neutrais e non envolvernos nos asuntos políticos deste mundo porque, se o fixésemos, chegariamos a ser parte del (Xn. 15:19). Sabemos que o Reino de Deus é o único que pode traer verdadeira paz ó mundo.

6. Que axuda queremos darlles ás persoas, e por que?

6 Ademais de manternos despertos nós mesmos, tamén queremos axudar a outros a despertar ensinándolles o que predixo a Biblia que pasaría no mundo. Debemos recordar que, unha vez que empece a gran tribulación, xa será demasiado tarde para que as persoas se acerquen a Xehová. Por iso é tan urxente que, xa dende agora, nos manteñamos ocupados na predicación. c

MANTEÑÁMONOS MOI OCUPADOS NA PREDICACIÓN

Cando predicamos, mostrámoslles ás persoas que só o Reino de Deus pode facer que o mundo sexa un lugar seguro (ver os parágrafos 7 a 9).

7. Que espera Xehová que fagamos neste tempo?

7 Falta moi pouco para que chegue o “Día do Señor”. Por iso, el quere que nos manteñamos moi ocupados na obra de predicar (1 Cor. 15:58). Cal foi a resposta do pobo de Deus? Cando falou das cousas que pasarían durante os últimos días, Xesús predixo: “Cómpre que a Boa Nova se anuncie a tódalas nacións” (Mc. 13:4, 8, 10; Mt. 24:14). Pensa nisto: cada vez que saes a predicar, tes o privilexio de participar no cumprimento desta profecía da Biblia!

8. Que datos demostran o avance da predicación?

8 Que podemos dicir sobre o avance da predicación? Cada ano, máis persoas escoitan as boas noticias do Reino. Unha proba diso é o aumento que houbo no número de publicadores en todo o mundo durante os últimos días. No ano 1914, so había 5155 publicadores repartidos en 43 países. Pero na actualidade xa somos máis de oito millóns e medio en 240 países e territorios. Aínda así, o noso traballo non rematou. Temos que seguir levando a mensaxe do Reino de Deus ás persoas, pois é a única solución a tódolos problemas da humanidade (Sal. 145:11-13).

9. Por que debemos seguir predicando?

9 A nosa obra de predicar non vai terminar ata que Xehová o diga. Canto tempo lles queda ás persoas para coñecer a Xehová e a Xesús? (Xn. 17:3). Non o sabemos. Pero o que si sabemos é que, mentres non chegue a gran tribulación, tódolos que teñan “a actitude correcta para obter vida eterna” aínda poden aceptar as boas noticias e servir a Xehová (Feit. 13:48, TNM). Como podemos axudar as persoas antes de que sexa demasiado tarde?

10. Que axuda nos dá Xehová para ensinar a verdade?

10 Mediante a súa organización, Xehová está dándonos todo o que necesitamos para ensinarlles a verdade ás persoas. Por exemplo, tódalas semanas recibimos capacitación para predicar na reunión de entre semana. Nela, aprendemos que dicir nas primeiras visitas e nas revisitas, e como dar clases da Biblia. A organización de Xehová, tamén nos prové as ferramentas do kit de ensinanza. Estas ferramentas axúdannos a:

  •   Empezar conversas.

  •   Presentar a mensaxe de forma atractiva.

  •   Animar as persoas para que queiran saber máis sobre Deus.

  •   Ensinar a verdade nos cursos da Biblia.

  •   Invitar as persoas interesadas a que visiten a nosa páxina web e a que veñan ó Salón do Reino.

 Claro, non chega con simplemente ter estas ferramentas. Temos que utilizalas. d Por exemplo, despois de ter unha boa conversa cunha persoa, podes deixarlle unha folliña ou unha revista para que a poida ler mentres non a volves visitar. É a nosa responsabilidade manternos moi ocupados tódolos meses na predicación.

11. Por que se preparou o curso da Biblia en liña?

11 Outro exemplo de como Xehová axuda ás persoas a coñecer a verdade é o curso da Biblia en liña de jw.org®. Por que se preparou este curso? Tódolos meses miles de persoas por todo o mundo buscan cursos da Biblia en Internet. O curso da nosa páxina web pode axudarlles a empezar a aprender sobre a Palabra de Deus. Algunhas persoas coas que falas quizais dubiden en aceptar un curso da Biblia. Se é así, móstralles esta sección na nosa páxina web ou envíalles a ligazón ó curso. e

12. Que se pode aprender no curso da Biblia en liña?

12 Este curso fala da Biblia e o seu autor, dos seus personaxes principais e da mensaxe de esperanza que contén. O curso tamén ensina:

  •   Como pode a Biblia axudar as persoas.

  •   Quen son Xehová, Xesús e os anxos.

  •   Por que creou Deus os humanos.

  •   Por que existen a maldade e o sufrimento.

 Ademais, tamén explica algunhas cousas que fará Xehová:

  •   Terminará co sufrimento e a morte.

  •   Devolveralles a vida ós mortos.

  •   Substituirá os gobernos humanos polo Reino de Deus.

13. Substitúe o curso da Biblia en liña os cursos da Biblia persoais? Explica a túa resposta.

13 O curso da Biblia en liña, non substitúe os cursos da Biblia persoais. Xesús deunos o privilexio de facer discípulos. Por iso, o obxectivo deste curso é que as persoas queiran saber máis. Se é así, poida que acepten un curso bíblico persoal. Ó final de cada lección, invítase ó lector a enviar unha solicitude para que unha testemuña de Xehová estude a Biblia con el. Cada día, recibimos dende todo o mundo máis de 230 solicitudes para estudar a Biblia a través da nosa páxina web. Esta ensinanza personalizada é fundamental!

NON DEIXEMOS DE FACER DISCÍPULOS

14. Segundo Mateo 28:19, 20, que nos esforzamos por facer e por que?

14 Le Mateo 28:19, 20. Cando deamos clases da Biblia, temos que esforzarnos ó máximo por obedecer o mandato de Xesús. El dixo: “Facede discípulos [...] ensinándolles a gardar canto vos mandei”. Necesitamos axudar ás persoas a entender a importancia de servir a Xehová e apoiar o seu Reino. Isto implica tratar de motivalas para que apliquen o que aprenden, dediquen a súa vida a Xehová e se bauticen. Só así poderán sobrevivir ó día de Xehová (1 Pe. 3:21).

15. En que non debemos perder tempo, e por que?

15 Como xa se dixo, queda moi pouco para que chegue a fin deste sistema. Por iso, non podemos perder tempo estudando a Biblia con quen non ten a intención de facerse discípulo de Cristo (1 Cor. 9:26). A nosa obra é urxente. Aínda hai moitas persoas que necesitan escoitar a mensaxe do Reino antes de que sexa demasiado tarde.

SAIAMOS DA RELIXIÓN FALSA

16. Segundo Apocalipse 18:2, 4, 5, 8 que debemos facer todos? (Ver tamén a nota).

16 Le Apocalipse 18:2, 4, 5, 8. Estes versículos ensínannos que Xehová espera algo máis dos seus servos. Tódolos cristiáns debemos deixar claro que non hai nada que nos una a Babilonia a Grande. Pode que antes de coñecer a verdade, un estudante da Biblia fose membro dunha relixión falsa. Quizais asistía ós seus servizos relixiosos e participaba nas súas actividades. Poida que incluso dese cartos para esa organización. Antes de que un estudante da Biblia poida ser un publicador sen bautizar, ten que asegurarse de que xa non hai nada que o una á relixión falsa. Debería entregar unha carta de renuncia ou deixar claro dalgunha outra maneira que xa non forma parte da súa antiga igrexa nin de calquera outra organización relacionada con Babilonia a Grande. f

17. Que clase de emprego debemos rechazar os cristiáns e por que?

17 Os cristiáns verdadeiros teñen que asegurarse de que o seu traballo non ten nada que ver con Babilonia a Grande (2 Cor. 6:14-17). Por exemplo, non deberían traballar para unha igrexa. Ademais, un cristián que traballa nunha empresa como empregado probablemente non queira traballar demasiado tempo en lugares que se usan para a adoración falsa. E se ten un negocio propio, evidentemente non tratará de conseguir un contrato con ningunha organización que forme parte de Babilonia a Grande. Por que tomamos unha posición tan firme? Porque non queremos ter nada que ver coas actividades e os pecados das organizacións relixiosas que son impuras ós ollos de Deus (Is. 52:11). g

18. Que fixo un irmán cando lle pediron que traballase unha igrexa?

18 Hai uns anos un contratista pediulle a un ancián que aceptase un pequeno traballo de carpintería nunha igrexa da vila onde vivía. O contratista sabía que o irmán sempre rechazara traballar en igrexas, pero esta vez estaba desesperado por atopar alguén que fixese o traballo. Aínda así, o irmán respectou os principios bíblicos e rechazou a oferta. Á semana seguinte, un periódico local publicou unha fotografía doutro carpinteiro colocando a cruz da igrexa. Se o irmán aceptase o traballo, sería el quen sairía na foto do periódico. Pensa no danada que quedaría a súa reputación na congregación e en como se sentiría Xehová.

QUE APRENDEMOS?

19, 20. a) Que aprendemos ata agora? b) Que máis precisamos aprender?

19 De acordo coas profecías da Biblia, o próximo acontecemento importante que haberá no mundo, será a proclamación de “paz e seguridade”. Grazas ó que nos ensinou Xehová, sabemos que as nacións non van conseguir paz real nin permanente. Que deberiamos facer antes de que isto pase e chegue a destrución? Xehová espera que nos manteñamos ocupados predicando a mensaxe do Reino e facendo discípulos. Ó mesmo tempo, necesitamos manternos separados de toda relixión falsa. Isto inclúe deixar de ser membros dela e non aceptar traballos relacionados con Babilonia a Grande.

20 Durante o remate dos “días derradeiros” tamén haberá outros acontecementos. Por iso, Xehová espera que fagamos máis cousas. Cales son? E, como podemos estar preparados para todo o que vai vir no futuro? No seguinte artigo responderemos estas preguntas.

CANCIÓN sjj 71 Somos o exército de Xehová

a Moi pronto os líderes mundiais van anunciar que conseguiron paz e seguridade. Ese será o sinal de que a gran tribulación está a punto de empezar. Que espera Xehová que fagamos mentres tanto? Este artigo axudaranos a atopar a resposta.

b Por exemplo, a Organización das Nacións Unidas di na súa páxina oficial de Internet que a súa prioridade é “manter a paz e a seguridade internacionais”.

c Mira o artigo “Cuando Dios castiga, ¿da siempre suficiente advertencia?” que aparece na edición en español desta revista.

d Para saber máis sobre como usar as ferramentas do kit de ensinanza mira o artigo “Enseñemos la verdad” da revista La Atalaya de outubro de 2018.

e Dende o ano 2022, este curso en liña xa non están dispoñible.

f Tamén debemos evitar os campamentos xuvenís ou as instalacións de recreo que teñen relación coa relixión falsa. Aínda que algunhas entidades se definen como laicas, no fondo moitas proveñen de organizacións relixiosas e promoven as súas ideas. Por exemplo, con respecto a se se pode ou non pertencer á YMCA (Asociación de Mozos Cristiáns, polas súas siglas en inglés) podemos consultar a sección “Preguntas de los lectores” de La Atalaya do 1 de marzo de 1979. Este artigo tamén aplica á sección feminina desta asociación.

g Para máis información sobre o que di a Biblia con respecto ós traballos relacionados con organizacións relixiosas mira o artigo “Preguntas de los lectores” da revista La Atalaya do 15 de abril de 1999.

h DESCRICIÓN DA IMAXE: Os clientes dunha cafetería miran na televisión as noticias de última hora sobre a proclamación de “paz e seguridade”. Unha parella de testemuñas de Xehová que está facendo unha pausa na predicación non se deixa enganar por esta noticia.