Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 45

Valora o privilexio de adorar a Xehová no seu templo espiritual

Valora o privilexio de adorar a Xehová no seu templo espiritual

“Adorade o Creador do ceo e da terra” (AP. 14:7).

CANCIÓN sn 20 Xehová, bendí as nosas reunións

AVANCE a

1. Que está dicindo un anxo e que significan as súas palabras para nós?

 SE UN anxo che falase, escoitaríalo? En realidade, hoxe en día un anxo está falando con “tódalas nacións, razas, linguas e pobos”. E que está dicindo? “¡Respectade a Deus, dádelle gloria! [...] Adorade o Creador do ceo e da terra” (Ap. 14:6, 7). Xehová é o único Deus verdadeiro a quen todo o mundo debería adorar. Que agradecidos estamos de que nos dese a valiosa oportunidade de adoralo no seu gran templo espiritual!

2. Que é o templo espiritual de Xehová? (Mira tamén o recadro “ O que non é”).

2 Que é exactamente o templo espiritual e onde podemos atopar os detalles que o explican? Non é un edificio literal. É o sistema establecido por Xehová para poder adoralo dunha maneira aceptable, baseado no sacrificio de rescate de Xesús. O apóstolo Paulo explicou máis acerca deste sistema na carta que lles escribiu ós cristiáns hebreos do primeiro século que vivían en Xudea. b

3, 4. Que lle preocupaba a Paulo dos cristiáns de Xudea, e como lles axudou?

3 Por que lles escribiu Paulo a súa carta ós cristiáns hebreos de Xudea? Probablemente por dúas razóns. Primeira, para darlles ánimo. Antes de facerse cristiáns, a maioría deles seguiran a relixión xudía. É posible que os seus anteriores líderes relixiosos se burlasen deles por facerse cristiáns. Por que? Porque os cristiáns non tiñan un templo impresionante ó que ir a adorar a Deus, nin un altar no que facerlle sacrificios, e tampouco tiñan sacerdotes. Isto podería desanimalos e facer que a súa fe se debilitase (Heb. 2:1; 3:12, 14). Pode que algúns deles incluso pensasen en volver á relixión xudía.

4 En segundo lugar, Paulo advertira aqueles cristiáns xudeus de que non se estaban esforzando por entender as ensinanzas novas ou profundas, o que a Biblia chama a “mantenza sólida” que encontramos nas súas páxinas (Heb. 5:11-14). Polo visto, algúns deles aínda seguían a Lei mosaica. Así que, Paulo explicoulles que os sacrificios que esixía a Lei non podían eliminar por completo os pecados. Por iso, a Lei pasara a ser un “precepto pasado”. Despois, Paulo ensinoulles algunhas verdades máis profundas. Faloulles ós seus compañeiros cristiáns dunha “esperanza máis poderosa”, baseada no sacrificio de Xesús, que podía axudarlles a achegarse máis a Deus (Heb. 7:18, 19).

5. Que debemos entender do libro bíblico de Hebreos e por que?

5 Paulo explicoulles ós seus irmáns hebreos por que a maneira na que adoraban a Xehová agora como cristiáns era moito mellor, ou superior, que a forma na que o facían no pasado cando seguían a relixión xudía. A Lei mosaica era tan só unha “sombra do que estaba para vir; pero a realidade é Cristo” (Col. 2:17). Unha sombra dun obxecto é só a silueta aproximada dunha cousa. Non é o obxecto real. Do mesmo xeito, a maneira na que adoraban os xudeus a Deus no pasado era unha sombra, porque ía chegar unha forma mellor de facelo. É importante que entendamos o sistema que Xehová puxo en marcha, xa que fai posible o perdón dos nosos pecados e que o adoremos da maneira que el acepta. Imos comparar a “sombra”, ou modelo antigo xudeu, coa “realidade”, ou modelo de adoración cristiá, tal e como se explica en Hebreos. Estudar isto en profundidade axudaranos a entender mellor o templo espiritual e tamén o que significa para nós.

O TABERNÁCULO

6. Para que se usaba o tabernáculo?

6 O modelo antigo xudeu. Paulo baseou a súa explicación no tabernáculo que inaugurou Moisés no ano 1512 a. n. e. (mira o gráfico “O modelo antigo xudeu e A realidade cristiá”). O tabernáculo era unha estrutura parecida a unha tenda de campaña que os israelitas levaban ó principio consigo cando se trasladaban dun lugar a outro. Usárono durante case 500 anos ata que se construíu un templo en Xerusalén (Éx. 25:8, 9; Núm. 9:22). Esta “Tenda do Encontro”, ou tabernáculo, era o lugar principal de adoración dos israelitas, xa que alí era onde se acercaban a Deus e ofrecían os seus sacrificios (Éx. 29:43-46). Pero tamén representaba para os cristiáns algo moi superior que aínda tería que vir.

7. Cando comezou a existir o templo espiritual?

7 O modelo de adoración cristiá. O antigo tabernáculo era “unha sombra das realidades celestes” e representaba o gran templo espiritual de Xehová. Paulo dixo que “todo isto [o tabernáculo] é un símbolo que se ten que aplicar ó momento actual” (Heb. 8:5; 9:9). Así que, cando lles escribiu ós hebreos, o templo espiritual xa era unha realidade. De feito, empezou a existir no ano 29 n. e. Ese foi o ano no que Xesús se bautizou, foi unxido por espírito santo e comezou a servir como o “gran Sumo Sacerdote” no templo espiritual (Heb. 4:14; Feit. 10:37, 38). c

O SUMO SACERDOTE

8, 9. Segundo Hebreos 7:23-27, cal é unha das diferenzas máis importantes entre os sumos sacerdotes de Israel e o gran Sumo Sacerdote, Xesucristo?

8 O modelo antigo xudeu. O sumo sacerdote representaba o pobo diante de Deus. Cando se inaugurou o tabernáculo, Aharón foi o primeiro en ser nomeado sumo sacerdote de Israel. Pero Paulo explicou que tivo que haber “moitísimos sacerdotes, porque a morte non os deixaba ser duradeiros” (le Hebreos 7:23-27). d E como eran homes imperfectos, tamén tiveron que ofrecer sacrificios polos seus propios pecados. Esta é unha das diferenzas máis importantes entre os sumos sacerdotes de Israel e o gran Sumo Sacerdote, Xesucristo.

9 O modelo de adoración cristiá. O noso Sumo Sacerdote, Xesucristo, é o “sacerdote [...] na tenda verdadeira, que erixiu o Señor, non un home” (Heb. 8:1, 2). Paulo explicou que Xesús “ten un sacerdocio imperecedeiro, xa que dura para sempre”. E engadiu que el é un sacerdote “sen pecado, separado dos pecadores” e que, a diferenza dos sumos sacerdotes de Israel, “non necesita ofrecer sacrificios cada día” polos seus propios pecados. Vexamos agora tamén as diferenzas entre os altares e os sacrificios que se ofrecían segundo o modelo antigo e os da realidade cristiá.

OS ALTARES E OS SACRIFICIOS

10. Que representaban os sacrificios no altar de cobre?

10 O modelo antigo xudeu. Fóra da entrada do tabernáculo había un altar de cobre no que se ofrecían sacrificios animais a Xehová (Éx. 27:1, 2, TNM; 40:29). Pero estes sacrificios non lle daban ó pobo o perdón completo dos pecados (Heb. 10:1-4). Os sacrificios animais que se ofrecían continuamente no tabernáculo representaban o único sacrificio que limparía os humanos por completo do pecado.

11. En que altar ofreceu Xesús a súa vida como sacrificio? (Hebreos 10:5-7, 10).

11 O modelo de adoración cristiá. Xesús sabía que Xehová o enviara á Terra para ofrecer a súa vida humana como sacrificio de rescate pola humanidade (Mt. 20:28). Por iso, no seu bautismo, Xesús presentouse para facer o que Xehová quería (Xn. 6:38; Gál. 1:4). O altar no que Xesús se ofreceu a si mesmo non era un altar feito por homes, senón que representaba a “vontade” de Deus, que era que o seu Fillo sacrificase a súa vida perfecta como ser humano. Xesús deu a súa vida unha vez “e para sempre” para redimir, ou cubrir, permanentemente os pecados de todo o que poña fe en Cristo (le Hebreos 10:5-7, 10). A continuación, imos examinar o que representan as características do interior do tabernáculo.

O SANTO E O SANTÍSIMO

12. Quen podía entrar en cada compartimento do tabernáculo?

12 O modelo antigo xudeu. O tabernáculo e os templos que se construíron posteriormente en Xerusalén eran moi parecidos por dentro. No seu interior había dous compartimentos, “o Santo” e o “Santísimo”, que estaban separados por unha cortina (Heb. 9:2-5; Éx. 26:31-33). Dentro do Santo había un candelabro de ouro, un altar para queimar incenso e unha mesa de pans ofrendados. Só os sacerdotes “unxidos” podían entrar nese lugar para facer as funcións sagradas que se lles encargaran (Núm. 3:3, 7, 10). No Santísimo estaba a arca do pacto, ou testemuño, revestida de ouro que representaba a presenza de Xehová (Éx. 25:21, 22). O sumo sacerdote era o único que podía pasar ó outro lado da cortina unha vez ó ano, no Día de Expiación, para entrar no Santísimo (Lev. 16:2, 17). Cada ano, entraba co sangue dos animais para facer expiación polos seus propios pecados e polos de toda a nación. Co tempo, Xehová, por medio do seu espírito santo, aclarou o que realmente significaban estas características do tabernáculo (Heb. 9:6-8). e

13. Que representan o Santo e o Santísimo do tabernáculo na realidade cristiá?

13 O modelo de adoración cristiá. Só un número limitado de discípulos de Cristo foron unxidos co espírito santo e teñen unha relación especial con Xehová. A Biblia explica que son 144.000 e que servirán no ceo como sacerdotes con Xesús (Ap. 1:6; 14:1). O Santo do tabernáculo representa a relación especial que teñen con Xehová, ó ser adoptados como fillos espirituais seus mentres aínda están na Terra (Rm. 8:15-17). E o Santísimo do tabernáculo representa o ceo, onde mora Xehová. A “cortina” que separaba o Santo do Santísimo representa o corpo físico de Xesús. Mentres tivo un corpo físico non puido entrar no ceo como gran Sumo Sacerdote do templo espiritual. Pero, ó entregar o seu corpo humano como sacrificio pola humanidade, Xesús abriulles o camiño á vida no ceo a tódolos cristiáns unxidos. Igual ca Xesús, eles tamén deben deixar o seu corpo físico para recibir a súa recompensa celestial (Heb. 10:19, 20; 1 Cor. 15:50). Despois de resucitar, Xesús entrou no Santísimo do templo espiritual, onde acabarán reuníndose con el tódolos cristiáns unxidos.

14. Segundo Hebreos 9:12, 24-26, por que é superior o templo espiritual de Xehová?

14 Podemos ver claramente a superioridade do sistema de Xehová para a adoración pura que se basea no sacrificio de rescate e no sacerdocio de Xesucristo. O sumo sacerdote de Israel entraba co sangue de animais nun Santísimo construído por homes. Pero Xesús “entrou no ceo”, o lugar máis santo de todos, para presentarse ante Xehová. Alí foi onde ofreceu o valor da súa vida humana perfecta por todos nós para “acabar co pecado” (le Hebreos 9:12, 24-26). Só o sacrificio de Xesús pode limpar completamente o pecado para sempre. A continuación imos ver como todos, independentemente de se temos esperanza terreal ou celestial, podemos adorar a Xehová no seu templo espiritual.

OS PATIOS

15. Quen servía no patio do tabernáculo?

15 O modelo antigo xudeu. O tabernáculo tiña un patio, ou adro, que era unha zona moi ampla ó aire libre rodeada por un muro na que os sacerdotes cumprían coas súas funcións. O altar grande de cobre para as ofrendas queimadas estaba nese patio, xunto a unha pía de cobre con auga que os sacerdotes usaban para limparse antes de levar a cabo o seu servizo sagrado (Éx. 30:17-20; 40:6-8). Os templos que se construíron máis tarde tamén tiñan un patio exterior onde podían estar os que non eran sacerdotes e adorar a Deus.

16. Quen serve en cada un dos patios do templo espiritual?

16 O modelo de adoración cristiá. Antes de ir ó ceo para servir como sacerdotes con Xesús, os unxidos que aínda quedan na Terra serven fielmente no patio interior do templo espiritual. A gran pía de auga que había no tabernáculo e nos templos recórdalles a eles, e tamén a todos nós, o importante que é permanecer limpos en sentido moral e espiritual. Pero, onde serve a Xehová a gran multitude que apoia lealmente os irmáns unxidos de Cristo? O apóstolo Xoán viuna “en pé diante do trono e do Año”, o que na Terra corresponde ó patio exterior, e dixo que está servindo a Xehová “día e noite” no seu templo (Ap. 7:9, 13-15). Que privilexio tan grande é ter a oportunidade de adorar a Deus no seu gran templo espiritual!

O GRAN PRIVILEXIO DE ADORAR A XEHOVÁ

17. Que sacrificios temos o privilexio de ofrecerlle a Xehová?

17 Na actualidade, tódolos cristiáns temos o privilexio de ofrecer sacrificios a Xehová dando do noso tempo, enerxías e recursos a favor dos intereses do Reino. Tal e como lles dixo o apóstolo Paulo ós cristiáns hebreos, sempre podemos ofrecerlle a Deus “un sacrificio de louvanza, quere dicir, a homenaxe dos beizos que bendín o nome de Deus” (Heb. 13:15). Así que, podemos demostrar que agradecemos o gran privilexio de adorar a Xehová dándolle o mellor de nós.

18. Segundo Hebreos 10:22-25, que non deberiamos descoidar nin esquecer nunca?

18 Le Hebreos 10:22-25. Cara ó fin da súa carta ós hebreos, Paulo destaca varios aspectos que nunca deberiamos descoidar. Estes inclúen orarlle a Xehová, predicarlles ás persoas, reunirnos como congregación e animarnos uns ós outros sobre todo ó ver que “está a chegar aquel día”. Ademais, na parte final do relato da Apocalipse, un anxo de Xehová repite dúas veces, para dar énfase, as seguintes palabras: “Adora a Deus” (Ap. 19:10; 22:9). Que nunca se nos esquezan estas verdades profundas sobre o templo espiritual e o valioso privilexio que temos de adorar o noso gran Deus, Xehová.

CANCIÓN sn 69 Ensíname os teus camiños

a Unha das ensinanzas máis profundas da Palabra de Deus trata sobre o gran templo espiritual de Xehová. Que é ese templo? Este artigo analiza os detalles que se encontran no libro bíblico de Hebreos con respecto a ese templo. Este estudo axudarache a agradecerlle aínda máis a Xehová o privilexio que tes de poder adoralo.

b Para ver un resumo do libro bíblico de Hebreos, mira o vídeo Información sobre Hebreos (dispoñible en español) en jw.org.

c Hebreos é o único libro das Escrituras Gregas Cristiás que se refire a Xesús como Sumo Sacerdote.

d Segundo unha obra de referencia, é posible que chegase a haber en Israel uns 84 sumos sacerdotes ata a destrución do templo no ano 70 n. e.

e Para entender o significado simbólico do que facía o sumo sacerdote no Día de Expiación, mira o vídeo La tienda (dispoñible en español) en jw.org.

g Mira o recadro “El espíritu revela el significado del templo espiritual” na páxina 22 de La Atalaya do 15 de xullo de 2010 (dispoñible en español).