Ir ó contido

Ir ó índice

Ponte de parte do Reino de Deus xa agora!

Ponte de parte do Reino de Deus xa agora!

Imaxina que un enorme furacán se está achegando á zona onde vives e as autoridades están enviando as seguintes advertencias: “SAE DA ZONA! BUSCA UN REFUXIO XA!”. Que deberías facer? Buscar un lugar seguro, non si?

En certo sentido, todos nós viviremos dentro de pouco un enorme furacán, o que Xesús chamou “unha gran angustia” ou gran tribulación (Mateo 24:21). Non é algo do que poidamos escapar, pero si podemos protexernos. Como?

No Sermón do Monte, Xesús deu as seguintes instrucións: “Procurade primeiro o Reino de Deus e maila súa xustiza” (Mateo 6:33). Como se fai isto?

Buscar primeiro o Reino de Deus. Isto significa que o Reino de Deus ten que ser o máis importante na nosa vida (Mateo 6:25, 32, 33). Por que temos que velo desa maneira? Porque os humanos non temos a capacidade de resolver os problemas da humanidade. Iso é algo que só pode conseguir o Reino de Deus.

Buscar a xustiza. Isto significa que debemos esforzarnos ó máximo por vivir baixo as xustas normas de Deus e os seus principios. Por que? Porque se decidimos por nós mesmos o que está ben e o que está mal, tomaremos malas decisións e non nos irá ben (Proverbios 16:25). Pola contra, se nos deixamos guiar polas normas de Deus farémolo feliz e ademais iranos ben na vida (Isaías 48:17, 18).

Seguir buscando primeiro o Reino de Deus e mais a súa xustiza. Xesús avisounos de que algúns poderían distraerse e crer que se conseguen moitos cartos terán seguridade. Outros poderían deixar que as preocupacións da vida os teñan tan ocupados que non encontren tempo para buscar o Reino de Deus (Mateo 6:19-21, 25-32).

Por outro lado, Xesús tamén nos prometeu que aqueles que apoien o Reino de Deus terán cubertas as súas necesidades agora e, no futuro, desfrutarán para sempre de moitas bendicións (Mateo 6:33).

Aínda que os discípulos de Xesús do primeiro século puxeron o Reino de Deus e a súa xustiza en primeiro lugar nas súas vidas, non puideron ver o fin dos problemas nin do sufrimento. Con todo, facer iso protexeunos. Como?

Viviron baixo os principios morais de Deus, e iso protexeunos das dificultades que padecían as persoas que non o coñecían. Como tiñan fe en que o Reino ía vir, puideron enfrontarse ata ós problemas máis complicados. E Deus deulles “esa forza tan extraordinaria” que el ten para que puidesen aguantar (2 Corintios 4:7-9).

BUSCARÁS EN PRIMEIRO LUGAR O REINO?

Os cristiáns do primeiro século obedeceron as instrucións de Xesús de buscar primeiro o Reino. Predicaron as boas noticias deste Reino na parte do mundo que coñecían (Colosenses 1:23). Hai algún grupo de persoas facendo isto na actualidade?

Si! As Testemuñas de Xehová son conscientes de que falta pouco tempo para que o Reino de Deus termine co sistema actual. Así que fan todo o que poden para seguir este mandato de Xesucristo: “Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes para dar testemuño a tódolos pobos. Entón será a fin” (Mateo 24:14).

Como responderás a estas boas noticias? Animámoste a que sigas o exemplo dos cristiáns do primeiro século que vivían na cidade de Berea, en Macedonia. Cando escoitaron as boas noticias do Reino que lles levou o apóstolo Paulo, aceptaron a mensaxe “con todo interese”. Despois seguiron “investigando tódolos días as Escrituras” para asegurarse de que o que escoitaran era certo, e actuaron de acordo co que aprenderon (Feitos 17:11, 12).

Ti tamén podes facer o mesmo. Se pos en primeiro lugar na túa vida o Reino de Deus e buscas a súa xustiza, encontrarás refuxio e protección agora e, no futuro, desfrutarás de verdadeira paz e seguridade para sempre.