Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 3

Xehová axúdanos a que as cousas nos vaian ben

Xehová axúdanos a que as cousas nos vaian ben

“O Señor favoreceu a Xosé [...], facendo prosperar todo nas súas mans” (XÉN. 39:2, 3).

CANCIÓN sjj 30 Meu amigo, meu Deus, meu Pai

AVANCE a

1, 2. a) Por que non nos sorprende ter que pasar por situacións difíciles? b) Que imos analizar neste artigo?

 ÓS SERVOS de Xehová non nos sorprende que teñamos que pasar por situacións difíciles. De feito, a Biblia di que teremos que “pasar por moitos traballos, para entrarmos no Reino de Deus” (Feit. 14:22). Ademais, sabemos que algúns dos nosos problemas non se solucionarán por completo ata que vivamos no novo mundo. Teremos que esperar a que chegue o día no que se cumpran estas palabras: “A morte xa non existirá máis. Nin haberá máis loito nin pranto nin dor” (Ap. 21:4).

2 Xehová non nos protexe das dificultades, pero si que nos axuda a aguantalas. Fíxate no que lles dixo o apóstolo Paulo ós cristiáns que vivían en Roma. Despois de mencionar varios problemas ós que se estaban enfrontando el e os seus irmáns, escribiu: “En todas estas cousas vencemos coa axuda daquel que nos amou” (Rm. 8:35-37). Isto quere dicir que Xehová pode axudarche incluso cando esteas pasando por un problema. Imos ver como lle axudou a Xosé e como pode axudarche a ti tamén.

CANDO DE REPENTE CAMBIAN AS COUSAS

3. Como lle cambiou rapidamente a vida a Xosé?

3 O patriarca Xacob demostrou que quería moito o seu fillo Xosé (Xén. 37:3, 4). Debido a isto, os seus fillos máis vellos empezaron a sentir celos do seu irmán. Cando viron a oportunidade, vendérono a uns comerciantes madianitas. Estes comerciantes levaron a Xosé a Exipto, que estaba a centos de quilómetros da súa casa. Alí vendérono a Potifar, o xefe da garda do Faraón. Que rápido lle cambiou a vida a Xosé! Pasou de ser o fillo que máis quería seu pai a ser un pobre escravo en Exipto (Xén. 39:1).

4. Que tipo de problemas poderiamos afrontar?

4 A Biblia di que “a todos lles chega algún mal momento” (Ecl. 9:11TNM). Ás veces, podemos pasar por problemas que son comúns “a tódalas persoas”, é dicir, problemas que calquera persoa pode sufrir (1 Cor. 10:13TNM). Ou pode ser que simplemente suframos por ser discípulos de Xesús. Por exemplo, poderiamos sufrir burlas, oposición ou incluso persecución pola nosa fe (2 Tim. 3:12). Sen importar cal sexa o problema polo que esteas pasando, Xehová pode facer que as cousas che vaian ben. Como lle axudou a Xosé?

Xehová fixo que as cousas lle fosen ben a Xosé, incluso cando o venderon como escravo a Potifar (ver o parágrafo 5).

5. Cando Potifar viu que as cousas lle ían ben a Xosé, a que conclusión chegou? (Xénese 39:2-6).

5 Le Xénese 39:2-6. Potifar deuse conta de que Xosé era un home moi hábil e traballador. Sabía que isto era grazas a que Xehová estaba “facendo prosperar todo” nas mans de Xosé. b Co tempo, Potifar converteuno no seu axudante persoal e púxoo a cargo de toda a súa casa. Como resultado, Potifar prosperou.

6. Como se puido sentir Xosé na súa situación?

6 Imaxina como se puido sentir Xosé. Que era o que máis quería? Cres que era que Potifar se fixase nel e o recompensase? O máis probable é que quixese ser libre para poder volver co seu pai. Despois de todo, a pesar dos privilexios que tiña na casa de Potifar, Xosé seguía sendo un escravo que tiña que servir a un amo que non adoraba a Xehová. Pero Deus non fixo que Potifar liberase a Xosé. Aínda por riba, a súa situación estaba a punto de empeorar aínda máis.

CANDO A SITUACIÓN EMPEORA

7. Como empeorou a situación de Xosé? (Xénese 39:14, 15).

7 No capítulo 39 de Xénese, dise que a muller de Potifar sentíase atraída por Xosé e intentaba seducilo unha e outra vez, pero el rechazábaa sempre. Ó final, ela enfadouse tanto que o acusou de intentar violala (le Xénese 39:14, 15). Cando Potifar soubo do asunto, meteu a Xosé no cárcere, onde estivo durante algúns anos (Xén. 39:19, 20). Como era aquela prisión? A palabra hebrea que usou Xosé para falar do cárcere pode significar “cisterna” ou “foxo”. Isto podería indicar que era un sitio escuro e que Xosé se sentía sen esperanza (Xén. 40:15TNM). Ademais, a Biblia describe polo que tivo que pasar Xosé durante un tempo: “Atáronlle os pés con grillóns, botáronlle cadeas de ferro ó pescozo” (Sal. 105:17, 18). A súa situación ía de mal en peor. Pasou de ser un escravo no que confiaban a un simple prisioneiro.

8. De que podemos estar seguros aínda que a nosa situación empeore?

8 Pasaches algunha vez por unha situación que che preocupase moito e que fose de mal en peor a pesar de que non deixabas de orar? É algo que pode pasar. Xehová non nos protexe das dificultades que poidamos ter neste mundo controlado por Satanás (1 Xn. 5:19). Aínda así, podes estar seguro disto: Xehová preocúpase por ti e sabe perfectamente polo que estás pasando (Mt. 10:29-31; 1 Pe. 5:6, 7). De feito, el prometeu: “Non te deixarei nin te desampararei” (Heb. 13:5). Deus pode axudarche a aguantar incluso cando parece que a túa situación non ten solución. Imos ver como se cumpriu isto no caso de Xosé.

Xehová mantívose ó lado de Xosé incluso cando estivo no cárcere e o puxeron a cargo de tódolos prisioneiros (ver o parágrafo 9).

9. Que demostra que Xehová estaba con Xosé mentres estivo no cárcere? (Xénese 39:21-23).

9 Le Xénese 39:21-23. Incluso durante ese período tan difícil que pasou no cárcere, Xehová fixo que as cousas lle saísen ben a Xosé. Como? Co tempo, igual que pasara con Potifar, Xosé conseguiu que o xefe do cárcere confiase nel e o respectase. Máis tarde, este home púxoo a cargo doutros prisioneiros. De feito, a Biblia di que “non controlaba cousa ningunha do que Xosé facía”. Agora Xosé tiña un traballo produtivo que lle axudaba a ter a mente ocupada. Vaia cambio tan inesperado! Como se chegou a confiar tanto nun prisioneiro que fora acusado de intentar violar á muller dun alto funcionario? Só hai unha explicación posible. Como di Xénese 39:23, Xehová “estaba con el, e todo o que el facía saía ben”.

10. Explica por que puido pensar Xosé que non todo lle ía ben.

10 Volve a imaxinar como se puido sentir Xosé. Cando o acusaron falsamente e o meteron no cárcere, cres que pensaba que todo lle ía ben? Que era o que máis lle importaba? Conseguir que o xefe do cárcere confiase nel e o respectase? O máis probable é que quixese que se demostrase que era inocente e que o liberasen. Incluso lle pediu a outro prisioneiro que ía ser liberado que lle falase ben del ó Faraón para poder saír daquela prisión tan deprimente (Xén. 40:14). Pero aquel home non lle dixo nada ó Faraón nese momento, así que Xosé tivo que quedar no cárcere dous anos máis (Xén. 40:23; 41:1, 14). Aínda así, Xehová seguiu facendo que as cousas lle saísen ben. Como?

11. a) Que habilidade especial lle deu Xehová a Xosé? b) Como lle axudou isto a cumprir o propósito de Xehová?

11 Mentres Xosé estaba no cárcere, Xehová fixo que o rei de Exipto tivese dous soños que o deixaron moi preocupado. De feito, estaba desesperado por saber o que significaban. Cando lle dixeron que Xosé podía interpretar soños, mandouno chamar. Coa axuda de Xehová, Xosé interpretoullos e impresionouno cos consellos tan bos que lle deu. Ó ver que Xehová estaba con Xosé, o Faraón encargoulle que administrase toda a comida de Exipto (Xén. 41:38, 41-44). Tempo despois, houbo unha fame moi grande que non só afectou a Exipto, senón tamén a Canaán, a terra onde vivía a familia de Xosé. Agora Xosé podía salvar a súa familia e así conservar a liña xenealóxica da que viría o Mesías.

12. Como fixo Xehová que as cousas lle saísen ben a Xosé?

12 Pensa nas cousas tan sorprendentes que lle pasaron a Xosé na súa vida. Quen fixo que Potifar se fixase nun simple escravo coma Xosé? Quen provocou que o xefe do cárcere lle mostrase favor a Xosé, un simple prisioneiro? Quen causou que o Faraón tivese uns soños que o deixaron moi preocupado, e quen lle deu a Xosé a habilidade de interpretalos? Quen fixo que o Faraón lle encargase a Xosé administrar toda a comida de Exipto? (Xén. 45:5) Está claro que foi Xehová quen fixo que a Xosé lle saísen ben tódalas cousas que facía. Aínda que os seus irmáns quixeron matalo, Xehová deulle a volta á situación para que se cumprise o seu propósito.

XEHOVÁ FAI QUE AS COUSAS CHE VAIAN BEN

13. Controla Xehová todo o que nos pasa? Explica a túa resposta.

13 Que podemos aprender do relato de Xosé? Intervén Xehová en tódalas situacións ás que nos enfrontamos? Controla todo o que ocorre na nosa vida? Fai que tódalas cousas malas pasen por unha boa razón? Non, a Biblia non ensina iso (Ecl. 8:9; 9:11TNM). Pero si que mostra que, cando nos enfrontamos a unha proba, Xehová sabe polo que estamos pasando e escóitanos cando lle pedimos axuda (Sal. 34:16 [34:15, TNM]; Sal. 55:23 [55:22, TNM]; Is. 59:1). De feito, pode facer que as cousas nos vaian ben mentres aguantamos as probas. Como?

14. Como nos axuda Xehová nos momentos difíciles?

14 Unha maneira que ten Xehová de axudarnos é dándonos consolo e ánimo, normalmente xusto cando máis o necesitamos (2 Cor. 1:3, 4). Iso foi o que lle pasou a Eziz, un irmán de Turkmenistán ó que sentenciaron a dous anos de prisión pola súa fe. El conta: “A mañá do meu xuízo, un irmán mostroume Isaías 30:15, que di: ‘A vosa forza está en quedarvos quietos e tranquilos’. Grazas a isto puiden manter a calma e confiar en Xehová en todo momento. Meditar neste versículo axudoume durante todo o tempo que estiven preso”. Recordas algún momento difícil da túa vida no que Xehová che axudase dándoche consolo e ánimo xusto cando máis o necesitabas?

15, 16. Que nos ensina o que lle pasou a Tori?

15 Moitas veces non conseguimos ver como nos está axudando Xehová a aguantar unha proba. Só nos damos conta cando xa se terminou. Unha irmá chamada Tori comprobou que isto é certo. O seu fillo Mason morreu despois de loitar durante seis anos contra un cáncer. Como é lóxico, Tori estaba desfeita. Ela di: “Penso que non hai nada máis doloroso para unha nai”. E engade: “Estou segura de que outros pais estarán de acordo en que ver sufrir o teu fillo é peor que sufrir ti mesmo”.

16 Aínda que Tori pasou por unha situación devastadora, despois parouse a pensar en como lle axudara Xehová a aguantar. Ela explica: “Cando penso naquela época, podo ver a cariñosa man de Xehová coidándonos durante todo o tempo que o meu fillo estivo enfermo. Por exemplo, incluso cando estaba demasiado enfermo para recibir visitas, os irmáns viaxaban dúas horas ata o hospital. Sempre había alguén na sala de espera para apoiarnos. Ademais, encargáronse de que tivésemos todo o necesario en sentido material. Incluso nos momentos máis difíciles nunca nos faltou nada”. Xehová deulle a Tori o que necesitaba para aguantar, e fixo o mesmo con Mason. (Mira o recadro “ Xehová deunos xusto o que necesitabamos”).

ACÓRDATE DE TÓDALAS VECES QUE XEHOVÁ CHE AXUDOU

17, 18. Que nos axudará a recoñecer e a agradecer todo o que fai Xehová por nós cando pasamos por problemas? (Sal. 40:6 [40:5, TNM]).

17 Le Salmo 40:6 (40:5, TNM). O obxectivo dun alpinista é chegar á cima. Pero hai moitos lugares polo camiño nos que pode parar e desfrutar das vistas. De maneira parecida, dedica tempo regularmente a pararte e a pensar en como está facendo Xehová que as cousas che vaian ben incluso cando estás pasando por problemas. Ó final de cada día pregúntate: “Que cousas boas fixo Xehová por min hoxe? Aínda que o problema non desapareza, como me está axudando a aguantar?”. Intenta atopar tódolos días polo menos unha cousa que Xehová fixese por ti.

18 Claro, é normal que ores para pedir que se solucione o teu problema. De feito, é bo que o fagas (Flp. 4:6). Pero tamén debemos recoñecer tódalas bendicións que temos agora. Despois de todo, Xehová promete que nos vai dar forzas e que nos vai axudar a aguantar. Así que nunca deixes de agradecerlle todo o que fai por ti. Así verás como Xehová fai que as cousas che vaian ben incluso cando pases por problemas, como fixo con Xosé (Xén. 41:51, 52).

CANCIÓN sn 27 Vente con Xehová!

a Cando estamos pasando por unha situación difícil, é probable que pensemos que Xehová non nos está axudando. Poderiamos crer que só nos axuda cando as cousas nos van ben. Pero o que lle pasou a Xosé ensínanos unha lección moi importante: Xehová pode facer que as cousas nos vaian ben incluso cando pasamos por problemas. Neste artigo explicarase como é posible.

b A Biblia describe estes primeiros cambios na vida de Xosé como escravo en tan só uns poucos versículos, pero é probable que todo isto pasase nun período de tempo de varios anos.