Ir ó contido

Ir ó índice

Deixa que a “lei da bondade” te motive

Deixa que a “lei da bondade” te motive

“A BONDADE dos irmáns foi o que me chegou ó corazón”. Isto é o que di Lisa cando explica que foi o que a motivou a interesarse pola verdade. * A Anne tamén lle pasou algo parecido. Ela conta: “Ó principio, chamoume máis a atención a bondade das testemuñas de Xehová que as súas ensinanzas”. Agora estas dúas irmás desfrutan de ler a Biblia e meditar nela, pero o que máis lles axudou ó principio foi a bondade dos demais.

Como podemos facer que a nosa bondade chegue ó corazón dos que están arredor de nós? Imos ver dúas formas: co que dicimos e co que facemos. Tamén veremos a quen lle debemos mostrar bondade.

“A LEI DA BONDADE” NA TÚA BOCA

A muller da que se fala no capítulo 31 de Proverbios ten a “lei da bondade” na súa boca (Pr. 31:26, TNM). Ela permite que esta lei inflúa no que di e en como o fai. Os pais tamén fan ben en ter esta “lei” na súa boca. A maioría dos pais saben que falar con dureza pode ter un efecto negativo nos seus fillos. Poden causarlles dano e facer que non escoiten o que din. Pero cando os pais falan con bondade, é máis fácil que os seus fillos os escoiten e obedezan.

Sen importar se tes fillos ou non, como podes aprender a falar con bondade? Atopamos unha pista na primeira parte de Proverbios 31:26 (TNM): “Abre a boca con sabedoría”. Isto implica escoller ben as nosas palabras e o noso ton. Algo que nos axudará a facelo é preguntarnos: “Vou promover a paz co que vou dicir ou vou facer que quen me escoite se enfade?” (Pr. 15:1). Así que é mellor pensar antes de falar.

Outro proverbio di: “Persoas hai que falan a estocadas” (Pr. 12:18). Se reflexionamos en como lles afectan as palabras e o ton a outras persoas, será máis fácil controlar o que sae da nosa boca. Ter en conta a “lei da bondade” axudaranos a non usar palabras crueis nin tampouco un ton brusco (Ef. 4:31, 32). Poderemos cambiar os pensamentos e as palabras negativas por palabras amables e un ton positivo e cariñoso. Xehová púxonos o exemplo cando tranquilizou o seu servo Elías, que estaba moi asustado. Mediante un anxo, faloulle cunha voz “calmada e baixa” (1 Re. 19:12, TNM). Pero ser bondadosos implica máis que só falar con bondade. Tamén temos que actuar con bondade. Como?

ACTUAR CON BONDADE MOTIVA A OUTROS

Para imitar a Xehová non só chega con falar con bondade, senón que tamén temos que actuar (Ef. 4:32; 5:1, 2). Lisa, da que falamos antes, explica como foron bondadosas con ela as testemuñas de Xehová: “De repente, a nosa familia tivo que mudarse, e dúas parellas da congregación pediron días libres no traballo para botarnos unha man. Daquela nin sequera estaba estudando a Biblia!”. Ver como os irmáns a trataban con bondade motivouna a querer examinar o que di a Biblia.

Anne, a irmá que mencionamos ó principio, tamén di que está moi agradecida pola bondade que lle mostraron as testemuñas de Xehová. Ela destaca: “Por culpa de como está o mundo, custábame moito confiar na xente. Por iso, cando coñecín as testemuñas de Xehová non me fiaba dos seus motivos. Preguntábame: ‘Por que se interesan tanto por min?’. Pero a bondade coa que me trataba quen me daba clases da Biblia motivoume a confiar nela. Cal foi o resultado? Co tempo, empecei a fixarme máis no que estaba aprendendo”.

É interesante ver que o que lles chegou ó corazón a Lisa e a Anne foi ver que os irmáns da congregación as trataban con bondade. Isto fixo que quixesen aprender máis sobre a verdade. A bondade que demostrou a congregación axudoulles a abrir o seu corazón.

APRENDE A IMITAR A BONDADE DE DEUS

Para algunhas persoas é normal ser amables e sorrir debido á súa cultura, crianza ou forma de ser. Isto é algo moi bo, pero se é a única motivación que temos, poida que non esteamos imitando a bondade de Deus (compara con Feitos 28:2).

A bondade que demostra Deus forma parte do froito do seu espírito santo (Gál. 5:22, 23). Así que necesitamos ese espírito para mostrar verdadeira bondade. Cultivar esta calidade axúdanos a imitar a Xehová e a Xesús. Ademais, como cristiáns interesámonos de verdade polos demais. Polo tanto, o que nos motiva é o amor que sentimos por Xehová e polas persoas. Desta forma, a bondade sairanos do corazón e agradaralle a Deus.

A QUEN LLE DEBEMOS MOSTRAR BONDADE?

Pode que sexa fácil mostrarlles bondade ás persoas que nos tratan ben ou ás que coñecemos (2 Sam. 2:6). Unha maneira de facelo é dándolles as grazas (Col. 3:15). Pero, que pasa se pensamos que alguén non merece que o tratemos con bondade?

Pensa nisto. Xehová é o mellor exemplo que hai de como mostrar bondade inmerecida. A súa Palabra ensínanos unha importante lección sobre como mostrala. A expresión “bondade inmerecida” úsase moitas veces nas Escrituras Gregas Cristiás. Como nola demostra Deus?

Pensa nos miles de millóns de persoas ás que Xehová lles demostrou a súa bondade dándolles o necesario para estar vivos (Mt. 5:45). De feito, mostroulles a súa bondade incluso antes de que o coñecesen (Ef. 2:4, 5, 8). Por exemplo, deu o mellor que tiña, o seu Fillo Unixénito, por toda a humanidade. O apóstolo Paulo escribiu que temos este rescate grazas á “bondade inmerecida de Deus” (Ef. 1:7, TNM). Ademais, Xehová segue guiándonos e ensinándonos a pesar de que pecamos e o decepcionamos moitas veces. As súas palabras e a súa dirección son “coma a chuvia mansa” (Dt. 32:2). Nunca lle poderemos pagar toda a bondade que nos demostra. E o certo é que o noso futuro depende da súa bondade (compara con 1 Pedro 1:13, TNM).

Non temos ningunha dúbida de que a bondade de Xehová nos atrae e nos motiva a imitalo. Por iso, non só lles demostramos bondade a algunhas persoas, senón que nos esforzamos por ser sempre bondadosos con todos (1 Tes. 5:15). Cando o facemos, somos como algo quentiño nun día frío. Podemos animar a nosa familia, os nosos irmáns, os nosos compañeiros de escola e de traballo, ou os nosos veciños.

Pensa nas persoas da túa familia ou da congregación que se benefician cando falas e actúas con bondade. Quizais poidas botarlle unha man a algún irmán que necesite axuda coas tarefas da casa ou con algún outro recado, como facer a compra. Ademais, pensa nas persoas que coñeces predicando. Poderías axudarlles dalgunha maneira práctica?

Deixa que a “lei da bondade” guíe sempre as túas palabras e accións, e así imitarás a Xehová.

^ Cambiáronse algúns nomes.