Ir ó contido

Ir ó índice

Sabíalo?

Sabíalo?

Por que había estranxeiros no exército do rei David?

ENTRE os guerreiros estranxeiros que servían no exército de David estaban homes como Sélec o amonita, Urías o hitita e Itmah o moabita (1 Crón. 11:39, 41, 46). a As súas tropas tamén incluían “os quereteos, os peleteos e os gueteos” (2 Sam. 15:18). En xeral, pensábase que os quereteos e os peleteos estaban estreitamente relacionados cos filisteos (Ezeq. 25:16). E os gueteos eran os habitantes da cidade filistea de Gat (Xos. 13:2, 3; 1 Sam. 6:17, 18).

Por que incluíu o rei David estranxeiros no seu exército? El confiaba en que lle eran leais a el, pero sobre todo a Xehová. Por exemplo, falando dos quereteos e dos peleteos, The New Interpreter’s Dictionary of the Bible di: “Durante o reinado de David, permaneceron leais a el nas circunstancias máis difíciles”. b De que maneira? Cando “os homes de Israel” abandonaron o rei para seguir “un home perverso, que se chamaba Xeba”, os quereteos e os peleteos mantivéronse leais a David e axudaron a acabar coa rebelión de Xeba (2 Sam. 20:1, 2, 7). Noutra ocasión, Adonías, o fillo do rei David, intentou usurparlle o trono a seu pai. Pero os peleteos e os quereteos, tamén chamados cereteos, foron leais a David e axudaron a converter en rei a Salomón, a quen Xehová escollera como sucesor (1 Reis 1:24-27, 38, 39).

Outro estranxeiro que permaneceu completamente leal a David foi Itai, o gueteo. Itai e os seus 600 guerreiros apoiaron o rei David cando Abxalom, o fillo do rei, se rebelou e puxo os homes de Israel en contra de seu pai. Nun principio, David dixéralle a Itai que, como era forasteiro, non tiña por que pelexar naquela batalla. Pero Itai respondeulle: “¡Pola vida do Señor e pola do meu amo, o rei! Onde queira que estea o rei, meu señor, alí estará o teu servo, o mesmo para a morte que para a vida” (2 Sam. 15:6, 18-21).

Itai foi leal a David, o rei unxido por Xehová.

Aínda que os quereteos, os peleteos e os gueteos eran estranxeiros, recoñecían a Xehová como o Deus verdadeiro e a David como o seu unxido. Que agradecido se debeu sentir David por poder contar con homes así ó seu lado!

a A lei de Deus rexistrada en Deuteronomio 23:4-7 (23:3-6, TNM) prohibía que os amonitas e os moabitas entrasen na congregación de Israel. Pero, polo visto, esta lei referíase á condición legal de verdadeiros membros da nación de Israel. Non implicaba que estes estranxeiros non se puidesen asociar cos israelitas ou residir entre eles. Mira o subtítulo “Se casan con israelitas” baixo a entrada “Ammonitas” da obra Perspicacia para comprender las Escrituras (dispoñible en español).

b Escrito por Katharine Doob Sakenfeld.