Ir ó contido

Ir ó índice

Preguntas dos lectores

Preguntas dos lectores

Tiñan algo máis que comer no deserto os israelitas á parte de maná e codornices?

A comida principal dos israelitas durante os 40 anos que estiveron no deserto foi o maná (Éx. 16:35). Ademais, Xehová deulles codornices, ou paspallás, en dúas ocasións (Éx. 16:12, 13; Núm. 11:31). Pero tamén tiñan outros alimentos.

Por exemplo, ás veces Xehová dirixíaos a un “sitio onde repousar” no que encontraban auga para beber e algo de comida para cubrir as súas necesidades (Núm. 10:33). Un destes sitios foi o oasis de Elim, “onde había doce fontes e setenta palmeiras”, seguramente datileiras (Éx. 15:27). O libro Plants of the Bible explica que este tipo de palmeira “dáse nunha zona xeográfica moi ampla, [...] e é o principal subministro de alimento no deserto. Prové comida e aceite, e serve de refuxio para millóns de persoas”.

É probable que os israelitas tamén parasen no oasis de Feiran, o máis grande coñecido a día de hoxe, que se sitúa no Uadi Feiran. a O libro Discovering the World of the Bible di que este uadi, ou val fluvial, “ten unha lonxitude de 130 km, sendo así un dos máis longos, máis bonitos e máis famosos uadis do Sinaí”. Ademais, segue dicindo: “Neste uadi, a uns 610 m sobre o nivel do mar e a uns 45 km da súa desembocadura, encóntrase o oasis de Feiran, cunha extensión de 4,8 km. Este lugar cargado de miles de palmeiras é tan fermoso que se comparou ó xardín de Edén. Dende tempos antigos, a xente vén a este lugar atraída pola súa gran cantidade de palmeiras datileiras”.

Palmeiras datileiras no oasis de Feiran

Cando saíron de Exipto, os israelitas levaron con eles masa de fariña, artesas e posiblemente algo de cereais e aceite. Claro, estas cousas non lles ían durar moito tempo. Ademais, a xente tamén levou “rabaños de ovellas e de vacas e gando en grande cantidade” (Éx. 12:34-39). Pero, debido ás duras condicións do deserto, é moi probable que a cantidade de animais se fose reducindo co tempo. Quizais tamén comeron algúns deles e ofreceron outros como sacrificio, incluso a deuses falsos (Feit. 7:39-43). b De todas formas, a Biblia si explica que criaron animais. Proba disto é a resposta que lle deu Xehová ó pobo despois de que este o desobedecera. El díxolles: “Os vosos fillos chegarán a ser pastores no deserto 40 anos” (Núm. 14:33, TNM). Así que, é posible que os seus animais lles desen leite e, nalgunhas ocasións, carne para comer, aínda que quizais non o suficiente como para manter un grupo duns 3 millóns de persoas durante 40 anos. c

Entón, onde atopaban os animais auga e comida? d Pode que nese tempo chovese máis e por iso houbese máis vexetación no deserto. O volume 1 do libro Perspicacia para comprender las Escrituras (dispoñible en español) explica que, hai 3.500 anos, “a auga en Arabia escaseaba menos que na actualidade. A existencia de moitos uadis ou vales profundos e secos, que nun tempo foron leitos de ríos, é unha proba de que no pasado houbo suficiente precipitación pluvial como para producir correntes de auga que fluísen por eles”. Aínda así, o deserto era un lugar árido e que impoñía respecto (Dt. 8:14-16). De feito, se non fose pola auga que Xehová lles deu ós israelitas e ós seus animais de forma milagrosa, seguramente acabarían morrendo alí (Éx. 15:22-25; 17:1-6; Núm. 20:2, 11).

De todas formas, Moisés díxolles ós israelitas que Xehová lles dera o maná para comer “co fin de [lles] dar a coñecer que non soamente do pan vive feliz o home, senón que o home vive feliz con todo o que sae da boca do Señor” (Dt. 8:3).

b A Biblia menciona dúas ocasións nas que se sacrificaron animais a Xehová no deserto. A primeira foi cando se instaurou o sacerdocio e a segunda, na Pascua. Os dous sucesos tiveron lugar no ano 1512 a. n. e., arredor dun ano despois de que os israelitas saísen de Exipto (Lev. 8:14–9:24; Núm. 9:1-5).

c Cando se achegaba o fin dos 40 anos que tiñan que pasar no deserto, os israelitas tomaron como botín de guerra centos de miles de animais (Núm. 31:32-34). Aínda así, seguiron alimentándose de maná ata que entraron na Terra Prometida (Xos. 5:10-12).

d Non hai nada que indique que os animais tamén comesen maná. De feito, a Biblia explica que se repartía segundo a cantidade que unha persoa podía comer (Éx. 16:15, 16).