Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 17

CANCIÓN sjj 111 Os motivos da miña ledicia

Nunca abandones o paraíso espiritual

Nunca abandones o paraíso espiritual

“Exultade e brincade de ledicia para sempre, coa felicidade que eu creo” (IS. 65:18).

OBXECTIVO

Aprender como nos beneficia estar no paraíso espiritual e como podemos atraer a outros cara a el.

1. Que é o paraíso espiritual, e que deberiamos ter claro?

 NA ACTUALIDADE, existe un lugar simbólico na Terra que está cheo de vida e actividade. Está formado por millóns de persoas que desfrutan de verdadeira paz. Os que xa están nel teñen claro que non queren abandonalo nunca. De feito, o que lles gustaría é que moitas máis persoas cheguen a formar parte deste ambiente tan especial. A que nos referimos? Ó paraíso espiritual! a

2. Por que é impresionante o paraíso espiritual?

2 Satanás converteu o mundo nun lugar perigoso, cheo de odio e maldade. Pero, no medio de todo isto, Xehová conseguiu crear de maneira impresionante un lugar simbólico no que o seu pobo desfruta de paz e unidade (1 Xoán 5:19; Apoc. 12:12). O noso amoroso Deus ve o dano que nos pode causar este sistema, por iso nos dá a seguridade que necesitamos para seguir servíndoo felices e crecendo en sentido espiritual. A súa Palabra describe este paraíso espiritual como un “refuxio” seguro e “un horto ben regado” (Is. 4:6; 58:11). Coa bendición de Xehová, os que vivimos nel sentímonos felices e seguros durante estes últimos días tan difíciles (Is. 54:14; 2 Tim. 3:1).

3. Cal foi o primeiro cumprimento da profecía de Isaías capítulo 65?

3 Por medio do profeta Isaías, Xehová describiu como sería a vida para aqueles que formasen parte do paraíso espiritual. Esta profecía encóntrase no capítulo 65 de Isaías, e o seu primeiro cumprimento foi no ano 537 a. n. e. Nese tempo, os xudeus arrepentidos foron liberados do seu cativerio en Babilonia e volveron á súa terra. Xehová bendiciu o seu pobo e axudounos a reconstruír a cidade de Xerusalén para que fose fermosa outra vez. Tamén se restaurou o seu templo para que volvese ser o centro da adoración pura en Israel (Is. 51:11; Zac. 8:3).

4. Cal é o segundo cumprimento da profecía de Isaías capítulo 65?

4 O segundo cumprimento da profecía de Isaías comezou no ano 1919 n. e., cando os servos de Xehová de tempos modernos foron liberados de Babilonia a Grande. A partir de aí, o paraíso espiritual empezou a estenderse pouco a pouco por todo o mundo. Os entusiastas proclamadores do Reino empezaron a formar moitas congregacións e a demostrar cualidades cristiás. Homes e mulleres que antes eran violentos e levaban unha vida inmoral cambiaron a súa personalidade e vestíronse do “home novo, creado a imaxe de Deus” (Ef. 4:24). Claro, moitas das bendicións que describiu Isaías cumpriranse de maneira literal no futuro novo mundo. Pero hai moitas cousas das que xa podemos desfrutar agora no paraíso simbólico. Neste artigo imos falar dalgunhas delas, e tamén veremos por que nunca deberiamos abandonalo.

BENDICIÓNS QUE DESFRUTAN OS QUE ESTÁN NO PARAÍSO ESPIRITUAL

5. Segundo lemos en Isaías 65:13, de que desfrutamos os que vivimos no paraíso espiritual?

5 Ben alimentados e reconfortados. A profecía de Isaías describe un contraste moi grande entre os que viven dentro do paraíso espiritual e os que viven fóra del (le Isaías 65:13). Xehová dálles ós seus adoradores alimento espiritual en abundancia para cubrir as súas necesidades. Por exemplo, contan co espírito santo, coa Biblia e cunha gran variedade de publicacións baseadas nela. Así cúmprese a profecía que di que “comerán”, “beberán” e “alegraranse” (compara con Apocalipse 22:17). Pola contra, os que viven fóra do paraíso espiritual pasan “fame”, “sede” e senten vergonza. Como non teñen unha relación persoal con Xehová, non poden satisfacer as súas necesidades espirituais (Amós 8:11).

6. Como describe Xoel 2:21-24 as provisións que nos dá Xehová en sentido espiritual, e como nos benefician?

6 Na súa profecía, Xoel falou de alimentos básicos como o gran, o viño e o aceite de oliva. Isto mostra que Xehová lles dá ós seus servos todo o que necesitan para ter unha fe forte, o que inclúe o alimento espiritual (Xoel 2:21-24). Faino a través da Biblia, das publicacións baseadas nela, da nosa páxina web e tamén das reunións e dos congresos. Podemos beneficiarnos destas abundantes provisións espirituais cada día. Como resultado, estamos ben alimentados e sentímonos reconfortados.

7. Por que temos un “corazón ledicioso”? (Isaías 65:14).

7 Felices e satisfeitos. Os servos de Deus senten unha inmensa alegría porque o seu corazón está cheo de agradecemento (le Isaías 65:14). Na Biblia encontramos verdades animadoras e promesas consoladoras. Tamén nos dá unha esperanza sólida baseada no sacrificio de rescate de Cristo. Todo isto fai que teñamos un “corazón ledicioso”. E falar cos nosos irmáns espirituais sobre todas estas bendicións fainos moi felices (Sal. 34:9 [34:8, TNM]; 133:1-3).

8. Cales son as dúas características principais do paraíso espiritual?

8 As dúas características principais do paraíso espiritual son o amor e a unidade que hai entre o pobo de Xehová. Este “lazo que todo o une” axúdanos a imaxinar como será a vida no novo mundo, cando os servos de Xehová desfruten de aínda máis amor e unidade que agora (Col. 3:14). Unha das nosas irmás describiu como se sentiu a primeira vez que asistiu a unha reunión das testemuñas de Xehová. Ela dixo: “Non sabía o que era a felicidade, nin sequera dentro da miña propia familia. A primeira vez que vin un grupo de persoas tratándose con auténtico amor foi nunha reunión das testemuñas de Xehová”. Para sentir verdadeira felicidade e satisfacción é necesario formar parte do noso paraíso espiritual. Non importa o que este mundo pense dos que servimos a Deus, porque o importante é que teñamos un bo nome, ou boa reputación, ante o noso Pai e ante tódolos que o adoran (Is. 65:15).

9. Que promesa se fai en Isaías 65:16, 17 sobre as cousas que nos causan dor e sufrimento agora?

9 Tranquilos e en calma. Isaías 65:14 di que os que deciden quedar fóra do paraíso espiritual claman e laméntanse “con corazón triste e con espírito destrozado”. E que hai de tódalas cousas que lles causan dor e sufrimento ós servos de Deus? Xehová di que chegará o día no que os seus servos “se esquezan das aflicións pasadas”. E engade: “Certamente estarán escondidas da miña percepción” (le Isaías 65:16, 17). Xehová eliminará tódolos nosos problemas e, co tempo, a dor que nos causan os malos recordos desaparecerá por completo.

10. Por que te sentes agradecido de poder reunirte cos irmáns e irmás da congregación? (Ver tamén a imaxe).

10 Incluso xa agora podemos sentir como as reunións de congregación nos calman e nos axudan a deixar atrás a ansiedade que nos provoca este mundo malvado. Nós tamén podemos contribuír a que os irmáns sintan a calma do noso paraíso espiritual se demostramos cualidades que forman parte do froito do espírito de Deus, como o amor, a alegría, a paz, a amabilidade e a mansedume (Gál. 5:22, 23). Que agradecidos estamos de formar parte da organización de Xehová! Os que permanezan neste paraíso espiritual verán como se cumpre por completo a promesa de Deus de crear “ceos novos e terra nova”.

É unha bendición desfrutar do paraíso espiritual e formar parte da familia de Xehová (ver o parágrafo 10). c


11. Segundo Isaías 65:18, 19, como nos deberiamos sentir por formar parte do paraíso espiritual que creou Xehová?

11 Agradecidos e emocionados. Isaías dinos que temos moitos motivos para alegrarnos e estar felices no paraíso espiritual. Este ambiente tan bo é unha creación de Xehová (le Isaías 65:18, 19). Neste mundo, moitas persoas pertencen a organizacións que son coma un deserto en sentido espiritual porque non ensinan a verdade acerca de Deus. Por iso non nos estraña que el estea usando os seus servos para atraelas ó noso fermoso paraíso simbólico! É moi emocionante ver tódalas cousas boas que desfrutamos por estar na verdade, e isto motívanos a falarlles a outros delas (Xer. 31:12).

12. Como te fan sentir as promesas que se describen en Isaías 65:20-24, e por que?

12 Tamén estamos moi contentos e agradecidos pola esperanza que temos grazas a estar neste paraíso espiritual. Imaxina todo o que poderás ver e facer no novo mundo! A Biblia promete: “Non volverá a nacer [...] meniño falto de días nin vello que non os cumpra de cheo”. Tamén di: “Construirán casas e habitaranas e plantarán viñas e comerán os seus froitos”. Ademais engade que “non se fatigarán en van” porque os que vivan alí serán “benditos do Señor”. Xehová prométenos unha vida segura, satisfactoria e cun propósito. De feito di que “aínda antes de que [os seus servos] chamen” el xa saberá o que cada un necesita e daralle “fartura a todo ser vivo” (Is. 65:20-24; Sal. 145:16).

13. Como describe Isaías 65:25 os cambios que fan as persoas cando empezan a servir a Xehová?

13 Seguros e en paz. Grazas á axuda do espírito de Deus, moitos que antes eran violentos, agresivos e deshonestos fixeron grandes cambios na súa vida (le Isaías 65:25). Esforzáronse moito por deixar atrás os aspectos negativos da súa personalidade (Rom. 12:2; Ef. 4:22-24). Por suposto, seguen sendo imperfectos e cometendo erros. Pero Xehová xuntou persoas de toda clase e conseguiu que o servisen nun ambiente de amor e paz (Tito 2:11). Isto é un milagre que só o Deus todopoderoso pode lograr.

14. Pon un exemplo de como se cumpriron as palabras de Isaías 65:25.

14 Poden realmente as persoas cambiar a súa forma de ser? Fíxate no que lle pasou a un home novo que, antes de facer os 20 anos, xa estivera varias veces en prisión e levaba unha vida moi inmoral e violenta. Estivo preso por roubar e cometer outros delitos graves. Sempre estaba disposto a pelexar con calquera. Pero, cando escoitou falar por primeira vez da verdade da Biblia e empezou a asistir ás reunións das testemuñas de Xehová, convenceuse de que encontrara algo que lle daba sentido á súa vida: adorar a Xehová no paraíso espiritual. Dende que se bautizou coma Testemuña, reflexiona a miúdo en como se cumpriron nel as palabras de Isaías 65:25. Pasou de ser violento coma un lobo, a ser manso coma un cordeiro.

15. Por que queremos que se unan outros ó noso paraíso espiritual, e como podemos conseguilo?

15 Isaías 65:13 empeza dicindo: “Así fala o Señor Iavé”. E o versículo 25 acaba coas seguintes palabras: “Dío o Señor”. As súas promesas sempre se cumpren (Is. 55:10, 11). O paraíso espiritual xa é unha realidade. Xehová creou unha irmandade mundial realmente única. Como parte do seu pobo, desfrutamos de paz relativa e sentímonos seguros no medio deste mundo violento (Sal. 72:7). Por estas razóns, queremos axudarlles ó maior número de persoas posible a que se unan á nosa familia cristiá. Podemos conseguilo se nos centramos en facer discípulos (Mat. 28:19, 20).

COMO ATRAER A OUTROS Ó NOSO PARAÍSO ESPIRITUAL

16. Que atrae as persoas ó paraíso espiritual?

16 Cada un de nós xoga un papel moi importante á hora de atraer a outros ó paraíso espiritual. Cumprimos con este papel cando imitamos a Xehová. El non trae á forza as persoas á súa organización. Ó contrario, faino con moito cariño (Xoán 6:44; Xer. 31:3). As persoas de corazón sincero que chegan a coñecer o amor de Xehová e a súa fermosa personalidade séntense atraídas a el de forma natural. E os seus servos tamén podemos atraer a outros ó paraíso espiritual cultivando boas cualidades e tendo unha boa conduta. Como?

17. Como podemos atraer a outros ó noso paraíso espiritual?

17 Unha forma de atraer a outros ó noso paraíso espiritual é tratándonos con amor e amabilidade entre nós. Cando as persoas veñen por primeira vez ás nosas reunións, queremos que cheguen á mesma conclusión que os non crentes que quizais asistisen ás reunións da congregación de Corinto. Estas persoas dixeron: “Realmente Deus está no medio de vós” (1 Cor. 14:24, 25; Zac. 8:23). Por iso, continuemos facendo caso do seguinte consello: “Que entre vós haxa paz” (1 Tes. 5:13).

18. Que pode facer que as persoas se sintan atraídas pola nosa organización?

18 Debemos tratar de ver sempre os nosos irmáns e irmás como os ve Xehová. Podemos facelo se nos centramos nas súas boas cualidades en vez de nos seus defectos, que ademais desaparecerán co tempo. Se nos perdoamos sempre uns ós outros e nos tratamos con bondade e misericordia, seremos capaces de resolver con amor calquera diferenza que exista entre nós (Ef. 4:32). Desta maneira, o noso paraíso espiritual atraerá aquelas persoas que queiran que as traten así. b

NUNCA ABANDONES O PARAÍSO ESPIRITUAL

19. a) Como se mostra no recadro “ Aínda que marcharon, volveron”, que dixeron algúns ó volver ó paraíso espiritual? b) Que estamos decididos a facer? (Ver tamén a imaxe).

19 Canto valoramos o noso paraíso espiritual! É máis fermoso ca nunca, e a cantidade de adoradores de Xehová que hai nel non ten precedentes. Que sempre esteamos agradecidos polo marabilloso refuxio simbólico que Deus creou para nós. E tódolos que queiran sentirse reconfortados, satisfeitos, tranquilos e seguros, que entren neste paraíso e non o deixen xamais. Pero temos que ter coidado, porque Satanás está facendo todo o que pode para que saiamos del (1 Ped. 5:8; Apoc. 12:9). Non permitamos que o consiga. Protexamos con tódalas nosas forzas a beleza, a pureza e a paz do noso paraíso espiritual.

Os que se manteñan no paraíso espiritual tamén desfrutarán do paraíso literal no futuro (ver o parágrafo 19).


QUE RESPONDERÍAS?

  • Que é o paraíso espiritual?

  • De que bendicións desfrutamos no paraíso espiritual?

  • Como podemos atraer a outros ó paraíso espiritual?

CANCIÓN sn 24 Pon os ollos no mundo novo

a IDEA IMPORTANTE: O termo paraíso espiritual describe o ambiente no que adoramos a Xehová. Nel desfrutamos de paz con Xehová e tamén uns cos outros.

b Mira o vídeo de jw.org ¿Qué ha sido de ellos? Alena Žitníková: Cómo se hizo realidad mi sueño (dispoñible en español) para ver as bendicións que recibiu unha irmá por estar no paraíso espiritual.

c DESCRICIÓN DA IMAXE.: Mentres moitos están desfrutando da compañía dos irmáns na reunión, un irmán íllase dos demais.