Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 7

CANCIÓN sjj 52 A dedicación cristiá

Que podemos aprender dos nazarenos?

Que podemos aprender dos nazarenos?

“Durante todo o tempo do seu nazireato está consagrado ó Señor” (NÚM. 6:8).

OBXECTIVO

Ver como o exemplo dos nazarenos nos pode axudar a ser valentes e a estar dispostos a facer sacrificios por Xehová.

1. Que boa actitude demostraron os servos de Xehová ó longo da historia?

 VALORAS a túa relación con Xehová? Seguro que si! E non es o único. Dende tempos antigos, moitas persoas sentiron o mesmo (Sal. 104:33, 34). Houbo moitos que fixeron sacrificios para adorar a Xehová, como por exemplo os nazarenos que vivían no antigo Israel. Pero, quen eran e que podemos aprender do seu exemplo?

2. a) Quen eran os nazarenos? (Números 6:1, 2) b) Por que decidían algúns israelitas facer este voto especial?

2 A palabra “nazareno” vén dun termo hebreo que significa “seleccionado”, “separado” ou “dedicado”. Os nazarenos eran israelitas entusiastas que decidían facer algúns sacrificios persoais para servir a Xehová dunha maneira especial. A Lei mosaica permitíalles, tanto a homes coma a mulleres, facerlle este voto a Xehová e vivir durante un tempo coma nazarenos (le Números 6:1, 2). a Esta promesa solemne implicaba seguir algunhas normas que o resto dos israelitas non tiñan que cumprir. Entón, por que querería alguén facer este voto? Seguramente polo seu profundo amor a Xehová e o agradecemento sincero por tódalas bendicións que recibira del (Deut. 6:5; 16:17).

3. En que se parece o pobo de Deus da actualidade ós nazarenos?

3 Cando a “Lei de Cristo” substituíu a Lei mosaica, o servizo de nazareno deixou de existir (Gál. 6:2; Rom. 10:4). Pero, na actualidade, os servos de Xehová tamén seguimos demostrando un intenso desexo de servilo con todo o corazón, alma, mente e forzas (Mar. 12:30). Prometemos isto cando nos dedicamos a Deus. Para vivir en harmonía con esa promesa, temos que cumprir coa súa vontade e estar dispostos a facer sacrificios. Ó analizar como os nazarenos cumprían co seu voto aprendemos leccións moi valiosas sobre como podemos nós estar á altura da nosa dedicación (Mat. 16:24). b Imos ver algúns exemplos.

ESTEAMOS DISPOSTOS A FACER SACRIFICIOS

4. Segundo Números 6:3, 4, que sacrificio facían os nazarenos?

4 Le Números 6:3, 4. Os nazarenos tiñan que absterse de todo tipo de alcohol e produtos da vide como as uvas frescas ou as uvas pasas. Seguro que as persoas que os rodeaban desfrutaban a miúdo destes alimentos, e tiñan todo o dereito a facelo, xa que non é nada malo. A Biblia fala do “viño que alegra o corazón do home” como un regalo de Deus (Sal. 104:14, 15). Aínda así, os nazarenos estaban dispostos a sacrificar o seu dereito de desfrutar destas cousas agradables. c

Igual que os nazarenos, estás disposto a facer sacrificios? (Ver os parágrafos 4 a 6).


5. Que sacrificios decidiron facer Madián e Marcela, e por que?

5 Igual que os nazarenos, nós tamén facemos sacrificios para servir a Xehová máis plenamente. Fíxate no exemplo de Madián e Marcela. d Este matrimonio cristián desfrutaba dunha vida cómoda. Madián tiña un bo traballo que lles permitía vivir nun apartamento moi bonito. Pero, querían facer máis no servizo a Xehová. Para conseguir esta meta decidiron realizar algúns axustes. “Empezamos reducindo os gastos”, contan eles. “Mudámonos a un apartamento máis pequeno e vendemos o noso coche”. Madián e Marcela non tiñan por que facer estes sacrificios, pero decidiron facelos para aumentar o seu servizo a Xehová. E están moi satisfeitos e contentos coas decisións que tomaron.

6. Por que facemos sacrificios os cristiáns hoxe en día? (Ver tamén a imaxe).

6 Ós servos de Xehová da actualidade tamén nos dá moita alegría facer sacrificios para poder dedicarlles máis tempo ás actividades teocráticas (1 Cor. 9:3-6). Por exemplo, algúns renuncian a ter o traballo dos seus soños, a comprar unha casa ou incluso a ter unha mascota. Moitos deciden esperar máis tempo para casar ou para ter fillos. Outros deciden servir onde hai máis necesidade, aínda que iso implique estar lonxe dos seus familiares e amigos. Xehová non nos pide que fagamos estes sacrificios, nin se trata de cousas que estean mal. Pero, moitos de nós estamos dispostos a facelos porque queremos darlle o mellor ó noso Deus. Podes ter a seguridade de que el valora moito calquera sacrificio que decidas facer para servilo, sexa pequeno ou grande (Heb. 6:10).

ESTEAMOS DISPOSTOS A SER DIFERENTES

7. Por que podía ser difícil para un nazareno manter o seu voto? (Números 6:5) (Ver tamén a imaxe).

7 Le Números 6:5. O voto dun nazareno incluía non cortar o pelo. Esta era unha maneira de demostrar a súa submisión completa a Xehová. Dependendo da duración do seu voto, é posible que o pelo lle medrase moito e que os demais se desen conta. Se o respectaban e o animaban a cumprir con ese voto, o feito de ser diferente non supoñería un desafío para el. Pero, lamentablemente, houbo momentos na historia de Israel nos que non se respectaba nin animaba os nazarenos. Por exemplo, durante o tempo do profeta Amós, israelitas apóstatas facíanlles “beber viño ós nazireos” probablemente intentando que non cumprisen o seu voto de absterse do alcohol (Amós 2:12). Nalgunhas ocasións os nazarenos necesitaron moito valor para cumprir coa súa promesa e ser diferentes dos demais.

Para manter o seu voto, un nazareno tiña que estar disposto a ser diferente (ver o parágrafo 7).


8. Como te anima a experiencia de Benjamin?

8 Coa axuda de Xehová nós tamén podemos ter o valor necesario para ser diferentes, incluso se somos vergonzosos ou tímidos. Fíxate no exemplo de Benjamin, unha testemuña de Xehová de Noruega que só ten 10 aniños. Debido á guerra en Ucraína, o seu colexio organizou un evento para apoiar as persoas dese país. Pedíuselles ós nenos que cantasen unha canción mentres ían vestidos coas cores da bandeira de Ucraína. Para evitar participar neste evento nacionalista, Benjamin apartouse discretamente do lugar no que se estaba celebrando. Pero unha mestra viuno e chamouno en voz alta, dicíndolle: “Tes que vir aquí con nós. Estamos todos esperando por ti!”. Benjamin acercouse á mestra e díxolle con valentía: “Eu son neutral, e por iso non participo en nada que teña que ver coa política. De feito, moitas testemuñas de Xehová están en prisión por negarse a ir á guerra”. A mestra aceptou a súa explicación e díxolle que non tiña por que participar no evento. Pero os seus compañeiros de clase empezáronlle a preguntar por que non ía alí con eles. Benjamin púxose tan nervioso que case empeza a chorar pero, aínda así, foi valente e repetiulles o que xa lle dixera á mestra. Despois, contoulles a seus pais que sentira que Xehová lle axudara a defender as súas crenzas.

9. De que maneira podemos facer feliz a Xehová?

9 Como decidimos obedecer a Xehová, outros danse conta de que somos diferentes a eles. Fai falta moito valor para dicirlles ós compañeiros de traballo e escola que somos testemuñas de Xehová. E como as actitudes e os comportamentos deste mundo van a peor, é posible que sexa cada vez máis difícil vivir segundo os principios da Biblia e compartir as boas noticias con outros (2 Tim. 1:8; 3:13). Pero recordemos sempre que, cando somos valentes e nos diferenciamos dos que non serven a Xehová, facémolo feliz (Prov. 27:11; Mal. 3:18).

POÑAMOS A XEHOVÁ EN PRIMEIRO LUGAR NA NOSA VIDA

10. Por que podería ser un desafío para un nazareno cumprir o mandato de Números 6:6, 7?

10 Le Números 6:6, 7. Os nazarenos non podían estar cerca de ningún cadáver. Quizais penses que isto non é un gran sacrificio. Pero, en tempos bíblicos, este requisito podía ser un verdadeiro desafío para un nazareno cando lle morría algún ser querido. Os costumes daquela época requirían estar cerca do corpo da persoa que morrera (Xoán 19:39, 40; Feit. 9:36-40). Un nazareno non podía cumprir con eses costumes, así que nestas situacións familiares tan dolorosas tiña que demostrar unha fe forte para manter o seu voto. Seguro que Xehová lles daba a estes servos fieis as forzas que necesitaban para superar estas probas.

11. Que ten que estar decidido a facer un cristián cando debe tomar decisións sobre asuntos familiares? (Ver tamén a imaxe).

11 Os cristiáns tomamos moi en serio a nosa promesa de dedicación. Isto aféctalles ás nosas decisións e accións en asuntos familiares. Traballamos duro para coidar das necesidades da nosa familia, pero nunca poñemos os desexos dos nosos parentes por diante do que Deus nos pide (Mat. 10:35-37; 1 Tim. 5:8). Ás veces isto podería significar que, co fin de agradarlle a Xehová, tomemos algunhas decisións que non lles gusten ós nosos familiares.

Estás disposto a poñer a vontade de Xehová en primeiro lugar aínda nas circunstancias máis difíciles? (Ver o parágrafo 11). e


12. Mentres se enfrontaba a unha situación familiar difícil, que fixo Alexandru e que non fixo?

12 Pensa na experiencia de Alexandru e a súa muller Dorina. Despois de que este matrimonio estivese estudando a Biblia durante un ano, Dorina quixo parar e pediulle a Alexandru que fixese o mesmo. Pero el díxolle, con moito tacto e paciencia, que non o ía deixar. A Dorina isto non lle gustou e intentou obrigalo. Alexandru conta que tratou de entender por que ela se sentía así, pero que non lle resultou fácil. Ás veces, cando Dorina o criticaba e lle falaba mal, a el dábanlle ganas de renderse e deixar de estudar a Biblia. Aínda así, seguiu poñendo a Xehová en primeiro lugar e, ó mesmo tempo, demostrándolle moito cariño e respecto á súa muller. Grazas ó seu bo exemplo, ela decidiu retomar o curso da Biblia e, co tempo, bautizouse (mira en jw.org o vídeo Alexandru e Dorina Văcar: “O amor é paciente e bondadoso” da serie “A verdade cambioulles a vida”).

13. Como podemos demostrar que amamos a Xehová e tamén á nosa familia?

13 Xehová foi quen creou a familia e quere que sexamos felices nela (Ef. 3:14, 15). Se queremos desfrutar de verdadeira felicidade temos que facer as cousas como a el lle gustan. Nunca dubides de que Xehová valora moito os sacrificios que fas para servilo mentres coidas dos teus familiares e os tratas con amor e respecto (Rom. 12:10).

ANIMÉMONOS UNS ÓS OUTROS A SER COMA OS NAZARENOS

14. A quen especialmente deberiamos intentar animar coas nosas palabras?

14 Tódolos que deciden adorar a Xehová na actualidade teñen que estar dispostos a facer sacrificios por amor a el. Pero, ás veces iso non é fácil. Como podemos axudarnos uns ós outros a demostrar esta boa actitude? Animando os demais coas nosas palabras (Xob 16:5). Hai alguén na túa congregación que estea intentando simplificar a súa vida para participar máis nas actividades teocráticas? Coñeces algún rapaz que teña o valor de ser diferente dos seus compañeiros de escola, aínda que lle resulte moi difícil? E que hai dos estudantes e dos irmáns que seguen sendo fieis a pesar da oposición familiar? Aproveitemos toda oportunidade para animalos e dicirlles o moito que os admiramos polo seu valor e por todo o que están facendo por Xehová (Filem. 4, 5, 7).

15. Como lles axudaron algúns irmáns a outros que están no servizo a tempo completo?

15 Ás veces, quizais poderiamos axudarlle de maneiras prácticas a algún cristián que estea servindo a tempo completo (Prov. 19:17; Heb. 13:16). Isto é o que quixo facer unha irmanciña maior que vive en Sri Lanka. Cando lle aumentaron a pensión, pensou en axudarlles a dúas rapazas para que puidesen seguir servindo como pioneiras a pesar das dificultades económicas ás que se enfrontaban. Así que decidiu darlles unha cantidade de cartos cada mes para contribuír cos seus gastos de teléfono. Que boa actitude demostrou esta irmá!

16. Que aprendemos do servizo dos nazarenos de tempos antigos?

16 Canto aprendemos do bo exemplo dos nazarenos! Pero, o seu voto tamén nos ensina algo sobre o noso Pai celestial, Xehová. El confía en que temos o desexo sincero de agradarlle e en que estamos dispostos a facer sacrificios para cumprir coa nosa dedicación. Ó darnos a opción de demostrarlle o noso amor coas nosas decisións persoais, dignifícanos moito (Prov. 23:15, 16; Mar. 10:28-30; 1 Xoán 4:19). Que Xehová permitise no pasado servir como nazareno demóstranos que el valora moito os sacrificios que facemos por servilo. Polo tanto, esteamos decididos a seguir dándolle a Xehová o mellor de nós.

QUE RESPONDERÍAS?

  • Como demostraban os nazarenos que eran sacrificados e valentes?

  • Como podemos animarnos uns ós outros a imitar a actitude dos nazarenos?

  • Que nos ensina o servizo de nazareno sobre a confianza que ten Xehová nos seus servos?

CANCIÓN sjj 124 Sempre fieis e leais

a Aínda que algúns nazarenos os nomeaba Deus, a maioría probablemente eran israelitas que escolleran de forma voluntaria servir desta maneira durante algún tempo. Mira o recadro “ Nazarenos nomeados por Xehová”.

b Algunhas veces, as nosas publicacións compararon os nazarenos cos irmáns que serven a tempo completo. Pero, neste artigo, falaremos de como tódolos servos dedicados de Xehová poden demostrar a mesma actitude ca eles.

c En xeral, non parece que os nazarenos tivesen que facer ningunha tarefa adicional, como por exemplo desempeñar un traballo específico, para cumprir co seu voto.

d Mira en jw.org o artigo “Decidimos simplificar a nosa vida” da serie “Historias persoais de testemuñas de Xehová”.

e DESCRICIÓN DA IMAXE.: Un nazareno vendo dende unha azotea como sacan da cidade un defunto que é familiar seu para enterralo. Para cumprir co seu voto a Xehová non pode participar no funeral.