Éxodo 22:1-31
22 (21:37) Se alguén rouba un boi ou unha ovella e os mata ou os vende, pagará cinco bois por un e catro ovellas por unha.
2 (22:1) Se un ladrón é sorprendido furando unha parede e niso o firen e morre, non terá vinganza do sangue.
3 (22:2) Se o sol xa saíra, o ladrón será vingado, pero pagará polo furto; se non ten con que pagar, será vendido.
4 (22:3) Se o boi, o xumento ou a ovella que roubou se atopan no seu poder aínda vivos, terá que paga-lo dobre.
5 (22:4) Cando alguén asoballe un eido ou unha viña, deixando pacer no eido alleo o seu rabaño, pagará o dano co mellor do seu eido e da súa viña.
6 (22:5) Se se escapa o lume e pega nas silveiras e queima as medas do trigo, os palleiros ou as leiras, o que acendeu o lume pagará o queimado.
7 (22:6) Cando alguén poña en depósito diñeiro ou alfaias onda outro e rouben os bens da casa deste, se aparece o ladrón, este pagará o dobre.
8 (22:7) Se o ladrón non aparece, o dono da casa comparecerá na presencia de Deus, para xurar que non tocou os bens do próximo.
9 (22:8) En caso de prexuízo na propiedade dun boi, dun xumento, dunha ovella, de roupa e de calquera cousa que falte e da que un poida dicir: é esta, levarase o caso dos dous á presencia de Deus, e aquel que Deus declare culpado pagará o dobre ó seu próximo.
10 (22:9) Cando alguén lle encargue ó seu veciño a garda dun xumento, dun boi, dunha ovella ou de calquera outro animal e ese animal morre, creba un óso ou é roubado, sen que ninguén o vexa,
11 (22:10) o segundo xurará polo Señor ó primeiro que non tocou os seus bens. Este terá que conformarse, pois non haberá compensación.
12 (22:11) Pero se lle roubaron o animal á súa vista, terá que restituírllo ó seu dono.
13 (22:12) Se o animal foi despedazado, presentará unha proba e non terá que pagalo.
14 (22:13) Cando alguén lle pida a un veciño un animal prestado, se o animal morre ou rompe un óso, estando ausente o seu dono, aquel terá que pagarllo.
15 (22:14) Se o dono estaba presente, non terá que pagarllo. Se o animal era alugado, entra no aluguer.
16 (22:15) Se un home engaiola unha rapaza solteira e se deita con ela, deberá paga-lo seu dote e tomala por muller.
17 (22:16) Se o pai dela se nega a darlla, o home pagará unha cantidade de diñeiro igual ó dote polas doncelas.
18 (22:17) Non deixarás con vida ás feiticeiras.
19 (22:18) O que se axunte cun animal será reo de morte.
20 (22:19) O que ofreza sacrificios a outros deuses, fóra do Señor, será condenado.
21 (22:20) Non aflixirás nin asoballara-los forasteiros, pois forasteiros fostes vós en terras de Exipto.
22 (22:21) Non oprimira-las viúvas nin os orfos.
23 (22:22) Se de feito os oprimes, e eles se queixan a min, eu escoitarei certamente a súa queixa.
24 (22:23) O meu noxo acenderase e fareivos morrer a espada. As vosas mulleres quedarán viúvas e os vosos fillos orfos.
25 (22:24) Se lle emprestas diñeiro a un do meu pobo, ó pobre que vive onda ti, non te portarás coma un usureiro, cobrándolle intereses.
26 (22:25) Se tomas en peñor o manto do teu próximo, antes de poñerse o sol devolverasllo,
27 (22:26) pois é o vestido que ten para cubri-lo seu corpo. ¿Con que, se non, se taparía ó deitarse? Se se queixa a min, escoitareino, porque eu son misericordioso.
28 (22:27) Non blasfemes de Deus nin maldíga-lo xefe do teu pobo.
29 (22:28) Non te descoides na oferta da colleita e da vendima.
Dáme os teus fillos primoxénitos.
30 (22:29) E o mesmo farás cos dos teus gandos e cos dos teus rabaños. Deixarás sete días a cría coa súa nai e no oitavo entregarasma.
31 (22:30) Seredes persoas santas para min. Non comeredes carne de animais espedazados: botarédesllela ós cans.