Ir ó contido

ARTIGO DE ESTUDO 44

Trabemos fondas amizades antes de que chegue a fin

Trabemos fondas amizades antes de que chegue a fin

“Un amigo ama en todo tempo” (PR. 17:17).

CANCIÓN sn 53 Traballemos xuntos e unidos

AVANCE a

Imos necesitar bos amigos durante “a gran tribulación” (ver o parágrafo 2). c

1, 2. De acordo con 1 Pedro 4:7, 8, que nos axudará a enfrontarnos ás dificultades?

 A MEDIDA que nos imos adentrando nos últimos días, é posible que cada vez nos enfrontemos a máis dificultades (2 Tim. 3:1). Por exemplo, nun país de África occidental, despois dunhas eleccións, unha onda de disturbios e violencia encheu o país. Isto provocou que durante máis de seis meses os irmáns que vivían nunha zona conflitiva non se puidesen mover libremente. Que lles axudou a enfrontarse a unha situación tan complicada? Algúns puideron refuxiarse na casa de irmáns que vivían en zonas do país máis seguras. Un irmán dixo: “Nunha situación coma esa foi moi importante para min estar rodeado de bos amigos. Dese xeito podiamos animarnos uns ós outros”.

2 Cando empece a gran tribulación valoraremos ter ó noso lado bos amigos que nos queiran (Ap. 7:14). Por iso é tan importante que fortalezamos xa agora a nosa amizade cos irmáns (le 1 Pedro 4:7, 8). Podemos aprender moito do que lle pasou a Xeremías. Nos anos previos á destrución de Xerusalén, os seus amigos axudárono a sobrevivir. b Como podemos imitar a Xeremías?

APRENDAMOS DO EXEMPLO DE XEREMÍAS

3. a) Que motivos podería ter Xeremías para illarse? b) Que lle confiou Xeremías a Baruc, e con que resultado?

3 Durante polo menos 40 anos, Xeremías viviu entre persoas que non eran leais a Xehová. Entre elas había veciños e probablemente familiares da súa cidade natal, Anatot (Xer. 11:21; 12:6). Aínda así, non se illou. De feito, faloulle dos seus sentimentos ó seu leal secretario Baruc, e por extensión tamén a nós (Xer. 8:21; 8:23 [9:1, TNM]; 20:14-18; 45:1). Podemos imaxinar como, conforme Baruc ía escribindo a historia de Xeremías, cada vez ían sentindo máis cariño e respecto un polo outro (Xer. 20:1, 2; 26:7-11).

4. Que tarefa lle encargou Xehová a Xeremías, e como se fortaleceu a amizade de Xeremías e Baruc mentres a levaban a cabo?

4 Durante moitos anos, Xeremías foi valente e advertiu os israelitas do que lle pasaría a Xerusalén (Xer. 25:3). Nun intento máis por motivar a xente a arrepentirse, Xehová pediulle a Xeremías que escribise as súas advertencias nun rolo (Xer. 36:1-4). Probablemente Xeremías e Baruc tardaron meses en completar esta tarefa que Deus lles encargara. Durante ese tempo seguro que tiveron conversacións que fortaleceron a súa fe.

5. Por que sabemos que Baruc foi un bo amigo para Xeremías?

5 Cando chegou o momento de revelar o contido do rolo, Xeremías tivo que confiar no seu amigo Baruc para entregar a mensaxe (Xer. 36:5, 6). Baruc foi valente e cumpriu con esta comisión aínda que era moi perigosa. Podes imaxinar o orgulloso que se sentiu Xeremías cando Baruc foi ó patio do templo e fixo o que el lle pedira? (Xer. 36:8-10) Os príncipes de Xudá oíron o que fixera Baruc e pedíronlle que lles lese o rolo en voz alta (Xer. 36:14, 15). Entón os príncipes decidiron contarlle ó rei Ioaquim o que Xeremías dixera. Pero tamén foron considerados con Baruc e aconselláronlle: “Vai e escóndete ti xunto con Xeremías, e que ninguén saiba onde estades” (Xer. 36:16-19). Que bo consello!

6. Como reaccionaron Xeremías e Baruc á oposición?

6 Cando o rei Ioaquim escoitou as palabras que escribira Xeremías, enfadouse tanto que queimou o rolo e mandou que arrestasen a Xeremías e a Baruc. Pero Xeremías non tivo medo. Colleu outro rolo, deullo a Baruc e volveulle ditar a mensaxe de Xehová. Entón Baruc escribiu tódalas palabras “que Ioaquim, rei de Xudá, queimara no lume” (Xer. 36:26-28, 32).

7. Que é probable que lles pasase a Xeremías e a Baruc ó traballar xuntos?

7 Cando dúas persoas pasan xuntas por unha situación moi difícil, a miúdo fórmase entre elas un vínculo moi estreito. Así que podemos imaxinar que, cando Xeremías e Baruc volveron traballar xuntos para escribir o rolo que destruíra o rei Ioaquim, chegaron a coñecerse mellor e a súa amizade fíxose aínda máis forte. Como podemos sacar proveito do exemplo destes dous homes fieis?

COMUNIQUÉMONOS CON FRANQUEZA

8. Que podería dificultarnos facer amigos verdadeiros, e por que non debemos rendernos?

8 Se alguén nos fixo dano no pasado quizais nos resulte difícil falarlles dos nosos sentimentos a outros (Pr. 18:19, 24). Ou quizais sintamos que nos faltan tempo e enerxías para cultivar amizades estreitas. Pero non deberiamos rendernos. Se queremos que os nosos irmáns estean ó noso lado cando pasemos por momentos difíciles, necesitamos esforzarnos por ter unha amizade estreita con eles agora. Unha forma importante de facelo é aprendendo a confiar neles e contándolles o que pensamos e como nos sentimos (1 Pe. 1:22).

9. a) Como demostrou Xesús confianza nos seus amigos? b) Como axuda a comunicación franca a chegar a ter amizades máis estreitas? Pon un exemplo.

9 Xesús demostrou que confiaba nos seus amigos sendo sincero e aberto con eles (Xn. 15:15). Nós podemos imitalo contándolles ós nosos amigos o que nos fai felices, o que nos preocupa e o que nos pon tristes. Por outro lado, tamén debemos escoitar o que eles nos din. É probable que nos deamos conta de que temos moitas cousas en común, como formas de pensar, sentimentos e obxectivos. Vexamos o exemplo de Cindy, unha irmá de 29 anos. Ela é moi amiga de Marie-Louise, unha pioneira de 67 anos. As dúas saen a predicar tódolos xoves pola mañá e aproveitan para falar abertamente de moitas cousas. Cindy explica: “Encántame ter conversacións profundas cos meus amigos porque iso axúdame a coñecelos e a entendelos mellor. Cando lles falamos ós nosos amigos do que sentimos e do que pensamos, créase un ambiente de confianza e a nosa amizade faise máis estreita” (Pr. 27:9, TNM).

PREDIQUEMOS XUNTOS

Os bos amigos predican xuntos (ver o parágrafo 10).

10. Segundo Proverbios 27:17, que pode pasar ó predicar cos nosos irmáns?

10 Igual que no caso de Xeremías e Baruc, cando traballamos cos nosos irmáns e vemos de primeira man as súas boas calidades, aprendemos deles e chegamos a ter unha relación máis estreita (le Proverbios 27:17). Por exemplo, como te sentes cando vas predicar co teu irmán e ves como defende con valor a súa fe ou fala de corazón sobre Xehová e o seu propósito? Seguramente te sintas aínda máis cerca del.

11, 12. Pon un exemplo de como predicar xuntos pode axudarnos a ter amizades máis estreitas.

11 Vexamos dous exemplos que mostran como predicar cos nosos irmáns nos une máis a eles. Adeline, unha irmá de 23 anos, pediulle a unha amiga súa que se chama Candice que fose con ela a unha zona que se predicaba con pouca frecuencia. Ela explica: “Queriamos predicar con máis entusiasmo e alegría, e desfrutar máis da predicación. As dúas necesitabamos cargar as pilas”. Como lles axudou predicar xuntas? Ela segue dicindo: “Ó final de cada día falabamos de como nos sentiamos, de como nos animaban as conversas que tiveramos e de como viramos a guía de Xehová na predicación. Encantábanos falar destas cousas e chegamos a coñecernos aínda mellor”.

12 Laïla e Marianne, dúas irmás solteiras de Francia, foron predicar cinco semanas a Bangui, a buliciosa capital da República Centroafricana. Laïla recorda: “Aínda que Marianne mais eu pasamos por momentos difíciles, grazas á boa comunicación e ó amor sincero a nosa amizade fíxose máis forte. Cando vin o adaptable que era Marianne, o seu amor polas persoas da zona e o seu entusiasmo na predicación, cheguei a admirala aínda máis”. Pero non é necesario mudarse a un país estranxeiro para desfrutar destes beneficios. Cada vez que prediques cos irmáns da túa congregación tes a oportunidade de coñecelos mellor e fortalecer a vosa amizade.

CENTRÉMONOS NO POSITIVO E PERDOEMOS

13. Que pode pasar ó predicar cos irmáns?

13 Ás veces, cando saímos predicar cos nosos irmáns, non só nos damos conta dos seus puntos fortes senón tamén dos seus defectos. Que nos pode axudar a permanecer ó lado dos nosos irmáns a pesar dos seus erros? Volvamos ó exemplo de Xeremías. Que lle axudou a ver as cousas boas dos demais e a pasar por alto as súas imperfeccións?

14. Que aprendeu Xeremías de Xehová, e como lle axudou iso?

14 Xeremías escribiu o libro que leva o seu nome e probablemente tamén o primeiro e o segundo libro dos Reis. Seguro que este labor lle axudou a ver canta misericordia lles mostra Xehová ós humanos imperfectos. Por exemplo, el sabía que, cando o rei Acab se arrepentiu das súas malas accións, Xehová lle dixo que non tería que ver o castigo que traería sobre a súa familia (1 Re. 21:27-29). Tamén sabía do caso de Menaxés, que incluso fixera cousas peores que Acab para ofender a Xehová. Aínda así, Xehová perdoou a Menaxés porque se arrepentiu (2 Re. 21:16, 17; 2 Cró. 33:10-13). Estes relatos seguro que axudaron a Xeremías a imitar a paciencia e a misericordia de Xehová á hora de tratar cos seus propios amigos (Sal. 103:8, 9).

15. Como imitou Xeremías a paciencia de Xehová?

15 Vexamos como Xeremías tratou a Baruc cando este deixou de estar centrado na súa responsabilidade por un tempo. En vez de precipitarse e dar por perdido ó seu amigo, Xeremías axudouno ó transmitirlle a mensaxe directa pero cariñosa que Xehová lle dera para el (Xer. 45:1-5). Que aprendemos deste relato?

Os bos amigos perdóanse con xenerosidade (ver o parágrafo 16).

16. Segundo Proverbios 17:9, que debemos facer para manter forte unha amizade?

16 Sendo realistas, non podemos esperar perfección dos nosos irmáns e irmás. Máis ben, cando chegamos a ser amigos de alguén, necesitamos esforzarnos por manter esa amizade. Se o noso amigo comete un erro, quizais necesite que lle deamos algún consello directo pero cariñoso baseado na Palabra de Deus (Sal. 141:5, TNM). E se nos fai dano temos que perdoalo e evitar a tentación de recordarlle a súa ofensa no futuro (le Proverbios 17:9). Nestes tempos tan difíciles é moi importante que nos centremos nos puntos fortes dos nosos irmáns, en vez de nas súas debilidades. Se o facemos, fortalecerase a nosa amizade con eles. Durante a gran tribulación necesitaremos ter bos amigos.

SEXAMOS AMIGOS LEAIS

17. Por que sabemos que Xeremías foi un verdadeiro amigo nos momentos difíciles?

17 O profeta Xeremías demostrou ser un verdadeiro amigo nos momentos difíciles. Por exemplo, nunha ocasión Xeremías estaba nunha cisterna chea de lama a punto de morrer e Ébed-Mélec rescatouno. Pero despois Ébed-Mélec tivo medo de que os príncipes lle fixesen dano por axudar a Xeremías. Cando Xeremías o soubo, non quedou de brazos cruzados esperando a que o seu amigo se enfrontase só a aquela situación. Aínda que Xeremías estaba preso fixo todo o posible por consolalo transmitíndolle a promesa que lle fixera Xehová (Xer. 38:7-13; 39:15-18).

Os bos amigos axúdanse en momentos de necesidade (ver o parágrafo 18).

18. Segundo Proverbios 17:17, que debemos facer cando un amigo pasa por dificultades?

18 Hoxe en día os nosos irmáns e irmás pasan por moitas dificultades. Por exemplo, moitos están sufrindo por culpa de desastres naturais ou doutros desastres causados polos humanos. En situacións coma estas quizais algúns de nós poidamos acoller irmáns na nosa casa. Outros quizais poidamos axudarlles economicamente. E todos podemos pedirlle a Xehová que os coide. Se vemos que un irmán ou unha irmá están desanimados, quizais se nos faga difícil saber que dicir ou como actuar. Pero hai moitas cousas que todos podemos facer para axudar. Por exemplo, podemos sacar tempo para estar co noso amigo, escoitalo con atención cando nos conte como se sente e compartir con el un dos nosos textos favoritos que poidan consolalo (Is. 50:4). O máis importante é que esteas cos teus amigos cando te necesitan (le Proverbios 17:17).

19. Como nos axudará no futuro trabar fondas amizades agora?

19 Todos debemos estar decididos a cultivar e fortalecer xa agora a nosa amizade cos nosos irmáns. Por que? Porque os nosos inimigos van intentar dividirnos por medio de mentiras e información falsa. Van intentar que nos poñamos uns en contra doutros. Pero non o conseguirán. Nunca lograrán que deixemos de amar os nosos irmáns. Nada do que fagan poderá romper as nosas amizades. De feito, esas amizades non só van durar ata o final deste mundo, senón por toda a eternidade!

CANCION sjj 24 Vinde á montaña de Xehová

a A medida que se acerca o fin, todos necesitamos fortalecer a nosa amizade cos irmáns. Neste artigo, imos ver que podemos aprender do que lle pasou a Xeremías. Ademais, analizaremos como cultivar amizades estreitas agora nos axudará cando pasemos por dificultades.

b Os eventos que se describen no libro de Xeremías non aparecen en orde cronolóxica.

c DESCRICIÓN DAS IMAXES: Esta imaxe representa o que podería pasar no futuro durante a gran tribulación. Un grupo de irmáns protexéndose no faiado dunha casa. Como son bos amigos poden animarse e consolarse uns ós outros durante estes momentos difíciles. Nas tres seguintes imaxes, vemos os mesmos irmáns esforzáronse por chegar a ser bos amigos antes de empezar a gran tribulación.