Ir ó contido

Ir ó índice

Sabíalo?

Sabíalo?

Por que se repite a Biblia?

NALGUNHAS ocasións, os escritores da Biblia repetiron a mesma frase palabra por palabra. Analicemos tres factores que os puideron levar a facer iso.

A época na que se escribiu. No antigo Israel, a maioría das persoas non tiñan a súa propia copia da Lei. Así que a escoitaban principalmente cando o pobo se reunía no tabernáculo e no templo (Deut. 31:10-12). Como nesas ocasións tiñan que estar de pé durante moitas horas entre unha gran multitude, é posible que houbese distraccións (Neh. 8:2, 3, 7). Por iso, o feito de que se repetisen algunhas frases clave posiblemente lles facía máis fácil recordar as Escrituras e poñelas en práctica. Repetir certas palabras seguramente lles axudaba a non esquecer os detalles das leis que Xehová lles dera (Lev. 18:4-22; Deut. 5:1).

O estilo no que se escribiu. Arredor do 10% da Biblia está composta por cancións, como as dos Salmos, O Cantar dos Cantares e Lamentacións. Algunhas veces as cancións contiñan un refrán, que destacaba o tema principal e lles axudaba ós que as escoitaban a memorizar as palabras. Por exemplo, fíxate no que di Salmo 115:9-11: “Israel confía no Señor, El é o seu auxilio e o seu escudo; a casa de Aharón confía no Señor: El é o seu auxilio e o seu escudo; os amigos do Señor confían no Señor: El é o seu auxilio e o seu escudo”. Repetir estas palabras podería axudarlles ós que as cantaban a manter estas bonitas verdades na mente e no corazón.

A necesidade de resaltar asuntos importantes. Algúns escritores da Biblia repetiron frases importantes. Por exemplo, cando Xehová lles dixo ós israelitas que non comesen sangue, fixo que Moisés repetise o motivo moitas veces. Deus quería destacar que a vida da carne está no sangue, é dicir, que o sangue representa a vida (Lev. 17:11, 14). Máis adiante, cando os apóstolos e os anciáns de Xerusalén escribiron sobre as cousas que os cristiáns teñen que rechazar para agradarlle a Deus, volveron resaltar que hai que absterse de sangue (Feit. 15:20, 29).

Xehová non tiña a intención de que repetir frases da Biblia se convertese nun ritual. De feito, Xesús dixo: “Cando ores, non repitas as mesmas palabras unha e outra vez” (Mat. 6:7). Pero tamén mencionou ideas que podemos incluír sempre nas nosas oracións (Mat. 6:9-13). Así que, aínda que evitamos repetir as mesmas palabras, si que podemos orar sobre os mesmos temas vez tras vez (Mat. 7:7-11).

Xehová tiña boas razóns para facer que na Biblia se repetisen certas palabras e frases. Esta é unha das moitas maneiras que ten o noso Grande Instrutor de ensinarnos para o noso propio beneficio (Is. 48:17, 18).