Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 5

CANCIÓN snnw 151 A revelación dos fillos de Deus

“Non te deixarei”

“Non te deixarei”

“[Deus] ten dito: ‘Non te deixarei nin te desampararei’” (HEB. 13:5).

OBXECTIVO

Darlles ós servos de Deus a seguridade de que el non os vai abandonar cando o resto dos unxidos que queden na Terra sexan levados para o ceo.

1. Cando estarán no ceo tódolos unxidos?

 HAI anos, o pobo de Xehová preguntábase: “Cando será levado ó ceo o último unxido?”. Antes pensabamos que algúns deles quizais vivisen durante algún tempo no Paraíso aquí na Terra despois da guerra de Armaxedón. Pero na revista La Atalaya do 15 de xullo de 2013 vimos que tódolos unxidos que estean na Terra serán levados ó ceo antes do comezo do Armaxedón (Mat. 24:31).

2. Que pregunta poderiamos facernos, e que imos analizar neste artigo?

2 Por iso, poida que agora nos preguntemos: “Que pasará coas ‘outras ovellas’ de Cristo que estean servindo fielmente a Xehová aquí na Terra durante a ‘gran tribulación’?” (Xoán 10:16; Mat. 24:21). Quizais a algúns lles preocupe sentirse sen guía ou abandonados cando os seus queridos irmáns unxidos sexan levados para o ceo. Examinemos dous relatos da Biblia que poderían levar algúns a pensar así. E despois analicemos os motivos que temos para non preocuparnos.

O QUE NON SUCEDERÁ

3, 4. Que poden preguntarse algúns, e por que?

3 Algúns poderían preguntarse se as outras ovellas se apartarán da verdade cando non teñan os unxidos do Consello Reitor para guialas. Poida que haxa algúns relatos da Biblia que os leven a ter esa dúbida. Consideremos dous exemplos. O primeiro é o do sumo sacerdote Iehoiadá, que era un home que servía fielmente a Deus. El e a súa muller, Ioxeba, protexeron un neno chamado Ioax e axudáronlle a converterse nun rei bo e fiel. Mentres que Iehoiadá viviu, Ioax adorou a Xehová e fixo cousas boas. Pero despois da morte de Iehoiadá, Ioax empezou a facer o que era malo. Escoitou os príncipes malvados e deixou de servir a Xehová (2 Crón. 24:2, 15-19).

4 O seguinte exemplo é o dos cristiáns do segundo século. O apóstolo Xoán, o último apóstolo en morrer, foi unha boa influencia para moitos cristiáns, axudándolles a aguantar no seu servizo a Xehová (3 Xoán 4). Xoán, xunto con outros apóstolos fieis de Xesús, tivo que loitar durante algún tempo contra a apostasía, que se espallaba cada vez máis (1 Xoán 2:18; 2 Tes. 2:7). Despois de morrer Xoán, esta estendeuse coma o lume. En poucas décadas, a congregación cristiá contaminouse con ensinanzas falsas e condutas que a Biblia condena.

5. Ó pensar nestes dous relatos, que conclusión non deberiamos sacar?

5 Indican estes dous relatos que sucederá algo parecido coas outras ovellas de Cristo cando os unxidos sexan levados ó ceo? Apartaranse do que aprenderon, como Ioax? Caerán na apostasía, como fixeron moitos cristiáns do segundo século da nosa era? A resposta é un rotundo non! Podemos ter a confianza de que, cando os unxidos deixen a Terra, as outras ovellas estarán ben coidadas e seguirán servindo a Xehová da forma correcta. Por que estamos tan seguros?

A ADORACIÓN PURA NUNCA MÁIS SE VOLVERÁ CORROMPER

6. Que tres períodos de tempo imos analizar brevemente?

6 Por que podemos estar seguros de que a adoración pura non se vai contaminar, incluso cando veñan tempos moi difíciles? Porque a Biblia di que o momento da historia no que estamos vivindo é moi diferente ó tempo dos israelitas e ó dos cristiáns do segundo século. Analicemos máis de cerca estes tres períodos de tempo: 1) a época do antigo Israel, 2) o período que veu despois da morte dos apóstolos e 3) a actualidade, “o tempo de que se restauren tódalas cousas” (Feit. 3:21).

7. No antigo Israel, por que non se desanimaron os israelitas fieis cando a nación e os reis escolleron un mal camiño?

7 A época do antigo Israel. Pouco antes de morrer, Moisés díxolles ós israelitas: “Eu sei ben como vos corromperedes despois da miña morte e como vos apartaredes do vieiro que vos ordenei” (Deut. 31:29). Moisés tamén lles advertiu que se a nación de Israel se rebelaba, sería enviada ó exilio (Deut. 28:35, 36). Cumpríronse estas palabras? Si. Ó longo dos séculos, moitos reis desobedeceron a Xehová e fixeron que o pobo se desviase da adoración verdadeira. Como consecuencia, Xehová castigou o seu pobo e non permitiu que o gobernasen máis reis israelitas (Ezeq. 21:30-32 [21:25-27, TNM]). Pero ver como se cumprían as palabras de Deus fixo que os israelitas fieis tivesen o valor necesario para continuar servíndoo (Is. 55:10, 11).

8. Debería sorprendernos que a congregación cristiá do segundo século se corrompese? Explica a túa resposta.

8 O período que veu despois da morte dos apóstolos. Debería sorprendernos que a congregación cristiá do segundo século se corrompese? Non. Xesús predixera que chegaría un momento no que habería moita apostasía (Mat. 7:21-23; 13:24-30, 36-43). Os apóstolos Paulo, Pedro e Xoán confirmaron que a profecía de Xesús xa comezaba a cumprirse no primeiro século da nosa era (2 Tes. 2:3, 7; 2 Ped. 2:1, 17, 19; 1 Xoán 2:18). Pouco despois da morte do último apóstolo, o cristianismo apóstata converteuse nunha parte moi importante de Babilonia a Grande, o imperio mundial da relixión falsa. Unha vez máis, as profecías de Xesús cumpríronse.

9. En que se diferencia o tempo no que vivimos da época do antigo Israel e da época da congregación cristiá do segundo século?

9 “O tempo de que se restauren tódalas cousas”. O tempo no que vivimos é diferente á época do antigo Israel e ó período de apostasía que comezou durante o segundo século da nosa era. E como se chama o noso período de tempo? Poderiamos referirnos a el como os “días derradeiros”, ou últimos días, deste sistema malvado (2 Tim. 3:1). Pero a Biblia dixo que cando empezasen os últimos días tamén comezaría un período de tempo máis importante e máis longo que continuará ata que o Reino Mesiánico leve a humanidade á perfección e transforme a Terra nun paraíso. A este período, que comezou en 1914, chámaselle “o tempo de que se restauren tódalas cousas” (Feit. 3:21). Que é o que se empezou a restaurar? Nese ano, Xesús comezou a gobernar como Rei no ceo. Así que Xehová volveu ter un gobernante que o representaba, un herdeiro do fiel rei David. E isto non foi todo. Pouco despois, a adoración pura comezou a restaurarse por fin! (Is. 2:2-4; Ezeq. 11:17-20) Pero, volverase corromper de novo?

10. a) Que predixo a Biblia sobre a adoración pura nos nosos tempos? (Isaías 54:17) b) Por que son tranquilizadoras estas profecías?

10 Le Isaías 54:17. Agora pensa nas palabras desta profecía inspirada: “Toda arma que se faga para ir contra ti, non terá éxito”. Isto estase cumprindo hoxe en día. E as seguintes palabras de ánimo tamén aplican na actualidade: “Tódolos teus fillos serán ensinados por Xehová, e a paz dos teus fillos será abundante. Estarás firmemente establecida na xustiza. [...] Nada che dará medo nin terás razóns para sentir terror, porque este non se acercará a ti” (Is. 54:13, 14, TNM). Nin sequera Satanás, que é “o deus deste mundo”, pode parar o labor que o pobo de Xehová está levando a cabo co fin de ensinarlles ás persoas a verdade sobre Deus (2 Cor. 4:4). A adoración pura foi restaurada e nunca máis se volverá corromper. Permanecerá por toda a eternidade e nada nin ninguén que intente impedilo terá éxito.

O QUE SI SUCEDERÁ

11. Que nos convence de que a gran multitude non quedará abandonada cando os unxidos sexan levados ó ceo?

11 Que sucederá cando os unxidos sexan levados ó ceo? Recordemos que Xesús é o noso Pastor e Cabeza da congregación cristiá. El mesmo dixo o seguinte: “Só tedes un Líder, o Cristo” (Mat. 23:10). O noso Rei, que xa está gobernando no ceo, nunca deixará de facer o seu traballo. Os seguidores de Cristo aquí na Terra non teñen nada que temer porque é el mesmo quen os está guiando. Claro, non sabemos tódolos detalles sobre como Cristo dirixirá o pobo de Deus cando os unxidos xa non estean na Terra. Así que vexamos algúns exemplos bíblicos que nos poden tranquilizar.

12. a) Como coidou Xehová do seu pobo despois de que morrese Moisés? b) Como coidou Xehová do seu pobo despois de que Elías recibise unha nova responsabilidade? (Ver tamén a imaxe).

12 Moisés morreu antes de que os israelitas entrasen na Terra Prometida. Que pasaría co pobo de Deus a partir dese momento? Deixaría Xehová de axudarlles agora que xa non estaba este home fiel? Non. Mentres fosen obedientes, el coidaría deles. Antes de que Moisés morrese, Xehová dixéralle que lle encargase a Xosué a tarefa de guiar o pobo. Por iso Moisés o capacitou durante moitos anos (Éx. 33:11; Deut. 34:9). Ademais había outros homes cualificados que estaban dirixindo a nación. A Biblia fala de xefes de mil, de cento, de cincuenta e incluso de dez (Deut. 1:15). Está claro que os servos de Deus estaban ben coidados. Encontramos un exemplo parecido no caso de Elías. El traballou moi duro durante décadas para axudarlles ós israelitas a adorar a Xehová. Pero, máis tarde, Deus encargoulle outra responsabilidade en Xudá (2 Reis 2:1; 2 Crón. 21:12). Entón, que pasaría cos israelitas fieis que vivían no reino de dez tribos? Quedarían abandonados? En absoluto! Elías estivera capacitando a Eliseo durante moitos anos. Ademais estaban “os fillos dos profetas”, que tamén recibiran preparación (2 Reis 2:7). Polo tanto, moitos homes fieis estaban dispoñibles para guiar o pobo de Deus. Así que Xehová seguiu adiante co seu propósito e coidou dos seus servos leais.

Moisés (imaxe da esquerda) e Elías (imaxe da dereita) capacitaron un sucesor (ver o parágrafo 12).


13. Que tranquilidade nos dan as palabras de Hebreos 13:5? (Ver tamén a imaxe).

13 Tendo en mente os exemplos que acabamos de mencionar, que pensas que ocorrerá cando os últimos unxidos que queden na Terra sexan levados ó ceo? Non necesitamos sacar as nosas propias conclusións, porque a Biblia dá a seguinte resposta simple e tranquilizadora: Xehová nunca abandonará o seu pobo (le Hebreos 13:5). Igual ca Moisés e Elías, o pequeno grupo de cristiáns unxidos que dirixe a organización de Xehová aquí na Terra hoxe en día entende ben o importante que é capacitar a outros. O Consello Reitor leva décadas preparando irmáns que forman parte das outras ovellas para que poidan asumir maiores responsabilidades. Por exemplo, organizaron moitas escolas para capacitar ós anciáns, superintendentes viaxantes, membros de Comité de Sucursal, superintendentes de Betel, misioneiros e outros. O Consello Reitor estivo preparando persoalmente os axudantes dos diferentes comités que atende. Estes axudantes xa se están encargando fielmente de moitas tarefas importantes. Así que están ben preparados para continuar co traballo de coidar das ovellas de Cristo.

O Consello Reitor traballa moi duro para capacitar axudantes e organizar escolas para anciáns, superintendentes viaxantes, membros de Comité de Sucursal, superintendentes de Betel e misioneiros arredor do mundo (ver o parágrafo 13).


14. Cal é o punto clave deste artigo?

14 Este é o punto clave deste artigo: cando o último dos unxidos sexa levado ó ceo pouco antes do final da gran tribulación, o pobo de Xehová aquí na Terra seguirá servíndoo fielmente. Grazas á guía de Xesucristo, o pobo de Deus non se desviará. Sabemos que nese momento unha coalición de nacións que a Biblia chama Gog de Magog atacará os servos de Xehová (Ezeq. 38:18-20). Pero ese breve ataque fracasará e non impedirá que o pobo de Deus o adore. Podemos estar seguros de que el o rescatará! Nunha visión, o apóstolo Xoán viu a “gran multitude” de outras ovellas de Cristo, e díxoselle que esa “gran multitude” saía “da gran tribulación” (Apoc. 7:9, 14, TNM). Así que, estamos convencidos de que Xehová manterá a salvo os seus servos.

15, 16. Segundo Apocalipse 17:14, que farán os unxidos durante a guerra de Armaxedón, e por que é iso animador?

15 Aínda así, pode que algúns se pregunten: “E que hai dos unxidos? Que farán cando estean no ceo?”. A Biblia contesta directamente estas preguntas cando di que os gobernos deste mundo “faranlle a guerra ó Año”. Por suposto, perderán. O relato tamén di: “O Año venceraos”. E quen lle axudará? O mesmo versículo menciona que serán “os chamados, os escolleitos e os fieis” (le Apocalipse 17:14). Quen son estes? Os unxidos resucitados. Así que, despois de que o último dos unxidos que estea na Terra sexa levado ó ceo, pouco antes do final da gran tribulación, unha das primeiras tarefas que recibirán será loitar. Que asignación tan especial! Algúns cristiáns unxidos tiveron que pelexar nalgunha ocasión antes de facerse testemuñas de Xehová. Poida que incluso servisen como soldados en exércitos deste mundo. Pero, máis adiante, cando chegaron a ser verdadeiros cristiáns aprenderon a vivir en paz cos demais e deixaron de apoiar as guerras (Gál. 5:22; 2 Tes. 3:16). Con todo, despois de ser levados ó ceo, servirán xunto con Xesús e os seus anxos e loitarán na guerra final contra os inimigos de Deus.

16 Pensa nisto: na Terra, algúns dos cristiáns unxidos son maioriños e están débiles. Pero, unha vez resucitados no ceo, serán criaturas espirituais poderosas e inmortais ás que se lles encargará loitar ó lado do seu Rei Guerreiro, Xesucristo. Despois da guerra de Armaxedón traballarán con Xesús para axudarlle á humanidade a alcanzar a perfección. Non hai dúbida de que o apoio que lles darán dende os ceos ós seus queridos irmáns da Terra será incluso mellor do que poderían darlles como humanos imperfectos.

17. Por que sabemos que tódolos servos de Deus estarán a salvo durante a guerra de Armaxedón?

17 E ti? Es parte das outras ovellas? Se é así, que terás que facer ti cando empece a guerra de Armaxedón? Simplemente confiar en Xehová e seguir as súas instrucións. Que podería implicar isto? As seguintes palabras da Biblia tranquilízannos moito: “Entra nas túas habitacións e pecha as portas detrás de ti, escóndete rapidamente un pouquiño ata que pase a ira” (Is. 26:20). Tódolos servos fieis de Deus, tanto no ceo coma na Terra, estarán a salvo durante ese tempo. Igual que o apóstolo Paulo, estamos convencidos de que nin os gobernos, “nin o presente nin o porvir [...] nos poderá afastar do amor que Deus nos ten” (Rom. 8:38, 39). Recorda sempre que Xehová te quere e nunca te abandonará!

CANDO O ÚLTIMO DOS CRISTIÁNS UNXIDOS SEXA LEVADO Ó CEO...

  • ... que é o que non sucederá?

  • ... por que podemos estar seguros de que a adoración pura non se corromperá?

  • ... por que podemos confiar en que Xehová coidará do seu pobo?

CANCIÓN sn 49 Xehová, ti es o meu refuxio