Ir ó contido

Ir ó índice

Preguntas dos lectores

Preguntas dos lectores

Que di a Biblia sobre a capacidade de Xehová para predicir o futuro?

A Biblia deixa claro que Xehová pode predicir o que sucederá no futuro (Is. 45:21). Pero non nos dá tódolos detalles de como ou cando o fai, nin tampouco nos di canto decide saber. Así que como non podemos entendelo todo sobre esta habilidade de Xehová, non debemos ser dogmáticos ó falar deste asunto. Analicemos algunhas cousas que si sabemos.

Xehová pode facer todo o que queira pero, ás veces, decide poñerse límites. Como ten sabedoría infinita, é capaz de predicir todo o que el desexe (Rom. 11:33). Pero tamén ten un autocontrol perfecto, así que pode escoller non saber o que sucederá (compara con Is. 42:14).

Xehová fai que se cumpra a súa vontade. Que relación ten este feito coa súa capacidade de predicir o que sucederá no futuro? Isaías 46:10 explica: “Eu son quen manifesta desde o principio o que ha vir; desde antigo, as cousas que aínda non se fixeron. Eu son o que digo: o meu plan manterase firme, realizarei canto decidín”.

Así que, unha razón pola que Xehová pode predicir o futuro é que ten o poder de facer que as cousas sucedan. Non necesita, por así dicilo, avanzar no tempo e ver os acontecementos futuros para saber o que pasará, como cando nós avanzamos unha película para ver o desenlace final. Máis ben, pode decidir que algo pase nun momento determinado e despois facer que se cumpra cando chegue ese momento (Éx. 9:5, 6; Mat. 24:36; Feit. 17:31).

Por esta razón, a Biblia usa expresións como “teño preparado” e “planeeino” para describir o que Xehová fai con algúns sucesos futuros (2 Reis 19:25; Is. 46:11). Estas expresións traducíronse dun termo que no idioma orixinal está relacionado coa palabra “oleiro” (Xer. 18:4). Así como un oleiro moi hábil pode darlle forma a un pedazo de barro para convertelo nun vaso moi bonito, Xehová pode manexar as cousas, ou darlles forma, para cumprir a súa vontade (Ef. 1:11).

Xehová permite que cada un tome as súas propias decisións. El non decide un destino para cada ser humano, é dicir, non fai que algúns tomen malas decisións e outros boas. Deus anímanos a todos a escoller o camiño correcto, pero permite que tomemos as nosas propias decisións.

Vexamos dous exemplos. O primeiro é o dos habitantes de Nínive. Xehová predixera que destruiría a cidade debido á maldade dos que vivían nela. Pero como despois deixaron o seu mal comportamento, reconsiderou a súa decisión de mandarlles as calamidades que lles anunciara, e finalmente non o fixo (Xon. 3:1-10). Deus cambiou de opinión sobre o que predixera porque os ninivitas decidiron escoitar a súa advertencia e cambiaron a súa conduta.

O segundo exemplo ten que ver coa profecía dun conquistador chamado Ciro, que liberaría os xudeus do cativerio e mandaría reconstruír o templo de Xehová (Is. 44:26–45:4). O rei Ciro de Persia cumpriu esa profecía (Esd. 1:1-4). Pero el non adoraba o Deus verdadeiro. Así que, aínda que Xehová o utilizou para cumprir o seu propósito, permitiulle tomar as súas propias decisións sobre a quen adoraría (Prov. 21:1).

Por suposto, as que mencionamos son só algunhas das cousas que Xehová ten en conta cando predí o futuro. Sendo realistas, ningún ser humano pode entender todo o que Xehová fai (Is. 55:8, 9). Pero o que sabemos fortalece a nosa confianza en que sempre actúa de maneira correcta, incluso cando di o que vai pasar no futuro.