Ir ó contido

Como é Deus?

Como é Deus?

Para ser amigo de alguén, necesitamos saber como é. Do mesmo xeito, para ser amigo de Deus, necesitamos coñecer as súas calidades. Canto mellor as coñezamos, máis nos achegaremos a el. De tódalas súas marabillosas calidades, hai catro que sobresaen: o poder, a sabedoría, a xustiza e o amor.

DEUS É PODEROSO

“¡Ai, meu Señor, meu Deus! Ti fixéche-lo ceo e maila terra co teu grande poder” (XEREMÍAS 32:17)

A creación demostra o poder de Deus. Por exemplo, que sentimos na pel cando estamos ó aire libre nun día soleado? Sentimos a calor do Sol. En realidade, esa calor é o resultado do poder creativo de Xehová. Canto poder ten o Sol? A temperatura do seu núcleo é duns 15.000.000°C. Cada segundo, o Sol emite unha enerxía equivalente á de centos de millóns de bombas nucleares.

Pero o Sol é pequeno en comparación con moitas das incontables estrelas que hai no Universo. Os científicos calculan que a estrela UY Scuti, unha das máis grandes do Universo coñecido, ten un diámetro 1700 veces maior có do Sol. Se UY Scuti estivese no sitio do Sol, tragaríase a Terra e chegaría máis aló da órbita de Xúpiter. Isto quizais nos axude a entender mellor por que Xeremías dixo que Xehová Deus fixo os ceos e a Terra, é dicir, o Universo, co seu gran poder.

Como nos beneficia o poder de Deus? A nosa vida depende de todo o que Deus creou, coma o Sol e os abundantes recursos naturais da Terra. Ademais, Deus usa o seu poder para axudarnos individualmente. De que forma? No primeiro século, Deus deulle poder a Xesús para que fixese milagres. Na Biblia lemos: “Os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan” (Mateo 11:5). E que ocorre na actualidade? A Biblia tamén di de Deus: “El dálle forza ó cansado”. E engade que “ós que teñen esperanza no Señor renóvanselle-las forzas” (Isaías 40:29, 31). Deus pode darnos “esa forza tan extraordinaria” para que afrontemos os problemas e desafíos da vida ou para que poidamos aguantalos (2 Corintios 4:7). Cando aprendes que Deus usa o seu infinito poder para axudarnos, sénteste máis cerca del, non si?

DEUS É SABIO

“¡Cantas son, Señor, as túas obras, todas feitas con saber!” (SALMO 104:24)

Canto máis aprendemos sobre a creación de Deus, máis nos impresiona a súa sabedoría. De feito, hai unha rama da ciencia chamada biomimética na que os científicos estudan as creacións de Xehová e copian algunhas das súas características para mellorar os seus deseños. Estes van dende o sinxelo deseño do velcro ata o complexo deseño dun avión.

O ollo humano é unha marabilla da creación

Pero non hai nada que reflicta mellor a impresionante sabedoría de Deus que o corpo humano. Por exemplo, pensemos en como se forma un bebé. O proceso comeza cunha célula fecundada que contén toda a información xenética necesaria. Esta célula divídese en moitas outras que parecen iguais. Pero, no momento exacto, esas células comezan a cambiar e transfórmanse en centos de tipos de células diferentes, como as sanguíneas, as nerviosas e as óseas. Pouco despois, fórmanse os diferentes sistemas do organismo e empezan a funcionar. En só nove meses, esa primeira célula chega a ser un bebé formado por miles de millóns de células. Cando ven a sabedoría que implica este deseño, moitos chegan á mesma conclusión ca certo escritor bíblico, que dixo: “Lóuvote polo prodixio que hai en min” (Salmo 139:14).

Como nos beneficia a sabedoría de Deus? O noso Creador sabe o que necesitamos para ser felices. Como é tan sabio, pode darnos bos consellos mediante a súa Palabra, a Biblia. Por exemplo, recoméndanos: “Aturádevos uns ós outros e perdoádevos” (Colosenses 3:13). Pensas que este é un bo consello? Os investigadores descubriron que perdoar pode axudar a durmir mellor e a reducir a presión arterial. Tamén pode diminuír o risco de sufrir depresión e outros problemas de saúde. Deus é coma un amigo sabio que se preocupa por nós e que nunca deixa de darnos bos consellos (2 Timoteo 3:16, 17). Gustaríache ter un amigo así?

DEUS É XUSTO

“O Señor ama a xustiza” (SALMO 37:28)

Deus sempre fai o correcto, é impensable que faga algo malo. A Biblia di: “Lonxe do Omnipotente o obrar inxusto” (Xob 34:10). De feito, tamén di del: “Ti que xulgas con xustiza” (Xeremías 11:20). Como ve o que temos no corazón, non se deixa enganar polas aparencias, senón que sempre sabe cal é a verdade e xulga con xustiza (1 Samuel 16:7). Pero ademais, Deus ve tódalas inxustizas e a corrupción que hai no mundo, e promete que pronto “os malvados serán desbotados da terra” (Proverbios 2:22).

Iso non quere dicir que Deus sexa un xuíz cruel que desfruta castigando a xente. Cando é axeitado, mostra misericordia. A Biblia di que Xehová é “misericordioso e clemente”, incluso coas persoas malas se se arrepinten de corazón. Non cres que iso é verdadeira xustiza? (Salmo 103:8; 2 Pedro 3:9).

Como nos beneficia a xustiza de Deus? O apóstolo Pedro dixo que “Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta ó que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa” (Feitos 10:34, 35). Grazas a que Deus nunca mostra favoritismo, todos nos beneficiamos da súa xustiza. El acéptanos e podemos adoralo sen importar a nosa raza, nacionalidade, educación ou posición social.

Como Deus é imparcial, podemos beneficiarnos da súa imparcialidade sen importar a nosa posición social, raza ou nacionalidade

Deus quere que entendamos a súa xustiza e nos beneficiemos dela, por iso nos deu a conciencia. As Escrituras din que a conciencia é coma unha lei que está escrita no noso corazón que nos axuda a saber se estamos actuando ben ou mal (Romanos 2:15). De que xeito nos beneficia isto? Unha conciencia ben educada impide que fagamos algo incorrecto ou prexudicial. E, se cometemos un erro, pode motivarnos a arrepentirnos e a deixar de facer o que está mal. Sen dúbida, entender a xustiza de Deus benefícianos e achéganos a el.

DEUS É AMOR

“Deus é amor” (1 XOÁN 4:8)

A Biblia non di que Deus é poder, sabedoría ou xustiza. Pero si que di que é amor. Por que? Porque, inda que é certo que o seu poder lle permite actuar e a súa xustiza e sabedoría guían as súas accións, o que o motiva a actuar é o amor. Todo o que fai, faino por amor.

Aínda que Xehová non necesita nada nin a ninguén, o seu amor motivouno a crear seres intelixentes, tanto no ceo coma na terra, para que desfrutasen do seu amor e coidado. De maneira desinteresada, preparou a Terra, o fogar perfecto para os seres humanos. E na actualidade segue mostrando o seu amor pola humanidade, xa que “fai saí-lo seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos” (Mateo 5:45).

Ademais, Xehová é “compasivo e misericordioso” (Santiago 5:11). Móstralles o seu cariño ás persoas que con sinceridade dan os pasos necesarios para coñecelo e achegarse a el, e coñéceas individualmente. De feito, “non está lonxe de cada un de nós” (Feitos 17:27; cursiva nosa).

Como nos beneficia o amor de Deus? Deus demóstranos o seu amor de moitas maneiras. Por exemplo, desfrutamos coa risa contaxiosa dun bebé, co cariño da nosa familia e cunha fermosa posta de Sol. É certo que ningunha destas cousas é indispensable para a vida, pero enriquécena inmensamente.

Outra mostra do amor de Deus é a oración. A Biblia di: “Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de gracias”. Igual ca un pai agarimoso, Xehová quere que lle contemos tódalas nosas preocupacións. El promete que, se o facemos, daranos xenerosamente “a paz de Deus, que supera toda intelixencia” (Filipenses 4:6, 7).

Neste artigo, xa falamos das calidades principais de Deus: o poder, a sabedoría, a xustiza e o amor. Agora animámoste a seguir lendo para descubrir o que fixo Deus por ti e o que fará no futuro.

COMO É DEUS? Non hai ninguén máis poderoso, sabio e xusto ca Xehová. Pero a súa calidade máis atraente é o amor.