Ir ó contido

Honremos “o que Deus uniu”

Honremos “o que Deus uniu”

O que Deus uniu, que non o separe o home” (MC. 10:9).

CANCIÓNS: sn 36, sn 87

1, 2. A que nos deberían motivar as palabras de Hebreos 13:4?

 PENSAS que é importante respectar a Xehová? Seguro que si. El merece o noso respecto. E promete que, se o honramos, el tamén nos vai honrar (1 Sam. 2:​30; Pr. 3:9; Ap. 4:​11). Ademais, Xehová quere que mostremos respecto por outras persoas, como por exemplo polos funcionarios do goberno (Rm. 12:10, TNM; 13:7). Pero hai algo que debemos honrar especialmente: o matrimonio.

2 O apóstolo Paulo escribiu: “O matrimonio é merecente de tódolos respectos e o leito matrimonial ten que ser inmaculado” (Heb. 13:4). Con estas palabras non estaba facendo un simple comentario. Máis ben, estáballes dando un mandato ós cristiáns: debían ver o matrimonio como algo moi valioso. É así como ves ti o matrimonio, especialmente o teu se estás casado?

3. Que importante consello deu Xesús sobre o matrimonio? (Ver a imaxe do principio do artigo).

3 Se consideramos valioso o matrimonio e o honramos, estamos seguindo o exemplo de Xesús. Cando os fariseos lle preguntaron sobre o divorcio, el repetiu o que Deus dixo sobre o primeiro matrimonio: “Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne”. E engadiu: “O que Deus uniu, que non o separe o home” (le Marcos 10:​2-​12; Xén. 2:​24).

4. Que propósito tiña Xehová para os matrimonios?

4 Como vemos, Xesús demostrou que o matrimonio é unha provisión de Deus e que El quere que sexa unha unión permanente. Xehová non lles dixo a Adam e Eva que o divorcio podía poñer fin ó matrimonio. Ó contrario, o seu propósito era que “os dous” continuasen xuntos para sempre.

CAMBIOS TEMPORAIS NO MATRIMONIO

5. Que sucede co matrimonio cando morre un dos cónxuxes?

5 Sabemos que o pecado de Adam trouxo moitos cambios. Un deles foi a morte, que afecta o matrimonio. Así o dixo o apóstolo Paulo cando ensinou que os cristiáns xa non están baixo a Lei mosaica. El explicou que a morte pon fin ó matrimonio e que o cónxuxe vivo pode volver casar (Rm. 7:​1-3).

6. Que nos ensina a Lei de Moisés sobre o punto de vista de Deus acerca do matrimonio?

6 Na lei que Xehová lle deu á nación de Israel, encontramos algúns detalles sobre o matrimonio. Vexamos un deles. A Lei permitía que o home tivese máis dunha muller, unha práctica que se coñece como poligamia. Esta práctica xa existía antes de que Deus lle dese a Lei a Israel, pero El regulouna para protexer as mulleres. Por exemplo, se un israelita casaba cunha escrava e despois casaba con outra muller, tiña que continuar dándolle á primeira muller comida, roupa e o débito conxugal. Deus mandáballe que a protexese e a coidase (Éx. 21:​9, 10). Hoxe, nós xa non estamos baixo a Lei mosaica, pero esta axúdanos a ver a importancia que Deus lle dá ó matrimonio e a valoralo.

7, 8. a) Segundo Deuteronomio 24:1, que dicía a Lei de Moisés sobre o divorcio? b) Que pensa Xehová do divorcio?

7 Que dicía a Lei acerca do divorcio? Aínda que Deus seguía vendo igual de valioso o matrimonio, permitiu que os israelitas se divorciasen (le Deuteronomio 24:1). Un israelita podíase divorciar da súa muller se encontraba nela “cousas que o fan avergoñarse”. A Lei non describía que tipo de cousas eran estas, pero debían ser cousas graves ou indecentes, non cousas sen importancia (Dt. 23:15 [23:14, TNM]). Tristemente, nos días de Xesús, moitos xudeus divorciábanse “por un motivo calquera” (Mt. 19:3). Está claro que non queremos imitar a súa actitude.

8 Xa nos tempos do profeta Malaquías, era moi común que os homes traizoasen a súa muller divorciándose dela, quizais para casar cunha máis nova que non adoraba a Deus. Falando do que pensa Xehová sobre este tema, Malaquías escribiu: “Eu odio o divorcio” (Mal. 2:​14-​16, TNM). Isto está de acordo co que Xehová lles dixo a Adam e Eva cando casaron: “Por iso deixa o home seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo” (Xén. 2:​24). Xesús demostrou que valoraba o matrimonio tanto coma seu Pai. El dixo: “O que Deus xuntou, que non o separe o home” (Mt. 19:6).

O ÚNICO MOTIVO PARA DIVORCIARSE

9. Que quixo dicir Xesús coas palabras rexistradas en Marcos 10:11, 12?

9 Poida que alguén se pregunte: Hai algunha razón válida para que un cristián se divorcie e volva casar? Xesús deixou claro o que pensaba do divorcio: “O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio” (Mc. 10:11, 12; Lc. 16:18). Está claro que Xesús valoraba moito o matrimonio e quería que os demais fixesen o mesmo. A persoa que se divorciaba do seu cónxuxe fiel poñendo calquera escusa e casaba con outra persoa, cometía adulterio. Por que? Porque ós ollos de Deus o divorcio en si mesmo non pon fin ó matrimonio. Para el, os dous seguen sendo “un mesmo corpo”. Ademais, Xesús dixo que o que se divorciaba dunha esposa fiel, expoñíaa a cometer adulterio. Por que? Porque naquel tempo a muller divorciada podía verse obrigada a casar para obter o sustento necesario para vivir. E ese segundo matrimonio sería o mesmo que cometer adulterio.

10. Por que motivo pode un cristián divorciarse e casar de novo?

10 Xesús dixo cal é a única razón pola que se pode poñer fin a un matrimonio. El dixo: “Eu dígovos que todo o que se divorcie da súa muller, a menos que sexa por inmoralidade sexual, e case con outra comete adulterio” (Mt. 19:9, TNM). Xa dixera algo parecido no Sermón do Monte (Mt. 5:​31, 32, TNM). Nos dous casos falou de “inmoralidade sexual” (en grego, porneia). Esta expresión inclúe o adulterio, a prostitución, as relacións sexuais entre persoas non casadas, a homosexualidade e o bestialismo. Por exemplo, se un home casado ten relacións sexuais fóra do matrimonio, a súa muller ten o dereito de decidir se se vai divorciar ou non. Se decide divorciarse, deixarán de estar casados ós ollos de Deus.

11. Por que podería un cristián decidir non divorciarse aínda que teña motivos bíblicos para facelo?

11 Fixémonos en que Xesús non dixo que en caso de inmoralidade sexual (porneia) o cónxuxe inocente estea obrigado a divorciarse. Por exemplo, unha muller podería decidir non divorciarse aínda que o seu home lle fose infiel. Poida que o siga querendo e que estea disposta a perdoalo e a traballar xuntos para fortalecer o matrimonio. Sendo realistas, se se divorcia e non volve casar, podería ter que enfrontarse a moitos desafíos. Como vai cubrir as súas necesidades materiais e sexuais? Como vai levar a soidade? E, se ten fillos, fará o divorcio que sexa máis complicado crialos na verdade? (1 Cor. 7:​14) Está claro que o cónxuxe inocente que se divorcia vai ter que facer fronte a certas dificultades.

12, 13. a) Que problemas xurdiron no matrimonio de Oseas? b) Por que Oseas perdoou a Gomer, e que podemos aprender nós?

12 O profeta Oseas viviu unha situación que nos ensina moito sobre como ve Deus o matrimonio. Xehová díxolle que casase cunha muller que se chamaba Gomer. Ela chegaría a ser “unha muller dada á prostitución” que tería “fillos de prostitución”. Gomer tivo un fillo con Oseas (Os. 1:​2, 3). Pero, máis adiante tamén tivo unha filla e un fillo que probablemente non eran del. Aínda que Gomer cometeu adulterio en varias ocasións, Oseas seguiu casado con ela. Co tempo, ela abandonouno e chegou a ser escrava, pero Oseas recomprouna (Os. 3:​1, 2). Xehová utilizou a situación de Oseas para representar tódalas veces que perdoou a nación de Israel a pesar de que esta lle fora infiel e adorara outros deuses. Cal é a lección para nós?

13 Como vimos, se un cristián comete inmoralidade sexual, o seu cónxuxe terá que tomar unha decisión. Xesús dixo que o inocente tería unha razón válida para divorciarse e estaría libre para casar de novo. Pero tamén podería perdoar. Facelo non tería nada de malo. A Biblia di que Oseas volveu levar a Gomer para a casa. A partir de aí ela xa non debía ter relacións sexuais con ningún outro home. Durante un tempo, Oseas tampouco tivo relacións con ela (Os. 3:3, TNM, nota). Pero máis adiante seguro que as retomou. Todo isto demostrou que Xehová estaba disposto a perdoar o seu pobo (Os. 2:2 [1:​11, TNM]; 3:​3-5). Que lección aprendemos? Se a persoa inocente acepta volver a ter relacións sexuais co cónxuxe infiel, é unha proba de que o perdoou e de que decide seguir adiante co matrimonio (1 Cor. 7:3, 5). Se este é o caso, xa non hai base para o divorcio. A partir dese momento, os dous deben esforzarse por ver o matrimonio como o ve Xehová.

CANDO HAI PROBLEMAS NO MATRIMONIO

14. Segundo 1 Corintios 7:​10, 11, que podería pasar nalgúns matrimonios?

14 Tódolos cristiáns deben esforzarse por honrar o matrimonio, tal e como fan Xehová e Xesús. Aínda así, algúns non o fan, porque todos somos imperfectos (Rm. 7:​18-​23). Por iso non nos sorprende que xa no primeiro século algúns matrimonios cristiáns tivesen problemas. De feito, Paulo escribiu: “Que a muller non se separe do seu home”. Con todo, houbo casos nos que iso ocorreu (le 1 Corintios 7:​10, 11).

Que se pode facer para salvar un matrimonio que ten problemas graves? (Ver o parágrafo 15).

15, 16. a) Aínda que un matrimonio teña problemas, que deben intentar facer os cónxuxes, e por que? b) Aplicaría o mesmo no caso de que un dos cónxuxes non sirva a Xehová?

15 Paulo non explicou o motivo desas separacións. Non era porque o home cometese inmoralidade, xa que nese caso a muller tería base para divorciarse e casar de novo. Máis ben, falando da muller que estaba separada, Paulo escribiu: “Ou que siga sen casar ou que se poña a ben co home”. Os dous seguían unidos ós ollos de Deus. Paulo aconsellou que se unha parella pasa por problemas, pero ningún dos dous cometeu inmoralidade sexual, deberían intentar resolvelos. Na actualidade, a parella que ten problemas pode pedir a axuda dos anciáns. Estes non poden poñerse de parte de ningún dos dous, pero poden darlles consellos coa Biblia.

16 A situación pode ser máis complicada se só un dos cónxuxes serve a Xehová. Neste caso, estaría xustificado que se separasen? Como vimos, a Biblia di que a inmoralidade sexual é unha razón válida para o divorcio, pero non menciona ningún motivo para a separación. Paulo escribiu: “Se unha muller ten un home que non cre, pero que consente en vivir con ela, que non o bote” (1 Cor. 7:​12, 13). Este principio tamén aplica na actualidade.

17, 18. Por que algúns cristiáns decidiron non separarse a pesar de ter problemas graves no matrimonio?

17 Hai que recoñecer que nalgúns casos o home “que non cre” demostra coas súas accións que non “consente en vivir con ela”. Quizais a someta a maltrato físico moi grave, incluso ata o punto de que ela chegue a pensar que está en perigo a súa saúde ou mesmo a súa vida. Poida que el se negue a manter a súa muller e o resto da familia, ou que poña en grave perigo a espiritualidade deles. Nestes casos, algunhas cristiás chegaron á conclusión de que, a pesar do que diga o seu home, el non “consente en vivir con ela”, e viron necesario separarse deles. Pero outras cristiás nunha situación similar non chegaron á mesma conclusión, senón que aguantaron e intentaron que a situación mellorase. Por que?

18 Unha razón é que a parella que se separa segue estando casada. Se se separan, é probable que cada un teña que afrontar os problemas que mencionamos antes. O apóstolo Paulo deu outra razón para permanecer unidos. El escribiu: “O home que non cre queda santificado pola súa muller; e a muller que non cre queda santificada polo marido crente. Se non fose así, os vosos fillos serían impuros, cando a verdade é que son santos” (1 Cor. 7:​14). Aínda que pasaron por circunstancias moi difíciles, moitos cristiáns que decidiron seguir co seu cónxuxe comentan que valeu a pena porque o seu cónxuxe chegou a servir a Xehová (le 1 Corintios 7:​16; 1 Pe. 3:​1, 2).

19. Por que hai moitos matrimonios felices no pobo de Deus?

19 Xesús falou sobre o divorcio e o apóstolo Paulo deu consellos inspirados por Deus sobre a separación. Os dous querían que os servos de Xehová honrasen o matrimonio. Hoxe, nas congregacións de todo o mundo hai miles de matrimonios felices. É probable que haxa moitos na túa congregación. Son matrimonios que se queren e que son fieis un ó outro. O seu exemplo demostra que é posible ter un matrimonio feliz e cumprir as seguintes palabras: “Por iso deixará o home a seu pai e maila súa nai e unirase á súa muller e serán os dous un único ser” (Ef. 5:​31, 33).