Éxodo 26:1-37
26 O tabernáculo faralo con dez lenzos de liño fino torcido, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, con querubíns bordados.
2 Cada lenzo terá vinteoito cóbados de longo por catro de ancho. O mesmo medirán tódolos lenzos.
3 Os lenzos empalmarán uns cos outros, en dúas series de cinco cada unha.
4 Farás unhas presillas de púrpura violácea, na beira do lenzo extremo de cada unha das dúas series.
5 Cincuenta presillas irán na beira dunha serie e cincuenta na da outra, postas de xeito que caian enfronte unhas das outras.
6 Farás tamén cincuenta broches de ouro e axuntara-los lenzos con eles, de xeito que o tabernáculo figure un conxunto.
7 Tecerás despois once lenzos de pelo de cabra, para que lle fagan de Tenda ó tabernáculo.
8 A lonxitude do lenzo será de trinta cóbados e o ancho de catro. Esta será a medida para tódolos lenzos.
9 Empalmarás cinco lenzos nunha serie e seis noutra, de xeito que o sexto lenzo caia fronte á porta.
10 Porás cincuenta presillas nas beiras de cada unha das dúas series de lenzos empalmados.
11 Fundirás cincuenta broches de bronce, meteralos nas presillas, e así quedará composta a Tenda nunha peza.
12 En canto ó que sobrare dos lenzos da Tenda, a metade dun deles colgará por detrás do tabernáculo,
13 e o cóbado sobrante polos lados colgará polos dous lados do tabernáculo e taparao.
14 Farás aínda para o tabernáculo unha cuberta de peles curtidas de carneiro, e por enriba dela outra cuberta de peles de teixugo.
15 As táboas do tabernáculo faralas de madeira de acacia.
16 A longura dunha táboa será de dez cóbados e o ancho de un e medio.
17 Cada táboa rematará en dous cantís, para machear unhas nas outras. E o mesmo tódalas táboas.
18 Unha vez feitas as táboas para o tabernáculo, porás vinte do lado que mira cara ó sur.
19 Farás corenta basas de prata e poralas, dúas a dúas, debaixo das vinte táboas, unha por cada cantil.
20 Polo outro lado do tabernáculo, ó norte, porás outras vinte táboas,
21 coas correspondentes corenta basas de prata, dúas debaixo de cada táboa.
22 Polo lado posterior do tabernáculo, ó ocaso, colocarás seis táboas,
23 con dúas máis para os dous cantos.
24 Estas encaixarán de abaixo para arriba; as dúas táboas farán os dous cantos.
25 Serán, pois, oito táboas, con dezaseis basas de prata, dúas por cada táboa.
26 Farás tamén traveseiros de madeira de acacia, cinco para cruza-las táboas dun lado do tabernáculo,
27 cinco para as do outro e cinco para as do ocaso.
28 O traveseiro que pasará polo medio das táboas irá dun cabo ó outro.
29 Recubrirás de ouro as táboas e os traveseiros, e de ouro serán tamén as argolas, polas que pasarán os traveseiros.
30 Construira-lo tabernáculo conforme o modelo que eu che mostrei na montaña.
31 Farás un veo de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido, con querubíns bordados.
32 Penduraralo de catro columnas de madeira de acacia, recubertas de ouro, con ganchos de ouro e catro basas de prata.
33 Pendurara-lo veo de cravos. Dentro pora-la arca da alianza. O veo separará o lugar santo do santísimo.
34 Pora-lo propiciatorio encima da arca da alianza, no santísimo.
35 Por fóra do veo, do lado norte, colocara-la mesa; e enfronte da mesa, do lado sur do santuario, o candelabro.
36 Para a entrada da tenda farás unha cortina, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido e bordada.
37 Para a cortina farás cinco columnas de madeira de acacia, recubertas de ouro, con cinco ganchos de ouro; para as columnas fundirás cinco basas de bronce.