Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 26

CANCIÓN sn 49 Xehová, ti es o meu refuxio

Fai de Xehová a túa Roca

Fai de Xehová a túa Roca

“Non hai rocha coma o noso Deus!” (1 SAM. 2:2).

OBXECTIVO

Aprender por que se di que Xehová é coma unha roca e descubrir como podemos imitar esta característica del.

1. Segundo o Salmo 18:46 (TNM), con que compara David a Xehová?

 VIVIMOS nun mundo no que os problemas inesperados poden crearnos dificultades ou incluso cambiar completamente a nosa vida. Canto agradecemos poder contar coa axuda de Xehová Deus! No artigo anterior recordamos que Xehová é o Deus vivo e que sempre está preparado para axudarnos. Cando vemos o seu apoio convencémonos aínda máis de que “Xehová vive!” (le Salmo 18:46, TNM). Pero xusto despois de dicir estas palabras, David chamoulle a Xehová “a miña Roca”. Por que compararía el o Deus vivo cun obxecto inanimado como unha roca?

2. Que imos analizar neste artigo?

2 Neste artigo imos analizar por que se di que Xehová é coma unha roca e que nos ensina sobre el esta comparación. Tamén imos aprender como podemos velo como a nosa Roca. E, por último, veremos algunhas formas nas que podemos imitalo.

EN QUE SENTIDO É XEHOVÁ COMA UNHA ROCA?

3. Como se utilizan a miúdo na Biblia as palabras “roca” ou “penedo”? (Ver a imaxe).

3 A Biblia compara a Xehová cunha “roca” ou “penedo” para axudarnos a entender algunhas das súas cualidades. Moitas veces utilízase esta comparación en pasaxes da Biblia nos que se louva a Xehová e se destaca que non hai Deus coma el. Aparece por primeira vez en Deuteronomio 32:4. Tamén a utilizou Ana cando, nunha oración, dixo: “Non hai rocha coma o noso Deus!” (1 Sam. 2:2). Noutra ocasión, Habacuc chamou a Xehová “Penedo” (Hab. 1:12). O escritor do Salmo 73 dixo: “Deus é [...] a miña rocha” (Sal. 73:26). E incluso Xehová utilizou esta comparación para describirse a si mesmo (Is. 44:8). Imos analizar tres cualidades de Xehová que fan que sexa coma unha roca e aprender como pode chegar a converterse no “noso Penedo” (Deut. 32:31).

O pobo de Deus ve a Xehová como unha roca segura (ver o parágrafo 3).


4. En que sentido é Xehová un refuxio? (Salmo 94:22).

4 Xehová é un refuxio. Cando hai un temporal perigoso, poderiamos protexernos se nos metemos nunha cova. Da mesma forma, Xehová protéxenos nos momentos difíciles da nosa vida (le Salmo 94:22). Axúdanos a manter a salvo a nosa relación con el e asegúranos que nada do que suframos agora pode causarnos dano permanente. Incluso vai máis alá: promete que eliminará todo o que nos provoca ansiedade e sufrimento (Ezeq. 34:25, 26).

5. Como pode Xehová chegar a ser un refuxio para nós?

5 Unha forma na que podemos refuxiarnos en Xehová é orándolle. Cando o facemos, recibimos “a paz de Deus” que protexe o noso corazón e a nosa mente (Filip. 4:6, 7). Vexamos a experiencia de Artem, un irmán que estivo no cárcere debido á súa fe. Mentres estaba alí, interrogouno moitas veces un investigador que o humillaba e o intentaba asustar. Artem dixo: “Sentía moita angustia cada vez que me interrogaba. [...] Eu sempre lle oraba a Xehová pedíndolle paz mental e sabedoría. [...] As tácticas deste investigador non funcionaron comigo. [...] Coa axuda de Xehová sentíame coma se estivese a salvo detrás dun muro de pedra”.

6. Por que podemos confiar sempre en Xehová? (Isaías 26:3, 4).

6 Xehová é confiable. Igual que unha roca grande sempre se mantén no seu sitio, Xehová sempre está listo para axudarnos. Podemos confiar nel porque é “Rocha para sempre” (le Isaías 26:3, 4). Xamais deixará de cumprir as súas promesas, escoitar as nosas oracións e darnos a axuda que necesitemos. Podemos contar con Xehová en todo momento porque el é leal ós seus servos (2 Sam. 22:26). Nunca esquecerá o que facemos e recompensaranos por iso (Heb. 6:10; 11:6).

7. De que nos damos conta cando confiamos en Xehová? (Ver tamén a imaxe).

7 Demostramos que Xehová é a nosa Roca cando confiamos por completo nel. Estamos seguros de que obedecelo sempre é o mellor para nós, incluso cando pasamos por probas difíciles (Is. 48:17, 18). Ó ver como nos apoia, medra a nosa confianza nel. E isto prepáranos para facerlles fronte a problemas que só poderemos superar coa súa axuda. A miúdo é neste tipo de situacións nas que nos damos conta do confiable que é Xehová. Un irmán que se chama Vladimir di: “Nunca me sentín tan cerca de Xehová coma cando estiven no centro de detención. [...] Como estaba só e ninguén máis me podía axudar, aprendín a confiar máis nel”.

Cando confiamos completamente en Xehová demostramos que el é a nosa Roca (ver o parágrafo 7).


8. a) Por que podemos dicir que Xehová é estable? b) Como nos beneficia que Deus sexa a nosa Roca? (Salmo 62:7, 8 [62:6, 7, TNM]).

8 Xehová é estable. Igual que unha enorme roca, Xehová é firme e estable. A súa personalidade e o seu propósito nunca cambian (Mal. 3:6). A pesar de que Adán e Eva se rebelaron, el mantivo o seu propósito para a humanidade. Como escribiu o apóstolo Paulo, Xehová “non pode arrenegar de si mesmo” (2 Tim. 2:13). Non importa o que ocorra ou o que outros fagan, Xehová nunca cambiará a súa forma de ser, o seu propósito e as súas normas. Que sexa tan estable dános a seguridade de que el sempre nos axudará cando pasemos por dificultades e manterá as súas promesas para o futuro (le Salmo 62:7, 8 [62:6, 7, TNM]).

9. Que che ensina a experiencia de Tatyana?

9 Faremos que Xehová sexa a nosa Roca, é dicir, confiaremos nel, se meditamos nas súas cualidades e temos sempre en mente o seu propósito. Facer isto axudaranos a manternos estables en sentido emocional mentres aguantamos as probas (Sal. 16:8). Isto foi o que experimentou Tatyana, que estivo baixo arresto domiciliario debido á súa fe. Ela conta: “Estaba completamente soa. [...] Ó principio foi moi difícil, e moitas veces sentíame desanimada”. Pero, cando se puxo a pensar en como a súa proba estaba relacionada con Xehová e o seu propósito para a humanidade, foi capaz de manter a calma e recuperar as forzas para seguir sendo fiel. Ela dixo: “Entender que estaba nesa situación porque amo a Xehová e quero facer o que a el lle gusta axudoume a non centrarme tanto en min mesma”.

10. Como podes facer de Xehová a túa Roca?

10 Pronto pasaremos por momentos moi difíciles e necesitaremos confiar en Xehová máis ca nunca. Agora é o momento de fortalecer a nosa convicción de que el nos dará todo o que necesitamos para aguantar fielmente. E como podemos facer isto? Lendo relatos da Biblia e experiencias de Testemuñas leais da actualidade. Cando o fagas, fíxate en como Xehová demostrou ser coma unha roca para os seus servos. Reflexionar nestes relatos axudarache a facer de Xehová a túa Roca.

IMITEMOS AS CUALIDADES DE XEHOVÁ

11. Por que queremos imitar as cualidades de Xehová? (Mira tamén o recadro “ Unha meta para os irmáns novos”).

11 Acabamos de analizar algunhas cualidades de Xehová que demostran que é coma unha roca. Agora imos ver como podemos imitalas nós. Canto mellor o fagamos, máis preparados estaremos para fortalecer os irmáns e irmás. Por exemplo, Xesús deulle a Simón o nome de Kefas (que traducido é Pedro). Este nome significa “anaco de roca” (Xoán 1:42). Isto indicaba que Pedro chegaría a ser unha fonte de ánimo e estabilidade para a congregación. Dos anciáns dise que son coma “a sombra dun penedo”. Esta expresión ilustra moi ben como protexen eles os irmáns (Is. 32:2). Pero a congregación benefíciase cando todos, irmáns e irmás, imitamos as cualidades de Xehová (Ef. 5:1).

12. Menciona algunhas formas nas que podemos ser un refuxio para os demais.

12 Sé un refuxio. Ás veces podemos ofrecerlles refuxio ós nosos irmáns de forma literal cando hai un desastre natural, disturbios civís ou guerras. A medida que avanzan os “días derradeiros”, ou últimos días, as condicións empeorarán e seguro que teremos máis oportunidades de axudarnos uns ós outros (2 Tim. 3:1). E tamén podemos ser un refuxio en sentido emocional e espiritual. Unha maneira de conseguilo é facendo que os que veñen ó Salón do Reino se sintan ben recibidos, contribuíndo así a que haxa un ambiente agradable na congregación. Vivimos nun mundo cruel, frío e estresante. Por iso queremos que cando os nosos irmáns asistan ás reunións se sintan queridos, reconfortados e seguros.

13. Como poden chegar a ser os anciáns un refuxio para os que pasan por momentos difíciles? (Ver tamén a imaxe).

13 Os anciáns poden chegar a ser un refuxio para os irmáns que están pasando por momentos difíciles. Por exemplo, cando ocorren desastres naturais ou emerxencias médicas, os anciáns rapidamente organizan a axuda que necesitan os seus irmáns. Tamén usan a Biblia para dar guía e ánimo. É máis probable que os irmáns lle pidan axuda a un ancián se saben que é amable, comprensivo e que está disposto a escoitar. Que os anciáns demostren estas cualidades facilitará que, cando dean consellos baseados na Biblia, os irmáns estean máis dispostos a aplicalos (1 Tes. 2:7, 8, 11, 12). Ademais, contribuirá a que os demais se sintan ben coidados.

Os anciáns consolan os irmáns e irmás que pasan por momentos difíciles (ver o parágrafo 13). a


14. Como podemos demostrar que somos confiables?

14 Sé confiable. Queremos que os demais saiban que poden contar con nós, sobre todo nos momentos difíciles (Prov. 17:17). Como podemos ganarnos a reputación de ser persoas confiables? Esforzándonos por imitar a Xehová día tras día, por exemplo, cumprindo as nosas promesas e facendo todo o posible por ser puntuais (Mat. 5:37). Tamén podemos axudarlles de maneiras prácticas ós que o necesitan. Ademais, asegurámonos de cumprir coas nosas responsabilidades dentro da congregación seguindo as instrucións que recibimos.

15. Como se beneficia a congregación de que os anciáns sexan confiables?

15 Como se beneficia a congregación cando os anciáns son confiables? Os irmáns séntense tranquilos e queridos cando saben que poden chamar os anciáns en calquera momento e que estes terán unha boa disposición para axudar. Os anciáns tamén conseguirán que os publicadores confíen neles se basean os consellos na Biblia ou nas publicacións do escravo fiel, e non na súa propia opinión. Ademais é importante que non lles conten a outros asuntos confidenciais e que cumpran o que prometen.

16. Como nos beneficiamos tanto nós como os demais cando somos estables?

16 Sé estable. Podemos ser unha boa influencia para os demais se nos mantemos firmes en canto ó que é correcto e se tomamos decisións baseadas en principios bíblicos. Cando estudamos a Palabra de Deus e fortalecemos a nosa fe en Xehová, mantémonos firmes na verdade. Desta maneira recoñeceremos as ensinanzas falsas e as ideas que non están de acordo coa maneira de pensar de Xehová, e non nos deixaremos influír por elas (Ef. 4:14; Sant. 1:6-8). Ademais, a nosa fe en Deus e nas súas promesas axúdanos a manter a calma cando recibimos malas noticias (Sal. 112:7, 8). E seremos capaces de axudar a outros que estean pasando por probas (1 Tes. 3:2, 3).

17. Como poden os anciáns axudarlles ós irmáns a manter a estabilidade?

17 Os anciáns deben ser moderados nos hábitos, ordenados, razoables e ter bo xuízo. Cando estes homes se aferran á “palabra certa” fortalecen a congregación e danlle estabilidade (Tito 1:9; 1 Tim. 3:1-3). Polo seu exemplo e pola maneira na que coidan das ovelliñas de Xehová, axúdanlles a ser regulares na asistencia ás reunións, na predicación e no estudo persoal. Cando os irmáns se enfrontan a probas que lles provocan ansiedade, os anciáns recórdanlles que confíen en Xehová e que manteñan a vista fixa nas súas promesas.

18. Por que queremos louvar a Xehová e acercarnos aínda máis a el? (Mira tamén o recadro “ Unha maneira de acercarnos máis a Xehová”).

18 Despois de analizar estas marabillosas cualidades de Xehová, podemos afirmar o mesmo que o rei David: “Bendito o Señor, a miña rocha” (Sal. 144:1). Sempre poderemos confiar nel. Incluso se nos facemos maiores, sabemos que el nos seguirá axudando a manternos cerca del. E poderemos dicir: “É o Señor, a miña rocha” (Sal. 92:15, 16 [92:14, 15, TNM]).

CANCIÓN sjj 150 Xehová é quen te salvará

a DESCRICIÓN DA IMAXE: Nun Salón do Reino, unha irmá fala con confianza con dous anciáns.