Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 24

CANCIÓN sjj 24 Vinde á montaña de Xehová

Sigamos na tenda de Xehová para sempre!

Sigamos na tenda de Xehová para sempre!

“¿Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?” (SAL. 15:1).

OBXECTIVO

Analizar o que temos que facer para seguir sendo amigos de Xehová e repasar como espera el que tratemos os seus amigos.

1. Como pode axudarnos analizar o Salmo 15:1-5?

 NO ARTIGO anterior aprendemos que os servos dedicados de Xehová podemos ser hóspedes na súa tenda simbólica se cultivamos unha amizade estreita con el. Como podemos estar á altura deste privilexio? O Salmo 15 fala sobre isto (le Salmo 15:1-5). Nel encontramos bos consellos que nos poden axudar a estar máis cerca de Deus.

2. A que é posible que se referise David cando mencionou a tenda de Xehová?

2 O Salmo 15 comeza dicindo: “¿Quen, Señor, se hospedará na túa tenda? ¿Quen habitará no teu monte santo?” (Sal. 15:1). Cando o salmista David mencionou a “tenda” de Xehová, pode que se referise ó tabernáculo, que estivo en Gabaón durante un tempo. Pero neste versículo David tamén fala do “monte santo”, quizais referíndose ó monte Sión en Xerusalén, que estaba a varios quilómetros ó sur de Gabaón. Así que tamén é posible que, cando falou da “tenda”, estivese pensando na que el mesmo levantou nese lugar para poñer a arca do pacto ata que se construíse o templo (2 Sam. 6:17).

3. Por que queremos entender ben o Salmo 15? (Ver tamén a imaxe).

3 Á maioría dos israelitas non se lles permitía servir no tabernáculo, e moito menos entrar na tenda onde se gardaba a arca do pacto. Pero tódolos servos fieis de Xehová podían ser hóspedes na súa tenda simbólica se chegaban a ser os seus amigos e se esforzaban por manter esa relación. Isto é algo que todos queremos. O Salmo 15 menciona algunhas cousas que debemos facer para conservar a nosa amizade con Xehová.

Os israelitas que vivían no tempo de David podían imaxinar facilmente o que significa ser hóspede na tenda de Xehová (ver o parágrafo 3).


ANDAR RECTAMENTE E PRACTICAR A XUSTIZA

4. Como sabemos que o bautismo non é suficiente para ter a aprobación de Deus? (Isaías 48:1).

4 O Salmo 15:2 di que Deus é amigo de “aquel que anda rectamente e practica a xustiza”. Os termos “anda” e “practica” dan a entender que a acción é constante e progresiva. Pero é posible para nós andar “rectamente”? Claro que si. Aínda que ningún ser humano é perfecto, Xehová veranos como alguén que “anda rectamente” se facemos todo o posible por obedecelo. Dedicarse a Deus e bautizarse é só o principio. De feito, en tempos bíblicos, que alguén fose israelita non o convertía automaticamente en hóspede na tenda de Xehová. Algúns acudían a el pero “sen verdade e sen xustiza” (le Isaías 48:1). Aqueles que realmente querían ser os seus hóspedes tiñan que aprender as súas normas e seguilas. Do mesmo xeito, para ter a aprobación de Deus hoxe en día fai falta algo máis que bautizarse e dicir que somos testemuñas de Xehová. Debemos seguir practicando “a xustiza”. Que implica isto?

5. Que implica obedecer a Deus en tódalas cousas?

5 Para Xehová, andar “rectamente” e practicar “a xustiza” implica máis que asistir regularmente ás reunións (1 Sam. 15:22). Temos que esforzarnos por obedecelo en todo aspecto da nosa vida, incluso cando estamos sós ou en asuntos que consideramos de pouca importancia (Prov. 3:6; Ecl. 12:13 [12:13, 14, TNM]). Facendo isto, demostramos que o amamos de verdade e ganamos o seu cariño (Xoán 14:23; 1 Xoán 5:3).

6. Segundo Hebreos 6:10-12, que é máis importante que as cousas boas que fixemos no pasado?

6 Xehová valora moito todo o que fixemos por el. Pero como di Hebreos 6:10-12 (leo), as cousas boas que fixemos no pasado non nos aseguran que poidamos seguir sendo hóspedes na súa tenda. Aínda que el non esquece as nosas boas obras, quere que sigamos esforzándonos por servilo de todo corazón ata o final. Xehová recompensaranos coa súa amizade mentres “non esmorezamos”, ou non cansemos, de facer a súa vontade (Gál. 6:9).

TER SINCERIDADE NO CORAZÓN

7. Que implica ter sinceridade no corazón?

7 Quen queira seguir tendo a aprobación de Xehová e continuar sendo hóspede na súa tenda ten que ter “sinceridade no corazón” (Sal. 15:2). Isto implica máis que non mentir. Xehová quere que sexamos honrados en todo o que facemos e dicimos (Heb. 13:18). Isto é importante “pois o Señor aborrece ó perverso, e reserva a súa intimidade para os honrados” (Prov. 3:32).

8. Que conduta temos que evitar?

8 Os que teñen a verdade no seu corazón obedecen a Deus en todo momento, non só cando outros os ven (Is. 29:13). Evitan actuar como o faría unha persoa perversa, ou retorcida, quizais empezando a dubidar de que seguir as leis de Xehová sexa sempre o mellor (Sant. 1:5-8). Alguén así podería comezar a desobedecelo en asuntos que non lle parecen moi importantes. E como, ó mellor, nese momento non ve as consecuencias, é posible que empece a facer cousas aínda peores e que a súa adoración a Xehová se volva hipócrita (Ecl. 8:11). En cambio, nós queremos ser honestos en tódalas cousas.

9. Que aprendemos do que pasou cando se coñeceron Xesús e Natanael? (Ver tamén a imaxe).

9 Podemos aprender o importante que é ter un corazón sincero ó pensar no que pasou cando Felipe levou a Natanael para que coñecese a Xesús. Aínda que Xesús non o vira nunca, dixo: “Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez” (Xoán 1:47). O Fillo de Deus sabía que os seus outros discípulos eran persoas honestas, pero viu que Natanael era especialmente sincero. Claro, igual ca nós, Natanael era imperfecto, pero non había nada de engano nin hipocrisía nel. Isto chamoulle a atención a Xesús, por iso o felicitou. Verdade que nos gustaría que tamén falase así de nós?

Cando Xesús coñeceu a Natanael dixo que era un home especialmente sincero. Poderíase dicir o mesmo de nós? (Ver o parágrafo 9).


10. Por que debemos ter coidado co que dicimos? (Santiago 1:26).

10 A maioría dos requisitos que se enumeran no Salmo 15 teñen que ver con como tratamos os demais. O Salmo 15:3 di que quen é hóspede na tenda de Xehová “non calumnia coa súa lingua; [...] non lle fai mal ó veciño e non difama ó seu próximo”. Usar mal a nosa fala de calquera destas formas pode facerlles moito dano a outros e impedir que sigamos sendo hóspedes na tenda de Xehová (le Santiago 1:26).

11. Que é a calumnia, e que consecuencias ten para quen non se arrepinte?

11 O salmista falou especificamente da calumnia. Pero, que é a calumnia? Xeralmente é unha afirmación falsa que pode arruinar a reputación dunha persoa. Se alguén comete este pecado e non se arrepinte, non pode seguir sendo parte da congregación (Xer. 17:10).

12, 13. Cales son algunhas das situacións nas que poderiamos chegar a difamar alguén sen darnos conta? (Ver tamén a imaxe).

12 O Salmo 15:3 tamén nos recorda que os hóspedes de Xehová non difaman nin fan nada que poida danar outras persoas. Que implica isto?

13 Poderiamos difamar a outros sen querer se espallamos información negativa sobre eles. Vexamos algunhas situacións nas que podería darse o caso: 1) unha irmá deixa de ser pioneira, 2) un matrimonio deixa de servir en Betel e 3) un irmán deixa de ser ancián ou servo ministerial. Verdade que non sería apropiado que sacásemos as nosas propias conclusións sobre as razóns destes cambios e que llas contásemos a outros? Seguro que hai moitos detalles que descoñecemos. Está claro que quen é hóspede na tenda de Xehová “non lle fai mal ó veciño e non difama ó seu próximo”.

É fácil que acabemos difundindo información negativa sobre outros. Isto podería levarnos a caer na calumnia (ver os parágrafos 12 e 13).


APRECIAR OS QUE TEMEN A XEHOVÁ

14. Explica quen son os malvados que deberiamos rechazar os hóspedes de Xehová.

14 O Salmo 15:4 di que quen é amigo de Xehová “estima desprezable ó malvado”. Pero, como podemos saber a quen deberiamos considerar malvado? O certo é que, como somos imperfectos, non estamos capacitados para determinar se unha persoa é malvada ou non. Por que? Porque, pola nosa natureza, é posible que nos parezan boas persoas aquelas coas que nos levamos ben pero que consideremos malas as que non nos caian ben. Así que só deberiamos estimar desprezable, ou rechazar, a quen Xehová considera “malvado” (1 Cor. 5:11). Isto inclúe as persoas que seguen facendo o que está mal e non se arrepinten, que tratan con falta de respecto as nosas crenzas ou que intentan acabar coa nosa amizade con Xehová (Prov. 13:20).

15. Cal é unha das maneiras de honrar os “que temen ó Señor”?

15 En cambio, o Salmo 15:4 di que debemos honrar os “que temen ó Señor”. Por iso buscamos maneiras de ser amables e demostrarlles respecto ós amigos de Xehová (Rom. 12:10). Unha forma de facelo é a que se menciona no Salmo 15:4. Alí di que un hóspede da tenda de Deus “non se vira no xuramento, aínda que sexa no seu dano”. Se rompemos as nosas promesas farémoslles dano a outros (Mat. 5:37). Por exemplo, Xehová espera que os matrimonios manteñan a promesa que se fixeron un ó outro cando casaron. A el tamén lle gusta que os pais se esforcen por cumprir as promesas que lles fan ós seus fillos. O amor que lles temos a Deus e ás persoas impúlsanos a facer todo o posible por cumprir coa nosa palabra.

16. De que outra maneira honramos ós amigos de Xehová?

16 Outra forma de honrar os amigos de Xehová é sendo hospitalarios e xenerosos (Rom. 12:13). Cando pasamos tempo cos nosos irmáns, non só nas reunións e na predicación, fortalecemos a nosa amizade con eles e con Xehová. Ademais, se somos hospitalarios estaremos imitando o noso Pai celestial.

NON AMAR OS CARTOS

17. Por que fala dos cartos o Salmo 15?

17 Como xa lemos, un hóspede de Xehová “non presta con usura o seu diñeiro e non se deixa subornar contra o inocente” (Sal. 15:5). Por que se fala dos cartos neste salmo? Porque se non temos un punto de vista equilibrado sobre eles podemos facerlles dano a outros e arruinar a nosa amizade con Deus (1 Tim. 6:10). En tempos bíblicos, algúns aproveitábanse dos seus irmáns pobres cobrándolles intereses polos cartos que lles prestaban. Ademais, algúns xuíces aceptaban subornos a cambio de xulgar vítimas inocentes de forma inxusta. Xehová odia este tipo de prácticas (Ezeq. 22:12).

18. Que preguntas podemos facernos para saber cal é a nosa actitude cara ó diñeiro? (Hebreos 13:5).

18 É importante que nos fixemos na nosa actitude cara ó diñeiro. Preguntémonos: “Penso a miúdo nos cartos e no que podería comprar con eles? Se pido prestado diñeiro, tardo en devolvelo porque penso que á persoa que mo prestou non lle fai falta? Síntome superior a outros por ter cartos? Cústame ser xeneroso cos demais? Dou por sentado que os irmáns que teñen moito diñeiro son materialistas? Gústame máis relacionarme cos que teñen cartos que cos que non lles vai tan ben economicamente?”. Recibimos o enorme privilexio de ser hóspedes na tenda de Xehová, pero só poderemos seguir séndoo se nos aseguramos de non amar os cartos. Se o facemos así, Xehová nunca nos deixará (le Hebreos 13:5).

XEHOVÁ AMA OS SEUS AMIGOS

19. Por que quere Xehová que cumpramos co que menciona o Salmo 15?

19 O Salmo 15 acaba coa seguinte promesa: “Quen así se comporte, endexamais non perecerá” (Sal. 15:5). Aquí o salmista explica por que Xehová nos pide que cumpramos o que di este Salmo: Deus quere que sexamos felices. Cando facemos o que el nos di, temos a súa protección e desfrutamos dunha vida mellor (Is. 48:17).

20. Que poden esperar os que están na tenda de Xehová?

20 Ós hóspedes de Xehová espéralles un futuro marabilloso! Os unxidos fieis vivirán no ceo, nas “moitas moradas” que Xesús lles preparou (Xoán 14:2). Os que teñen a esperanza de vivir na Terra esperan con ilusión que se cumpran as palabras de Apocalipse 21:3. Que grande honor temos de que Xehová nos faga a cariñosa invitación de estar na súa tenda para sempre!

CANCIÓN sjj 39 Un bo nome ante Deus