Éxodo 20:1-26

20  O Señor pronunciou estas palabras:  —“Eu son o Señor, o teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de escravitude.  Non terás xunto comigo outros deuses.  Non farás para ti imaxes nin figura ningunha do que hai enriba no ceo, nin abaixo na terra, nin nas augas de debaixo da terra.  Non te postrarás diante delas nin as adorarás, pois eu, o Señor teu Deus, son un Deus celoso. No caso dos que me aborrecen, eu castigo os pecados dos pais nos fillos, nos netos e nos bisnetos.  Pero no caso dos que me aman e gardan os meus preceptos, eu mostro misericordia por tódalas xeracións.  Non pronunciarás en van o nome do Señor o teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo ó que pronuncia en van o seu nome.  Pensa no día do sábado, para o faceres día santo.  Traballarás seis días na semana, e neles fara-la túa tarefa. 10  Pero o día sétimo é sábado, adicado ó Señor o teu Deus. Nel non farás traballo ningún, nin ti, nin o teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa serva, nin o teu gando, nin o forasteiro que habite nas túas cidades. 11  Porque o Señor fixo en seis días o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles, e no sétimo día descansou. Por iso mesmo bendiciu o Señor o día do sábado e declarouno día santo. 12  Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor teu Deus che dá. 13  Non matarás. 14  Non cometerás adulterio. 15  Non roubarás. 16  Non darás un testemuño falso contra o teu próximo. 17  Non cobizara-la casa do teu próximo: nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa escrava, nin o seu boi, nin o seu xumento, nin nada de canto é seu”. 18  O pobo enteiro percibía os tronos, os lóstregos, o soar da trompeta e o fumegar do monte. Á vista diso tremía e mantíñase lonxe. 19  Dicíanlle a Moisés: —“Fálanos ti, e escoitaremos; pero que non nos fale Deus, non sexa que morramos”. 20  Moisés respondeulles: —“Non teñades medo. Deus vén para probarvos e para que teñades á vista o seu temor e non pequedes”. 21  O pobo quedou lonxe, e Moisés aproximouse á nube mesta, onde estaba Deus. 22  O Señor díxolle a Moisés: —“Fálalles ós israelitas: Vós mesmos puidestes ver como vos dirixín a palabra desde o ceo. 23  Non faredes deuses de prata para poñelos ó meu lado, nin vos fabricaredes deuses de ouro. 24  Faime un altar de terra e ofréceme sobre el os holocaustos e os sacrificios de comunión, as túas ovellas e as túas vacas. En calquera sitio onde eu faga o meu nome memorable, virei onda ti e bendicireite. 25  Se me fas un altar de pedra, non o fagas de pedra labrada, pois ó pica-la pedra co punteiro, lixaríala. 26  Non subas ó meu altar por escaleiras, para non mostrares desde elas as túas partes.

Notas ó pé