Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 20

CANCIÓN sjj 67 “Pregoa a Palabra”

Que o amor te motive a seguir predicando!

Que o amor te motive a seguir predicando!

“Cómpre que a Boa Nova se anuncie a tódalas nacións” (MAR. 13:10).

OBXECTIVO

Destacar como nos motiva o amor a predicar con entusiasmo e de todo corazón.

1. Que noticias recibimos na reunión anual do 2023?

 NA REUNIÓN anual do 2023, recibimos aclaracións interesantes sobre algunhas das nosas crenzas e tamén escoitamos anuncios emocionantes sobre a nosa predicación. a Por exemplo, soubemos que quizais algunhas persoas teñan a oportunidade de poñerse do lado de Xehová incluso despois de que Babilonia a Grande sexa destruída. Tamén se anunciou que a partir de novembro de 2023 os publicadores xa non teriamos que informar tódolos aspectos da nosa actividade na predicación. Significan estes cambios que a predicación agora é menos urxente e importante ca antes? Para nada!

2. Por que cada día é máis urxente predicar? (Marcos 13:10).

2 Cada día que pasa é máis urxente predicar. Por que? Porque falta pouco tempo para que chegue o fin. Analicemos o que predixo Xesús sobre a obra de predicar nos últimos días (le Marcos 13:10). Segundo o relato de Mateo, Xesús dixo que as boas noticias se predicarían por toda a terra habitada antes de que chegue “o fin” (Mat. 24:14). Esta expresión refírese a cando o mundo de Satanás sexa destruído por completo. Xehová xa marcou “o día e a hora” destes sucesos que pronto ocorrerán (Mat. 24:36; 25:13; Feit 1:7). Cada vez están máis cerca e temos que seguir predicando ata que chegue o fin (Rom. 13:11).

3. Que nos motiva a predicar?

3 Cando reflexionamos na nosa predicación, facemos ben en pensar nesta importante pregunta: Por que predicamos as boas noticias? En poucas palabras: por amor. Cando predicamos demostramos o noso amor polas boas noticias, polas persoas e, sobre todo, por Xehová e o seu nome. Analicemos cada unha destas razóns.

PREDICAMOS PORQUE AMAMOS AS BOAS NOTICIAS

4. Como reaccionamos cando recibimos boas noticias?

4 Pensa en como reaccionaches cando che deron unha boa noticia. Por exemplo, cando soubeches que algún familiar teu ía ter un fillo ou cando alguén che ofreceu traballo nun momento no que o necesitabas moito. Seguro que estabas desexando compartir esta boa noticia cos teus. Pasouche algo parecido cando escoitaches as mellores noticias que existen, as do Reino de Deus?

5. Como te sentiches cando aprendiches a verdade? (Ver tamén as imaxes).

5 Pensa en como te sentiches cando aprendiches a verdade da Palabra de Deus. Soubeches que o teu Pai celestial te ama e que quere que sexas parte da súa familia de servos fieis. Tamén descubriches que promete acabar coa dor e o sufrimento, que podes ter a esperanza de volver a ver no novo mundo os teus seres queridos que morreron e moitas outras promesas fermosas (Marc. 10:29, 30; Xoán 5:28, 29; Rom. 8:38, 39; Apoc. 21:3, 4). Estas verdades chegáronche ó corazón e fixéronte moi feliz (Luc. 24:32). Amabas o que estabas aprendendo e querías contarllo a todo o mundo! (Compara con Xeremías 20:9).

Cando aprendemos as boas noticias, queriamos falarlles delas a todos (ver o parágrafo 5).


6. Que aprendes da experiencia de Ernest e Rose?

6 Vexamos a seguinte experiencia dun irmán que se chama Ernest. b Cando tiña dez aniños morreu seu pai. El recorda: “Preguntábame se meu pai iría para o ceo ou se deixaría de existir para sempre. Sentía envexa dos nenos que aínda tiñan pai”. Ernest regularmente ía ó cemiterio, poñíase de xeonllos ó pé da tumba e oraba: “Por favor Deus, quero saber onde está papá”. Uns 17 anos despois de que seu pai morrese, ofrecéronlle estudar a Biblia, e el aceptou de inmediato. Emocionouno moito saber que os mortos están inconscientes, coma se estivesen durmindo, e que a Biblia promete que haberá unha resurrección no futuro (Ecl. 9:5, 10; Feit. 24:15). Por fin encontrara as respostas que levaba tanto tempo esperando! Ernest estaba moi entusiasmado coas verdades da Biblia que estaba descubrindo. A súa muller, Rose, empezou a estudar e tamén lle encantaba o que aprendía. Ambos se bautizaron no ano 1978. Predicábanlles con moitas ganas a familiares, amigos e outra xente. Como resultado, Ernest e Rose axudáronlles a máis de 70 persoas a coñecer a Xehová e bautizarse.

7. Que sucede cando o que aprendemos na Biblia nos chega ó corazón? (Lucas 6:45).

7 Está claro que cando o que aprendemos da Biblia nos chega ó corazón, non podemos quedar calados (le Lucas 6:45). Sentímonos coma os discípulos de Xesús do primeiro século que dixeron: “Non podemos deixar de falar das cousas que vimos e oímos” (Feit. 4:20). Amamos tanto a verdade que queremos compartila co maior número de persoas posible.

PREDICAMOS PORQUE AMAMOS AS PERSOAS

8. Que nos impulsa a falarlles a outros das boas noticias? (Mira o recadro  O amor motívanos a facer discípulos) (Ver tamén a imaxe).

8 Igual que Xehová e o seu Fillo, nós tamén amamos as persoas (Prov. 8:31; Xoán 3:16). Sentimos unha profunda compaixón polos que están “sen Deus” e “sen esperanza” (Ef. 2:12). As persoas do mundo afogan nos problemas, e nós temos o salvavidas que necesitan: as boas noticias do Reino de Deus. O amor e a compaixón que sentimos por eles motívannos a esforzarnos moito por predicarlles. Esta fermosa mensaxe pode enchelos de esperanza, axudarlles a ter a mellor vida posible xa agora e darlles a oportunidade de desfrutar da “verdadeira vida”: a vida eterna no novo mundo de Deus (1 Tim. 6:19).

O amor e a compaixón que sentimos polas persoas motívannos a esforzarnos moito por predicarlles (ver o parágrafo 8).


9. Que advertencia anunciamos sobre o futuro, e por que? (Ezequiel 33:7, 8).

9 O amor que sentimos polas persoas tamén nos motiva a advertilas de que o fin deste sistema malvado está cerca (le Ezequiel 33:7, 8). Sentimos compaixón polos nosos veciños e familiares que non serven a Xehová. Moitos seguen coa súa vida sen saber que pronto “haberá unha gran tribulación como nunca a houbo desde o principio do mundo ata agora, nin nunca máis a haberá” (Mat. 24:21). Queremos que saiban o que ocorrerá durante ese tempo de xuízo. Primeiro acabarase coa relixión falsa. E despois todo o sistema malvado no que vivimos tamén será destruído no Armaxedón (Apoc. 16:14, 16; 17:16, 17; 19:11, 19, 20). Oramos para que o maior número de persoas posible escoite a mensaxe que levamos e decida servir a Xehová xunto a nós xa agora. Pero que lles ocorrerá ós que non nos escoiten neste momento, incluídos os nosos queridos familiares?

10. Por que é urxente e importante que sigamos advertindo as persoas?

10 Como explicamos no artigo anterior, pode que Xehová salve as persoas que cambien de actitude e poñan fe nel ó ver a destrución de Babilonia a Grande. Se é así, é máis urxente e importante ca nunca que os sigamos avisando dese acontecemento. Pensa nisto: o que lles digamos agora pode darlles algo que recordar nese momento (compara con Ezequiel 33:33). Quizais recorden a advertencia que lles demos e se sintan impulsados a unirse a nós e adorar a Xehová antes de que sexa demasiado tarde. Pensa no garda da prisión de Filipos. Este home só cambiou de actitude despois de que ocorrese un gran terremoto. Da mesma maneira, é posible que algúns que agora non responden á mensaxe tamén cambien de actitude cando vexan a gran sacudida que lle vai causar ó mundo a destrución de Babilonia a Grande (Feit. 16:25-34).

PREDICAMOS PORQUE AMAMOS A XEHOVÁ E O SEU NOME

11. Como lle damos gloria, honra e poder a Xehová? (Apocalipse 4:11) (Ver tamén as imaxes).

11 A razón máis importante pola que predicamos as boas noticias é porque amamos a Xehová Deus e o seu santo nome. Vemos a predicación como unha forma de darlle gloria ó noso querido Deus (le Apocalipse 4:11). Estamos de acordo con que el merece recibir gloria, honra e poder de parte dos que o adoran. Dámoslle a Xehová gloria e honra cando compartimos con outros as probas convincentes de que el o creou “todo” e de que lle debemos a nosa propia existencia. E dámoslle o noso poder cando usamos o tempo, enerxías e recursos que temos para participar na predicación tanto como nos permitan as circunstancias (Mat. 6:33; Luc. 13:24; Col. 3:23). Dito de forma simple, encántanos falar sobre o Deus que amamos. Tamén nos sentimos impulsados a falarlles a outros do seu nome e do que este significa. Por que?

Dámoslle a Xehová o noso poder cando usamos o tempo, enerxías e recursos que temos para participar na predicación tanto como nos permitan as nosas circunstancias (ver o parágrafo 11).


12. Como santificamos o nome de Xehová cando predicamos?

12 O noso amor por Xehová motívanos a santificar o seu nome (Mat. 6:9). Isto significa que queremos contarlles a outros que as cousas horribles que Satanás dixo sobre Xehová son mentira (Xén. 3:1-5; Xob 2:4; Xoán 8:44). Cando predicamos, estamos desexando defender o noso Deus, contándolles a verdade sobre el ós que queiran escoitar. Queremos que todos saiban que a súa cualidade principal é o amor e que a súa forma de gobernar é xusta e imparcial. Tamén desexamos falarlles de que o seu Reino pronto acabará co sufrimento e traerá paz e felicidade a toda a humanidade (Sal. 37:10, 11, 29; 1 Xoán 4:8). Cando falamos ben de Deus na predicación estamos santificando o seu nome. E tamén nos sentimos satisfeitos ó saber que estamos facendo o que se espera de nós como testemuñas de Xehová. A que nos referimos?

13. Por que sentimos que é un honor chamarnos testemuñas de Xehová? (Isaías 43:10-12).

13 Xehová escolleunos para ser as súas “testemuñas” (le Isaías 43:10-12). Uns anos atrás, unha carta do Consello Reitor dicía: “Non existe maior honor que o de ser chamados testemuñas de Xehová”. c Por que se di isto? Imos poñer un exemplo: se necesitases que alguén testificase ó teu favor nun xuízo, seguro que escollerías unha persoa que coñeces ben e na que podes confiar. Elixirías a alguén que teña unha boa reputación, para que os demais confíen no que di. O feito de que Xehová nos escollese para ser as súas testemuñas demostra que nos coñece ben. Tamén é proba de que confía en nós para que lles digamos a outros que el é o único Deus verdadeiro. Que honor máis grande! Por iso, aproveitamos ben calquera oportunidade para dar a coñecer o seu nome e desmentir tódalas acusacións falsas que se fixeron contra el. Desta forma estamos á altura do nome que levamos con orgullo: testemuñas de Xehová! (Sal. 83:19 [83:18, TNM]; Rom. 10:13-15).

SEGUIREMOS PREDICANDO ATA O FIN

14. Que cousas emocionantes están a punto de suceder?

14 Todo o que está a punto de suceder é moi emocionante! Temos a esperanza de ver que moitos máis aceptan a verdade antes de que empece a gran tribulación. Ademais ilusiónanos moito saber que incluso durante a gran tribulación, o tempo máis difícil da historia da humanidade, quizais haxa persoas que deixen o mundo de Satanás e se unan a nós para adorar a Xehová (Feit. 13:48).

15, 16. Que seguiremos facendo, e ata cando?

15 Mentres tanto, hai moito que facer! Temos o privilexio de participar nun labor que nunca máis se repetirá: a predicación das boas noticias do Reino por toda a Terra. Ó mesmo tempo debemos seguir advertindo as persoas do que sucederá moi pronto. Necesitan saber que o fin deste sistema malvado se acerca rapidamente. Así, cando chegue ese tempo de xuízo, saberán que a mensaxe que levabamos viña de Xehová (Ezeq. 38:23).

16 Entón, que estamos decididos a facer? Motivados polo amor que sentimos polas boas noticias, polas persoas e, sobre todo, por Xehová e o seu nome seguiremos predicando con urxencia e entusiasmo ata que Xehová diga: “Xa chega!”.

CANCIÓN sjj 54 Este é o camiño

a A reunión anual tivo lugar o 7 de outubro de 2023 no Salón de Congresos das Testemuñas de Xehová de Newburgh en Nova York, Os Estados Unidos. Máis tarde publicouse todo o programa en JW Broadcasting®. A primeira parte en novembro de 2023 e a segunda parte en xaneiro de 2024.

b Mira o artigo “Impresionáronme as respostas claras e lóxicas que contén a Biblia” que se publicou na revista La Atalaya do 1 de febreiro de 2015 (dispoñible en español). Podes atopar o artigo escribindo o título no cadro de busca de jw.org en español.

c Mira o Anuario de los testigos de Jehová 2007, páxina 3 (dispoñible en español).