Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 36

Carga só co que debes e deixa atrás o resto

Carga só co que debes e deixa atrás o resto

“Deixando enteiramente a un lado todo o que nos estorba […], corramos con aguante a carreira que temos por diante” (HEB.12:1).

CANCIÓN sn 38 Podes contar con Xehová

AVANCE a

1. Segundo Hebreos 12:1, que temos que facer para chegar á meta na nosa carreira pola vida?

 A BIBLIA compara a vida dun cristián cunha carreira. Os corredores que crucen a liña de meta serán recompensados coa vida eterna (2 Tim. 4:7, 8). Debemos esforzarnos ó máximo por seguir correndo, especialmente agora que a meta está máis cerca ca nunca. O apóstolo Paulo, quen rematou con éxito a súa carreira pola vida, falou de que cousas nos poden axudar a conseguilo. El dixo o seguinte: “Deixando enteiramente a un lado todo o que nos estorba [...] corramos con aguante a carreira que temos por diante” (le Hebreos 12:1).

2. Que significa deixar “enteiramente a un lado todo o que nos estorba”?

2 Paulo dixo que tiñamos que deixar “enteiramente a un lado todo o que nos estorba”. Quixo dicir que non tiñamos que cargar con nada? Non, esa non era a idea. Máis ben, quixo dicir que nos desfixésemos de calquera carga innecesaria, xa que estas poderían facernos ir máis lentos. Para aguantar, temos que ser rápidos identificándoas e desfacéndonos delas. Pero, ó mesmo tempo, non queremos deixar de lado outras cargas, ou responsabilidades, que si nos corresponde levar. Porque, se o fixésemos, estariámonos descualificando a nós mesmos da carreira (2 Tim. 2:5). Entón, cales son as cargas que si debemos levar?

3. a) Segundo Gálatas 6:5, con que temos que cargar? b) Que imos analizar neste artigo, e por que?

3 Le Gálatas 6:5. Paulo falou de cousas coas que si temos que cargar cando escribiu que “cadaquén ten que leva-lo seu fardel”. Aquí estábase referindo á responsabilidade que ten cada un de nós ante Deus. Esta é unha carga que ninguén pode levar por nós. Neste artigo veremos que cousas inclúe o noso “fardel” e como podemos levalas. Tamén imos identificar que pesos poderiamos estar cargando innecesariamente e como desfacernos deles. Todo isto axudaranos a rematar con éxito a carreira pola vida.

CARGAS QUE TEMOS QUE LEVAR

Levar a nosa propia carga inclúe vivir á altura da promesa de dedicación que lle fixemos a Xehová, cumprir coas nosas responsabilidades familiares e aceptar as consecuencias das decisións que tomamos (ver os parágrafos 4 a 9).

4. Por que non é demasiado difícil cumprir coa nosa promesa de dedicación? (Ver tamén a imaxe).

4 A nosa promesa de dedicación. Cando nos dedicamos a Xehová prometémoslle que o adorariamos e que fariamos o que el quere, e temos que cumprir con ese voto. Vivir de acordo coa nosa dedicación é unha gran responsabilidade, pero non é unha carga pesada pois, á fin e ó cabo, Xehová creounos para facer a súa vontade (Ap. 4:11). Fíxonos á súa imaxe e con necesidades espirituais, é dicir, co desexo de coñecelo e adoralo. Como resultado, podemos ter unha amizade estreita con el e fainos felices servilo (Sal. 40:9 [40:8, TNM]). Ademais, cando facemos o que Xehová quere e imitamos a Xesús, cúmprense as seguintes palabras: “Atoparedes acougo para as vosas almas” (Mt. 11:28-30).

(Ver os parágrafos 4 e 5).

5. Que pode axudarche a cumprir coa túa promesa de dedicación? (1 Xoán 5:3).

5 Como podes levar esta carga? Hai dúas cousas que che van axudar. Primeira: sigue fortalecendo o teu amor por Xehová. Podes conseguir isto se meditas en tódalas cousas boas que xa fixo por ti e nas que fará no futuro. Canto máis ames a Xehová, máis fácil che será obedecelo (le 1 Xoán 5:3). Segunda: imita a Xesús. El conseguiu facer a vontade de Deus porque lle oraba pedíndolle axuda e porque se centrou nas recompensas (Heb. 5:7; 12:2). Igual ca Xesús, pídelle a Xehová que che dea forzas, e ten sempre en mente a esperanza da vida eterna. Se aumentas o teu amor por Xehová e imitas o seu Fillo, poderás cumprir coa túa promesa de dedicación.

6. Por que debemos cumprir coas nosas responsabilidades dentro da familia? (Ver tamén a imaxe).

6 As nosas responsabilidades familiares. Na carreira pola vida debemos amar máis a Xehová e a Xesús que ós nosos parentes (Mt. 10:37). Pero iso non significa que poidamos deixar de lado as nosas obrigacións dentro da familia. Todo o contrario, para que Xehová e Xesús estean contentos con nós, temos que cumprir co noso papel (1 Tim. 5:4, 8). Se o facemos, seremos máis felices. O certo é que Xehová deseñou as familias para que funcionen ben cando o marido e a muller se tratan con amor e respecto, os pais aman e educan os seus fillos e os fillos obedecen os seus pais (Ef. 5:33; 6:1, 4).

(Ver os parágrafos 6 e 7).

7. Como podes cumprir co teu papel dentro da familia?

7 Como podes levar esta carga? Sexa cal sexa o papel que teñas na túa familia, confía nos sabios consellos que dá a Biblia en vez de nas túas emocións, en como se fan as cousas na túa cultura ou no que digan supostos expertos (Pr. 24:3, 4). Aproveita ben as nosas publicacións baseadas na Palabra de Deus. Nelas atoparás consellos prácticos sobre como aplicar os principios bíblicos. Por exemplo, a serie de artigos “Ayuda para las familias” (dispoñible en español) contén información moi práctica para os desafíos ós que se enfrontan hoxe en día os matrimonios, os pais e os adolescentes. b Decídete a aplicar o que di a Biblia aínda que outros membros da túa familia non o fagan. Isto traerá moitos beneficios para os teus e fará que ti desfrutes da bendición de Xehová (1 Pe. 3:1, 2TNM).

8. Como poden afectarnos as nosas decisións?

8 A responsabilidade polas nosas decisións. Xehová deunos o regalo de poder tomar as nosas propias decisións e quere que desfrutemos dos beneficios de escoller ben. Pero non nos libra das consecuencias de tomar unha mala decisión (Gál. 6:7, 8). Así que temos que aceptar as dificultades que poden vir cando non escollemos ben, falamos sen pensar ou actuamos de maneira apresurada. Dependendo do que fixeramos, é posible que teñamos unha mala conciencia. Pero, saber que somos responsables das decisións que tomamos quizais nos motive a confesar os nosos erros, a corrixilos e a evitar repetilos. Dar estes pasos pode axudarnos a manternos na carreira pola vida.

(Ver os parágrafos 8 e 9).

9. Que podes facer se tomaches unha mala decisión? (Ver tamén a imaxe).

9 Como podes levar esta carga? Se tomaches unha mala decisión e xa non estás a tempo de corrixila, acepta a túa situación actual. Como podes facelo? Recoñece que non é posible cambiar o pasado, e non malgastes a túa enerxía emocional e mental xustificándote ou culpando a outros polos teus erros. En vez diso, admite que te equivocaches, e esfórzate por dar o mellor coas circunstancias que tes agora. Se te sentes culpable por algo malo que fixeches, óralle con humildade a Xehová, confésalle o teu erro e pídelle que te perdoe (Sal. 25:11; 51:5, 6 [51:3, 4, TNM]). Pídelles perdón tamén ós que lles fixeches dano e, se é necesario, busca a axuda dos anciáns (Sant. 5:14, 15). Aprende dos teus erros e intenta non repetilos. Se fas todo isto, podes estar seguro de que Xehová te perdoará e che dará a axuda que necesites (Sal. 103:8-13).

PESOS QUE TEMOS QUE DEIXAR

10. Por que son unha carga pesada as expectativas pouco realistas? (Gál. 6:4TNM).

10 As expectativas pouco realistas. As comparacións poden sobrecargarnos con expectativas pouco realistas (le Gálatas 6:4TNM). Compararnos constantemente con outros pode facer que sintamos envexa e que empecemos a competir cos demais (Gál. 5:26). Se intentamos facer o mesmo ca outros, poderiamos estar esixíndonos máis do que realmente podemos dar coas nosas circunstancias e capacidades. E, se as expectativas que tardan en cumprirse fan “adoece-lo corazón”, canto máis as que nunca poderemos cumprir! (Pr. 13:12) Isto pode quitarnos as forzas e facer que baixemos o ritmo na nosa carreira pola vida (Pr. 24:10TNM).

11. Que pode axudarche a evitar as expectativas pouco realistas?

11 Como podes desfacerte deste peso? Non te esixas a ti mesmo máis do que che pide Xehová. El non espera que deas o que non tes (2 Cor. 8:12). Podes estar seguro de que Xehová nunca te compara con outros (Mt. 25:20-23). El valora o teu esforzo por servilo de todo corazón, a túa fidelidade e o teu aguante. Sé modesto e acepta que a idade, a saúde e as circunstancias quizais limiten o que podes facer. Igual ca Barzilai, estate disposto a dicir que non a unha asignación cando a túa saúde ou idade se convertan nun problema para cumprila (2 Sam. 19:36, 37 [19:35, 36, TNM]). Como Moisés, acepta axuda e delega responsabilidades noutros cando sexa apropiado (Éx. 18:21, 22). Ser modesto evitará que teñas expectativas pouco realistas que poidan deixarte sen forzas na túa carreira pola vida.

12. Somos responsables das malas decisións que tomen outros? Explica a túa resposta.

12 Sentirnos responsables polas malas decisións que tomen outros. Non podemos decidir por outros. Tampouco poderemos protexelos sempre de sufrir as consecuencias das malas decisións que eles tomen. Por exemplo, quizais un fillo ou unha filla decida deixar de servir a Xehová. Iso pode causarlles moitísima dor a seus pais. Pero os pais que se culpan a si mesmos polas malas decisións que toman os seus fillos están levando unha carga moi pesada que Xehová non espera que leven (Rm. 14:12).

13. Como poden afrontar os pais a mala decisión que tomou un fillo?

13 Como podes desfacerte deste peso? Recorda que Xehová nos deu libre albedrío a todos. Así que cada persoa ten que tomar a súas propias decisións, incluída a de se vai servir a Deus ou non. El sabe que non es un pai perfecto; simplemente quere que o fagas o mellor que poidas. A decisión que tome o teu fillo é responsabilidade del, non túa (Pr. 20:11). Aínda así, pode que sigas pensando nos erros que cometiches como pai. Se ese é o teu caso, cóntalle a Xehová como te sentes e pídelle que te perdoe. El sabe que non podes cambiar o pasado. Tampouco espera que impidas que o teu fillo sufra as consecuencias das súas malas decisións. Non esquezas que, se o teu fillo fai algún esforzo por volver a Xehová, el o recibirá cos brazos abertos (Lc. 15:18-20).

14. Por que son os sentimentos de culpa excesivos un peso do que debemos desfacernos?

14 Os sentimentos de culpa excesivos. É de esperar que nos sintamos mal cando cometemos un erro. Pero Xehová non quere que nos sintamos tan culpables que isto sexa unha carga excesiva para nós. É un peso do que debemos desfacernos. Como saber se o noso sentimento de culpa é excesivo? Se confesamos o noso pecado, nos arrepentimos e demos os pasos necesarios para evitar repetilo, podemos confiar en que Xehová nos perdoou (Feit. 3:19). Unha vez que demos estes pasos, El non quere que nos sigamos sentindo culpables, xa que sabe canto dano podería causarnos isto (Sal. 31:11 [31:10, TNM]). Se nos sentimos demasiado tristes, quizais nos rendamos na nosa carreira pola vida (2 Cor. 2:7).

Se xa te arrepentiches de corazón, Xehová non segue pensando nos teus pecados, e ti tampouco deberías facelo (ver o parágrafo 15).

15. Que pode axudarche a superar o exceso de culpa? (1 Xoán 3:19, 20) (Ver tamén a imaxe).

15 Como podes desfacerte deste peso? Se nos seguimos sentindo culpables, centrémonos en que Xehová nos perdoa (Sal. 130:4). De feito, falando dos que se arrepinten sinceramente, el promete: “Xa non me lembrarei máis dos seus pecados” (Xer. 31:34). Iso significa que, cando Xehová perdoa, non pensa máis nos erros que cometiches e non chos ten en conta. Así que, se estás sufrindo algunhas malas consecuencias por algo que fixeches, non penses que é porque el non te perdoou. E non te castigues a ti mesmo se, por algún erro do pasado, de momento non podes facer todo o que che gustaría no servizo a Xehová. El non segue pensando nas túas faltas, e ti tampouco deberías facelo (le 1 Xoán 3:19, 20).

CORRAMOS PARA GANAR

16. Como corredores, que temos que entender?

16 Falando da nosa carreira pola vida, a Biblia dinos: “Correde, logo, de maneira que levedes premio” (1 Cor. 9:24). Podemos facer isto se entendemos a diferenza entre as cargas que temos que levar e os pesos que temos que deixar atrás. Neste artigo vimos tan só algúns exemplos de cousas que son a nosa responsabilidade e doutras das que debemos desfacernos. Pero non son as únicas. Por exemplo, Xesús dixo que se pode chegar a “estar angustiado por comer en exceso e beber en exceso e polas preocupacións da vida” (Lc. 21:34TNM). Este e outros textos poden axudarnos a identificar algúns axustes que quizais teñamos que facer para seguir correndo na carreira pola vida.

17. Por que estamos seguros de que ganaremos a carreira pola vida?

17 Podemos estar seguros de que Xehová nos dará as forzas que necesitamos para ganar a carreira pola vida (Is. 40:29-31). Así que sigue correndo! Imita o apóstolo Paulo, que se esforzou ó máximo por conseguir o premio (Flp. 3:13, 14). Ninguén pode correr por ti, pero Xehová axudarache a chegar ata o final. Coa súa axuda serás capaz de levar as cargas que che corresponden e de desfacerte dos pesos innecesarios (Sal. 68:20 [68:19, TNM]). Con Xehová ó teu lado, poderás aguantar e ganar esta carreira!

CANCIÓN sn 45 Vaiamos cara adiante!

a Este artigo axudaranos a correr a carreira pola vida. Como corredores, temos que cargar con certas cousas. Entre estas están a promesa de dedicación, as obrigacións familiares e as decisións que tomamos. Pero debemos desfacernos dos pesos innecesarios que nos fagan ir máis lentos. Cales poderían ser? Verémolo neste artigo.

b Podes atopar a serie de artigos “Ayuda para las familias” en jw.org en español. Algúns dos artigos que contén para os matrimonios son: “Cómo mostrar respeto” e “Cómo mostrar agradecimiento”. Para os pais: “¿Cómo puedo enseñarle a usar el celular de forma responsable?” e “Cómo comunicarse con su hijo adolescente”. Para os adolescentes: “Cómo resistir la presión de tus compañeros” e “Qué hacer si te sientes solo”.