Éxodo 3:1-22
3 Moisés pastaba os rabaños de seu sogro Ietró, sacerdote de Madián. Levaba polo deserto os rabaños, e unha vez chegou ata a montaña de Deus, o Horeb.
2 Nunha labarada, no medio dunha silveira, apareceulle o anxo do Señor. Moisés reparou na silveira que ardía e que non se consumía.
3 E dixo para si: “Voume chegar alá, para observar este fenómeno e saber por que non se consome a silveira”.
4 En vendo o Señor que Moisés se achegaba para ver, chamouno desde a silveira: —“¡Moisés! ¡Moisés!”
El respondeu: —“Aquí estou”.
5 Díxolle Deus: —“Non te achegues aquí. Tira as sandalias dos pés, pois o sitio onde estás é terra sagrada”.
6 E engadiu: —“Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob”.
Moisés tapou a cara, polo medo de ver a Deus.
7 O Señor díxolle: —“Teño visto as miserias do meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os seus sufrimentos.
8 Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta terra a unha terra boa e largacía, terra que deita leite e mel, ós lugares dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos perizitas, dos hivitas e dos iebuseos.
9 O pranto dos israelitas chega xa onda min, e tamén teño visto como os oprimen os exipcios.
10 Agora anda. Mándote onda o faraón, para que saques de Exipto ó meu pobo, os fillos de Israel”.
11 Moisés díxolle a Deus: —“¿Quen son eu para ir onda o faraón e para saca-los israelitas de Exipto?”
12 Respondeulle Deus: —“Eu estarei contigo. E este será o sinal de que eu te mando: Cando sáque-lo pobo de Exipto, adoraredes a Deus nesta montaña”.
13 Moisés replicou: —“Xa me estou vendo chegar onda os israelitas e dicíndolles: O Deus de vosos pais mándame onda vós. Mais eles preguntaranme: ¿E cal é o seu nome? ¿Que lles direi eu entón?”
14 Deus respondeulle a Moisés: —“EU SON O QUE SON”. E engadiu: —“Diraslles así ós israelitas: EU SON mándame onda vós”.
15 E mandoulle aínda: —“Diraslles tamén ós israelitas: Iavé, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob mándame onda vós. Ese será o meu nome para sempre. Por el invocaranme tódalas xeracións.
16 Agora vai, xunta os anciáns de Israel e dilles: Iavé, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob, aparecéuseme e díxome: Veño visitarvos, pois xa vin como vos tratan en Exipto.
17 Teño decidido sacarvos da miseria de Exipto e levarvos ó país dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos perizitas, dos hivitas e dos iebuseos, unha terra que deita leite e mel.
18 Eles faranche caso, e ti e mailos anciáns de Israel iredes onda o rei de Exipto e dirédeslle: Iavé, o Deus dos hebreos, veu ó noso encontro e agora temos que facer polo deserto unha viaxe de tres días, para ofrecermos sacrificios a Iavé, o noso Deus.
19 Eu sei que o rei de Exipto non vos deixará saír, se non é forzado por man rexa.
20 Pero eu alongarei a miña man e ferirei a Exipto. Obrarei alí moitos prodixios, e deixaranvos saír.
21 Farei tamén que este pobo encontre o favor dos exipcios. Dese xeito, cando saian, non sairán coas mans baldeiras.
22 As mulleres pediranlles ás súas veciñas e ás súas hospedeiras obxectos de prata e de ouro e roupas para vesti-los vosos fillos e fillas, e así levaredes botín de onda os exipcios”.