Ir ó contido

CAPÍTULO 13

Os predicadores do Reino levan os seus casos ós tribunais

Os predicadores do Reino levan os seus casos ós tribunais

IDEA PRINCIPAL DO CAPÍTULO

Como predixo Xesús, a predicación afronta oposición por parte das autoridades

1, 2. a) Que fixeron os líderes relixiosos para deter a predicación, pero como reaccionaron os apóstolos? b) Por que se negaron os apóstolos a deixar de predicar?

 ACÁBASE de celebrar o Pentecostés do ano 33 da nosa era, e a congregación de Xerusalén só ten unhas semanas de vida. Satanás chega á conclusión de que este é o mellor momento para atacala. Quere borrala do mapa antes de que a congregación se volva forte. Así que manipula rapidamente os asuntos para que os líderes relixiosos prohiban a predicación. Pero os valentes apóstolos continúan coa súa obra. Como resultado, “a cantidade dos que crían no Señor, homes e mulleres, medraba máis e máis” (Feit. 4:18, 33; 5:14).

Os apóstolos alegráronse moito de ser dignos de sufrir deshonra a causa do nome de Xesús

2 Cheos de carraxe, os inimigos lanzan un novo ataque e meten os apóstolos no cárcere. Pero esa noite o anxo de Xehová abre as portas da prisión e, ó raiar o día, os apóstolos xa están predicando outra vez! Os oficiais volven detelos e lévanos diante das autoridades, quen os acusan de desobedecer a orde de non predicar. En resposta, os apóstolos fan esta valente declaración: “Cómpre obedecer a Deus antes cós homes”. O enfado dos gobernantes é tan grande que queren eliminalos. Pero nese preciso momento, un respectado mestre da Lei, Gamaliel, advírtelles ás autoridades: “Coidadiño [...] desentendédevos deses homes, deixádeos estar”. Por incrible que pareza, aqueles líderes fanlle caso e liberan os apóstolos. E que fan estes homes fieis? Seguen adiante con valor, sen deixar “de ensinar e de anuncia-la Boa Nova de que Xesús é o Mesías” (Feit. 5:17-21, 27-42; Pr. 21:1, 30).

3, 4. a) Que método usa Satanás dende hai moito tempo para atacar o pobo de Deus? b) De que falaremos neste capítulo e nos dous seguintes?

3 Aquel xuízo do ano 33 foi o primeiro caso de oposición oficial á congregación cristiá, pero non sería o último (Feit. 4:5-8; 16:20; 17:6, 7). Hoxe, Satanás segue a manipular os inimigos da adoración pura para que se prohiba oficialmente a predicación. Con ese fin, presentáronse unha serie de acusacións contra o pobo de Deus. Unha delas é que alteramos a orde pública, é dicir, que somos alborotadores. Tamén nos acusaron de ser sediciosos e de ser vendedores ambulantes. Pero cando se considerou oportuno, acudimos ós tribunais para demostrar a falsidade destas acusacións. Cales foron os resultados? Como nos afectan a cada un de nós as decisións tomadas polos tribunais décadas atrás? Analicemos algúns exemplos para ver como contribuíron estes casos “a defender e a afiunza-lo Evanxeo” (Flp. 1:7).

4 Neste capítulo, falaremos de como defendemos no pasado o noso dereito a desfrutar de liberdade para predicar. E nos dous seguintes, veremos algunhas batallas legais que emprendemos na nosa loita por manternos separados do mundo e vivir segundo as normas do Reino.

Alborotadores, ou defensores leais do Reino de Deus?

5. A finais da década de 1930, por que arrestaban ós predicadores do Reino, e que decidiron facer os irmáns encargados da organización?

5 A finais da década de 1930, por todas partes nos Estados Unidos, tanto as autoridades municipais como as estatais intentaron obrigar as testemuñas de Xehová a obter algún tipo de licenza ou permiso legal para levar a cabo a obra de predicar. Pero os nosos irmáns non solicitaron nada, xa que unha licenza pode revocarse. Ademais, estaban convencidos de que ningún goberno ten autoridade para anular o mandato que Xesús lles deu ós cristiáns de predicar a mensaxe do Reino (Mc. 13:10). En consecuencia, centos de proclamadores do Reino foron detidos. Os irmáns encargados da organización decidiron acudir ós tribunais. A intención era demostrar que o Estado impuxera restricións inconstitucionais ó dereito das testemuñas de Xehová ó libre exercicio da súa relixión. Entón, en 1938, sucedeu algo que levou a un xuízo histórico. Que foi o que pasou?

6, 7. Que lle pasou á familia Cantwell?

6 A mañá do martes 26 de abril de 1938, unha familia de pioneiros especiais —Newton Cantwell, de 60 anos, a súa muller Esther, e os seus fillos Henry, Russell e Jesse— saíron predicar todo o día na cidade de New Haven, Connecticut. En realidade, estaban preparados para pasar máis dun día fóra. Por que? Xa os detiveran en varias ocasións, así que sabían que podía pasar outra vez. Pero isto non lles quitou as ganas de predicar. Chegaron a New Haven en dous automóbiles. Newton, o pai, levaba o coche da familia cargado con publicacións bíblicas e gramófonos portátiles, mentres que Henry, de 22 anos, levaba o equipo de son noutro vehículo. Tal como esperaban, unhas horas máis tarde apareceu a policía e obrigounos a parar.

7 Primeiro detiveron a Russell, de 18 anos, despois a Newton e a Esther. Jesse, que tiña 16 anos, viu dende lonxe como a policía levaba os seus pais e o seu irmán. Como Henry estaba predicando noutra parte da cidade, Jesse quedou só. A pesar diso, colleu o seu gramófono e seguiu predicando. Dous homes católicos permitíronlle reproducir o discurso do irmán Rutherford titulado “Inimigos”, pero, ó escoitalo, enfadáronse tanto que quixeron golpealo. Sen perder a calma, Jesse marchou. Pouco despois detívoo un policía, así que tamén acabou baixo custodia. A policía non presentou cargos contra a irmá Cantwell, pero si contra o seu home e os seus fillos. Con todo, puideron saír baixo fianza ese mesmo día.

8. Por que o tribunal declarou culpable a Jesse Cantwell de ser un alborotador?

8 Uns meses despois, en setembro de 1938, os Cantwell compareceron ante o tribunal de primeira instancia de New Haven. Newton, Russell e Jesse foron declarados culpables de pedir doazóns sen licenza. Ademais, e a pesar das apelacións presentadas ante o Tribunal Supremo de Connecticut, condenaron a Jesse por alterar a orde pública, por ser un alborotador. Por que? Porque os dous homes católicos que oíran a gravación dixeron ante o tribunal que se sentiran provocados, xa que aquel discurso ofendía a súa relixión. Os irmáns encargados decidiron apelar ó Tribunal Supremo dos Estados Unidos, a máxima autoridade xurídica do país.

9, 10. a) Que sentenza emitiu o Tribunal Supremo dos Estados Unidos no caso da familia Cantwell? b) Como nos segue beneficiando aquela sentenza?

9 A partir do 29 de marzo de 1940, o presidente do Supremo, Charles Evans Hughes, e os outros oito maxistrados que o formaban, escoitaron os argumentos presentados polo irmán Hayden Covington, avogado das testemuñas de Xehová. * Cando o fiscal do estado de Connecticut presentou os seus argumentos tratando de demostrar que as testemuñas de Xehová eran alborotadoras, un dos xuíces preguntoulle: “Non é certo que a mensaxe que proclamou Cristo Xesús foi impopular no seu día?”. O fiscal respondeu: “Foi. E se recordo ben, a Biblia tamén fala do que lle ocorreu a Xesús por proclamar esa mensaxe”. Que palabras tan reveladoras! Sen darse conta, o fiscal relacionou as testemuñas de Xehová con Xesús, e o Estado cos seus verdugos. O 20 de maio de 1940, o Tribunal Supremo emitiu sentenza de forma unánime a favor das testemuñas de Xehová.

Hayden Covington (diante, no centro), Glen How (esquerda) e outros irmáns saíndo dun tribunal despois dunha vitoria legal

10 Que transcendencia tivo a decisión do tribunal? Ampliou a protección do dereito que toda persoa ten ó libre exercicio da súa relixión, de xeito que ningunha autoridade federal, estatal ou municipal puidese limitar a liberdade de culto amparada pola lei. Ademais, o tribunal non encontrou na conduta de Jesse “ningunha [...] ameaza á orde e paz públicas”. Por conseguinte, a decisión estableceu claramente que as testemuñas de Xehová non alteran a orde pública. Esta foi unha vitoria legal decisiva para os servos de Deus! Pero, como nos segue beneficiando isto na actualidade? Un avogado que é testemuña de Xehová explica: “O dereito a practicar a nosa relixión con liberdade, sen medo a restricións inxustas, permítenos hoxe levar unha mensaxe de esperanza á xente das comunidades nas que vivimos”.

Sediciosos, ou predicadores da verdade?

A folliña que se distribuíu no Canadá

11. Que campaña emprenderon os irmáns do Canadá, e por que?

11 Durante a década de 1940, as testemuñas de Xehová do Canadá sufriron cruel oposición. Por iso, en 1946, os nosos irmáns canadenses emprenderon unha campaña coa intención de facer público o desprezo do Estado ó dereito á liberdade de culto. Durante dezaseis días, distribuíron a folliña titulada Quebec’s Burning Hate for God and Christ and Freedom Is the Shame of All Canada (O odio ardente do Quebec a Deus, a Cristo e á liberdade é a vergoña de todo O Canadá). Esta folliña de catro páxinas expoñía en detalle os disturbios instigados polo clero, a brutalidade policial e a violencia de turbas contra as testemuñas de Xehová da provincia do Quebec. “As detencións ilegais das testemuñas de Xehová continúan —dicía a folliña—. Hai unhas 800 causas xudiciais pendentes contra as testemuñas de Xehová no Gran Montreal”.

12. a) Como reaccionaron os opositores á campaña coa folliña? b) De que acusaron os irmáns? (Ver tamén a nota).

12 O primeiro ministro do Quebec, Maurice Duplessis, xunto co cardeal católico Villeneuve, reaccionaron á folliña declarando unha “guerra sen cuartel” contra as testemuñas de Xehová. Rapidamente, a cantidade de causas xudiciais duplicouse e pasou de oitocentas a mil seiscentas. “A policía arrestounos tantas veces que perdemos a conta”, recorda unha pioneira. Ás testemuñas de Xehová que sorprendían repartindo a folliña acusábanas de “libelo sedicioso”, é dicir, de difundir calumnias que incitaban á rebelión. *

13. Quen foron as primeiras testemuñas xulgadas por sedición, e que decisión tomou o tribunal?

13 En 1947, o irmán Aimé Boucher e a súas fillas, Gisèle, de 18 anos, e Lucille, de 11, foron as primeiras testemuñas de Xehová ás que xulgaron por sedición. Estiveran repartindo as folliñas cerca da súa casa, nos outeiros do sur da cidade do Quebec. O certo é que era difícil imaxinalos como alborotadores descontrolados. O pai era un home humilde e tranquilo que atendía a súa pequena granxa e, de vez en cando, viaxaba á cidade nun pequeno carro tirado por cabalos. Aínda así, a súa familia soportara algúns dos abusos que mencionaba a folliña. O xuíz de primeira instancia, que odiaba as testemuñas de Xehová, negouse a admitir as probas que demostraban a inocencia dos Boucher. Pola contra, si aceptou a afirmación do fiscal de que a folliña incitaba ó odio e de que os Boucher debían ser declarados culpables. Así que, segundo a opinión daquel xuíz, dicir a verdade era un delito! Aimé e Gisèle foron condenados por sedición, e incluso a pequena Lucille pasou dous días no cárcere. Os irmáns apelaron ó Tribunal Supremo do Canadá, a máxima autoridade xurídica do país, e este aceptou o caso.

14. Como reaccionaron os irmáns do Quebec durante os anos de persecución?

14 Mentres tanto, a pesar dos continuos e violentos ataques, os nosos valentes irmáns do Quebec seguiron proclamando a mensaxe do Reino e, a miúdo, con sorprendentes resultados. Durante os catro anos que seguiron á distribución da folliña en 1946, a cantidade de testemuñas de Xehová no Quebec aumentou de 300 a 1000! *

15, 16. a) Que sentenza emitiu o Tribunal Supremo do Canadá no caso da familia Boucher? b) Que significou esta vitoria para os nosos irmáns e para outras persoas?

15 En xuño de 1950, os nove xuíces que formaban o Tribunal Supremo do Canadá trataron o caso de Aimé Boucher. Seis meses máis tarde, o 18 de decembro de 1950, emitiron sentenza ó noso favor. Por que? O irmán Glen How, avogado das testemuñas de Xehová, explicou que o tribunal concordou co argumento da defensa: a “sedición” implica incitar á violencia ou á rebelión contra o goberno. Pero a folliña en cuestión “non contiña ningún destes elementos, polo que constituía un instrumento lícito de liberdade de expresión”. Despois o irmán engadiu: “Puiden ver cos meus propios ollos como Xehová concedeu a vitoria”. *

16 A decisión do Tribunal Supremo supuxo unha rotunda vitoria para o Reino de Deus, xa que os outros 122 xuízos por sedición pendentes contra as testemuñas de Xehová do Quebec quedaron sen fundamento. Ademais, significou que os cidadáns do Canadá e do resto dos países da Mancomunidade Británica de Nacións (Commonwealth) agora terían verdadeira liberdade para expresar a súas inquietudes sobre a actuación do goberno. Aínda máis, acabou cos ataques da Igrexa e do goberno do Quebec contra as liberdades das testemuñas de Xehová. *

Vendedores ambulantes ou entusiastas proclamadores do Reino de Deus?

17. Como intentan algúns gobernos controlar a nosa predicación?

17 Ó igual que os primeiros cristiáns, os servos de Xehová da actualidade “non somos vendedores ambulantes da palabra de Deus” (le 2 Corintios 2:17, TNM). Aínda así, algúns gobernos tratan de controlar a nosa obra mediante leis comerciais. Vexamos dúas causas xudiciais nas que se tratou a cuestión de se as testemuñas de Xehová somos vendedores ambulantes ou ministros relixiosos.

18, 19. Que medida tomaron as autoridades de Dinamarca para frear a predicación?

18 Dinamarca. O 1 de outubro de 1932 entrou en vigor unha lei que prohibía a venda ambulante sen licenza de publicacións impresas. Claro está, os nosos irmáns non solicitaron ningunha licenza. Ó día seguinte, cinco publicadores estiveron predicando en Roskilde, a uns 30 quilómetros ó oeste da capital, Copenhague. Ó final do día faltaba un deles. Arrestaran a August Lehmann por vender sen licenza.

19 O 19 de decembro de 1932, August Lehmann compareceu ante o tribunal. Declarou que visitara a xente para ofrecerlles publicacións bíblicas, pero negou ser un vendedor ambulante. O tribunal de primeira instancia estivo de acordo con el, así que fixo a seguinte declaración: “O acusado [...] é capaz de gañarse a vida e non percibiu ningún beneficio económico nin tiña intención algunha de recibilo; máis ben, as súas actividades causáronlle perdas”. O tribunal emitiu sentenza a favor das testemuñas de Xehová e ditaminou que as actividades do irmán Lehmann non podían “cualificarse de comerciais”. Pero os adversarios do pobo de Deus estaban resoltos a frear a predicación en todo o país (Sal. 94:20). O fiscal xeral apelou ata chegar ó Tribunal Supremo da nación. Como reaccionaron os irmáns?

20. Que decisión tomou o Tribunal Supremo de Dinamarca, e como reaccionaron os nosos irmáns?

20 Na semana da audiencia ante o Tribunal Supremo, tódalas testemuñas de Xehová de Dinamarca intensificaron a súa predicación. O martes 3 de outubro de 1933, o Tribunal Supremo anunciou a súa decisión: estaba de acordo co tribunal inferior en que August Lehmann non quebrantara as leis. Así que as testemuñas de Xehová podían continuar predicando libremente. Para expresar a súa gratitude a Xehová por esta vitoria legal, aumentaron aínda máis a súa actividade. A partir daquela decisión do tribunal, os nosos irmáns de Dinamarca puideron levar a cabo a obra de predicar sen a intromisión do goberno.

Valentes testemuñas de Xehová de Dinamarca na década de 1930

21, 22. Que sentenza emitiu o Tribunal Supremo dos Estados Unidos no caso do irmán Murdock?

21 Os Estados Unidos. O domingo 25 de febreiro de 1940, o pioneiro Robert Murdock, Jr. e outras sete testemuñas de Xehová foron detidas mentres predicaban na cidade de Jeannette, cerca de Pittsburg, no estado de Pensilvania. Declaráronos culpables de non pagar unha licenza para distribuír publicacións. Apelouse ante o Tribunal Supremo dos Estados Unidos e este aceptou o caso.

22 O 3 de maio de 1943, o Tribunal Supremo anunciou a súa decisión favorable ás testemuñas de Xehová. Nela, obxectou ó requisito de obter unha licenza, pois isto obrigaba “a pagar por un dereito protexido pola Constitución Federal”. Ademais, anulou a lei municipal porque constituía “unha limitación á liberdade de prensa e unha restrición ó libre exercicio da relixión”. Ó comunicar a opinión maioritaria do tribunal, o maxistrado William O. Douglas declarou que a actividade das testemuñas de Xehová “é algo máis que predicar; é algo máis que distribuír publicacións relixiosas. É unha combinación das dúas cousas”. E engadiu: “Esta forma de actividade relixiosa merece [...] a mesma elevada consideración que se outorga ó culto nas igrexas e á predicación dende o púlpito”.

23. Por que son importantes as vitorias legais que conseguimos en 1943?

23 Esta decisión do Tribunal Supremo constituíu unha enorme vitoria legal para o pobo de Deus. Confirmou o que realmente somos: ministros cristiáns, non vendedores. Ese memorable día de 1943, as testemuñas de Xehová gañaron doce dos trece casos que se xulgaban no Tribunal Supremo, incluído o caso Murdock. Estas sentenzas serviron de poderoso precedente nalgúns xuízos máis recentes, cando os nosos inimigos cuestionaron de novo o dereito que temos de predicar a mensaxe do Reino publicamente e de casa en casa.

“Cómpre obedecer a Deus antes cós homes”

24. Como reaccionamos cando un goberno prohibe o noso labor de predicar?

24 Os servos de Xehová agradecemos profundamente que os gobernos nos concedan o dereito legal de predicar con liberdade a mensaxe do Reino. Non obstante, cando se prohibe a nosa obra, simplemente adaptamos os nosos métodos e seguimos adiante da mellor maneira posible. Ó igual que os apóstolos, nos tamén queremos “obedecer a Deus antes cós homes” (Feit. 5:29; Mt. 28:19, 20). Ó mesmo tempo, apelamos ós tribunais para que se levante a prohibición das nosas actividades. Vexamos dous exemplos.

25, 26. Que sucesos levaron a un litixio ante a Corte Suprema de Xustiza de Nicaragua, e cal foi o resultado?

25 Nicaragua. O 19 de novembro de 1952, Donovan Munsterman, misioneiro e servo de sucursal, acudiu ó Departamento de Inmigración na capital, Managua. Ordenáraselle presentarse ante o capitán Arnoldo García, xefe do departamento. O capitán comunicoulle a Donovan que as testemuñas de Xehová tiñan “prohibido continuar predicando as súas doutrinas e promovendo as súas actividades relixiosas”. Cando se lle preguntou a razón, o capitán dixo que as testemuñas de Xehová non tiñan permiso do ministro de Goberno e Relixións para efectuar o seu labor e, ademais, estaban acusadas de ser comunistas. Quen facía esas acusacións? O clero católico.

Irmáns de Nicaragua durante a proscrición

26 O irmán Munsterman apelou inmediatamente ó Ministerio de Goberno e Relixións, así como ó presidente Anastasio Somoza García, pero sen éxito. Así que os irmáns cambiaron o método: cerraron o Salón do Reino, reuníronse en grupos pequenos e deixaron de predicar nas rúas. Non obstante, seguiron proclamando a mensaxe do Reino. Tamén presentaron un recurso de amparo ante a Corte Suprema de Xustiza de Nicaragua no que solicitaban anular a prohibición. Os periódicos déronlle moita difusión á proscrición e ó contido do recurso de amparo. A Corte Suprema aceptou ver o caso. Con que resultado? O 19 de xuño de 1953, a Corte Suprema fixo pública a súa decisión unánime a favor das testemuñas de Xehová. Resolveu que a proscrición violaba as garantías constitucionais que permitían a liberdade de expresión, de conciencia e a difusión das crenzas. Ademais, ordenou restaurar as relacións entre o goberno de Nicaragua e as testemuñas de Xehová.

27. Por que lle sorprendeu á xente de Nicaragua a decisión da Corte Suprema, e como viron os nosos irmáns esa vitoria?

27 Os nicaraguanos quedaron sorprendidos de que a Corte Suprema se puxese do lado das testemuñas de Xehová. Ata aquel momento, a influencia do clero fora tan poderosa que a Corte evitaba calquera conflito con el. Ademais, a influencia dos funcionarios do goberno era tan grande que a Corte rara vez ía en contra das súas decisións. Os nosos irmáns estaban seguros de que esta vitoria se debía á protección do seu Rei e a que non deixaran de predicar (Feit. 1:8).

28, 29. Como cambiou a situación no Zaire a mediados da década de 1980?

28 Zaire. A mediados da década de 1980 había unhas 35.000 testemuñas de Xehová no Zaire, a actual República Democrática do Congo. Para manterse ó paso co constante aumento das actividades do Reino, a Sucursal estaba construíndo novos edificios. En decembro de 1985 celebrouse un congreso internacional no estadio da capital, Kinshasa, que se encheu con 32.000 asistentes. Moitos deles eran delegados que viñan de diferentes partes do mundo. Pero, a partir de aí, a situación dos servos de Xehová comezou a cambiar. Que foi o que pasou?

29 O irmán Marcel Filteau, un misioneiro do Quebec (O Canadá) que sufrira persecución baixo o réxime de Duplessis, servía no Zaire naquela época. El explica o que sucedeu: “O 12 de marzo de 1986 os irmáns responsables da obra recibiron unha carta que declaraba ilegal a asociación das Testemuñas de Xehová do Zaire”. A proscrición estaba firmada polo presidente do país, Mobutu Sese Seko.

30. Que seria decisión tiña que tomar o Comité de Sucursal, e que decidiu facer?

30 Ó día seguinte, a radio nacional anunciou: “Xamais volveremos oír falar das testemuñas de Xehová no [Zaire]”. A persecución comezou de inmediato. Destruíronse os salóns do Reino e ós nosos irmáns roubáronlles, arrestáronos, botáronos no cárcere e golpeáronos. Ata meteron en prisión a nenos que eran testemuñas de Xehová. O 12 de outubro de 1988, o goberno apropiouse dos bens da organización e a Garda Civil, unha unidade militar, ocupou a propiedade da Sucursal. Os irmáns que dirixían a obra apelaron ante o presidente Mobutu, pero non recibiron resposta. Chegado ese punto, o Comité de Sucursal tivo que tomar esta seria decisión: apelar ante o Tribunal Supremo ou esperar. Timothy Holmes, un misioneiro que nese tempo servía de coordinador do Comité de Sucursal, recorda: “Pedímoslle a Xehová sabedoría e dirección”. Despois de analizar o asunto baixo oración, os irmáns do Comité concluíron que non era o mellor momento para emprender unha acción legal. En vez diso, centráronse en coidar dos irmáns e en buscar maneiras de seguir predicando.

“Durante o tempo que durou este litixio, vimos como Xehová pode facer que unha situación cambie”

31, 32. Que sentenza emitiu o Tribunal Supremo do Zaire, e que efecto tivo nos irmáns?

31 Uns anos despois, a presión sobre as testemuñas de Xehová diminuíu e o respecto polos dereitos humanos aumentou no país. O Comité de Sucursal chegou á conclusión de que agora si que era o momento de apelar ante o Tribunal Supremo de Xustiza do Zaire. Sorprendentemente, o Tribunal admitiu o caso. Entón, o 8 de xaneiro de 1993, case sete anos despois de impoñerse a proscrición por decreto presidencial, o tribunal declarou ilícita a actuación do goberno contra as Testemuñas de Xehová, polo que se anulou a proscrición. Pensa no que significaba iso. Poñendo en risco a súa propia vida, os xuíces anularan unha decisión do presidente do país! O irmán Holmes explica: “Durante o tempo que durou este litixio, vimos como Xehová pode facer que unha situación cambie” (Dn. 2:21). Esta vitoria fortaleceu a fe dos nosos irmáns, pois puideron ver como o seu Rei, Xesucristo, os dirixira e lles indicara como e cando actuar.

As testemuñas de Xehová da República Democrática do Congo alégranse de ter liberdade para adorar a Deus

32 Unha vez eliminada a proscrición, a Sucursal puido tramitar a entrada de misioneiros, construír novas instalacións e importar publicacións bíblicas. * Que alegría é para os servos de Xehová de todo o mundo ver como Xehová protexe o benestar espiritual do seu pobo! (Is. 52:10).

“Teño no Señor o meu abeiro”

33. Que aprendemos deste breve repaso dalgunhas batallas legais?

33 Este repaso dalgunhas batallas legais demostra que Xesús foi fiel á súa promesa cando dixo: “Eu vos darei unha elocuencia e mais unha sabedoría que non poderán resistir nin replica-los vosos adversarios” (le Lucas 21:12-15). Está claro que, en ocasións, Xehová usou homes como Gamaliel para protexer o seu pobo e motivou xuíces e avogados valentes para que defendesen a xustiza. Deste xeito, Xehová inutilizou as armas dos nosos inimigos (le Isaías 54:17). A oposición non pode deter a obra de Deus.

34. Por que son tan importantes as nosas vitorias legais, e que demostran? (Ver tamén o recadro  “Os tribunais supremos favorecen a predicación do Reino”).

34 Por que son tan importantes as nosas vitorias legais? Pensa nisto: as testemuñas de Xehová non somos persoas importantes ou influentes. Non votamos, non apoiamos campañas políticas nin tratamos de influír nos políticos. Máis ben, nos tribunais adoitan vernos como “xente do pobo e homes sen cultura” (Feit. 4:13). Así que, dende o punto de vista humano, os tribunais non terían moitas razóns para ir en contra dos nosos poderosos inimigos, relixiosos ou políticos, e axudarnos. Aínda así, pronunciáronse ó noso favor en moitas ocasións. As nosas vitorias legais son unha proba de que andamos “coma quen é de Deus e fala diante de Deus, en Cristo” (2 Cor. 2:17). Por esta razón, igual que o apóstolo Paulo, afirmamos: “Teño no Señor o meu abeiro: por iso non teño medo” (Heb. 13:6).

^ O caso Cantwell contra o estado de Connecticut, foi o primeiro de 43 casos nos que o irmán Hayden Covington defendeu os nosos irmáns ante o Tribunal Supremo dos Estados Unidos. O irmán Covington faleceu en 1978. A súa viúva, Dorothy, serviu fielmente a Xehová ata que tamén faleceu no ano 2015, á idade de 92 anos.

^ A acusación baseábase nunha lei de 1606 que permitía condenar unha persoa cando se consideraba que o que dixera incitaba ó odio, aínda que o que dixese fose certo.

^ En 1950 servían no Quebec 164 ministros de tempo completo, entre eles 63 graduados de Galaad que aceptaran de boa gana a súa asignación a pesar da violenta oposición que lles esperaba.

^ O irmán W. Glen How foi un avogado valente que, de 1943 a 2003, defendeu habilmente as testemuñas de Xehová do Canadá e doutros países en centos de litixios.

^ Encontrarás máis detalles sobre este caso no artigo “La batalla no es de ustedes, sino de Dios” da revista ¡Despertad! do 22 de abril de 2000, páxinas 18 a 24.

^ Co tempo, a Garda Civil desocupou a propiedade da Sucursal. Non obstante, construíuse unha nova noutro lugar.