Ir ó contido

Ir ó índice

Podemos ser felices mentres esperamos con paciencia a que Xehová actúe

Podemos ser felices mentres esperamos con paciencia a que Xehová actúe

ESTÁS desexando que chegue o momento no que Xehová elimine a maldade e faga novas tódalas cousas? (Apoc. 21:1-5) Claro que si! Pero, non sempre é fácil esperar con paciencia a que Xehová actúe, sobre todo se estamos pasando por dificultades. Esperar por algo que non dá chegado pode desanimarnos moito (Prov. 13:12).

Aínda así, Xehová quere que agardemos con paciencia ata que chegue o momento que el estableceu para actuar. Por que nos pide iso? Que pode axudarnos a ser felices mentres esperamos?

POR QUE QUERE XEHOVÁ QUE ESPEREMOS?

A Biblia di: “Xehová espera pacientemente para mostrarvos favor, e levantarase para mostrarvos misericordia. Porque Xehová é un Deus de xustiza. Felices tódolos que o esperan con anhelo” (Is. 30:18, TNM). Aínda que estas palabras de Isaías foron dirixidas orixinalmente ós xudeus rebeldes, tamén había algúns xudeus fieis ós que lles daban esperanza (Is. 30:1). E ademais son moi animadoras para os servos fieis de Xehová na actualidade.

Temos que esperar con paciencia porque Xehová tamén o está facendo. El xa estableceu o momento no que poñerá fin a este sistema e está esperando a que chegue ese día (Mat. 24:36). Cando chegue, xa estará totalmente claro que as acusacións que fai o Demo contra Xehová e os seus servos son falsas. Despois eliminará a Satanás e a calquera que estea do seu lado. Pero ós seus servos fieis mostraranos misericordia.

Quizais Xehová non elimine as nosas probas de momento, pero el asegúranos que podemos ser felices mentres esperamos. Como dixo Isaías, é posible estar alegres mentres agardamos as cousas boas que sucederán no futuro (Is. 30:18, TNM). a Entón como podemos conseguilo? Analicemos catro pasos que nos axudarán.

COMO PODEMOS SER FELICES MENTRES ESPERAMOS?

Céntrate no positivo. O rei David viu moita maldade ó longo da súa vida (Sal. 37:35). Aínda así escribiu: “Descansa no Señor e espera nel, non te irrites polos que triunfan e polos que manexan a intriga” (Sal. 37:7). David aplicou este consello ó centrarse en que Xehová prometera axudarlle. Tamén se esforzou por recordar tódalas cousas boas que Deus fixera por el (Sal. 40:6 [40:5, TNM]). Se nos centramos nos aspectos positivos da nosa situación en vez de nas cousas negativas que nos rodean, seranos máis fácil esperar a que Xehová actúe.

Aproveita tódalas oportunidades que teñas para falar de Xehová. O escritor do Salmo 71, que probablemente foi David, díxolle a Xehová: “Eu sigo sempre esperando, engadindo louvanza á túa louvanza” (Sal. 71:14). Como o facía? Cantándolle a Xehová cancións de louvanza e falándolles a outros sobre el (Sal. 71:16, 23). Igual que David, nós tamén podemos estar alegres mentres esperamos o día de Xehová. Podemos darlle honra coa nosa predicación, coas nosas conversas diarias e cantando as cancións teocráticas. A próxima vez que cantes unha das nosas cancións, por que non te fixas no significado da letra e en como te pode animar?

Deixa que os irmáns te animen. Cando David se enfrontou a desafíos, díxolle a Xehová: “En presenza dos teus leais poñerei a miña esperanza no teu nome” (Sal. 52:9, TNM). Nós tamén podemos recibir ánimo cando pasamos tempo cos nosos irmáns, non só na predicación e nas reunións senón tamén no noso tempo libre (Rom. 1:11, 12).

Fortalece a túa esperanza. O Salmo 62:6 (62:5, TNM) di: “Soamente en Deus acouga, alma miña: El é a miña esperanza”. É moi importante que a nosa esperanza sexa ben firme, porque quizais teñamos que aguantar neste sistema máis tempo do que imaxinabamos. Debemos estar convencidos de que as promesas de Xehová se farán realidade, sen importar canto tempo teñamos que esperar. Podemos fortalecer a nosa fe estudando a Biblia, o que inclúe as súas profecías, a súa harmonía interna e os detalles que revela Xehová sobre si mesmo (Sal. 1:2, 3). Ademais, necesitamos seguir orando “no Espírito Santo” para manter unha boa relación con Deus mentres esperamos a que cumpra a súa promesa de darnos vida eterna (Xud. 20, 21).

Igual que o rei David, debemos confiar en que Xehová coidará daqueles que o esperan e que lle expresan o seu amor leal (Sal. 33:18, 22). Así que, sigamos esperando con paciencia e alegría a que Xehová actúe. Centrémonos nas cousas positivas da nosa vida, louvémolo, aproveitemos o ánimo que nos dan os irmáns e manteñamos forte a nosa preciosa esperanza.

a No idioma orixinal, a expresión que se traduce “esperar con anhelo” tamén pode significar “manter a expectativa”, o que mostra que é normal, ou que non ten nada de malo agardar con moitas ganas que chegue a nosa salvación.