Ir ó contido

ARTIGO DE ESTUDO 10

“¿Por que non me podo bautizar eu?”

“¿Por que non me podo bautizar eu?”

“Baixaron os dous á auga, Felipe e mailo eunuco, e Felipe bautizouno” (FEITOS 8:38).

CANCIÓN sn 7 Dedicarei a miña vida a Xehová

AVANCE a

1. Cales foron as consecuencias da decisión de Adam e Eva?

 QUEN crees que debe decidir o que está ben e o que está mal? Cando Adam e Eva comeron do froito da árbore do coñecemento do ben e do mal, deixaron claro que non confiaban en Xehová nin nas súas normas. Decidiron escoller por si mesmos o que está ben ou mal (Xén. 3:22). Cales foron as consecuencias? Perderon a súa amizade con Xehová. Ademais, tamén perderon a oportunidade de vivir para sempre e transmitíronlles ós seus descendentes o pecado e a morte (Rm. 5:12). A súa decisión só provocou sufrimento.

Despois de aceptar a Xesús, o eunuco etíope quixo bautizarse o antes posible (ver os parágrafos 2 e 3).

2, 3. a) Que fixo o eunuco etíope cando Felipe lle predicou? b) Que bendicións recibimos ó estar bautizados? c) Que preguntas responderemos neste artigo?

2 Hai unha enorme diferenza entre o que fixeron Adam e Eva e o que fixo o eunuco etíope cando Felipe lle predicou. Este home estaba tan agradecido polo que Xehová e Xesús fixeran por el que se bautizou inmediatamente (Feit. 8:34-38). Do mesmo xeito, cando nós lle dedicamos a nosa vida a Deus e nos bautizamos, deixamos claro que agradecemos o que Xehová e Xesús fixeron por nós. Ademais, demostramos que confiamos en Xehová e que aceptamos que el é o único que ten o dereito de decidir o que está ben e o que está mal.

3 Pensa nas bendicións que recibimos cando servimos a Xehová. Para empezar, temos a perspectiva de recuperar todo o que Adam e Eva perderon, como a oportunidade de vivir para sempre. Pola nosa fe en Xesucristo, Deus perdóanos os pecados e dános unha conciencia limpa (Mt. 20:28; Feit. 10:43). Ademais, chegamos a formar parte da gran familia de servos aprobados de Xehová e temos por diante un futuro marabilloso (Xn. 10:14-16; Rm. 8:20, 21). Pero, a pesar de todos estes beneficios, algúns que xa coñecen a Xehová dubidan en seguir o exemplo do eunuco etíope. Que obstáculos lles impiden bautizarse? E como poden vencelos?

OBSTÁCULOS QUE IMPIDEN QUE ALGÚNS SE BAUTICEN

Obstáculos que algúns afrontan antes de decidir bautizarse.

A falta de confianza (ver os parágrafos 4 e 5). b

4, 5. A que obstáculos se enfrontaron Avery e Hannah?

4 A falta de confianza. Os pais dun rapaz chamado Avery son testemuñas de Xehová. O pai ten unha reputación excelente como pai e como ancián. Aínda así, Avery estaba retrasando a decisión de bautizarse. El explica: “Pensaba que non conseguiría estar á altura da reputación do meu pai”. Ademais, Avery cría que non sería capaz de atender as responsabilidades que podería recibir no futuro. Recoñece: “Preocupábame que me pedisen orar en público, presentar discursos ou dirixir o grupo de predicación”.

5 Hannah, de 18 anos, era unha rapaza moi insegura. Aínda que se criou nunha familia de testemuñas de Xehová, tiña a autoestima tan baixa que lle parecía que non podería vivir segundo as normas de Xehová. Ás veces, sentíase tan mal que se autolesionaba e isto empeoraba as cousas. Ela di: “Non lle contei a ninguén o que facía, nin sequera ós meus pais. Pensaba que Xehová nunca me aceptaría polo que me facía a min mesma”.

A influencia dos amigos (ver o parágrafo 6). c

6. Que lle impedía a Vanessa bautizarse?

6 A influencia dos amigos. Vanessa, de 22 anos, di: “Tiña unha moi boa amiga á que coñecía desde había case dez anos”. Pero a amiga de Vanessa non estaba interesada nas súas crenzas e non a apoiaba na súa meta de bautizarse. Iso a Vanessa doíalle. Ela explica: “Custábame moito facer amigos. E dábame medo non atopar outra boa amiga se cortaba a miña amizade con ela”.

O medo a cometer un pecado grave (ver o parágrafo 7). d

7. A que lle tiña medo Makayla, e por que?

7 O medo a cometer un pecado grave. Makayla tiña 5 anos cando o seu irmán foi expulsado. Co tempo, foi vendo canto lles afectaba ós seus pais o que facía o seu irmán. Di: “Tiña medo de bautizarme, cometer un pecado polo que me expulsasen e facer sufrir aínda máis a meus pais”.

O medo á oposición (ver o parágrafo 8). e

8. A que lle tiña medo Miles?

8 O medo á oposición. O pai e a madrastra de Miles serven a Xehová. Pero a súa nai non. Miles explica: “Vivín coa miña nai dezaoito anos. Non me atrevía a dicirlle que me quería bautizar. Acordábame de como reaccionara cando o meu pai se fixera testemuña de Xehová. Dábame medo que me fixese a vida imposible a min tamén”.

COMO PODES SUPERAR OS OBSTÁCULOS

9. Que é probable que pase segundo aprendas máis sobre a paciencia e o amor de Xehová?

9 Adam e Eva decidiron non servir a Xehová porque non chegaron a sentir un amor forte por el. A pesar diso, Deus deixoulles vivir suficiente tempo como para ter fillos e permitiulles decidir por si mesmos como crialos. Pero a decisión de independizarse de Xehová foi moi mala e pronto se viron os resultados. O seu fillo maior asasinou o seu irmán e, co tempo, a humanidade volveuse violenta e egoísta (Xén. 4:8; 6:11-13). Con todo, Xehová contaba cun medio para salvar a tódolos descendentes de Adam e Eva que decidisen servilo (Xn. 6:38-40, 57, 58). Segundo vaias aprendendo máis sobre o paciente e amoroso que é Xehová, é probable que o teu amor por el medre. E entón non quererás cometer o mesmo erro que Adam e Eva. Máis ben, sentirás o desexo de dedicarlle a túa vida a Deus.

Como podes superar estes obstáculos

(ver os parágrafos 9 e 10). f

10. Como che pode axudar Salmo 19:8 (19:7, TNM) a servir a Xehová?

10 Sigue aprendendo sobre Xehová. Canto máis o coñezas, máis confiarás en que poderás servilo como el quere. Avery explica que o que lle deu moita confianza foi ler e meditar na promesa de Salmo 19:8 (19:7, TNM) (leo). Cando viu como Xehová cumprira esa promesa no seu caso, o seu amor por el fíxose máis forte. Pero o amor non só nos axuda a confiar en que podemos servilo, tamén nos axuda a estar centrados nel e nas cousas que el nos pide. Hannah explica: “Grazas á miña lectura e estudo persoal da Biblia, entendín que cando me fago dano tamén lle fago dano a Xehová” (1 Pe. 5:7, TNM). Hannah esforzouse por facer o que di a Palabra de Deus (Sant. 1:22). Cal foi o resultado? Ela conta: “Cando vin os beneficios de obedecer a Xehová, o meu amor por el fíxose máis forte. Agora estou segura de que el sempre me guiará cando necesite a súa axuda”. Hannah logrou superar o impulso de autolesionarse, dedicoulle a súa vida a Xehová e bautizouse.

(Ver o parágrafo 11). g

11. a) Que fixo Vanessa para ter bos amigos? b) Que aprendemos do exemplo de Vanessa?

11 Escolle ben os teus amigos. Co tempo, Vanessa deuse conta de que a súa amiga lle estaba impedindo servir a Xehová. Así que cortou esa amizade. Pero fixo algo máis. Esforzouse moito por facer novos amigos na congregación. Ela di que algo que lle axudou foi pensar no exemplo de Noé e da súa familia: “Estaban rodeados de xente que non amaba a Xehová, pero desfrutaban de boa compañía entre eles”. Despois de bautizarse, Vanessa fíxose pioneira. Agora conta: “Iso axudoume a facer bos amigos, non só na miña congregación, senón tamén noutras”. Ti tamén podes conseguir bos amigos se te esforzas por participar ó máximo na obra que Xehová nos encargou (Mt. 24:14).

(Ver os parágrafos 12 a 15). h

12. Que clase de medo lles faltou a Adam e Eva, e cales foron os resultados?

12 Ten un punto de vista equilibrado do medo. Algúns tipos de medo son bos para nós. Por exemplo, é bo que teñamos medo de facer algo que lle desagrade a Xehová (Sal. 111:10). Se Adam e Eva tivesen este tipo de medo, non se rebelarían contra el. Pero non o tiveron e, como consecuencia, rebeláronse. Nese momento “abríronselle-los ollos”, é dicir, comprenderon con claridade que eran pecadores. Agora, só poderían transmitirlles ós seus descendentes o pecado e a morte. Ó entender a situación na que se atopaban, deulles vergoña estar espidos e tapáronse (Xén. 3:7, 21).

13, 14. a) Segundo 1 Pedro 3:21, por que non debemos vivir con medo á morte? b) Que razóns temos para amar a Xehová?

13 É bo ter medo a desagradarlle a Xehová. Pero non debemos terlle un medo extremo á morte. Por que non? Porque Deus fixo o necesario para que poidamos vivir para sempre. Se cometemos un pecado pero nos arrepentimos de corazón, el perdoaranos pola nosa fe no sacrificio do seu Fillo. E unha das maneiras máis importantes de demostrar esa fe é dedicándolle a nosa vida a Deus e bautizándonos (le 1 Pedro 3:21).

14 Temos moitas razóns para amar a Xehová. Non só nos dá cousas boas tódolos días, tamén nos ensina a verdade sobre el e o seu propósito (Xn. 8:31, 32). Deunos a congregación cristiá para guiarnos e apoiarnos. Axúdanos a cargar cos nosos problemas na actualidade e ofrécenos a esperanza de vivir para sempre en condicións perfectas no futuro (Sal. 68:20 [68:19, TNM]; Ap. 21:3, 4). Cando meditamos en todo o que xa fixo para demostrarnos o seu amor, chegamos a querelo tanto que temos medo de facerlle dano. Ese é o tipo de medo que debemos ter.

15. Como superou Makayla o seu medo a cometer un pecado grave?

15 Makayla venceu o seu medo a cometer un pecado grave cando comprendeu que Xehová sempre está disposto a perdoar. Di: “Deime conta de que todos somos imperfectos e cometemos erros. Pero tamén entendín que Xehová nos quere moito e nos perdoa grazas ó rescate”. O seu amor por Xehová motivouna a dedicarlle a súa vida e bautizarse.

(Ver o parágrafo 16). i

16. Como venceu Miles o seu medo á oposición?

16 Miles, que tiña medo de que a súa nai se puxese en contra de que se bautizase, pediulle axuda ó superintendente de circuíto. Conta: “El criárase igual ca min. Un dos seus pais non era testemuña de Xehová. Axudoume a pensar no que podía dicirlle á miña nai para convencela de que a decisión de bautizarme era miña e de que o meu pai non me estaba insistindo para que o fixese”. A nai de Miles non reaccionou ben. Ó final, tivo que marchar da casa, pero mantívose firme na súa decisión de bautizarse. El di: “Aprender sobre as cousas boas que Xehová fixo por min chegoume ó corazón. Ó reflexionar no sacrificio de Xesús, comprendín canto me quere Xehová. Iso impulsoume a dedicarlle a miña vida e bautizarme”.

NON ESQUEZAS NUNCA A TÚA DECISIÓN

Podemos demostrar que agradecemos o que Deus fixo por nós (ver o parágrafo 17).

17. Que oportunidade temos todos?

17 Cando Eva comeu do froito daquela árbore no xardín de Edén, rechazou o seu Pai. E cando Adam fixo o mesmo, mostrou unha enorme falta de gratitude por todo o que Xehová fixera por el. Todos temos a oportunidade de demostrar canto nos desagrada a decisión que tomaron. Ó bautizarnos, mostrámoslle a Xehová que cremos que el ten a autoridade de decidir o que está ben e o que está mal. Tamén lle demostramos que o amamos e que confiamos nel.

18. Que debes facer para que che vaia ben?

18 Despois de bautizarnos, pode ser un desafío seguir facendo tódolos días o que quere Xehová e non o que queremos nós. Pero millóns de persoas conségueno. E ti tamén podes conseguilo se segues afondando o teu entendemento da Biblia. Ademais, ten o costume de pasar tempo cos irmáns e fálalles ós demais con entusiasmo do que aprendiches sobre o teu cariñoso Pai celestial (Heb. 10:24, 25). E, cando tomes decisións, escoita os consellos que Xehová che dá mediante a súa Palabra e a súa organización (Is. 30:21). Se o fas así, tódolos teus proxectos sairán ben (Pr. 16:3, 20).

19. Que deberías recordar sempre, e por que?

19 Segundo vaias vendo canto te beneficia a guía de Xehová, o teu amor por el e polas súas normas medrará cada vez máis. Entón, nada do que Satanás che ofreza fará que deixes de servir a Deus. E dentro de mil anos, cando penses no teu bautismo, dirás: “Foi a mellor decisión que tomei na miña vida”.

CANCIÓN sjj 28 Quen pode ser amigo de Xehová?

a A decisión de bautizarte é a máis importante que podes tomar na túa vida. Por que é tan importante? Este artigo responderá esa pregunta. Ademais, axudará ós que están pensando en bautizarse a vencer algúns obstáculos que quizais lles estean impedindo dar este paso.

b DESCRICIÓN DAS IMAXES: Falta de confianza: Un rapaz non se atreve a comentar e decide esforzarse por estudar máis.

c DESCRICIÓN DAS IMAXES: Amigos: A unha rapaza que vai cunha mala compañía sente vergoña cando ve unhas irmás predicando, pero co tempo aprende a estar orgullosa de ser testemuña de Xehová.

d DESCRICIÓN DAS IMAXES: Pecados: A unha rapaza dálle medo cometer un pecado despois de que seu irmán é expulsado e marcha da casa. Pero ó final chega a amar a verdade e bautízase.

e DESCRICIÓN DAS IMAXES: Oposición: Un rapaz está moi nervioso mentres fai unha oración diante da súa nai que non é testemuña de Xehová. Pero máis tarde, explícalle con valor as súas crenzas.

f DESCRICIÓN DAS IMAXES: Falta de confianza: Un rapaz durante o seu estudo persoal da Biblia.

g DESCRICIÓN DAS IMAXES: Amigos: Unha moza predica orgullosa cun carriño mentres a súa anterior amiga pasa ó seu lado.

h DESCRICIÓN DAS IMAXES: Pecados: Unha moza entra na piscina para bautizarse mentres os seus pais lle fan unha foto.

i DESCRICIÓN DAS IMAXES: Oposición: Un mozo explícalle as súas crenzas con valor á súa nai, que non é testemuña de Xehová.