Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 38

Demostra que es unha persoa na que se pode confiar

Demostra que es unha persoa na que se pode confiar

“Home de fiar garda a palabra” (PR. 11:13).

CANCIÓN sn 53 Traballemos xuntos e unidos

AVANCE *

1. Como podemos saber se podemos confiar nunha persoa?

 UNHA persoa fiable trata de cumprir as súas promesas e de dicir sempre a verdade (Sal. 15:4). Por iso os demais saben que poden confiar nela. Seguro que queremos que os nosos irmáns se sintan así con nós. Pero, como podemos ganar a súa confianza?

2. Como podemos demostrar que se pode confiar en nós?

2 Non podemos obrigar a ninguén a confiar en nós. Máis ben, temos que ganar a súa confianza. Dise que a confianza é coma o diñeiro: custa traballo ganala pero pérdese moi fácil. Está claro que Xehová conseguiu que confiásemos nel. De feito, nunca nos deu razóns para deixar de facelo porque “todo o que el fai é fiable” (Sal. 33:4TNM). Deus espera que o imitemos (Ef. 5:1). Vexamos algúns exemplos de servos de Xehová que imitaron o seu Pai celestial e que demostraron ser persoas nas que se pode confiar. Ademais, tamén analizaremos cinco calidades que nos axudarán a ser persoas de fiar.

APRENDAMOS DE SERVOS DE XEHOVÁ NOS QUE SE PODÍA CONFIAR

3, 4. a) Como demostrou o profeta Daniel que era unha persoa na que se podía confiar? b) A que nos debería motivar o seu exemplo?

3 O profeta Daniel puxo un excelente exemplo de como ser unha persoa na que se pode confiar. A pesar de que os babilonios o levaron preso, en moi pouco tempo ganou a reputación de ser un home de fiar. E aínda confiaron máis nel cando, coa axuda de Xehová, interpretou os soños de Nabucodonosor, o rei de Babilonia. Nunha ocasión, Daniel tivo que dicirlle ó rei algo que non lle ía gustar nada: que Xehová estaba enfadado con el. Que valentía demostrou! Seguro que non foi nada fácil darlle esa mensaxe a Nabucodonosor, pois era un rei cun carácter moi violento (Dn. 2:12; 4:17-19, 22 [4:20-22, 25, TNM]). Moitos anos despois, Daniel volveu a demostrar que se podía confiar nel cando interpretou con exactitude unha mensaxe misteriosa que aparecera nunha parede do palacio en Babilonia (Dn. 5:5, 25-29). Máis tarde, Darío o medo e os seus oficiais recoñeceron que tiña “un talento extraordinario” e que era un “home leal” no que non se encontraba “ningún erro nin descoido” (Dn. 6:4, 5 [6:3, 4, TNM]). Ata os gobernantes que non adoraban a Xehová recoñeceron que se podía confiar neste servo de Deus!

4 Tendo presente o exemplo de Daniel, facemos ben en preguntarnos: “Que reputación teño fóra da congregación? Coñéceseme como unha persoa na que se pode confiar e que cumpre coas súas responsabilidades?”. É moi importante que nos fagamos estas preguntas porque se demostramos que se pode confiar en nós honraremos a Xehová.

Nehemías escolleu homes nos que se podía confiar para que se encargasen de tarefas moi importantes (ver o parágrafo 5).

5. Por que se lle coñecía a Hananías por ser unha persoa na que se podía confiar?

5 No ano 455 antes da nosa era, despois de reconstruír os muros de Xerusalén, o gobernador Nehemías buscou homes fiables para que coidasen da cidade. Un dos homes que escolleu foi Hananías, o xefe da Fortaleza, un home no que se podía confiar completamente. A Biblia descríbeo como “un home honrado que temía ó Señor, máis ca outros moitos” (Neh. 7:2). O seu amor por Xehová e o medo a desagradarlle motivárono a tomarse moi en serio tódalas responsabilidades que recibiu. Non hai dúbida de que estas calidades tamén nos axudarán a nós a ser persoas de fiar no noso servizo a Deus.

6. Como lle demostrou Tíquico a Paulo que era un amigo no que podía confiar?

6 Vexamos agora o exemplo de Tíquico, un bo amigo do apóstolo Paulo que tamén demostrou que se podía confiar nel. Cando Paulo estivo baixo arresto domiciliario, confiaba moito en Tíquico. De feito, dixo del que era un “axudante fiel” (Ef. 6:21, 22). Ademais, non só lle encargou levarlles cartas ós irmáns de Éfeso e de Colosas, senón que tamén lle dixo que os animase e os consolase. Da mesma maneira, hoxe tamén contamos con homes fieis e fiables coma Tíquico que coidan das nosas necesidades espirituais (Col. 4:7-9).

7. Que che ensinan os anciáns e servos ministeriais da túa congregación sobre ser persoas de fiar?

7 Na actualidade, apreciamos moito poder confiar nos nosos anciáns e servos ministeriais. Igual ca Daniel, Hananías e Tíquico, tómanse moi en serio as súas responsabilidades. Por exemplo, cando imos á reunión de entre semana, sabemos que cada parte da reunión se lle encargou a un irmán ou a unha irmá. Canto agradecen os anciáns que todos preparen e presenten as súas asignacións na reunión! E cando invitamos os nosos estudantes da Biblia á reunión da fin de semana, verdade que confiamos en que alguén dará o discurso público? Ademais, estamos seguros de que teremos as publicacións que necesitamos para predicar. Canto lle agradecemos a Xehová o moito que nos coidan estes fieis irmáns! Pero, de que outras formas podemos demostrar que se pode confiar en nós?

DEMOSTRA QUE SE PODE CONFIAR EN TI: NON CONTES NADA CONFIDENCIAL

8. Como podemos ser equilibrados cando nos preocupamos por outros? (Proverbios 11:13).

8 Queremos moito ós nosos irmáns e por iso nos preocupamos por que estean ben. Non obstante, debemos ser equilibrados e respectar a súa privacidade. Algunhas persoas da congregación cristiá do primeiro século dedicábanse “a contar chismes e a meterse en asuntos alleos”, falando de cousas que non debían (1 Tim. 5:13TNM). Está claro que non queremos ser así. Pero imaxina que alguén nos conta algo persoal e nos pide que non llo digamos a ninguén. Por exemplo, pode que unha irmá nos fale dun problema de saúde que ten ou doutra proba pola que estea pasando. Se nos di que non llo digamos a ninguén, temos que facer o que nos pide (le Proverbios 11:13). * Vexamos algunhas situacións nas que é moi importante non contar nada que sexa confidencial.

9. Como poden demostrar os membros da familia que se pode confiar neles?

9 Na familia. Tódolos membros da familia teñen a responsabilidade de manter en privado algúns asuntos. Por exemplo, pode que unha muller cristiá teña un hábito que lle pareza gracioso ó seu marido. Se contárllelo a outros puidese avergonzala, debería facelo? Por suposto que non! Como a quere tanto, nunca lle faría dano (Ef. 5:33). Tamén é importante que os pais traten con respecto os adolescentes, pois é algo que os rapaces valoran moito. Así que non estaría ben que os humillasen contándolles ós demais os seus erros (Col. 3:21). Pola súa parte, os fillos teñen que aprender a ser discretos e a non andar contando cousas que avergoncen a outros membros da familia (Dt. 5:16). Cando todos se esforzan por manter os asuntos familiares en privado, a familia fortalécese.

10. Que implica ser un amigo de verdade? (Proverbios 17:17).

10 Coas nosas amizades. De vez en cando, a maioría de nós necesitamos contarlle como nos sentimos a un bo amigo. Ás veces, pode que nos resulte difícil porque quizais non teñamos o costume de falar dos nosos sentimentos máis íntimos con outros. Así que seguro que nos faría moito dano descubrir que o noso amigo lle contou a outras persoas o que lle dixemos. Pola contra, canto valoramos ter amigos de verdade nos que se pode confiar! (le Proverbios 17:17).

Os anciáns non lles revelan información confidencial ós membros da súa familia (ver o parágrafo 11). *

11. a) Como demostran os anciáns e as súas mulleres que se pode confiar neles? b) Que aprendemos do exemplo do ancián que está coa súa familia despois de atender un asunto da congregación? (Ver a imaxe).

11 Na congregación. Os anciáns que teñen a reputación de non contar cousas confidenciais son para os seus irmáns coma “un refuxio contra o vento, un pendello para o temporal” (Is. 32:2). Podemos falar tranquilamente con eles de calquera tema porque estamos seguros de que non llo van contar a ninguén. Nunca deberiamos insistirlles para que nos conten algo que é confidencial. Ademais, valoramos moito as súas mulleres porque non tratan de que os seus maridos lles conten cousas confidenciais. En realidade, que os seus maridos non compartan con elas información persoal sobre os irmáns e irmás é algo que as beneficia. Por exemplo, a muller dun ancián di: “Agradezo que o meu home non me conte nada sobre os irmáns que necesitan a axuda dos anciáns, nin sequera os seus nomes. Valoro moito que non me conte nada confidencial porque así non me preocupo por problemas que non podo solucionar. Grazas a isto, podo falar con naturalidade con tódolos irmáns da congregación. Sei que podo contarlle ó meu home como me sinto e cales son os meus problemas porque estou segura de que non llos vai contar a ninguén”. Por suposto, todos queremos ter a reputación de ser persoas nas que se pode confiar. Pero, que calidades nos axudarán a conseguilo? Vexamos cinco delas.

CULTIVEMOS CALIDADES QUE NOS AXUDEN A SER PERSOAS NAS QUE SE PODE CONFIAR

12. Por que podemos dicir que o amor é a base da confianza? Pon un exemplo.

12 O amor é a base da confianza. Xesús dixo que os dous mandamentos máis importantes son amar a Xehová e amar o próximo (Mt. 22:37-39). O noso amor por Xehová anímanos a imitar o seu exemplo perfecto de confianza. Por exemplo, o amor polos nosos irmáns motívanos a non contarlle a ninguén os seus asuntos privados. Nunca deberiamos revelar información deles que poida facerlles dano, avergonzalos ou causarlles dor (Xn. 15:12).

13. Como nos axuda a humildade a ser persoas nas que se pode confiar?

13 A humildade axudaranos a ser persoas nas que se pode confiar. Cando un cristián é humilde, non trata de impresionar a outros sendo o primeiro en contar algo (Flp. 2:3). Tampouco intenta que os demais pensen que sabe cousas importantes que non pode contar. Ademais, a humildade tamén nos axudará a non andar especulando sobre asuntos que non se mencionan na Biblia ou nas nosas publicacións.

14. Como nos axuda o discernimento a ser persoas de fiar?

14 O discernimento axudaranos a distinguir entre “un tempo para calar e un tempo para falar” (Ecl. 3:7). Hai un refrán que di que “falar é prata pero calar é ouro”. Noutras palabras, ás veces é mellor estar calados que falar. Con razón, falando das persoas que teñen discernimento, Proverbios 11:12 di: “O home prudente cala”. Vexamos un exemplo. A un ancián con experiencia pedíaselle con frecuencia que axudase a outras congregacións con problemas difíciles. Un dos seus compañeiros anciáns comenta: “Sempre ten moito coidado de non compartir información confidencial doutras congregacións”. Grazas ó seu discernimento, este ancián conseguiu ganar o respecto dos demais anciáns da súa congregación. Por iso todos confían en que non contará nada confidencial a outros.

15. Pon un exemplo que demostre que ser honestos pode axudarnos a ganar a confianza dos demais.

15 A honestidade é outra calidade que necesitamos para ser persoas fiables. Confiamos nunha persoa honesta porque sabemos que sempre di a verdade (Ef. 4:25; Heb. 13:18TNM). Imaxina que queres mellorar a túa forma de ensinar. Entón pídeslle a alguén que escoite a túa asignación e que che dea algún consello. En quen confiarías? En quen che di todo o que queres oír, ou en quen é honesto e che di a verdade con cariño? A resposta está clara. A Biblia di: “É mellor a corrección expresada que o amor oculto. As feridas causadas por un amigo son fieis” (Pr. 27:5, 6TNM). Aínda que ó principio nos custe escoitalos, os comentarios honestos dos nosos amigos beneficiarannos a longo prazo.

16. De que maneira destaca Proverbios 10:19 que necesitamos ter autocontrol?

16 O autocontrol tamén é algo que necesitamos se queremos ganar a confianza doutros. Esta calidade axudaranos a non dicir nada cando nos sintamos tentados a contar algo confidencial (le Proverbios 10:19). Por exemplo, pode que o noso autocontrol se poña a proba cando usemos as redes sociais. Se non temos coidado, poderiamos revelar sen querer información confidencial a moitas persoas. O certo é que cando enviamos información por medios electrónicos, deixamos de ter o control sobre ela e non sabemos como pode ser usada ou todo o dano que pode causar. O autocontrol tamén nos axudará a estar calados cando os opositores intenten que revelemos información que podería poñer en perigo os nosos irmáns. Isto pode pasar cando nos interrogue a policía dun país onde a nosa obra estea prohibida ou restrinxida. Nestas e noutras situacións facemos ben en “gardar con freo” a nosa boca, é dicir, mantela pechada (Sal. 39:2 [39:1, TNM]). Tanto na familia, como cos nosos amigos, cos nosos irmáns e co resto da xente, debemos ser persoas nas que se pode confiar. E para iso necesitamos ter autocontrol.

17. Como podemos contribuír a que haxa un ambiente de confianza na nosa congregación?

17 Canto agradecemos que Xehová nos achegase ó seu pobo! Nel estamos rodeados de persoas nas que podemos confiar e que son moi amorosas. Non esquezamos que todos temos a responsabilidade de ganar a confianza dos nosos irmáns, e isto é algo no que todos debemos seguir mellorando. Se cada un de nós se esforza por mostrar amor, humildade, discernimento, honestidade e autocontrol, contribuiremos a que haxa un ambiente de confianza na congregación. Polo tanto, imitemos o noso Deus, Xehová, e sigamos esforzándonos por ganar a confianza dos demais.

CANCIÓN sjj 123 Sexamos fieis e submisos á orde teocrática

^ Se queremos que outros confíen en nós, primeiro temos que demostrar que somos persoas de fiar. Neste artigo imos ver por que a confianza é algo tan importante e que calidades nos axudarán a ser persoas nas que se pode confiar.

^ Se descubrimos que alguén da congregación cometeu un pecado grave, debemos dicirlle que busque a axuda dos anciáns. Se non o fai, entón a nosa lealdade a Xehová e á congregación debe motivarnos a falar con eles.

^ DESCRICIÓN DA IMAXE: Un ancián atendendo un asunto da congregación. Despois pasa tempo coa súa familia, pero non lles revela información confidencial.