Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 11

Estás listo para te bautizar?

Estás listo para te bautizar?

“O bautismo que vos salva a vós”(1 PE. 3:21).

CANCIÓN sjj 28 Quen pode ser amigo de Xehová?

AVANCE a

1. Que debe facer unha persoa antes de poñerse a construír unha casa?

 IMAXINA que alguén decide construír unha casa. Aínda que teña claro como quere facela, cres que debería ir comprar os materiais inmediatamente e poñerse a construír deseguida? Non. Antes de empezar, é importante que faga contas e calcule canto lle vai custar facer a casa. Por que? Porque necesita asegurarse de que ten os cartos necesarios para rematar a obra. Deste xeito, é máis probable que o consiga.

2. Segundo Lucas 14:28-30, en que debes reflexionar con coidado antes de bautizarte?

2 Sentes tanto amor por Xehová e estaslle tan agradecido que estás pensando en bautizarte? Se é así, precisas tomar unha decisión parecida á de alguén que quere construír unha casa. Por que o dicimos? Pensa nas palabras de Xesús rexistradas en Lucas 14:28-30 (leo). Aquí el estaba falando sobre o que implica ser o seu discípulo. Nós tamén debemos estar dispostos a aceptar “os gastos”, é dicir, certas dificultades e sacrificios (Lc. 9:23-26; 12:51-53). Así que, antes de bautizarte, debes pararte a pensar en todo o que implica seguir a Cristo. Deste xeito, estarás máis preparado para continuar servindo fielmente a Deus despois do teu bautismo.

3. Que imos analizar neste artigo?

3 Tendo en conta todo o que implica bautizarse, valerá a pena facelo? Por suposto que si! O bautismo permitirache desfrutar de moitísimas bendicións, tanto agora como no futuro. Neste artigo, imos analizar algunhas preguntas importantes sobre o bautismo. Isto axudarache a saber se estás listo para dar este paso.

O QUE DEBES SABER SOBRE A DEDICACIÓN E O BAUTISMO

4. a) Que é a dedicación? b) Que significa a expresión “que renuncie a si mesmo”, que aparece en Mateo 16:24?

4 Que é a dedicación? É algo que debes facer antes de poder bautizarte. Dedicarte a Xehová consiste en facerlle unha oración de todo corazón na que lle dis que usarás a túa vida para servilo sempre. Cando te dedicas a Xehová, renuncias a ti mesmo (le Mateo 16:24). Dende ese momento, perténceslle a Xehová, o cal é un grandísimo privilexio (Rm. 14:8). Ó dedicarte a El, estaslle dicindo que a partir dese momento o máis importante na túa vida será servilo, e non compracerte a ti mesmo. A túa dedicación é un voto, é dicir, unha promesa solemne que lle fas a Deus. Xehová non nos obriga a facerlle ese voto. Pero, unha vez que o facemos, espera que o cumpramos (Sal. 116:12, 14).

5. Que diferenza hai entre a dedicación e o bautismo?

5 Que diferenza hai entre a dedicación e o bautismo? A dedicación é persoal e privada, algo entre ti e Xehová. En cambio, o bautismo é público, algo que fas diante doutras persoas, normalmente nun congreso. Ó bautizarte, mostras publicamente que xa te dedicaches a Xehová. b Noutras palabras, estaslles dicindo ós demais que amas a Xehová con todo o teu corazón, alma, mente e forzas, e que decidiches servilo para sempre (Mc. 12:30).

6, 7. De acordo con 1 Pedro 3:18-22, que dúas razóns fan necesario bautizarse?

6 De verdade é necesario bautizarse? Pensa nas palabras de 1 Pedro 3:18-22 (leo). Igual que a arca era unha proba visible da fe de Noé, o teu bautismo é unha proba clara de que te dedicaches a Xehová. Pero é realmente necesario bautizarse? Si, e Pedro explicou por que. En primeiro lugar falou do “bautismo que vos salva a vós”. O bautismo pode salvarnos se demostramos coas nosas accións que temos fe en Xesús e cremos que morreu por nós, resucitou, foi ó ceo e que agora “está á dereita de Deus”.

7 En segundo lugar, o bautismo fai posible que teñamos unha “conciencia honrada”. Cando nos dedicamos a Deus e nos bautizamos, comezamos unha relación especial con el. Debido ó noso arrepentimento sincero e a que temos fe no rescate, Deus perdoa os nosos pecados. Isto fai posible que poidamos desfrutar dunha boa conciencia ante el.

8. En que se debe basear a túa decisión de bautizarte?

8 En que debe basearse a túa decisión de bautizarte? Grazas ó teu estudo profundo da Biblia, aprendiches moitas cousas sobre Xehová, como a súa maneira de ser e de actuar. Todo isto chegouche ó corazón e motivoute a amalo moitísimo. A túa decisión de bautizarte debe basearse principalmente no amor que sentes por Xehová.

9. Que significa bautizarse no nome do Pai e do Fillo e do espírito santo, como di Mateo 28:19, 20?

9 A túa decisión de bautizarte tamén se basea nas ensinanzas bíblicas que aprendiches e aceptaches. Pensa no que dixo Xesús cando deu o mandato de facer discípulos (le Mateo 28:19, 20). Segundo as súas palabras, os que se bautizan deben facelo “no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo”. Isto significa crer de todo corazón o que ensina a Biblia sobre Xehová, sobre o seu Fillo, Xesús, e sobre o espírito santo. Estas verdades teñen moito poder e poden chegar ata o máis profundo do teu corazón (Heb. 4:12). Repasemos algunhas delas.

10, 11. Que verdades sobre o Pai aprendiches e aceptaches?

10 Pensa en cando aprendiches as seguintes verdades acerca do Pai: o seu nome é Xehová, el é o “Altísimo sobre toda a terra” e é o único “Deus verdadeiro” (Sal. 83:18, TNM; 1 Re. 8:60). Tamén é o noso Creador, e a el pertence “a salvación” (Sal. 3:9 [3:8, TNM]; 36:10 [36:9, TNM]). Ademais, fixo todo o que era necesario para salvarnos do pecado e da morte e deunos a esperanza de vivir para sempre (Xn. 17:3). A dedicación e o bautismo identificarante como testemuña de Xehová (Is. 43:10-12). Formarás parte dunha familia mundial de persoas que adoran a Xehová, levan o seu nome con orgullo e dano a coñecer (Sal. 86:12).

11 Que grande honor é entender o que ensina a Biblia sobre o Pai! Se aceptas e cres estas valiosas verdades, sentiraste motivado a dedicarte a Xehová e a bautizarte.

12, 13. Que verdades sobre o Fillo aprendiches e aceptaches?

12 Como te sentiches cando aprendiches as seguintes verdades acerca do Fillo? Xesús é a segunda persoa máis importante do Universo. El é o noso Redentor, xa que estivo disposto a dar a súa vida para rescatarnos. Cando demostramos coas nosas accións que temos fe no rescate, podemos recibir o perdón dos nosos pecados, cultivar unha amizade con Deus e obter vida eterna (Xn. 3:16). Xesús tamén é o noso Sumo Sacerdote. El quere axudarnos a beneficiarnos do rescate e a ter unha relación estreita con Xehová (Heb. 4:15; 7:24, 25). Como é o Rei do Reino de Deus, Xehová usarao para santificar o Seu nome, eliminar a maldade e bendicirnos por toda a eternidade no futuro Paraíso (Mt. 6:9, 10; Ap. 11:15). Ademais, Xesús é o noso modelo (1 Pe. 2:21). Dedicou a súa vida a facer a vontade de Deus, poñéndonos así o exemplo que debemos imitar (Xn. 4:34).

13 Se aceptas o que a Biblia ensina sobre Xesús, chegarás a querelo moitísimo. Este amor impulsarate a usar a túa vida para facer a vontade de Deus, como fixo Xesús. Como resultado, quererás dedicarte a Xehová e bautizarte.

14, 15. Que verdades sobre o espírito santo aprendiches e aceptaches?

14 Que pensaches cando aprendiches as seguintes verdades acerca do espírito santo? Non é unha persoa, senón a forza activa de Deus. Xehová usouno para guiar os homes que escribiron a Biblia, e ese mesmo espírito axúdanos a entender e a poñer en práctica o que lemos nela (Xn. 14:26; 2 Pe. 1:21). Por medio do seu espírito, Xehová dános “esa forza tan extraordinaria” (2 Cor. 4:7). O espírito santo dános as forzas para predicar as boas noticias, resistir as tentacións, facer fronte ó desánimo e soportar as probas. Tamén nos axuda a demostrar as fermosas calidades que forman “o froito do Espírito” (Gál. 5:22). Deus dá o seu espírito con xenerosidade ós que confían nel e llo piden con sinceridade (Lc. 11:13).

15 É moi animador saber que os que adoramos a Xehová contamos coa axuda do seu espírito. Se aceptas as verdades que aprendiches sobre o espírito santo, sentiraste motivado a dedicarte a Deus e a bautizarte.

16. Que levamos analizado ata agora?

16 Tomar a decisión de dedicarte a Deus e bautizarte é un paso moi importante. Como vimos, debes estar disposto a aceptar “os gastos” implicados. Pero os beneficios superan por moito calquera dificultade ou sacrificio que teñas que facer. O bautismo pode salvarte e tamén che permite ter unha boa conciencia ante Deus. A túa decisión de bautizarte debe basearse principalmente no amor que sentes por Xehová. Tamén debes crer de todo corazón as verdades que aprendiches sobre o Pai, o Fillo e o espírito santo. Tendo en conta todo o que levamos analizado ata agora, dirías que estás listo para bautizarte?

QUE DEBES FACER ANTES DE BAUTIZARTE

17. Cales son algúns dos pasos que levan ó bautismo?

17 Se pensas que estás listo para bautizarte, seguro que xa deches varios pasos para ter unha boa amizade con Xehová. c Grazas ó teu estudo regular da Biblia, aprendiches moitas cousas sobre Xehová e Xesús, e chegaches a ter fe (Heb. 11:6). Confías plenamente nas promesas de Xehová que se encontran na Biblia e estás convencido de que a túa fe no sacrificio de Xesús pode salvarte do pecado e da morte. Arrepentícheste dos teus pecados, é dicir, lamentas de corazón os erros que cometiches no pasado e pedícheslle perdón a Xehová. Cambiaches a túa maneira de actuar rechazando con firmeza o teu modo de vida anterior para facer o que lle agrada a Deus (Feit. 3:19). Sénteste impulsado a falarlles a outras persoas das túas crenzas. Reuniches os requisitos para ser publicador non bautizado e xa empezaches a predicar coa congregación (Mt. 24:14). Xehová séntese moi feliz e está orgulloso de que deses estes pasos tan necesarios (Pr. 27:11).

18. Que máis tes que facer antes de poder bautizarte?

18 Antes de poder bautizarte, tes que facer algunhas cousas máis. Como vimos ó principio deste artigo, debes dedicarte a Deus mediante unha oración sincera. Debes prometerlle que utilizarás a túa vida para facer a súa vontade (1 Pe. 4:2). Despois diso, terás que falar co coordinador do corpo de anciáns para dicirlle que queres bautizarte. El pediralles a algúns anciáns que se reúnan contigo. Pero non te preocupes, porque estes cariñosos irmáns xa te coñecen e te queren. Eles repasarán contigo as ensinanzas bíblicas básicas que aprendiches para asegurarse de que as entendes e de que sabes o importantes que son a dedicación e o bautismo. Se consideran que estás listo, diranche que podes bautizarte no seguinte congreso.

QUE DEBERÁS FACER DESPOIS DE BAUTIZARTE

19, 20. Que deberás facer despois de bautizarte, e que che axudará a facelo?

19 Despois de bautizarte, que deberás facer? d Recorda que a dedicación é un voto e que Xehová espera que o cumpras. Por iso, despois de bautizarte, terás que vivir á altura da túa dedicación. Que che vai axudar?

20 Mantente cerca da túa congregación. Ó bautizarte, chegarás a formar parte dunha irmandade mundial (1 Pe. 2:17). Os irmáns e irmás da congregación serán a túa familia espiritual. Se asistes con regularidade ás reunións, fortalecerás a túa amizade con eles. Dedica tempo tódolos días a ler a Biblia e a meditar nela (Sal. 1:1, 2). Isto quere dicir que, despois de ler unha pasaxe da Biblia, tes que pararte a pensar no que liches. Deste xeito, as súas palabras chegaranche ó corazón. Tamén debes orar constantemente (1 Tes. 5:17). As túas oracións sinceras achegarante máis a Xehová. E sigue buscando “primeiro o Reino” (Mt. 6:33). De que maneira? Facendo que a predicación sexa unha prioridade na túa vida. Se predicas con regularidade, manterás forte a túa fe e poida que axudes a outros a entrar no camiño que leva á vida eterna (1 Tim. 4:16).

21. Que obterás grazas ó teu bautismo?

21 A decisión de dedicarte a Xehová e bautizarte é a máis importante que tomarás na túa vida. É certo que implica algúns “gastos”, pero non hai dúbida de que vale a pena! Os problemas ós que te enfrontes neste vello mundo son “transitorios e leves” (2 Cor. 4:17). En cambio, grazas ó teu bautismo, terás unha vida máis feliz agora e “verdadeira vida” no futuro (1 Tim. 6:19). Así que, óralle a Xehová e pensa ben na resposta á pregunta: “Estou listo para bautizarme”?

CANCIÓN sjj 50 A miña oración de dedicación

a Estás pensando en bautizarte? Se é así, este artigo está preparado especialmente para ti. Nel analizaremos algunhas preguntas básicas sobre este tema tan importante. As túas respostas axudaranche a ver se estás listo para bautizarte.

d Se aínda non remataches de estudar os libros Que nos ensina a Biblia? e Continúa no amor de Deus, deberás seguir estudando cunha testemuña de Xehová ata que os termines.