Ir ó contido

Ir ó índice

Dous novos membros do Consello Reitor

Dous novos membros do Consello Reitor

O MÉRCORES 18 de xaneiro de 2023 saíu un anuncio especial en jw.org no que se dicía que os irmáns Gage Fleegle e Jeffrey Winder foron nomeados para servir como membros do Consello Reitor das Testemuñas de Xehová. Ambos irmáns levan moitos anos servindo fielmente a Deus.

Gage Fleegle e a súa muller, Nadia

O irmán Fleegle criouse nunha familia cristiá no oeste de Pensilvania, Os Estados Unidos. Cando era adolescente, a súa familia mudouse a unha pequena cidade rural onde se necesitaban máis publicadores. Pouco despois, o 20 de novembro de 1988, bautizouse.

Os seus pais sempre o animaron a servir a Xehová a tempo completo. A miúdo invitaban á casa superintendentes de circuíto e betelitas. Así o irmán Fleegle puido ver o felices que eran estes irmáns. O 1 de setembro de 1989, pouco despois do seu bautismo, fíxose pioneiro regular. Dous anos máis tarde cumpriu a meta que tiña dende os 12 anos: servir en Betel. Empezou a servir no Betel de Brooklyn en outubro de 1991.

Alí, o irmán Fleegle colaborou no taller de encadernación durante 8 anos, e tempo despois asignárono ó Departamento de Servizo. Naquela época, serviu durante algúns anos nunha congregación de fala rusa. En 2006 casou con Nadia, que tamén comezou a servir en Betel. Xuntos apoiaron o campo portugués e, por máis dunha década, o español. Despois de varios anos colaborando no Departamento de Servizo, o irmán Fleegle foi asignado a servir na Oficina do Comité de Ensino, e máis tarde na Oficina do Comité de Servizo. En marzo de 2022 nomeárono axudante do Comité de Servizo do Consello Reitor.

Jeffrey Winder e a súa muller, Angela

O irmán Winder criouse en Murrieta, California, Os Estados Unidos. Creceu nunha familia cristiá e bautizouse o 29 de marzo de 1986. Ó mes seguinte decidiu facerse pioneiro auxiliar. Desfrutouno tanto que quixo seguir. Por iso, despois de varios meses, empezou a servir como pioneiro regular o 1 de outubro de 1986.

Cando era adolescente, o irmán Winder visitou os seus dous irmáns maiores, que naquel momento servían en Betel. Esta visita despertou nel o desexo de facer o mesmo cando fose maior. E en maio de 1990 invitárono a servir nas instalacións de Wallkill.

Alí, o irmán Winder serviu en varios departamentos, como por exemplo no Departamento de Limpeza, na Granxa e na Oficina de Betel. En 1997 casou con Angela, e dende entón serven xuntos en Betel. No ano 2014 mudáronse a Warwick, onde o irmán Winder participou na construción das instalacións da sede central. Máis tarde, en 2016 trasladáronse ó Centro Educativo Watchtower en Patterson, onde colaborou nos Servizos de Audio e Vídeo. Catro anos despois regresaron a Warwick, onde serviu na Oficina do Comité de Persoal. En marzo de 2022 foi nomeado axudante do Comité de Persoal do Consello Reitor.

Oramos para que Xehová bendiga moito estes homes, que son “como regalos”, mentres continúan traballando duro para os intereses do Reino (Ef. 4:8, TNM).