Ir ó contido

Como chegarlles ó corazón ós familiares que teñen crenzas diferentes

Como chegarlles ó corazón ós familiares que teñen crenzas diferentes

“VAITE para a túa casa, onda os teus, e cóntalles todo o que o Señor, compadecido, fixo contigo”. Isto foi o que lle dixo Xesús a un home que quería ser o seu seguidor. Probablemente estaban preto da cidade de Gadara, ó sueste do mar de Galilea. As palabras de Xesús revelan que comprendía unha característica básica do ser humano: o desexo de falarlle á súa familia das cousas que lle importan (Mc. 5:19).

Hoxe, seguimos vendo esa característica en tódalas culturas, aínda que nalgunhas é máis evidente ca noutras. Por iso, cando alguén se fai servo do Deus verdadeiro, Xehová, polo xeral sente o desexo de falarlles ós seus da súa nova fe. Pero, como debería facelo? Como pode chegarlles ó corazón a familiares que teñen outra relixión ou que nin sequera cren en Deus? A Biblia dá consellos moi prácticos.

“ENCONTRÁMO-LO MESÍAS”

No primeiro século, Andrés foi un dos primeiros en descubrir que Xesús era o Mesías. A quen llo foi contar inmediatamente? “Vai e ó primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille: ‘Encontrámo-lo Mesías’ (que quere dicir Cristo).” Logo Andrés levou a Pedro onda Xesús, e así deulle a oportunidade de facerse tamén discípulo seu (Xn. 1:35-42).

Uns seis anos despois, Pedro, que estaba en Iope, recibiu a invitación de viaxar cara ó norte, a Cesarea, á casa dun oficial do exército chamado Cornelio. A quen atopou ó chegar? O relato di: “Cornelio, que xuntara os seus parentes e amigos máis íntimos, xa os estaba agardando”. Dese modo, Cornelio deulles ós seus familiares a oportunidade de escoitar a Pedro e decidir por si mesmos (Feit. 10:22-33).

Que aprendemos do xeito no que Andrés e Cornelio trataron os seus familiares?

Ningún dos dous deixou as cousas á casualidade. Andrés encargouse de que o seu irmán coñecese a Xesús, e Cornelio reuniu a súa familia para que escoitase a Pedro. Pero ningún dos dous manipulou os seus nin lles insistiu para que se fixesen cristiáns. Que nos ensina iso? Como podemos imitalos? Quizais poidamos comentarlles ós nosos familiares algún punto interesante, crear oportunidades para que coñezan as verdades da Biblia ou presentarlles outras testemuñas de Xehová. Pero sempre temos que respectar a súa liberdade de decisión e nunca incomodalos nin insistirlles. Para saber como axudarlles, vexamos un exemplo da vida real: o de Jürgen e Petra, un matrimonio de Alemaña.

Petra estudou a Biblia coas testemuñas de Xehová e bautizouse. Jürgen era oficial do exército e, ó principio, non lle gustou a decisión de Petra. Pero co tempo deuse conta de que as testemuñas de Xehová ensinan a verdade sobre a Biblia. Por iso tamén dedicou a súa vida a Xehová, e agora é ancián de congregación. Que recomenda el para chegarlle ó corazón a un familiar que teña outra relixión?

Jürgen sinala: “Non trates de impoñerlle as túas crenzas nin de inundalo con demasiada información. Iso só serviría para distancialo máis. A longo prazo, é mellor deixar caer algunhas pingas de cando en vez. Tamén axuda presentarlle irmáns da súa mesma idade ou que teñan gustos parecidos. Iso pode abrandar o terreo”.

“Non trates de impoñerlle as túas crenzas nin de inundalo con demasiada información.” (Jürgen)

O apóstolo Pedro e a familia de Cornelio responderon enseguida á mensaxe da Biblia. Pero, outras persoas do século primeiro tardaron máis.

OS IRMÁNS DE XESÚS

Varios familiares de Xesús creron nel durante o seu ministerio. Por exemplo, é posible que os apóstolos Santiago e Xoán fosen os seus primos e que a nai deles, Salomé, fose a súa tía. Ela puido ser unha das mulleres que “servían cos seus bens” a Xesús e os apóstolos (Lc. 8:1-3).

Pero outros membros da familia de Xesús non tiveron fe nel ó principio. Nunha ocasión, máis dun ano despois de se bautizar, unha multitude reuniuse nunha casa para escoitalo. A Biblia di: “Cando o souberon os seus parentes, foron buscalo á forza; porque a xente dicía que perdera o sentido”. Algún tempo máis tarde, cando os seus medio irmáns lle preguntaron polos plans de viaxe que tiña, non lles contestou directamente. Por que non? Porque “era visto que nin seus irmáns crían nel” (Mc. 3:21; Xn. 7:5).

Que aprendemos do modo en que Xesús tratou os seus familiares? Non se ofendeu cando algúns dixeron que perdera o sentido. Mesmo despois de ser executado e resucitado animou a súa familia cando se lle apareceu ó seu medio irmán Santiago. Parece que isto contribuíu a que tanto Santiago coma os seus outros medio irmáns se convencesen de que Xesús era o Mesías. De feito, eles estaban cos apóstolos e outros discípulos que se reuniron en Xerusalén nunha sala superior. E está claro que tamén recibiron o espírito santo naquela ocasión. Máis adiante, confiáronselles importantes responsabilidades tanto a Santiago como a Xudas, outro medio irmán de Xesús (Feit. 1:12-14; 2:1-4; 1 Cor. 15:7).

ALGÚNS NECESITAN MÁIS TEMPO

“Pódese lograr moito con paciencia, paciencia e máis paciencia.” (Roswitha)

Igual que no século primeiro, hoxe algúns familiares necesitan moito tempo antes de decidirse a seguir o camiño que leva á vida. Poñamos por caso a Roswitha, quen era unha católica moi devota cando o seu home se fixo testemuña de Xehová, en 1978. Convencida das súas crenzas, opúxose á decisión que el tomara. Pero, cos anos, a súa actitude suavizouse. Roswitha foise dando conta de que as testemuñas de Xehová ensinan a verdade e, no ano 2003, bautizouse. Que motivou o cambio? Un factor decisivo foi a conduta do seu home. En lugar de ofenderse pola hostilidade coa que o trataba, el era moi paciente con ela e iso axudouna. Que aconsella Roswitha? “Pódese lograr moito con paciencia, paciencia e máis paciencia”.

Monika bautizouse en 1974, e os seus dous fillos fixéronse testemuñas de Xehová uns dez anos despois. O seu home, Hans, nunca se opuxo á súa relixión, pero non se bautizou ata 2006. Pensando en todos eses anos, que recomendan eles? “Sigue leal a Xehová e non cedas cando se trate da túa fe.” Algo que tamén axudou a Hans foi que a súa familia lle demostraba constantemente que o quería. E nunca perderon a esperanza de que un día aceptase a verdade.

REFRESCADOS POLA AUGA DA VERDADE

En certa ocasión, Xesús comparou a mensaxe da verdade á auga que dá vida eterna (Xn. 4:13, 14). Queremos que os nosos familiares beban desa auga cristalina e refrescante. Pero non queremos afogalos obrigándoos a beber demasiada de golpe. Que se sintan refrescados ou afogados pode depender de como lles presentemos as nosas crenzas. A Biblia di que “a mente do xusto medita antes de responder” e que “a mente do sabio fai atinado o seu falar, polos seus labios progresa a doutrina”. Como podemos aplicar estas palabras? (Pr. 15:28; 16:23).

Pensemos nunha muller que quere que o seu home coñeza as súas crenzas. Se “medita antes de responder”, escollerá con coidado as palabras e non se apresurará a falar. Tampouco dará a impresión de que se cre superior ou máis xusta ca el. Dese modo, os seus comentarios ben pensados serán refrescantes e promoverán a paz. Podería preguntarse: “Cando está o meu home máis relaxado para conversar? De que cousas lle gusta falar? Sobre que temas ten o costume de ler? Interésalle a ciencia, a política ou os deportes? Como podo espertar a súa curiosidade na Biblia e, ó mesmo tempo, respectar os seus sentimentos e opinións?”. Pensar nestas cousas vaina axudar a falar e actuar con perspicacia.

Agora ben, chegarlles ó corazón ós nosos familiares que aínda non son testemuñas de Xehová require máis que explicarlles as nosas crenzas en pequenas doses. O que dicimos ten que ir acompañado dunha boa conduta.

A NOSA BOA CONDUTA

“Sé consecuente e pon en práctica os principios bíblicos na túa vida diaria. Dese xeito, o familiar non crente darase conta da túa boa conduta, aínda que non o recoñeza abertamente”, explica Jürgen, mencionado antes. Hans, que se bautizou uns trinta anos máis tarde que a súa muller, tamén o ve así: “Hai que manter unha conduta cristiá exemplar. Iso fará que o familiar que non é testemuña de Xehová vexa o bo efecto que ten a verdade en nós”. A nosa familia debe percibir que a nosa fe nos fai diferentes, pero non en sentido negativo, senón para ben.

“Hai que manter unha conduta cristiá exemplar. Iso fará que o familiar que non é testemuña de Xehová vexa o bo efecto que a verdade ten en nós.” (Hans)

O apóstolo Pedro deu estes valiosos consellos ás cristiás con homes non crentes: “No tocante ás mulleres, que se sometan ós seus homes; deste xeito, se algúns non cren na Palabra, sen necesidade de palabra ningunha poderanos gañar polo bo xeito de vida por respecto ó Señor. Que os vosos adornos non sexan os exteriores dunha trenza no pelo nin rodearvos de xoias de ouro ou vestirvos con variedade de vestidos; senón que sexa a personalidade escondida dentro, no corazón, co adorno indeformable dun espírito agarimoso e sereo; isto si que é algo precioso ós ollos de Deus” (1 Pe. 3:1-4).

Pedro indicou que a muller cristiá pode persuadir o seu home coa súa conduta. Unha irmá chamada Christa esfórzase por poñer en práctica este consello inspirado. Dende que se bautizou no ano 1972, fai todo o posible por ter unha boa conduta e dese xeito chegarlle ó corazón ó seu home. Aínda que el estudou hai tempo coas testemuñas de Xehová, polo de agora non decidiu servir a Deus. Foi a algunhas reunións de congregación e lévase ben cos irmáns. Eles pola súa banda, respectan o seu dereito a escoller. Que fai Christa para chegarlle ó corazón?

Ela responde: “Estou decidida a seguir polo camiño que Xehová me indica. Ó mesmo tempo, trato de gañarme o meu home coa miña conduta, ‘sen palabra ningunha’. Cando non está implicado ningún principio bíblico, fago todo o que podo por compracelo. E, por suposto, sempre respecto a súa liberdade de elección e deixo as cousas en mans de Xehová”.

O caso de Christa demostra que é importante ser flexible. Aínda que se mantén ocupada en actividades espirituais, como asistir ás reunións e predicar, é comprensiva co seu home. Recoñece que el ten dereito a esperar que ela lle demostre o seu afecto e lle dedique tempo e atención. Todos debemos ser flexibles e comprensivos cos nosos familiares que non son testemuñas de Xehová. “Hai un tempo fixado para cada asunto”, di a Biblia. Isto inclúe pasar tempo cos membros da nosa familia que non comparten as nosas crenzas, especialmente co cónxuxe. Pasar tempo xuntos fomenta a comunicación, e a experiencia demostra que a comunicación evita que se sintan sós, excluídos ou que teñan celos (Ecl. 3:1).

NUNCA PERDAMOS A ESPERANZA

“É esencial que o familiar saiba que o queremos e que oramos por el”, comenta Holger. O seu pai bautizouse vinte anos máis tarde que outros membros da súa familia. Pola súa banda, Christa asegura: “Nunca perderei a esperanza de que o meu home acepte algunha vez a verdade e se poña do lado de Xehová”. A nosa actitude cara ós nosos familiares que non son testemuñas de Xehová sempre debe ser optimista. Nunca hai que darse por vencido.

O noso obxectivo é manter unha boa relación cos nosos familiares, darlles a oportunidade de descubrir a verdade e chegarlles ó corazón coa mensaxe da Biblia. E para iso, temos que actuar sempre “con bo xeito e con respecto” (1 Pe. 3:15, 16 [3:15, TNM]).