Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 1

CANCIÓN sjj 38 Xehová darache forzas

Supera o medo confiando en Xehová

Supera o medo confiando en Xehová

TEXTO PARA O ANO 2024: “Cando teño medo, confío en ti” (SAL. 56:3, TNM).

OBXECTIVO

Aprender como fortalecer a confianza en Xehová e superar os medos.

1. Por que é posible que ás veces sintamos medo?

 TODOS temos medo ás veces. É certo que coñecer o que di a Biblia liberounos do temor á morte, ó sobrenatural e ó futuro. Pero, aínda así, vivimos nun tempo no que pasan “cousas espantosas” como guerras, crimes e enfermidades (Luc. 21:11). Tamén é posible que lles teñamos medo a algunhas persoas, ós gobernos que nos oprimen ou incluso a membros da nosa familia que se opoñen á adoración verdadeira. Algúns preocúpanse porque pensan que non serán capaces de superar as probas que teñen agora ou as que virán no futuro.

2. Describe a situación de David mentres estaba en Gat.

2 David tamén sentiu medo. Por exemplo, cando o rei Xaúl o perseguía para intentar matalo, el decidiu fuxir a Gat, unha cidade filistea. Pero Áquix, o rei desa cidade, rapidamente se deu conta de que David era o poderoso soldado que matara a decenas de miles de filisteos. Así que, David “colleulle medo” a Áquix, pois non sabía o que este podería facerlle (1 Sam. 21:11-13 [10-12, TNM]). Como superou os seus temores?

3. Segundo Salmo 56:1-3, 11 (TNM), como venceu David os seus medos?

3 No Salmo 56 David expresa como se sentía mentres estaba en Gat. Neste salmo, David explica claramente por que tiña medo, pero tamén se pode ver que lle axudou a superalo. Cando sentiu temor, confiou en Xehová. E tiña boas razóns para facelo (le Salmo 56:1-3, 11, TNM). Coa bendición de Deus, David usou unha estratexia pouco común pero moi efectiva: finxiu estar tolo! Agora Áquix xa non o vía coma unha ameaza, senón coma un estorbo. Grazas a iso, David puido escapar (1 Sam. 21:14–22:1 [21:13–22:1, TNM]).

4. Como podemos fortalecer a nosa confianza en Xehová? Pon un exemplo.

4 Nós tamén podemos superar o temor se confiamos en Xehová. Pero, como fortalecemos a nosa confianza nel, especialmente cando sentimos medo? Vexamos o seguinte exemplo. Se che diagnostican unha enfermidade, ó principio quizais esteas asustado. Pero se confías no teu médico, podes chegar a sentirte máis tranquilo. Quizais el xa axudou a moitos pacientes que tiveron unha enfermidade como a túa. Mentres te escoita con atención sentes que realmente se preocupa por ti. E pode que che propoña algún tratamento que funcionou ben noutros casos. De forma parecida, podemos fortalecer a nosa confianza en Xehová analizando o que fixo por nós no pasado, o que fai actualmente e o que fará no futuro. Isto foi o que fixo David. Mentres analizamos algunhas das súas palabras inspiradas que se atopan no Salmo 56 pensa en como ti tamén podes fortalecer a confianza en Xehová e manter a calma cando teñas medo.

QUE FIXO XEHOVÁ NO PASADO?

5. En que meditaba David para superar o medo? (Salmo 56:12, 13, TNM).

5 Mentres a vida de David estaba en perigo, el centrouse no que Xehová xa fixera no pasado (le Salmo 56:12, 13, TNM). David fixo isto ó longo de toda a súa vida. Por exemplo, ás veces meditaba na creación. Isto recordáballe o enorme poder que ten Xehová e canto cariño sente polos humanos (Sal. 65:7-10 [65:6-9, TNM]). Tamén reflexionaba no que Xehová fixera por outros (Sal. 31:20 [31:19, TNM]; 37:25, 26). Pero, sobre todo, meditaba no que Xehová fixera por el persoalmente. Puido ver a súa protección e axuda dende que era pequeniño (Sal. 22:10, 11 [22:9, 10, TNM]). Imaxina o moito que fortaleceu a súa confianza en Deus pensar nestas cousas.

David fortaleceu a súa confianza en Xehová centrándose no que el xa fixera no pasado, no que estaba facendo actualmente e no que faría no futuro (ver os parágrafos 5, 8 e 12). d


6. Que nos axudará a confiar en Xehová cando sintamos medo?

6 Cando sintas medo, pregúntate: “Que cousas fixo xa Xehová?”. Pensa en todo o que creou. Por exemplo, fixarnos en como coida dos paxaros e das flores, aínda que non os creou á súa imaxe nin teñen a capacidade de adoralo, fortalece a nosa confianza en que tamén coidará de nós (Mat. 6:25-32). Pensa tamén no que Xehová xa fixo polos seus servos. Poderías estudar sobre algún personaxe da Biblia que demostrase unha fe extraordinaria ou ler experiencias de servos seus de tempos modernos. a Ademais medita en como coidou de ti persoalmente. Como che axudou a coñecer a verdade? (Xoán 6:44) Como contestou as túas oracións? (1 Xoán 5:14) Como te beneficias cada día do sacrificio do seu querido Fillo? (Ef. 1:7; Heb. 4:14-16).

Podemos fortalecer a nosa confianza en Xehová centrándonos no que el xa fixo no pasado, no que está facendo actualmente e no que fará no futuro (ver os parágrafos 6, 9, 10, 13 e 14). e


7. Como lle axudou a Vanessa o relato de Daniel a deixar de ter medo?

7 Unha irmá de Haití que se chama Vanessa, tivo que enfrontarse a unha situación moi angustiosa. b Un veciño chamábaa e mandáballe mensaxes tódolos días insistíndolle para que tivese unha relación con el. Vanessa deixoulle claro que non quería. Pero o home volveuse máis agresivo e incluso a ameazou. “Estaba aterrorizada”, admite ela. Que fixo para superar o medo? Tomou medidas prácticas para protexerse. Un ancián axudoulle a poñerse en contacto coas autoridades. Pero, ademais meditou en como Xehová protexeu os seus servos no pasado. “A primeira persoa que me veu á mente foi o profeta Daniel”, conta Vanessa. “A el botárono no foxo dos leóns a pesar de ser inocente. Pero Xehová salvouno. Así que eu tamén lle pedín a Deus que se encargase de solucionar o meu problema, xa que eu fixera todo o que estaba nas miñas mans. Despois diso, xa non volvín ter medo” (Dan. 6:13-23 [6:12-22, TNM]).

QUE ESTÁ FACENDO XEHOVÁ ACTUALMENTE?

8. De que estaba convencido David? (Salmo 56:9 [56:8, TNM]).

8 Aínda que David estaba nunha situación moi perigosa en Gat, non se deixou levar polo pánico. En vez diso, decidiu pensar no que Xehová estaba facendo por el nese momento. Puido sentir que o estaba guiando e protexendo e que entendía como se sentía (le Salmo 56:9 [56:8, TNM]). Tamén tivo amigos, como Ionatán e o sumo sacerdote Ahimélec, que lle deron apoio e axuda práctica (1 Sam. 20:41-21:1 [20:41, 42, TNM]; 21:7, 9, 10 [21:6, 8, 9, TNM]). E a pesar de que o rei Xaúl quería matalo, conseguiu escapar. David estaba convencido de que Xehová sabía exactamente polo que estaba pasando e como esta proba lle estaba afectando en sentido emocional.

9. En que se fixa Xehová?

9 Cando te enfrontes a algún problema que che dea medo, recorda que Xehová é consciente do que estás pasando e de como te fai sentir esa situación. Por exemplo, el non só se daba conta do maltrato que os israelitas estaban soportando en Exipto, senón que tamén coñecía “os seus sufrimentos” (Éx. 3:7). David cantou que Xehová vía a súa “aflicción” e tamén as súas “angustias” (Sal. 31:8 [31:7, TNM]). E cando os servos de Deus sufriron, incluso cando foi debido ás malas decisións que eles mesmos tomaran, Xehová “tamén estivo angustiado” (Is. 63:9, TNM). Cando teñas medo, non te esquezas de que el entende como te sentes e está desexando axudarche a superar os teus temores.

10. Por que estás convencido de que Xehová se preocupa por ti e de que che axudará a enfrontarte a calquera problema?

10 Se estás pasando por unha proba que che dá medo pode que non vexas como Xehová che está axudando. Nese caso, que podes facer? Primeiro, pídelle que che permita ver como te está apoiando (2 Reis 6:15-17). Despois pregúntate: “Fortaleceume algún comentario ou discurso que escoitei na reunión? Animoume algunha publicación, vídeo ou canción? Compartiron comigo algún pensamento ou texto bíblico tranquilizador?” É fácil dar por sentado a cariñosa irmandade que temos e o alimento espiritual que recibimos. Pero, o certo é que son regalos de Xehová (Is. 65:13; Mar. 10:29, 30). Todo isto demostra que se preocupa moito por nós e que merece que confiemos nel (Is. 49:14-16).

11. Que lle axudou a Aida a superar os seus medos?

11 Aida, que vive no Senegal, viu como Xehová lle axudou durante un problema. Como é a filla maior, os seus pais esperaban que coidase economicamente de si mesma e tamén deles. Pero cando simplificou a súa vida para facerse pioneira, Aida quedou con moi poucos cartos. Por iso a súa familia se enfadou con ela e ata a criticou. “Tiña medo de non poder axudarlles ós meus pais e de que todo o mundo me rechazase”, conta ela. “Incluso culpaba a Xehová por permitir que as cousas fosen tan mal”. Entón, escoitou un discurso nunha reunión. “O orador recordou que Xehová sabe o que nos fai sentir medo ou ansiedade a cada un de nós. Pouco a pouco, grazas a axuda dos anciáns e doutros irmáns, cheguei a convencerme de que Xehová me quere. Agora volvía orarlle a Xehová coa confianza de que me axudaría e sentía moita paz ó ver que el contestaba as miñas oracións”. Co tempo, Aida encontrou un traballo que non só lle permitía manterse a si mesma e seguir sendo pioneira, senón tamén axudarlles economicamente ós seus pais e a outros. “Esta experiencia ensinoume a confiar por completo en Xehová”, admite ela. “Agora os meus medos a miúdo desaparecen despois de orarlle”.

QUE FARÁ XEHOVÁ NO FUTURO?

12. Segundo Salmo 56:10 (56:9, TNM), de que estaba seguro David?

12 Le Salmo 56:10 (56:9, TNM). Este versículo mostra outra forma na que David loitou contra os seus medos. Incluso cando a súa vida aínda estaba en perigo, meditou no que Xehová faría por el no futuro. Sabía que Deus o salvaría ó seu debido tempo, xa que lle prometera que sería o seguinte rei de Israel (1 Sam. 16:1, 13). David estaba convencido de que tódalas promesas de Xehová se farían realidade.

13. Que sabemos que fará Xehová?

13 Que prometeu Xehová que fará por ti? Claro, non podemos esperar que nos libre de tódolos problemas. c Pero, sexan cales sexan as dificultades ás que te enfrontes neste sistema, Xehová acabará con elas no futuro novo mundo (Is. 25:7-9). O noso Creador ten o poder necesario para acabar coa morte, coas enfermidades e cos que se opoñen a nós (1 Xoán 4:4).

14. En que poderiamos meditar?

14 Cando sintas medo, medita no que Xehová fará no futuro. Pensa en como será a túa vida cando Satanás xa non exista, cando tódalas persoas sexan boas e cando, pouco a pouco, a imperfección vaia desaparecendo. Unha escenificación que houbo no programa do Congreso Rexional do ano 2014 mostrou como podemos meditar na nosa esperanza. Un pai comentaba coa súa familia como poderían ser os versículos de 2 Timoteo 3:1-5 se falasen da vida no Paraíso. Dirían algo como: “No novo mundo virán tempos moi felices. Porque a xente amará os demais, amará a verdade, será modesta, humilde, louvará a Deus, obedecerá os pais, será agradecida, leal, terá moito cariño polos seus familiares, estará disposta a chegar a acordos, falará sempre ben dos demais, terá autocontrol, será mansa, amará o bo, dirá sempre a verdade, será razoable, non será orgullosa, amará a Deus máis cós praceres e teralle verdadeira devoción. Xúntate con xente así”. Por que non falas coa túa familia e cos irmáns da congregación de como será a vida no novo mundo?

15. Aínda que Tania tivo medo, que lle axudou a aguantar?

15 Unha irmá de Macedonia do Norte que se chama Tania puido superar os seus medos meditando nas bendicións que Xehová traerá no futuro. Seus pais opuxéronse firmemente a que estudase a Biblia. Ela conta: “Algúns dos meus maiores temores fixéronse realidade. Miña nai pegábame despois de cada reunión. Ademais, meus pais ameazaron con matarme se chegaba a ser testemuña de Xehová”. Finalmente, botárona da casa. Como reaccionou Tania? Ela di: “Centreime no feliz que serei por toda a eternidade grazas a manter a miña integridade. Tamén pensei en como Xehová me recompensará no novo mundo por tódalas cousas que podería perder neste sistema e en como fará que esqueza todo o malo”. Tania non cedeu á presión. Coa axuda de Xehová encontrou un lugar no que vivir. Na actualidade, está casada cun irmán fiel e os dous son moi felices servindo a tempo completo.

FORTALECE AGORA A TÚA CONFIANZA EN XEHOVÁ

16. Que nos axudará a ser valentes cando se cumpran as palabras de Lucas 21:26-28?

16 Durante a gran tribulación todos estarán “cheos de medo”, pero o pobo de Xehová manterase firme e será valente (le Lucas 21:26-28). Por que non nos deixaremos dominar polo medo? Porque xa aprendemos a confiar en Xehová. Tania, da que xa falamos antes, di que as súas experiencias do pasado lle axudan a enfrontarse a outras situacións difíciles. “Aprendín que, sen importar as circunstancias, Xehová pode facer que as cousas saian ben”, conta ela. “Ás veces podería parecer que os demais dominan a situación, pero a realidade é que só teñen o control que Xehová lles permite ter. E por moi dura que sexa unha proba terminará nalgún momento”.

17. Como nos axudará o texto para o ano 2024? (Ver a imaxe da portada da revista).

17 Hoxe en día, hai moitas cousas que poderían darnos medo. Pero igual ca David, podemos evitar que ese sentimento nos controle. O texto para o ano 2024 é unha oración na que David lle dixo a Xehová: “Cando teño medo, confío en ti” (Sal. 56:3, TNM). Falando deste versículo, unha obra de consulta dixo: “David non se queda pensando nas cousas que lle dan medo ou nos seus problemas. Máis ben, confía no único que pode salvalo”. Nos próximos meses medita no texto para este ano, sobre todo se estás pasando por situacións angustiosas. Dedica tempo a reflexionar no que Xehová xa fixo no pasado, está facendo no presente e fará no futuro. Así poderás dicir o mesmo que David: “En Deus confío e non temo” (Sal. 56:5 [56:4, TNM]).

No medio dunha catástrofe unha irmá medita no texto para o ano (ver o parágrafo 17).

COMO CHE PODE AXUDAR A VENCER OS TEUS MEDOS REFLEXIONAR...

  • … no que fixo Xehová no pasado?

  • … no que Xehová está facendo actualmente?

  • ... no que Xehová fará no futuro?

CANCIÓN sn 38 Podes contar con Xehová

a Podes atopar artigos que fortalezan a túa fe escribindo “experiencias” no cadro de busca de jw.org. Tamén podes escribir “ejemplos de fe” no cadro de busca de jw.org en español. Na aplicación JW Library® busca a serie de artigos “Historias persoais de testemuñas de Xehová”. Tamén podes buscar a serie de artigos “Ejemplos de fe” en JW Library® en español.

b Cambiáronse algúns nomes.

c Mira o libro Acerquémonos a Jehová, capítulo 7 parágrafos 13 a 22 (dispoñible en español).

d DESCRICIÓN DA IMAXE: David reflexiona en como Xehová lle deu forzas para vencer a un oso, en como lle está dando axuda práctica mediante Ahimélec e en como cumpriría a súa promesa de facelo rei no futuro.

e DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán que está no cárcere debido á súa fe reflexiona en como Xehová lle axudou no pasado a deixar de fumar, en como o está fortalecendo agora por medio das cartas dos seus seres queridos e en como o recompensará con vida eterna no Paraíso futuro.