Ir ó contido

Os anciáns, colaboradores para a nosa alegría

Os anciáns, colaboradores para a nosa alegría

“Son colaborador da vosa alegría” (2 COR. 1:24)

1. Que noticias sobre os cristiáns de Corinto alegraron moito a Paulo?

 ERA o ano 55. O apóstolo Paulo está no porto da cidade de Tróade, pero non pode deixar de pensar nos cristiáns de Corinto. Tempo antes, ese mesmo ano, escoitara que había graves desacordos entre eles. Así que, coma un pai que se preocupa polos seus fillos, decidiu escribirlles unha carta para aconsellalos (1 Cor. 1:11; 4:15). Ademais, pediulle ó seu amigo Tito que os visitase e quedou de xuntarse con el en Tróade para recibir o seu informe. Agora Paulo está esperando a chegada de Tito, pois ten moitísimas ganas de escoitar as noticias que trae. Pero que desilusión! Tito non chega. Que fai Paulo? Colle un barco rumbo a Macedonia para encontrarse alí con el. Que alegría leva cando o ve. Ademais, Tito dálle boas noticias: os irmáns de Corinto aceptaron con gusto os consellos de Paulo e teñen moitas ganas de volver a velo. Cando Paulo escoita este informe, alégrase aínda máis (2 Cor. 2:12, 13; 7:5-9).

2. a) Que lles escribiu Paulo ós corintios sobre a fe e a alegría? b) Que preguntas responderemos?

2 Pouco tempo despois, Paulo escribe a súa segunda carta ós corintios. Nela dilles: “Non é que a vosa fe dependa de min; pero son colaborador da vosa alegría, pois, de certo, estades seguros na fe” (2 Cor. 1:24). Que quixo dicir? Que poden aprender destas palabras os anciáns cristiáns da actualidade?

A NOSA FE E ALEGRÍA

3. a) Que quixo dicir Paulo cando lles escribiu: “De certo, estades seguros na fe”? b) Como imitan a Paulo os superintendentes cristiáns da actualidade?

3 O apóstolo Paulo mencionou dúas características fundamentais da nosa adoración: a fe e a alegría. Sobre a fe, escribiu: “Non é que a vosa fe dependa de min; [...] pois, de certo, estades seguros na fe”. El recoñeceu que os cristiáns de Corinto eran fieis grazas á súa fe en Deus, non grazas a el ou a outras persoas. Paulo pensaba que non era necesario controlar a fe dos seus irmáns, e tampouco desexaba facelo, pois confiaba en que querían facer o correcto (2 Cor. 2:3). Os superintendentes cristiáns de hoxe imitan a Paulo ó demostrar a súa confianza na fe e na motivación que teñen os seus irmáns para servir a Deus (2 Tes. 3:4). En vez de establecer normas ríxidas na congregación, seguen os principios bíblicos e a dirección da organización de Xehová. Ó fin e ó cabo, non son amos da fe dos demais (1 Pe. 5:2, 3).

4. a) Que quixo dicir Paulo cando escribiu: “Son colaborador da vosa alegría”? b) Igual que Paulo, que desexo teñen os superintendentes de hoxe?

4 Paulo tamén dixo: “Son colaborador da vosa alegría”. Con estas palabras, non se refería só a el, senón tamén ós seus compañeiros próximos. Por que o sabemos? Porque nesa mesma carta mencionou dous deles, Silván e Timoteo, cando falou dos que lles anunciaran a Cristo Xesús (2 Cor. 1:19). E noutras cartas, sempre que o apóstolo utilizaba o termo colaborador ou outros similares, estaba a falar dos seus compañeiros de predicación, como Apolos, Áquila, Prisca, Timoteo e Tito (Rm. 16:3, 21; 1 Cor. 3:6-9; 2 Cor. 8:23). Ó dicir que era “colaborador da vosa alegría”, confirmoulles ós corintios que tanto el coma os seus compañeiros querían facer todo o que estivese nas súas mans para aumentar a alegría de tódolos que formaban parte da congregación. E este tamén é o desexo dos superintendentes de hoxe. Eles queren facer todo o que estea ó seu alcance para axudar ós seus irmáns a servir a Xehová “con alegría” (Sal. 100:2; Flp. 1:25).

5. Que analizaremos neste artigo, e en que debemos meditar?

5 Hai pouco fíxoselles unha enquisa a irmáns de diferentes partes do mundo que predican con entusiasmo. Preguntóuselles: “Que dixo ou fixo algún ancián para que aumentase a túa alegría?”. Mentres analizamos os seus comentarios, pensemos no que responderiamos nós. Ademais, meditemos no que podemos facer para que aumente a alegría da nosa congregación. *

“SAÚDOS Á QUERIDA PÉRSIDE”

6, 7. a) Cal é unha das maneiras en que os anciáns poden imitar a Xesús, a Paulo e a outros servos de Deus? b) Por que aumenta a alegría dos nosos irmáns cando lembramos os seus nomes?

6 Moitos cristiáns dixeron que se senten máis contentos cando os anciáns se interesan sinceramente por eles. Unha forma na que os superintendentes mostran interese polos demais é imitando a David, a Elihú e ó propio Xesús (le 2 Samuel 9:6; Xob 33:1 e Lucas 19:5). Os tres chamaron os demais polo seu nome. Para Paulo tamén era importante lembrar e utilizar os nomes dos seus irmáns. Ó final da súa carta á congregación de Roma, saúda a máis de vinte e cinco irmáns e irmás mencionándoos por nome. Por exemplo, escribiu: “Saúdos á querida Pérside” (Rm. 16:3-15).

7 A algúns anciáns fáiselles moi difícil lembrar os nomes dos irmáns da súa congregación. Pero cando se esforzan, é coma se lle dixesen a cada un deles: “Ti es importante para min” (Éx. 33:17). Os anciáns contribúen moito á alegría dos seus irmáns cando lembran os seus nomes ó asignar os comentarios no estudo de A Atalaia ou en calquera outra reunión (comparar con Xoán 10:3).

“QUE TANTO TRABALLOU POLO SEÑOR”

8. Cal é unha das maneiras en que Paulo imitou a Xehová e a Xesús?

8 Outra forma de aumentar a alegría dos nosos irmáns é dándolles encomio sincero, igual que fixo Paulo. Iso vese claramente na súa segunda carta ós corintios, na que escribiu: “Teño moita confianza en vós e estou orgulloso de vós” (2 Cor. 7:4). Esas palabras de ánimo deberon emocionar os irmáns de Corinto. Paulo tamén lles expresou sentimentos parecidos a outras congregacións (Rm. 1:8; Flp. 1:3-5; 1 Tes. 1:8). Por exemplo, tras mencionar a Pérside na súa carta á congregación de Roma, engadiu: “Que tanto traballou polo Señor” (Rm. 16:12). Seguro que esta fiel irmá se puxo moi contenta! Ó encomiar os demais, Paulo seguiu os exemplos de Xehová e de Xesús (le Marcos 1:9-11 e Xoán 1:47; Ap. 2:2, 13, 19).

9. Por que aumenta a alegría da congregación cando damos e recibimos palabras de ánimo?

9 Os anciáns da actualidade tamén se dan conta do importante que é expresar con palabras o aprecio que senten polos seus irmáns (Pr. 3:27; 15:23). Cando o fan, conseguen que os irmáns se sintan queridos e valorados. Os irmáns necesitan que os anciáns lles dean palabras de ánimo. O comentario dunha cristiá duns 55 anos expresa o que moitos opinan. Ela explica: “No traballo é raro que alguén te felicite. O ambiente é frío e competitivo. Por iso me sinto tan contenta cando un ancián me di que valora o que fago na congregación. Dáme moitas forzas! Para min, é unha mostra do amor do meu Pai celestial”. Hai pouco, un ancián díxolle unhas bonitas palabras de ánimo a un pai que está a criar só os seus dous fillos. Cal foi o resultado? O pai conta: “As súas palabras déronme moitísimo ánimo”. Así é, o encomio sincero dun ancián levanta o ánimo e aumenta a alegría dos irmáns. E como resultado, estes teñen máis forzas para seguir andando polo camiño da vida sen cansar (Is. 40:31).

PASTOREAR A CONGREGACIÓN DE DEUS

10, 11. a) Como poden os anciáns imitar o exemplo de Nehemías? b) Que lles axudará ós anciáns a compartir “algún don espiritual” durante as visitas de pastoreo?

10 De que outra importante maneira poden os anciáns demostrar interese polos irmáns e aumentar a súa alegría? Tomando a iniciativa en dar ánimo a quen o necesita (le Feitos 20:28). Cando o fan, imitan os pastores espirituais da antigüidade. Por exemplo, pensa no que fixo Nehemías cando notou que a fe dalgúns dos seus irmáns xudeus se debilitara. A Biblia di que se levantou e comezou a animalos (Neh. 4:8 [4:14, TNM]). Os anciáns de hoxe fan o mesmo. Cando os seus irmáns se desaniman, toman a iniciativa para fortalecerlles a fe. Por iso, se as circunstancias o permiten, visítanos nos seus fogares coa intención de compartir con eles “algún don espiritual” (Rm. 1:11). Que lles axudará ós anciáns a alcanzar ese obxectivo nas visitas de pastoreo?

11 Antes de facer esas visitas, os anciáns necesitan dedicar tempo a pensar na persoa coa que queren falar. Poderían preguntarse: “A que problemas se enfronta este irmán? Que lle poderiamos dicir para animalo? Que textos bíblicos lle axudarían? Hai algún personaxe da Biblia que vivise algo parecido?”. Preguntas coma estas farán que a conversa sexa construtiva e proveitosa. Durante esas visitas, os anciáns danlles ós irmáns a oportunidade de expresarse con liberdade e escóitanos con atención (Sant. 1:19). Unha irmá asegurou: “É tan animador cando un ancián te escoita de verdade!” (Lc. 8:18).

Antes de visitarnos, os anciáns dedican tempo a pensar en como poden animarnos

12. Quen necesita ánimo na congregación, e por que?

12 A quen lle viría ben unha visita de pastoreo? Paulo aconselloulles ós anciáns: “Coidade [...] de todo o rabaño”. Así é, tódolos que forman parte da congregación necesitan ánimo, incluso os publicadores e pioneiros que levan predicando moitos anos. Por que necesitan estes irmáns fieis o apoio de pastores espirituais? Porque eles tamén poderían chegar a sentir que non aguantan máis as presións deste mundo ruín. Un episodio da vida do rei David ensínanos por que, ás veces, mesmo os servos fieis de Deus necesitan o apoio dun compañeiro.

“ABIXAI [...] DEFENDEU A DAVID”

13. a) Que circunstancia aproveitou Isbi-Benob para atacar a David? b) Por que puido Abixai rescatar a David no momento exacto?

13 Pouco despois de que David fose escollido para ser o futuro rei de Israel, enfrontouse a Goliat, un dos descendentes de Rafá, chamados tamén os refaítas, que eran unha raza de xigantes. David demostrou a súa valentía e matouno (1 Sam. 17:4, 48-51; 1 Cró. 20:5, 8). Anos máis tarde, durante unha batalla cos filisteos, David volveuse enfrontar con outro xigante dos refaítas. O seu nome era Isbi-Benob (2 Sam. 21:16, SBG). Pero este xigante estivo a piques de acabar con el. Por que? Non foi porque David perdese a súa valentía, senón que perdera as súas forzas. O relato di que estaba canso, e cando Isbi-Benob se deu conta, viu a oportunidade de matalo. Pero entón, xusto antes de que o xigante o matase, “Abixai, fillo de Seruiah, defendeu a David. Feriu ó filisteo e matouno” (2 Sam. 21:15-17). Salvouse por moi pouco! David debeu sentirse enormemente agradecido a Abixai por estar pendente del e salvalo cando a súa vida corría perigo. Que aprendemos deste relato?

14. a) Como podemos superar obstáculos tan xigantescos coma Goliat? b) Como poden os anciáns axudarnos a recuperar as forzas e a alegría? Pon un exemplo.

14 A pesar dos obstáculos que nos poñen Satanás e os seus cómplices, os servos de Xehová seguimos co noso labor mundial de predicación. Algúns enfrontámonos a retos tan xigantescos coma Goliat. Pero, grazas á nosa confianza total en Xehová, vencémolos. Agora ben, ás veces a loita constante contra as presións deste mundo déixanos cansos e abatidos. Cando nos sentimos así, somos fráxiles e estamos en perigo de ser derrubados por problemas que en circunstancias normais poderiamos superar. Neses momentos, o apoio dun ancián pode contribuír a que recuperemos a nosa alegría e as nosas forzas. Iso é o que lles pasou a moitos irmáns. Por exemplo, unha pioneira duns 65 anos relata: “Hai algún tempo non me sentía ben e a predicación esgotábame. Un ancián notou que estaba cansa e preguntoume que me pasaba. Tivemos unha animadora conversa na que utilizou unha pasaxe da Biblia. Seguín os seus consellos e foime ben. Canto agradezo que estivese atento e me axudase!”. É unha bendición ter anciáns amorosos que se preocupan por nós e que, como Abixai, están listos para socorrernos.

“PARA QUE VOS DECATASEDES DO MOITO CARIÑO QUE VOS TEÑO”

15, 16. a) Por que querían tanto a Paulo os seus irmáns? b) Por que queremos nós ós nosos anciáns?

15 Pastorear a congregación esixe moito traballo. Ás veces, os anciáns pasan noites sen durmir, orando debido á súa preocupación polo rabaño de Deus ou axudando espiritualmente ós seus irmáns (2 Cor. 11:27, 28). Pero cumpren a súa responsabilidade a conciencia e con moito gusto. Así imitan a Paulo, quen lles escribiu ós cristiáns de Corinto: “Con gusto me gastarei e desgastarei polas vosas vidas” (2 Cor. 12:15). Queríalles moito ós irmáns e fixo o imposible por fortalecelos (le 2 Corintios 2:4; Flp. 2:17; 1 Tes. 2:8). Con razón eles tamén lle querían tanto! (Feit. 20:31-38).

16 Os servos de Deus da actualidade tamén queremos ós nosos anciáns e agradecémoslle a Xehová que os use para coidarnos. O interese que estes homes nos demostran aumenta a nosa alegría e as súas visitas fortalécennos. Ademais, valoramos que estean pendentes de nós e listos para socorrernos cando nos sentimos afogados polos problemas. Sen dúbida, son colaboradores para a nosa alegría.

^ A estes irmáns tamén se lles preguntou: “Que é o que máis valoras dun ancián?”. A inmensa maioría respondeu: “Que sexa accesible”. Un número próximo de La Atalaya tratará sobre esta importante calidade.