Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 23

CANCIÓN sjj 28 Quen pode ser amigo de Xehová?

Xehová invítate á súa tenda

Xehová invítate á súa tenda

“A miña morada estará no medio deles; serei o seu Deus” (EZEQ. 37:27).

OBXECTIVO

Valorar máis a invitación que Xehová nos fai de ser hóspedes na súa tenda simbólica e apreciar a maneira na que se preocupa por nós como invitados seus.

1, 2. Que honor lles dá Xehová ós seus servos fieis?

 SE ALGUÉN che preguntase que é Xehová para ti, que responderías? Quizais contestases: “Xehová é meu Pai, meu Deus e meu amigo”. É posible que se che ocorran outras formas de describir a Xehová. Pero, dirías que é o teu anfitrión?

2 O rei David comparou a amizade que hai entre Xehová e os seus servos fieis coa relación que hai entre un anfitrión e os seus hóspedes, ou invitados. De feito, el preguntou: “¿Quen, Señor, se hospedará na túa tenda? ¿Quen habitará no teu monte santo?” (Sal. 15:1). Estas palabras inspiradas axúdannos a entender que podemos chegar a ser os hóspedes de Xehová, é dicir, os seus amigos. Que honor tan grande!

XEHOVÁ QUERE QUE SEXAMOS OS SEUS HÓSPEDES

3. Quen foi o primeiro hóspede de Xehová, e como se sentiron un co outro?

3 Antes de que empezase a crear tódalas cousas, Xehová estaba só. Pero, co tempo, creou o seu primeiro Fillo. Pódese dicir que Xehová foi como un anfitrión que invitou o seu primeiro hóspede, e isto fíxoo moi feliz. De feito, a Biblia di que o seu Fillo era “a súa maior alegría”. E, da mesma maneira, o seu primeiro invitado sempre se “sentía feliz diante del” (Prov. 8:30, TNM).

4. Quen máis chegou a ser hóspede de Xehová?

4 Máis adiante creou outros seres espirituais, os anxos, e tamén os invitou a ser os seus hóspedes. A Biblia chámalles “fillos de Deus” e explica que son felices estando con Xehová (Xob 38:7, TNM; Dan. 7:10). Durante algún tempo, só desfrutaban da súa amizade os que vivían con el no mundo espiritual. Pero, máis adiante, creou os humanos e tamén lles deu a oportunidade de chegar a ser hóspedes na súa tenda. Algúns deses invitados foron Henoc, Noé, Abrahán e Xob. As Escrituras describen estes servos fieis como os seus amigos, persoas que andaban co Deus verdadeiro (Xén. 5:21, 24; 6:9; Xob 29:4; Is. 41:8).

5. Que aprendemos da profecía que encontramos en Ezequiel 37:26, 27?

5 Durante séculos, Xehová seguiu invitando os seus amigos a ser os seus hóspedes (le Ezequiel 37:26, 27). Por exemplo, da profecía de Ezequiel aprendemos que Deus desexa que os seus servos fieis teñan unha relación estreita con el. Promete facer “unha alianza perfecta” con eles. Esta profecía referíase ó tempo no que tanto os que teñen a esperanza de ir ó ceo como aqueles que esperan vivir na Terra estarían unidos baixo a tenda simbólica de Xehová, como “un único rabaño” (Xoán 10:16). E iso estase cumprindo nos nosos días!

XEHOVÁ CÓIDANOS SEN IMPORTAR ONDE ESTEAMOS

6. Como chegamos a ser hóspedes na tenda de Xehová, e onde está esa tenda?

6 En tempos bíblicos, unha tenda era un sitio no que unha persoa podía descansar e refuxiarse. O costume era que o anfitrión tratase moi ben a quen invitaba. Cando lle dedicamos a nosa vida a Xehová, chegamos a ser hóspedes na súa tenda (Sal. 61:5 [61:4, TNM]). Nela desfrutamos de moito alimento espiritual e da compañía doutras persoas que el tamén invitou. Esta tenda simbólica non está en ningún sitio específico. De feito, é posible que viaxases ó estranxeiro, quizais para asistir a un congreso especial, e que coñeceses a outros que tamén teñen o privilexio de ser invitados de Xehová. Así que, esta tenda está onde estean os seus servos fieis (Apoc. 21:3).

7. Por que podemos dicir que os servos fieis que morreron seguen estando na tenda de Xehová? (Ver tamén a imaxe).

7 E que podemos dicir dos servos fieis que morreron? Seguen estando na tenda de Xehová? Si. Por que podemos dicir isto? Porque eles seguen vivos na súa memoria. Xesús explicou: “Que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no episodio da silveira: O Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob. E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos” (Luc. 20:37, 38).

Incluso os servos fieis que morreron poden seguir estando na tenda de Xehová (ver o parágrafo 7).


BENEFICIOS E RESPONSABILIDADES

8. Que beneficios temos ó estar na tenda de Xehová?

8 Igual que unha tenda literal pode servirnos para descansar e refuxiarnos, a tenda de Xehová dános unha esperanza real para o futuro e protexe a nosa relación con el. Satanás non poderá causarnos ningún dano permanente se nos mantemos cerca de Deus (Sal. 31:24 [31:23, TNM]; 1 Xoán 3:8). E, no novo mundo, Xehová non só nos protexerá do dano espiritual senón que incluso eliminará a morte (Apoc. 21:4).

9. Como espera Xehová que se comporten os seus hóspedes?

9 É un verdadeiro honor ser hóspedes na tenda de Xehová e ter a posibilidade de ser os seus amigos para sempre. Que debemos facer para seguir tendo este privilexio? Cando alguén nos invita á súa casa, gústanos saber o que se espera de nós para ser bos invitados. Por exemplo, non teriamos ningún problema en quitar os zapatos antes de entrar se nolo pedisen. Da mesma forma, gústanos saber o que Xehová espera daqueles que queren seguir estando na súa tenda. O noso amor por el motívanos a facer todo o que podemos para agradarlle (Col. 1:10). É certo que Xehová é o noso amigo, pero tamén é o noso Deus e Pai, así que merece que o respectemos (Sal. 25:14). Se temos isto en conta, evitaremos facer calquera cousa que o poida ofender. Sempre queremos comportarnos “humildemente co [noso] Deus” (Miq. 6:8).

XEHOVÁ FOI IMPARCIAL COS ISRAELITAS

10, 11. Como demostra que Xehová é imparcial o trato que lles deu ós israelitas no deserto do Sinaí?

10 Xehová trata os seus hóspedes con imparcialidade (Rom. 2:11). Podemos aprender moito sobre esta cualidade del pola forma na que tratou os israelitas no deserto do Sinaí.

11 Despois de liberar o seu pobo da escravitude en Exipto, Deus nomeou sacerdotes para servir no tabernáculo. Tamén lles encargou ós levitas outros traballos relacionados con aquela tenda sagrada. Tratou mellor Xehová aqueles que servían no tabernáculo ou que vivían cerca del? Non! El non é parcial.

12. Que outras probas temos de que Xehová tratou os israelitas de forma imparcial? (Éxodo 40:38) (Ver tamén a imaxe).

12 Cada israelita podía ter unha amizade estreita con Xehová, independentemente de se servía no tabernáculo ou se vivía cerca del. Por exemplo, Xehová asegurábase de que toda a nación puidese ver a columna de nube e a columna de lume que estaba sobre o tabernáculo (le Éxodo 40:38). Cada vez que a nube comezaba a moverse nunha nova dirección, incluso os que vivían máis lonxe no campamento podían velo, recoller as súas cousas, desmontar as tendas e marchar co resto da nación (Núm. 9:15-23). Todos podían escoitar o forte son das dúas trompetas de prata que lles indicaba que debían comezar a moverse (Núm. 10:2). Isto fainos ver que o feito de vivir cerca do tabernáculo non significaba que tivesen unha relación máis estreita con Deus. O certo é que cada israelita podía ser hóspede de Xehová e ter a seguridade de que el o guiaría e o protexería. De forma parecida, hoxe en día Xehová cóidanos, quérenos e protéxenos sen importar o lugar da Terra no que vivamos.

Xehová trataba con imparcialidade a tódolos israelitas acampados no deserto (ver o parágrafo 12).


XEHOVÁ SEGUE SENDO IMPARCIAL HOXE EN DÍA

13. Como demostra Xehová hoxe en día que é imparcial?

13 Na actualidade, algúns irmáns viven cerca da sede central ou dunha sucursal das Testemuñas de Xehová. Outros incluso serven nestes lugares. Como resultado, teñen o privilexio de participar en moitas das actividades que se realizan alí e poden pasar tempo con irmáns que teñen moita responsabilidade dentro da organización. Algúns serven nalgunha faceta do tempo completo especial como, por exemplo, os superintendentes viaxantes. Aínda que ningún destes sexa o teu caso, podes estar seguro de que o noso anfitrión, Xehová, ama a tódolos seus hóspedes. El coñécenos persoalmente e cóidanos moi ben (1 Ped. 5:7). Tódolos servos de Deus recibimos o alimento espiritual, a guía e a protección que necesitamos.

14. Que puxo Xehová á nosa disposición que demostra que é imparcial?

14 Outra forma na que Xehová demostra a súa imparcialidade como anfitrión é facendo que todo o mundo teña acceso á Biblia. Orixinalmente, as Santas Escrituras escribíronse en tres idiomas: hebreo, arameo e grego. Será que os que saben ler a Biblia nos idiomas orixinais teñen unha relación máis estreita con Xehová? Por suposto que non (Mat. 11:25).

15. Quen se pode beneficiar da sabedoría de Xehová, e como demostra iso que el é imparcial? (Ver tamén a imaxe).

15 Conseguir a aprobación de Xehová non depende dos estudos que teñamos ou dos idiomas que falemos. Máis ben, el ofrécelle a súa sabedoría a todos. Encargouse de que a súa Palabra, a Biblia, se traducise a miles de idiomas para que todo o mundo se poida beneficiar das súas ensinanzas e teña a oportunidade de chegar a ser o seu amigo (2 Tim. 3:16, 17).

Como demostra que Xehová é imparcial o feito de que a Biblia se traducise a miles de idiomas? (Ver o parágrafo 15).


SIGAMOS SENDO HÓSPEDES DE XEHOVÁ

16. Segundo Feitos 10:34, 35, que temos que facer para que Xehová nos acepte como hóspedes?

16 É un gran privilexio que Xehová nos reciba na súa tenda simbólica. Non hai anfitrión máis bo, cariñoso e hospitalario. Ademais non é parcial, xa que recibe a todos sen importar onde vivamos ou cal sexa a nosa educación, nacionalidade, raza, tribo, idade ou xénero. Aínda así, el só acepta os que están dispostos a seguir as súas normas (le Feitos 10:34, 35).

17. Onde atopamos máis información sobre como ser hóspedes de Xehová?

17 No Salmo 15:1, David fixo a seguinte pregunta: “¿Quen, Señor, se hospedará na túa tenda? ¿Quen habitará no teu monte santo?”. Xehová usou a David para contestar estas preguntas neste salmo. No seguinte artigo analizaremos cales son algunhas das normas que debemos cumprir para seguir sendo hóspedes de Xehová.

CANCIÓN sn 27 Vente con Xehová!