Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 9

Valora o regalo da vida

Valora o regalo da vida

“Por el temos vida, movémonos e existimos” (FEIT. 17:28, TNM).

CANCIÓN sjj 141 O milagre da vida

AVANCE a

1. Canto valor ten a nosa vida para Xehová?

 IMAXINA que un amigo che regala un cadro moi antigo pero moi valioso. Aínda que perdeu algo de color e ten algunhas manchas e marcas, vale millóns de euros. Seguro que valorarías e protexerías moito esa obra de arte. De maneira parecida, Xehová deunos un regalo moi valioso: a vida. De feito, Xehová demostrou canto valora a nosa vida ó dar o seu fillo para rescatarnos (Xn. 3:16).

2. De acordo con 2 Corintios 7:1, que espera Xehová de nós?

2 Xehová é a Fonte da vida (Sal. 36:10 [36:9, TNM]). O apóstolo Paulo tamén cría iso, e por iso dixo: “Por el temos vida, movémonos e existimos” (Feit. 17:25, 28, TNM). Así que temos boas razóns para dicir que a vida é un regalo de Deus. El quérenos moito e dános o que necesitamos para seguir vivos (Feit. 14:15-17). Pero non fai milagres para salvarnos a vida. En vez diso, espera que fagamos todo o posible por coidar a nosa saúde física e espiritual (le 2 Corintios 7:1). Por que deberiamos protexer a nosa saúde e a nosa vida, e como podemos facelo?

VALORA O REGALO DA VIDA

3. Cal é unha das razóns polas que deberiamos esforzarnos por ter boa saúde?

3 Unha das razóns polas que deberiamos esforzarnos por ter boa saúde é porque queremos servir a Xehová o mellor posible (Mc. 12:30). Queremos presentar os nosos corpos “coma sacrificio vivo, santo, grato a Deus”. Por iso evitamos cousas que sabemos que nos fan dano (Rm. 12:1). Por suposto, por moito que nos esforcemos, non hai garantía de que non vaiamos enfermar. Pero facemos o que podemos porque queremos demostrarlle ó noso Pai celestial que valoramos o regalo da vida.

4. Que quería facer o rei David?

4 O rei David explicou por que valoraba tanto o regalo da vida que Deus lle dera. Escribiu: “¿Que gañas ti coa miña morte e con que eu baixe ó sepulcro? ¿Ou é que pode louvarte o po e proclama-la túa fidelidade?” (Sal. 30:10 [30:9, TNM]). É probable que David escribise estas palabras cara ó final da súa vida. Pero estaba decidido a coidar a súa saúde e a seguir vivo todo o que puidese para seguir servindo a Xehová. Non hai ningunha dúbida de que nós tamén estamos decididos a facer o mesmo.

5. Que podemos facer aínda que sexamos maiores ou esteamos enfermos?

5 Se somos maiores ou estamos enfermos, é probable que non poidamos facer moitas das cousas que faciamos antes. E iso pode frustrarnos ou facer que nos sintamos tristes. Pero nunca deberiamos rendernos nin descoidar a nosa saúde. Por que? Porque podemos seguir servindo a Xehová, igual que fixo o rei David. Canto nos anima saber que Deus nos valora moito aínda que sexamos maiores ou esteamos enfermos! (Mt. 10:29-31) Incluso se chegamos a morrer, el está desexando resucitarnos (Xob 14:14, 15). Mentres esteamos vivos, queremos facer todo o que poidamos por protexer a nosa saúde e a nosa vida.

EVITA OS HÁBITOS QUE CHE FAGAN DANO

6. Como espera Xehová que sexan os nosos hábitos de comer e de beber?

6 Aínda que a Biblia non é un manual de saúde nin de dietas, ensínanos o que pensa Xehová sobre estes temas. Por exemplo, aconséllanos que evitemos “as cousas que fan dano” (Ecl. 11:10, TNM). Tamén nos di que non debemos emborracharnos nin comer en exceso. Por que? Porque son cousas que poden danar a nosa saúde e incluso acabar coa nosa vida (Pr. 23:20). Xehová espera que teñamos autocontrol á hora de escoller o que imos comer e o que imos beber, e tamén ó decidir canto imos tomar (1 Cor. 6:12; 9:25).

7. Como nos axuda o consello de Proverbios 2:11 (TNM) a tomar boas decisións sobre a nosa saúde?

7 Cando usamos a nosa “capacidade de pensar” para tomar decisións, demostramos que valoramos moito o regalo da vida (Sal. 119:99, 100; le Proverbios 2:11, TNM). Por exemplo, pensámolo ben antes de decidir o que imos comer. Se hai algunha comida que nos gusta pero sabemos que nos vai facer mal, o sentido común fai que a evitemos. Tamén demostramos que usamos a nosa capacidade de pensar cando descansamos o suficiente, facemos exercicio con regularidade, temos bos hábitos de hixiene persoal e mantemos limpa a nosa casa.

INTENTA EVITAR OS ACCIDENTES

8. Que nos ensina a Biblia sobre o importante que é a nosa seguridade para Xehová?

8 A Lei que Xehová lles deu ós israelitas incluía normas que lles axudaban a evitar accidentes graves na casa e no traballo (Éx. 21:28, 29; Dt. 22:8). Se alguén mataba outra persoa sen querer, as consecuencias eran moi graves (Dt. 19:4, 5). Ademais, a Lei incluso mandaba que se alguén lle facía dano a un bebé que aínda non nacera tiña que ser castigado (Éx. 21:22, 23, TNM). As Escrituras deixan claro que Xehová quere que fagamos todo o posible por evitar os accidentes.

Como demostramos que respectamos a vida nestas situacións? (Ver o parágrafo 9).

9. Que precaucións podemos tomar para evitar accidentes? (Ver as imaxes).

9 Demostramos que valoramos o regalo da vida cando tomamos medidas de seguridade na casa e no traballo. Por exemplo, gardamos os obxectos cortantes, os produtos químicos e os medicamentos nun lugar seguro, e mantémolos fóra do alcance dos nenos. Ademais, temos moito coidado cando prendemos un lume, ou cando andamos con líquidos quentes ou ferramentas eléctricas, e nunca os deixamos sen supervisión. Tampouco conducimos o coche baixo os efectos dos medicamentos ou do alcohol, ou cando temos sono. E non usamos dispositivos electrónicos mentres conducimos para non distraernos.

CANDO HAI UNHA DESGRAZA

10. Que podemos facer antes e durante unha situación que poña en perigo a nosa vida?

10 Ás veces non podemos evitar que algo poña en perigo a nosa vida, sobre todo se se trata dun desastre natural, dunha epidemia ou dun conflito violento. Pero, cando pasan esas cousas, podemos intentar reducir os riscos e aumentar as nosas posibilidades de sobrevivir se obedecemos os toques de queda, as ordes de evacuación e as restricións que impoñan as autoridades (Rm. 13:1, 5-7). Algúns deses perigos pódense prever con antelación. Por iso facemos ben en seguir as instrucións que nos dan as autoridades locais para axudarnos a prepararnos para un desastre. Por exemplo, pode ser útil almacenar auga, alimentos non perecedoiros e un kit de primeiros auxilios.

11. Que deberiamos facer se aparece unha enfermidade contaxiosa na nosa zona?

11 Que deberiamos facer se aparece unha enfermidade contaxiosa na nosa zona? Deberiamos obedecer as instrucións que nos dean as autoridades como, por exemplo, lavar as mans, manter a distancia física, levar máscara e facer corentena. Cando obedecemos estas instrucións, demostramos canto valoramos o regalo da vida.

12. Se hai unha emerxencia, como nos axuda o consello de Proverbios 14:15 a decidir a que información lle imos facer caso?

12 Cando hai unha emerxencia, é probable que se espalle información que non sexa exacta entre os amigos, os veciños e nos medios de comunicación. En vez de crer todo o que escoitamos, debemos facerlle caso á información máis fiable que dean os gobernos e as autoridades sanitarias (le Proverbios 14:15). O Consello Reitor e os comités de sucursal fan todo o que poden para conseguir información exacta antes de dar instrucións sobre as reunións de congregación e a predicación (Heb. 13:17). Cando seguimos esas instrucións, protexémonos a nós mesmos e tamén a outros. Ademais, facemos que outras persoas teñan unha opinión máis positiva sobre as testemuñas de Xehová (1 Pe. 2:12).

ABSTENTE DE SANGUE

13. Como podemos obedecer a lei de Xehová sobre o sangue e demostrar así que valoramos a vida?

13 Moitas persoas saben que as testemuñas de Xehová vemos o sangue como algo sagrado. Obedecemos a lei de Xehová sobre o sangue ó negarnos a aceptar transfusións de sangue, incluso cando hai unha emerxencia médica (Feit. 15:28, 29). Pero iso non quere dicir que queiramos morrer. Todo o contrario: valoramos moito o regalo da vida que nos deu Xehová. Por iso buscamos a axuda de profesionais que estean dispostos a darnos atención médica de calidade sen transfusións de sangue.

14. Como podemos reducir as probabilidades de necesitar unha operación ou algún outro tratamento médico?

14 Se seguimos os consellos que se mencionan neste artigo para coidar da nosa saúde, poderemos reducir as probabilidades de necesitar unha operación ou algún outro tratamento médico. Canto máis sans esteamos, mellor aguantaremos unha operación e máis rápido nos recuperaremos. Que máis podemos facer para reducir o risco de que teñan que operarnos de urxencia? Eliminar calquera perigo que haxa na nosa casa ou no traballo, e obedecer estritamente as leis de tráfico.

Cubrimos a tarxeta de instrucións médicas e levámola sempre con nós porque valoramos o regalo da vida (ver o parágrafo 15). d

15. a) Por que é importante que levemos con nós a tarxeta de instrucións médicas actualizada? (Ver a imaxe). b) Como se mostra no vídeo, como podes informarte ben para tomar decisións sobre o uso médico do sangue?

15 Como valoramos o regalo da vida, cubrimos a tarxeta de instrucións médicas e levámola con nós todo o tempo. b Neste documento expresamos os nosos desexos sobre o uso das transfusións de sangue e outros tratamentos médicos. Tes este documento actualizado? Se necesitas enchelo ou actualizalo, faino canto antes. Deixar ben claro por escrito os nosos desexos axudaranos a evitar que se perda tempo de maneira innecesaria decidindo cal vai ser o noso tratamento. Ademais, tamén lles axudará ós médicos a evitar calquera malentendido que lle poida facer dano á nosa saúde. c

16. Que podemos facer se temos dúbidas sobre como cubrir a tarxeta de instrucións médicas?

16 Sen importar se somos novos ou estamos sans, todos podemos sufrir accidentes e enfermar (Ecl. 9:11, TNM). Por iso, sería moi sabio cubrir a tarxeta de instrucións médicas. Se tes dúbidas sobre como facelo, pídelles ós anciáns da túa congregación que che axuden. Aínda que eles se esforzan por estar ó día e saber como cubrir este documento, non van tomar decisións médicas por ti. Esa responsabilidade é túa (Gál. 6:4, 5). Pero si que che poden axudar a entender que opcións tes e a poñer as túas decisións por escrito.

SÉ RAZOABLE

17. Como podemos demostrar que somos razoables en temas de saúde?

17 Moitas das decisións que tomamos sobre a nosa saúde e os tratamentos médicos baséanse na nosa conciencia educada pola Biblia (Feit. 24:16; 1 Tim. 3:9). Cando tomamos esas decisións e falamos delas con outros, é bo que apliquemos o principio que atopamos en Filipenses 4:5 (TNM): “Que todos saiban que sodes persoas razoables”. Cando somos razoables, non nos imos ó extremo de preocuparnos demasiado pola nosa saúde física nin tampouco lles insistimos a outros para que pensen igual ca nós. Amamos e respectamos os nosos irmáns, incluso se as decisións que toman son diferentes ás nosas (Rm. 14:10-12).

18. Como podemos demostrarlle a Xehová que estamos agradecidos polo regalo da vida?

18 Xehová é a Fonte da vida. Como podemos demostrarlle que estamos agradecidos por ese regalo? Protexendo a nosa vida e dándolle o mellor de nós (Ap. 4:11). De momento, temos que enfrontarnos ás enfermidades e a outras desgrazas. Pero esta non é a vida que o noso Creador quería para nós. Por iso nos vai dar vida eterna dentro de pouco, sen sufrimento nin morte (Ap. 21:4). Mentres tanto, que marabilloso é estar vivos e servir a Xehová, o noso cariñoso Pai celestial!

CANCIÓN sn 55 A vida sen final

a Xehová deunos o regalo da vida. Este artigo axudaranos a valorar este regalo aínda máis. Imos ver que cousas específicas podemos facer para protexer a nosa saúde, e tamén a nosa vida cando hai un desastre. Ademais, falaremos de como reducir o risco de ter un accidente e de como prepararnos para unha emerxencia médica.

b A este documento chámaselle Declaración de voluntades anticipadas ou DPA polas súas siglas en inglés.

c Mira o vídeo Como tomar boas decisións sobre o uso médico do sangue, dispoñible en jw.org.

d DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán cubrindo a súa tarxeta de instrucións médicas e asegurándose de que a leva cando sae da casa.