Ir ó contido

Ir ó índice

COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS

Tradúcese o Congreso Rexional 2020 ¡Alégrense siempre!

Tradúcese o Congreso Rexional 2020 ¡Alégrense siempre!

10 DE XULLO DE 2020

 Por primeira vez na historia, a irmandade mundial das testemuñas de Xehová verá o congreso rexional ó mesmo tempo. Será nos meses de xullo e agosto de 2020. Para que isto poida acontecer, houbo que traducir a gravación do enteiro congreso a máis de 500 idiomas. Normalmente, leva un ano ou máis organizar, gravar e traducir as conferencias e vídeos dun proxecto coma este. Pero por mor da pandemia do coronavirus, os tradutores do Congreso Rexional 2020 ¡Alégrense siempre! contaron con menos de catro meses para completaren este labor.

 O Departamento Mundial de Compras e o departamento de Servizos de Tradución da sede central das testemuñas de Xehová colaboraron neste enorme proxecto. Servizos de Tradución decatouse de que moitos dos equipos de tradución precisaban de máis equipamento para faceren este labor, sobre todo micrófonos de alta calidade. O Departamento Mundial de Compras púxose mans á obra, mercou uns 1.000 micrófonos e distribuíunos a uns 200 lugares.

 Para aforrar cartos, mercáronse os micrófonos por xunto e mandáronse a un só lugar dende o que se distribuíron a diferentes partes do mundo. Mercalos por xunto fixo que cada micrófono saíse por uns 170 dólares (150 euros aproximadamente), envío incluído. Isto supuxo un aforro de máis do 20%.

 O Departamento Mundial de Compras tivo que facer estes pedidos e mailos envíos durante abril e maio de 2020. Estes foron meses nos que as empresas baixaron moito a súa actividade comercial por mor da pandemia. Así a todo, para finais de maio, a meirande parte das oficinas remotas de tradución, as sucursais e outros lugares onde se traduce xa contaban co equipamento necesario.

 Jay Swinney, que supervisa o Departamento Mundial de Compras, di: “Houbo moi boa cooperación entre os departamentos de Betel e os provedores durante todo este proxecto. Foi só grazas ó espírito de Xehová polo que puidemos facer todo isto para axudar os nosos irmáns dun xeito tan rápido, e aproveitando ó máximo os fondos doados”.

 Nicholas Ahladis, quen traballa en Servizos de Tradución, di: “Ós tradutores que estaban confinados neses momentos alegroulles recibir este equipamento. Malia estaren illados dos seus compañeiros de tradución, puideron colaborar para traducir e gravar os discursos, vídeos e cancións a máis de 500 idiomas”.

 Este só é un dos moitos proxectos que se fixeron para que os irmáns de todo o mundo poidan desfrutar do Congreso Rexional 2020 ¡Alégrense siempre!. Mercar todo este equipamento necesario foi posible grazas ás vosas xenerosas doazóns a través de donate.pr418.com e doutros medios.