Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 43

Xehová faranos fortes

Xehová faranos fortes

“[Xehová] vos volverá firmes, fortes e vos dará estabilidade” (1 PE. 5:10).

CANCIÓN sjj 38 Xehová darache forzas

AVANCE a

1. Como fortaleceu Xehová os seus servos fieis no pasado?

 MOITAS veces, cando a Palabra de Deus fala de homes fieis, refírese a eles como homes cunha gran forza física e mental. Pero, ata estes homes tan fortes non sempre se sentiron así. Por exemplo, nalgunhas ocasións o rei David sentiu que era “tan forte coma unha montaña”, pero noutras sentiuse “aterrorizado” (Sal. 30:7, TNM). Sansón tiña unha forza excepcional cando contaba co espírito de Deus, pero recoñeceu que sen o seu poder se debilitaría, “e sería coma un dos outros homes” (Xuí. 14:5, 6; 16:17). Foi Xehová quen lles deu o poder a estes servos fieis para aguantar en situacións moi difíciles.

2. Por que dixo o apóstolo Paulo que era débil e tamén poderoso? (2 Corintios 12:9, 10).

2 O apóstolo Paulo sabía moi ben que el tamén necesitaba o poder de Xehová (le 2 Corintios 12:9, 10). Coma moitos de nós, el tamén tivo que enfrontarse a problemas de saúde (Gál. 4:13, 14). Ás veces, tamén lle custaba facer o correcto (Rm. 7:18, 19). E nalgunha ocasión sentiu angustia e inseguridade (2 Cor. 1:8, 9). Con todo, cando Paulo estaba débil, sentíase poderoso. En que sentido? Porque Xehová lle daba as forzas que necesitaba para aguantar as probas.

3. Que preguntas imos responder neste artigo?

3 Xehová tamén nos prometeu a nós que nos dará as forzas que necesitamos (1 Pe. 5:10). Pero, non podemos esperar recibir este poder sen facer ningún esforzo pola nosa parte. Podemos ilustralo cun motor dun coche. É certo que lle dá forzas ó coche para avanzar. Aínda así, é o condutor quen ten que pisar o acelerador se quere ir a algunha parte. Da mesma forma, Xehová está disposto a darnos as forzas que necesitamos, pero nós tamén temos que facer algo para beneficiarnos diso. Que axudas nos deu Xehová para fortalecernos? E que temos que facer para recibir o seu poder? Veremos as respostas a estas preguntas ó analizar como Xehová fortaleceu tres personaxes da Biblia: o profeta Xonás, María a nai de Xesús e o apóstolo Paulo. Tamén veremos como continúa Xehová fortalecendo os seus servos hoxe en día de formas moi parecidas.

RECIBE FORZAS DA ORACIÓN E DO ESTUDO

4. Como podemos recibir forzas de parte de Xehová?

4 Unha forma na que recibimos poder de parte de Xehová é achegándonos a el en oración. El pode respondernos dándonos “esa forza tan extraordinaria” que ten (2 Cor. 4:7). Tamén podemos conseguir forzas se lemos a súa Palabra e meditamos nela (Sal. 86:11). A mensaxe da Biblia é “dinámica”, e dicir, actúa con poder (Heb. 4:12). Cando lle oras a Xehová e les a súa Palabra, recibes as forzas que necesitas para aguantar, manter a alegría ou levar a cabo unha asignación difícil. Fíxate en como Xehová fortaleceu o profeta Xonás.

5. Por que necesitou Xonás valor?

5 O profeta Xonás necesitou valor. El escapou dunha tarefa moi difícil que Xehová lle encargara. Como resultado, case perde a vida no medio dunha gran tormenta e tamén puxo en risco as vidas do resto de persoas que ían no barco. Cando o tiraron pola borda, acabou nun lugar no que nunca se imaxinara estar: na escuridade do ventre dun peixe xigante. Como pensas que se sentiu Xonás? Pensaría que ía morrer alí? Preguntaríase se Xehová o abandonara? Seguramente tivo que sentir moito medo.

Igual que o profeta Xonás, como podes fortalecerte cando pasas por unha proba? (Ver os parágrafos 6 a 9).

6. Segundo Xonás 2:2, 3, 8 (2:1, 2, 7, TNM), como recibiu forzas este profeta cando estaba no ventre do peixe?

6 Que fixo Xonás para recibir forzas cando estaba naquel lugar tan illado e solitario? Primeiro, orou a Xehová. (le Xonás 2:2, 3, 8 [2:1, 2, 7, TNM]). Aínda que desobedecera, Xonás estaba seguro de que Deus escoitaría a súa oración chea de humildade e arrepentimento. Xonás tamén reflexionou na Palabra de Deus. Por que o dicimos? Porque na súa oración, que se rexistra no capítulo 2 de Xonás, utiliza moitas expresións e frases que aparecen nos Salmos (Por exemplo, compara Xonás 2:3, 6 [2:2, 5, TNM] con Salmo 69:2 [69:1, TNM]; 86:7). Así que, é evidente que o profeta coñecía moi ben estes versos. Reflexionar neles durante aquela terrible situación fortaleceu a súa confianza en que Xehová o axudaría. Despois diso, o peixe deixou a Xonás en terra firme e xa estaba listo para cumprir coa tarefa que Deus lle encargara (Xon. 2:11–3:4 [2:10–3:4, TNM).

7, 8. Como obtén un irmán de Taiwán as forzas que necesita para superar probas difíciles?

7 O exemplo de Xonás pode axudarnos cando estamos atravesando probas difíciles. Imos ver o caso de Zhiming, b un irmán de Taiwán que ten varios problemas graves de saúde. Ademais diso, tamén está soportando unha dura oposición por parte da familia debido á súa fe. Pero el recibe forzas de Xehová mediante a oración e o estudo. “Ás veces, cando xorden problemas”, conta el, “estou tan angustiado que non consigo tranquilizarme para facer o meu estudo persoal”. Pero Zhiming non se rende. “Primeiro, órolle a Xehová”, di el, “despois poño os auriculares e escoito as cancións do Reino. Ás veces, incluso as canto en voz baixa ata que me calmo. É así como consigo a tranquilidade que necesito para comezar a estudar”.

8 O estudo persoal fortaleceu a Zhiming de maneiras que el non pensaba. Por exemplo, mentres se estaba recuperando dunha cirurxía maior, unha enfermeira díxolle que debido ó baixo nivel de glóbulos vermellos ía necesitar unha transfusión de sangue. A noite antes da operación, Zhiming lera sobre unha irmá que pasara polo mesmo problema de saúde. O seu nivel de glóbulos vermellos era incluso máis baixo có del, pero aínda así ela non aceptou unha transfusión de sangue e puido recuperarse. Aquela experiencia deulle a Zhiming as forzas que necesitaba para permanecer leal a Xehová.

9. Que podes facer se unha proba che causa angustia? (Ver tamén as imaxes).

9 Sentiches algunha vez tanta angustia durante unha proba que non eras capaz de orarlle a Xehová? Faltáronche nalgún momento as forzas para estudar? Recorda que Xehová entende perfectamente a túa situación. Así que, aínda que fagas unha oración moi sinxela, podes estar seguro de que el che dará exactamente o que necesitas (Ef. 3:20). Se a dor física ou emocional che impide ler ou estudar, por que non intentas escoitar as gravacións en audio da Biblia ou das publicacións baseadas nela? Quizais tamén che axude escoitar algunha das nosas cancións ou ver un vídeo en jw.org. Se lle oras a Xehová e buscas a súa resposta nas axudas espirituais que el pon á túa disposición, estaraslle deixando que te fortaleza.

RECIBE FORZAS DOS TEUS IRMÁNS

10. Como nos dan forzas os nosos irmáns cristiáns?

10 Xehová tamén pode utilizar os seus servos para fortalecernos. Os nosos irmáns da congregación poden chegar a ser “un bo alivio” cando nos enfrontamos a problemas ou a asignacións difíciles (Col. 4:10, 11). Sobre todo, o momento no que máis necesitamos os nosos amigos é na “hora da adversidade” (Pr. 17:17). E cando nos sentimos débiles, os nosos compañeiros na fe poden darnos o que necesitamos, consolarnos e animarnos a seguir servindo a Xehová fielmente. Vexamos como María, a nai de Xesús, recibiu forzas doutros.

11. Por que necesitou forzas María?

11 María necesitou forzas para facer a vontade de Deus. Pensa en como se debeu sentir cando Xehová lle deu unha responsabilidade moi grande por medio do anxo Gabriel. Ela non estaba casada, pero ía quedar embarazada. Tampouco tiña experiencia criando fillos, pero tería que coidar do neno que chegaría a ser o Mesías. E como non tivera relacións sexuais, como lle ía explicar todo aquilo a Xosé, o seu prometido? (Lc. 1:26-33).

12. Segundo Lucas 1:39-45, como recibiu María as forzas que necesitaba?

12 Como conseguiu María as forzas que necesitaba para cumprir cunha responsabilidade tan grande e extraordinaria? Ela deixouse axudar por outros. Por exemplo, pediulle a Gabriel que lle dese máis información sobre o que Deus lle encargara (Lc. 1:34). Pouco tempo despois, viaxou “camiño da montaña” de Xudá para visitar a súa parente, Isabel. Aquela visita foille de moita axuda. Isabel felicitou a María e, inspirada polo espírito santo, compartiu con ela unha profecía moi animadora sobre o fillo que levaba no ventre (le Lucas 1:39-45). Grazas a iso, María puido dicir que Xehová manifestara “o poder do seu brazo” (Lc. 1:46-51). Deus utilizou o anxo Gabriel e a Isabel para fortalecer a María.

13. Como se beneficiou unha irmá de Bolivia de buscar a axuda doutros irmáns?

13 Igual ca María, ti tamén podes recibir as forzas que necesitas dos teus irmáns cristiáns. Isto foi o que lle pasou a Dasuri, unha irmá de Bolivia. Cando lle diagnosticaron a seu pai unha enfermidade terminal e o hospitalizaron, ela aceptou de boa gana a responsabilidade de coidar del (1 Tim. 5:4). Aínda así, non sempre lle foi fácil. Ela conta: “Moitas veces sentín que non tiña forzas para continuar”. Pero, pediu axuda esta irmá? Ó principio non. “Non quería molestar os irmáns”, explica Dasuri. “Eu pensaba que era Xehová o que me ía dar a axuda que necesitaba. Despois deime conta de que se me illaba doutros estaba tratando de resolver os meus problemas eu soa” (Pr. 18:1). Entón, decidiu escribirlles a algúns irmáns amigos dela, e explicarlles a súa situación. “Non podo describir con palabras canto me fortaleceron os meus queridos irmáns”, di ela. “Trouxéronme comida ó hospital e léronme textos da Biblia que me consolaron moito. Que bonito é saber que non estás soa. Pertencemos á gran familia de Xehová, unha familia que está sempre disposta a botarche unha man, a chorar contigo e a animarte a seguir servindo a Xehová con eles”.

14. Por que deberiamos aceptar a axuda que nos dan os anciáns?

14 Outra forma na que Xehová nos dá forzas é por medio dos anciáns. Eles son regalos que el usa para fortalecernos e animarnos (Is. 32:1, 2). Así que, se estás angustiado, cóntalles como te sentes ós anciáns. E se eles che ofrecen axuda, acéptaa de boa gana. Xehová pode usalos para fortalecerte.

RECIBE FORZAS DA TÚA ESPERANZA PARA O FUTURO

15. Que esperanza temos tódolos cristiáns?

15 A esperanza que atopamos na Biblia pode darnos forzas e motivarnos a seguir servindo a Xehová (Rm. 4:3, 18-20). Tódolos cristiáns temos a marabillosa perspectiva de vivir para sempre. Algúns farano no ceo e outros na Terra feita un paraíso. Sexa cal sexa o noso desexo, esta esperanza dános as forzas que necesitamos para seguir loitando cando pasamos por probas, para non deixar de predicar as boas noticias e para levar a cabo diferentes tarefas que se nos asignen dentro da congregación (1 Tes. 1:3). A esperanza tamén fortaleceu o apóstolo Paulo.

16. Por que necesitou forzas o apóstolo Paulo?

16 Paulo tamén necesitou forzas. Na súa carta ós corintios comparouse a si mesmo cun fráxil vaso de barro, que algunhas veces estaba oprimido, “en apuros”, perseguido e derrubado. De feito, nalgunha ocasión a súa vida correu perigo (2 Cor. 4:8-10). Paulo escribiu estas palabras durante a súa terceira viaxe de misioneiro. O que el non sabía era que, máis adiante, aínda pasaría por outras dificultades. Pegaríanlle, arrestaríano, naufragaría e meteríano en prisión.

17. Segundo o que lemos en 2 Corintios 4:16-18, que lle deu forzas a Paulo para aguantar as probas?

17 A esperanza que tiña Paulo deulle as forzas que necesitaba para aguantar (le 2 Corintios 4:16-18). El díxolles ós corintios que, aínda que o seu corpo físico ía “esmorecendo”, non ía permitir que iso o desanimase. Paulo centrouse no seu futuro. A súa esperanza de vivir para sempre no ceo foi “unha inmensa carga de gloria eterna por riba de toda medida”, que facía que valese a pena calquera sufrimento que tivese que aguantar. O apóstolo meditou profundamente nesa esperanza e, como resultado, sentiuse renovado “de días a días”.

18. Como fortaleceu a esperanza a Tihomir e á súa familia?

18 A Tihomir, un irmán de Bulgaria, tamén lle dá forzas a esperanza que ten. Hai uns anos, Zdravko, o seu irmán máis novo, morreu nun accidente de tráfico. Durante algún tempo, Tihomir sentiu unha tristeza enorme. Para saír adiante, a súa familia e mais el imaxinan como será a resurrección. El explica: “Por exemplo, falamos de onde nos encontraremos con Zdravko, que comida lle prepararemos, a quen invitaremos cando fagamos unha festa para recibilo e que lle contaremos sobre os últimos días”. Tihomir afirma que centrarse na esperanza axúdalle á súa familia a seguir aguantando e a continuar esperando con ansia o momento no que Xehová resucite o seu querido irmán.

Como imaxinas que será a túa vida no novo mundo? (Ver o parágrafo 19). c

19. Que podes facer para fortalecer a túa esperanza? (Ver tamén a imaxe).

19 Como podes facer que a túa esperanza sexa máis forte? Por exemplo, se tes o desexo de vivir para sempre na Terra, por que non les textos da Biblia que describan como será o Paraíso e meditas neles? (Is. 25:8; 32:16-18). Pensa en como será a vida no novo mundo. Imaxínate alí. A quen ves? Que escoitas? Como te sentes? Para despertar a túa imaxinación, fíxate nos debuxos das nosas publicacións que representan o Paraíso. Tamén podes ver os vídeos musicais O novo mundo que virá, Non quedaba nada, ou Xa vexo o día. Se fixamos a nosa mente no novo mundo, os nosos problemas serán “transitorios e leves” (2 Cor. 4:17). Esta claro que Xehová usa a esperanza para fortalecernos.

20. Como podemos ser fortes incluso cando nos sentimos débiles?

20 Por moi débiles que nos sintamos, Xehová pode darnos forzas (Sal. 108:14 [108:13, TNM). Como vimos neste artigo, el dános todo o que necesitamos para fortalecernos. Así que para cumprir cunha asignación, aguantar unha proba ou manter a alegría, cóntalle a Xehová como te sentes e busca a súa guía mediante o estudo persoal. Tamén, acepta o ánimo que che dan os teus irmáns cristiáns. E saca tempo para imaxinar como será a vida cando se cumpran as promesas de Xehová. Así poderás ver como se fan realidade as seguintes palabras: “Estaredes enfortecidos en todo coa súa potencia magnífica para serdes con ledicia pacientes e constantes a toda proba”(Col. 1:11).

CANCIÓN sn 38 Podes contar con Xehová

a Este artigo está preparado para axudarlles a aquelas persoas que están angustiadas por un problema ou que senten que recibiron unha asignación moi difícil. Imos ver como Xehová nos pode dar as forzas que necesitamos e o que temos que facer para recibir a súa axuda.

b Cambiáronse algúns nomes.

c DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha irmá xorda medita nas promesas da Biblia e mira un vídeo musical para imaxinarse como será a súa vida no novo mundo.