Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 35

Sigue sendo paciente

Sigue sendo paciente

“Tede, logo, paciencia” (SANT. 5:7).

CANCIÓN sjj 115 Agradecidos pola paciencia de Xehová

AVANCE a

1. Por que aprecias as persoas que son pacientes?

 A TODOS nos gustan as persoas pacientes. Respectamos a quen é capaz de esperar por algo sen impacientarse. E tamén valoramos que demostren esta calidade con nós cando cometemos erros. Ademais estamos moi agradecidos de que o noso mestre da Biblia fose paciente cando nos custaba aprender, aceptar ou aplicar algunha ensinanza bíblica. Pero, sobre todo, dámoslle moitas grazas a Xehová por ser paciente con nós (Rm. 2:4).

2. En que situacións pode resultarnos difícil ser pacientes?

2 Aínda que valoramos moito que outros sexan pacientes, pode que a nós mesmos se nos faga difícil demostrar esta calidade. Por exemplo, quizais nos custe manter a calma cando estamos nun atasco de tráfico, sobre todo se imos tarde. Poida que perdamos os nervios cando alguén di ou fai algo que nos irrita. E, ás veces, pódesenos facer difícil seguir esperando polo novo mundo que promete Xehová. Gustaríache ser máis paciente? Neste artigo veremos que implica demostrar esta calidade e por que é tan importante. Tamén imos analizar que nos pode axudar a ser máis pacientes.

QUE IMPLICA DEMOSTRAR PACIENCIA?

3. Como reacciona a persoa paciente cando algo lle molesta?

3 Vexamos catro formas nas que podemos demostrar paciencia. Primeira: a persoa paciente non se enfada rapidamente. Cando alguén fai algo que lle molesta, mantén a calma e non responde da mesma maneira. Tampouco trata os demais de forma brusca aínda que estea baixo presión. A expresión “tardo á ira” aparece por primeira vez na Biblia cando Xehová se describe a si mesmo como un “Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade” (Éx. 34:6).

4. Como reacciona a persoa paciente cando ten que esperar?

4 Segunda: a persoa paciente espera con calma. Cando algo tarda máis do esperado, quen é paciente intenta non inquietarse nin enfadarse (Mt. 18:26, 27). Hai moitas situacións nas que necesitamos esperar con calma. Por exemplo, cando alguén fala temos que escoitar con paciencia e non interrompelo (Xob 36:2). Tamén necesitamos esta calidade se lle estamos axudando a un estudante a entender unha ensinanza bíblica ou a superar algún mal hábito.

5. Cal é outra forma de demostrar paciencia?

5 Terceira: a persoa paciente non se apresura. Por suposto, algunhas situacións requiren que actuemos rápido. Pero, cando unha persoa paciente ten que encargarse dunha tarefa importante, non anda ás présas. En vez diso, asegúrase de dedicar o tempo necesario tanto para organizarse como para facela ben.

6. Como reacciona a persoa paciente cando se enfronta a probas ou dificultades?

6 Cuarta: a persoa paciente esfórzase por soportar as probas sen queixarse. Neste caso, a paciencia está moi relacionada co aguante. Por suposto, cando pasamos por un problema non está mal abrirlle o noso corazón a un bo amigo e contarlle como nos sentimos. Pero, a persoa paciente concéntrase nas cousas positivas que ten na súa vida e intenta facer todo o que pode para seguir servindo a Xehová con alegría (Col. 1:11). Os servos de Xehová temos que demostrar paciencia de todas estas formas. Por que? Imos ver algunhas razóns.

POR QUE É TAN IMPORTANTE DEMOSTRAR PACIENCIA

Igual que un agricultor espera con paciencia e confía en que recollerá a colleita cando chegue o momento, nós tamén esperamos con paciencia e confiamos en que Xehová vai cumprir tódalas súas promesas ó seu debido tempo (ver o parágrafo 7).

7. Segundo Santiago 5:7, 8, por que é importante ser pacientes? (Ver tamén a imaxe).

7 A paciencia é imprescindible para salvarse e conseguir a vida eterna. Igual que os servos fieis do pasado, temos que esperar con paciencia a que Deus cumpra as súas promesas (Heb. 6:11, 12). A Biblia compáranos a un agricultor (le Santiago 5:7, 8). Este traballa moi duro plantando e regando, aínda que non sabe exactamente cando medrará o que plantou. Así que o agricultor espera con paciencia, confiando en que recollerá a súa colleita. Da mesma forma, nós tamén nos mantemos moi ocupados nas actividades espirituais, aínda que non sabemos exactamente cando virá o día de Xehová (Mt. 24:42). E esperamos con paciencia, confiando en que Deus cumprirá todo o que prometeu ó seu debido tempo. Se nos impacientamos pode que nos cansemos de esperar e, pouco a pouco, deixemos a Xehová. Tamén poderiamos empezar a ir tras cousas que pensamos que nos darán felicidade xa agora. Pero se somos pacientes poderemos aguantar ata o fin e salvarnos (Miq. 7:7, TNM; Mt. 24:13).

8. Como nos axuda a paciencia a ter unha boa relación cos demais? (Colosenses 3:12, 13).

8 A paciencia tamén fai posible que teñamos unha boa relación cos demais. Axúdanos a escoitar cando outros falan (Sant. 1:19). Ademais, esta calidade promove a paz porque impide que reaccionemos demasiado rápido e digamos algo pouco amable cando estamos baixo presión. E grazas á paciencia, non nos enfadamos facilmente cando alguén di ou fai algo que nos doe. En vez de responder da mesma forma, aplicamos o seguinte consello: “Aturádevos uns ós outros e perdoádevos” (le Colosenses 3:12, 13).

9. Como nos axuda a paciencia cando temos que tomar decisións? (Proverbios 21:5).

9 A paciencia tamén pode axudarnos a tomar mellores decisións. En vez de precipitarnos ou ser impulsivos, dedicaremos tempo a investigar e valorar tódalas opcións (le Proverbios 21:5). Por exemplo, se estamos buscando traballo poida que nos sintamos tentados a aceptar o primeiro que nos ofrezan, aínda que iso implique faltar a algunhas reunións ou predicar menos. Pero, se somos pacientes, dedicaremos tempo a pensar en aspectos como o lugar, o horario e en como lle afectará á nosa familia e á nosa relación con Xehová. Así evitaremos tomar unha mala decisión.

COMO SER MÁIS PACIENTE

10. Como pode un cristián seguir cultivando a paciencia?

10 Pídelle a Xehová que che dea máis paciencia. A paciencia é unha calidade do froito do espírito (Gál. 5:22, 23). Así que, cando nos enfrontemos a unha situación que poña a proba a nosa paciencia, debemos pedirlle vez tras vez a Xehová que nos dea o seu espírito santo para demostrar esta calidade (Lc. 11:9, 13). Tamén podemos pedirlle que nos axude a ver as cousas como el as ve. E despois de orarlle temos que facer todo o que poidamos por ser pacientes sempre. Se damos estes pasos, Xehová axudaranos a conseguir que esta calidade chegue a ser parte da nosa personalidade.

11, 12. Como demostrou paciencia Xehová?

11 Medita en exemplos da Biblia. Na Biblia atopamos moitos exemplos de persoas que foron pacientes. Cando meditamos neles podemos aprender diferentes formas de demostrar esta calidade. A continuación veremos algúns deles. Pero antes imos analizar o exemplo máis impresionante de paciencia: Xehová.

12 No xardín de Edén, o Demo calumniou o nome de Xehová ó intentar que Eva dubidase de que Deus é un gobernante xusto e amoroso. En vez de destruír a Satanás inmediatamente, Xehová mostrou paciencia e autocontrol sabendo que, desta maneira, pasaría tempo suficiente para que quedase demostrado que o seu goberno é o mellor. E mentres tanto, aguantou tódalas mentiras que se din sobre el. Ademais, Xehová estivo esperando con paciencia para que máis xente poida ter a oportunidade de vivir para sempre (2 Pe. 3:9, 15). Como resultado, millóns de persoas chegaron a coñecelo. Se nos concentramos nos beneficios da paciencia de Xehová, seranos máis fácil esperar a que chegue o momento no que el acabe con este sistema.

A paciencia axudaranos a non enfadarnos con facilidade cando nos provocan (ver o parágrafo 13).

13. Como imitou Xesús á perfección a paciencia de seu Pai? (Ver tamén a imaxe).

13 Xesús imita á perfección a paciencia de seu Pai, e demostrouno cando estivo aquí na Terra. Seguro que non sempre lle foi fácil, especialmente cos escribas e cos fariseos, que eran moi hipócritas (Xn. 8:25-27). Pero igual ca seu Pai, Xesús non se enfadaba con facilidade, nin tampouco respondía mal cando o insultaban ou o provocaban (1 Pe. 2:23). Aguantou as probas con paciencia e sen queixarse. Con razón a Biblia nos di: “Meditade, polo tanto, naquel que veu soportando tal oposición contra si mesmo de parte dos pecadores” (Heb. 12:2, 3). Coa axuda de Xehová, nós tamén podemos aguantar calquera dificultade con paciencia.

Se imitamos a paciencia de Abraham podemos estar seguros de que Xehová nos recompensará xa agora e moito máis no futuro novo mundo (ver o parágrafo 14).

14. Que podemos aprender da paciencia de Abraham? (Hebreos 6:15) (Ver tamén a imaxe).

14 Pero que pasa se aínda non se cumpriron as nosas expectativas sobre o fin deste sistema? Quizais esperabas que chegase hai moito tempo, e agora tes medo de non vivir o suficiente para velo. Que che pode axudar a seguir esperando con paciencia? Vexamos o exemplo de Abraham. Cando tiña 75 anos e aínda non tivera ningún fillo, Xehová prometeulle: “Eu farei de ti un pobo grande” (Xén. 12:1-4). Viu Abraham como se cumpría esa promesa? Só en parte. Despois de cruzar o río Éufrates e esperar 25 anos, Abraham puido ter o seu fillo Isaac grazas a que Xehová fixo un milagre. E despois doutros 60 anos, naceron os seus netos, Esaú e Xacob (le Hebreos 6:15). É certo que Abraham nunca viu que os seus descendentes chegasen a ser unha gran nación e herdasen a Terra Prometida. Pero este home fiel tivo unha amizade estreita co seu Creador (Sant. 2:23). E cando resucite alegraralle moito saber que grazas á súa fe e paciencia tódalas nacións da Terra tiveron moitas bendicións! (Xén. 22:18) Cal é a lección? Pode que non vexamos como se cumpren tódalas promesas de Xehová agora. Con todo, se somos pacientes coma Abraham, podemos estar seguros de que Xehová nos recompensará xa agora e moito máis no novo mundo que el prometeu (Mc. 10:29, 30).

15. Que poderías analizar no teu estudo persoal?

15 A Biblia contén moitos outros exemplos de persoas que foron pacientes (Sant. 5:10). Por que non investigas sobre eles no teu estudo persoal? b Por exemplo, aínda que David fora unxido para ser o futuro rei de Israel xa de moi novo, tivo que esperar moitos anos para recibir o trono. E Simeón e Ana adoraron a Xehová fielmente mentres esperaban polo Mesías prometido (Lc. 2:25, 36-38). Cando estudes estes relatos, busca as respostas ás seguintes preguntas: Que lle axudou a esta persoa a ser paciente? Como se beneficiou de demostrar paciencia? E, como podo imitalo? Tamén podes sacar proveito de estudar os relatos de persoas que non foron pacientes (1 Sam. 13:8-14). Cando o fagas, pensa nas seguintes preguntas: Que fixo que se impacientase? Que consecuencias tivo?

16. Cales son algúns beneficios de ser pacientes?

16 Pensa nos beneficios de ser paciente. Se somos pacientes seremos máis felices e estaremos máis tranquilos, e iso mellorará a nosa saúde mental e física. Tamén fará que nos levemos mellor cos demais e que a nosa congregación estea máis unida. Se non nos enfadamos rapidamente cando alguén nos provoca, contribuiremos a que o problema non vaia a peor (Sal. 37:8; Pr. 14:29). Pero, sobre todo, estaremos imitando o noso Pai celestial e acercándonos aínda máis a el.

17. Que debemos estar decididos a facer?

17 A paciencia é unha calidade moi atraente e que nos beneficia moito. Aínda que non sempre nos resulta fácil demostrala, coa axuda de Xehová podemos seguir mellorando. E, mentres esperamos con paciencia polo novo mundo, podemos estar seguros de que “os ollos do Señor miran polos seus fieis, polos que esperan na súa misericordia” (Sal. 33:18). Polo tanto, esteamos decididos a seguir demostrando paciencia.

CANCIÓN sjj 41 Sinte meu rogo

a Hoxe en día, a maioría da xente non ten paciencia. Pero a Biblia dinos que debemos cultivar esta calidade. Neste artigo veremos por que é tan importante demostrala e como podemos cultivala.

b Para atopar relatos bíblicos sobre a paciencia, vai ó Índice de las publicaciones Watch Tower en español e busca o tema “Paciencia.