Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 19

CANCIÓN sjj 22 Que veña o Reino de Deus!

Que sabemos sobre os futuros xuízos de Xehová?

Que sabemos sobre os futuros xuízos de Xehová?

“Deus […] non quere que ninguén pereza” (2 PED. 3:9).

OBXECTIVO

Axudarnos a estar seguros de que Xehová será xusto e imparcial cando xulgue as persoas no futuro.

1. Por que podemos dicir que vivimos en tempos moi emocionantes?

 VIVIMOS en tempos moi emocionantes! Cada día vemos como se cumpren as profecías da Biblia ante os nosos ollos. Por exemplo, é evidente como “o rei do Norte” e “o rei do Mediodía”, ou rei do sur, loitan un contra o outro intentando dominar o mundo (Dan. 11:40). Tamén observamos como se están predicando as boas noticias do Reino a unha escala sen precedentes, e como millóns de persoas escollen servir a Xehová (Is. 60:22; Mat. 24:14). Ademais, desfrutamos de moito alimento espiritual que recibimos “ó tempo debido” (Mat. 24:45-47).

2. De que podemos estar seguros, pero que temos que recoñecer?

2 Xehová segue axudándonos a ter unha comprensión máis clara dos importantes sucesos que ocorrerán dentro de pouco (Prov. 4:18; Dan. 2:28). Estamos seguros de que, cando empece a gran tribulación, teremos toda a información que necesitamos para manternos fieis e permanecer unidos neses momentos tan difíciles. Pero temos que recoñecer que hai algunhas cousas en canto ó futuro próximo que non sabemos. Neste artigo, primeiro analizaremos por que tivemos que reaxustar o que dixemos acerca dalgúns destes acontecementos. E despois repasaremos algunhas das cousas que si sabemos sobre o futuro e sobre a forma na que vai actuar o noso querido Pai celestial.

O QUE NON SABEMOS

3. Que dixemos sobre o que lles ocorrería ós que non sexan servos de Xehová cando empece a gran tribulación, e por que?

3 No pasado dixemos que, unha vez que empezase a gran tribulación, as persoas xa non terían a oportunidade de poñerse de parte de Xehová e de sobrevivir ó Armaxedón. Chegamos a esa conclusión porque entendiamos que o relato do Diluvio era un modelo profético, é dicir, que cada persoa e cada suceso daquel tempo representaba algo que sucedería no futuro. Por exemplo, pensabamos que igual que ninguén puido entrar na arca despois de que Xehová pechase a porta, tampouco ninguén podería chegar a ter fe en Xehová e salvarse cando comezase a gran tribulación (Mat. 24:37-39).

4. Por que xa non pensamos que o relato do Diluvio é un modelo profético? Explica a túa resposta.

4 Pero, deberiamos ver o relato do Diluvio como un modelo profético? Non. E por que dicimos isto? Porque non hai base bíblica para facer esta afirmación. a É certo que Xesús comparou “os días de Noé” cos tempos da súa presenza. Pero iso non significa que todo o que ocorreu naquel tempo, como por exemplo o feito de que Xehová pechase a porta da arca, teña outro cumprimento maior no futuro. Aínda así, hai moitas cousas que podemos aprender do relato de Noé e o Diluvio.

5. a) Que fixo Noé antes do Diluvio? (Hebreos 11:7; 1 Pedro 3:20) b) En canto á predicación, que comparación lóxica podemos facer entre a nosa situación e a dos días de Noé?

5 Cando Noé escoitou a mensaxe de advertencia de Xehová, demostrou que tiña fe construíndo a arca (le Hebreos 11:7; 1 Pedro 3:20). Da mesma forma, a xente que escoita as boas noticias do Reino debe demostrar fe coa súa maneira de actuar (Feit. 3:17-20). O apóstolo Pedro chamoulle a Noé “pregoeiro da xustiza” (2 Ped. 2:5). Pero, como vimos no artigo anterior, non sabemos se Noé levou a cabo unha campaña para predicarlle a cada unha das persoas que vivía na Terra antes do Diluvio. Pero si é lóxico pensar que non puido chegar a todas elas mentres construía unha arca. Hoxe en día nós predicamos por todo o mundo. Pero o certo é que, por moito que nos esforcemos, non vai ser posible que cheguemos coas boas noticias a cada unha das persoas do planeta antes de que veña o fin. Por que non?

6, 7. Por que dicimos que non seremos capaces de predicarlles as boas noticias a tódalas persoas do planeta antes de que chegue o fin?

6 Vexamos o que dixo Xesús sobre o alcance que tería a obra de predicar nos nosos días. El predixo que as boas noticias se predicarían “por toda a terra habitada para que tódalas nacións poidan escoitalas” (Mat. 24:14). Esta profecía estase cumprindo na actualidade como nunca antes. A mensaxe do Reino está dispoñible en máis de 1000 idiomas, e grazas á páxina de Internet jw.org, pode acceder a ela a maioría da poboación mundial.

7 Pero, Xesús tamén lles dixo ós seus discípulos que non poderían “acabar de predicar en tódalas cidades e aldeas” antes de que el viñese (Mat. 10:23; 25:31-33). Así que non nos será posible levarlles a mensaxe a tódalas persoas antes de que Xesús veña. Na actualidade, millóns de persoas viven en zonas nas que non se pode predicar con liberdade. Ademais, cada minuto nacen centos de bebés. Nós facemos todo o que podemos por predicarlles ás persoas de “tódalas nacións, razas [e] linguas” (Apoc. 14:6). Pero o certo é que non seremos capaces de levarlle as boas noticias a cada persoa do planeta antes de que veña o fin.

8. Que pregunta poderiamos facernos sobre como xulgará Xehová as persoas no futuro? (Ver tamén as imaxes).

8 Despois do que acabamos de analizar, poderiamos preguntarnos: Que pasará cos que non teñan a oportunidade de escoitar as boas noticias antes de que empece a gran tribulación? Como os tratarán Xehová e o seu Fillo, a quen lle encargou a tarefa de xulgar? (Xoán 5:19, 22, 27; Feit. 17:31) O texto temático deste artigo di que Xehová “non quere que ninguén pereza”. Todo o contrario. Quere “que a todos lles dea tempo a se converteren” (2 Ped. 3:9; 1 Tim. 2:4). Dito isto, temos que recoñecer que Xehová aínda non revelou a resposta a esta pregunta. E, por suposto, tampouco ten a obrigación de facelo.

Como xulgará Xehová os que quizais non teñan a oportunidade de escoitar as boas noticias antes de que empece a gran tribulación? (Ver o parágrafo 8). c


9. Que nos revelou Xehová mediante a súa Palabra?

9 Na súa Palabra, Xehová revelounos algunhas das cousas que fará. Por exemplo, a Biblia menciona que lles devolverá a vida ós “inxustos” que non tiveron a oportunidade de coñecer as boas noticias e cambiar a súa maneira de actuar (Feit. 24:15; Luc. 23:42, 43). Isto fai xurdir outra pregunta importante.

10. Que outras preguntas poderiamos facernos?

10 E que hai de tódalas persoas que morran durante a gran tribulación? Serán destruídas para sempre sen esperanza de resucitar? As Escrituras deixan claro que os que se opoñan a Xehová e sexan destruídos por el e os seus exércitos no Armaxedón non resucitarán (2 Tes. 1:6-10). Pero, poida que durante a gran tribulación haxa xente que morra por causas naturais, debido a un accidente ou por culpa doutro ser humano. Que pasará con estas persoas? (Ecl. 9:11; Zac. 14:13) Poderían algunhas delas estar entre os “inxustos” que resucitarán no novo mundo? Simplemente, non o sabemos.

O QUE SI SABEMOS

11. En que se baseará o xuízo que recibirán as persoas no Armaxedón?

11 Hai varias cousas que sabemos sobre os acontecementos futuros. Por exemplo, sabemos que no Armaxedón as persoas serán xulgadas por como trataron os irmáns de Cristo, é dicir, os unxidos (Mat. 25:40). Os que sexan xulgados como ovellas, será porque demostraron que apoiaron a Cristo e ós unxidos. Tamén sabemos que algúns dos irmáns de Cristo aínda estarán na Terra despois de que empece a gran tribulación e non serán levados para o ceo ata pouco antes de que comece o Armaxedón. Mentres algúns deles sigan na Terra, é posible que as persoas de corazón sincero teñan a oportunidade de apoialos e axudarlles co traballo que están realizando (Mat. 25:31, 32; Apoc. 12:17). Por que debería interesarnos isto?

12, 13. Como poderían reaccionar algúns ó ver a destrución de Babilonia a Grande? (Ver tamén as imaxes).

12 Incluso despois de que empece a gran tribulación é posible que algúns, ó ver a destrución de Babilonia a Grande, recorden que as testemuñas de Xehová levaban moito tempo falando de que isto sucedería. Farán estes acontecementos que algúns cambien de actitude e se unan ó pobo de Xehová? (Apoc. 17:5; Ezeq. 33:33).

13 Se iso ocorrese, sería moi parecido ó que pasou en Exipto no tempo de Moisés. Recordemos que “unha multitude de xente mesturada” se uniu ós israelitas cando marcharon de Exipto (Éx. 12:38). Algúns deles quizais empezasen a crer cando viron que as advertencias de Moisés sobre as dez pragas se facían realidade. En caso de que pasase algo similar despois da destrución de Babilonia a Grande, pensariamos que é inxusto que estas persoas se unan a nós pouco antes de que chegue o fin? Por suposto que non! Queremos imitar a personalidade do noso Pai celestial, un “Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade” (Éx. 34:6). b

É posible que algúns, ó ver a destrución de Babilonia a Grande, recorden que as testemuñas de Xehová levaban moito tempo falando de que isto sucedería (ver os parágrafos 12 e 13). d


14, 15. Depende o futuro eterno dunha persoa do momento no que morra ou de onde viva? Explica a túa resposta (Salmo 33:4, 5).

14 Ás veces escoitamos algúns irmáns dicir sobre os seus familiares que non son testemuñas de Xehová: “Case sería mellor que o meu familiar falecese antes de que comece a gran tribulación, así podería haber esperanza de que resucite”. Seguramente hai moi bos motivos detrás deste tipo de comentarios. Pero o futuro eterno dunha persoa non depende do momento no que morra. Xehová é o Xuíz perfecto. As súas decisións sempre son xustas e imparciais (le Salmo 33:4, 5). Así que podemos confiar en que “o que xulga a terra enteira” fará o correcto (Xén. 18:25).

15 Outra conclusión lóxica á que podemos chegar é que o futuro eterno dunha persoa non depende do lugar onde viva. Xehová nunca xulgaría millóns de persoas como cabras só porque viven en lugares onde nunca tiveron a oportunidade de coñecer a mensaxe do Reino (Mat. 25:46). Se nós nos preocupamos por eles, como non se vai preocupar o Xuíz máis xusto de toda a Terra! Non sabemos de que forma vai manexar Xehová os asuntos durante a gran tribulación. Quizais ver o que sucede durante ese período motive estas persoas a demostrar fe nel e a poñerse do seu lado cando se santifique o seu nome por toda a Terra (Ezeq. 38:16).

Despois de que empece a gran tribulación, poderían algúns cambiar de actitude e poñer fe en Xehová ó ver os acontecementos?

16. Que chegamos a saber sobre Xehová? (Ver tamén a imaxe).

16 Por medio do noso estudo da Biblia, chegamos a saber o moito que lles quere Xehová ás persoas. El deu a vida do seu Fillo para que todos nós poidamos ter a oportunidade de vivir para sempre (Xoán 3:16). O noso Deus sempre nos fai sentir canto nos ama (Is. 49:15). Coñécenos a cada un de nós persoalmente e por nome. De feito coñécenos tan ben que, se morrésemos, podería recrear tódalas nosas características e recordos, todo o que nos fai ser quen somos (Mat. 10:29-31). Temos boas razóns para confiar en que o noso amoroso Pai celestial vai xulgar cada persoa de maneira perfecta, sabia, xusta e misericordiosa (Sant. 2:13).

Temos boas razóns para confiar en que Xehová vai xulgar cada persoa de maneira perfecta, sabia, xusta e misericordiosa (ver o parágrafo 16).


17. Que analizaremos no seguinte artigo?

17 En realidade, estas aclaracións fan que a nosa predicación se volva máis urxente ca nunca. Por que o dicimos? E que nos motiva a seguir predicando as boas noticias con entusiasmo? No seguinte artigo analizaremos en detalle a resposta a estas preguntas.

CANCIÓN snnw 153 Como te fai sentir?

a Para saber máis sobre por que se fixo este cambio, mira o artigo “A Jehová le gusta enseñar de forma sencilla” de La Atalaya do 15 de marzo de 2015, páxinas 7 a 11 (dispoñible en español).

b Despois da destrución de Babilonia a Grande, tódolos servos de Xehová serán postos a proba durante o ataque de Gog de Magog. Se unha persoa decide apoiar o pobo de Deus despois da destrución de Babilonia a Grande tamén será posta a proba.

c DESCRICIÓNS DAS IMAXES. Páxina 9: Tres imaxes que mostran por que a nosa predicación mundial quizais non chegue a algunhas persoas: 1) unha muller que vive nun lugar onde a relixión maioritaria fai que non sexa seguro predicar, 2) unha parella que vive nun lugar onde a predicación é perigosa porque o sistema político actual a prohibe e 3) un home que vive nun lugar do mundo extremadamente remoto e inaccesible.

d DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha muller nova que deixou a verdade recorda o que aprendeu sobre a destrución de Babilonia a Grande. Decide volver adorar a Xehová e regresa cos seus pais, que son Testemuñas. Se isto pasa, queremos imitar a compaixón e a misericordia do noso Pai celestial e alegrarnos de que un pecador volva.