Éxodo 31:1-18

31  O Señor díxolle a Moisés:  —“Ves que chamei polo seu nome a Besalel, fillo de Urí, fillo de Hur, da tribo de Xudá,  e que o enchín do espírito de Deus, de sabedoría, de intelixencia e de habilidade para calquera labor:  para concebir proxectos, para labra-lo ouro, a prata e o bronce,  para tallar pedras e engastalas, para tallar madeiras e facer calquera obra.  Ves tamén que lle dei por axudante a Oholiab, fillo de Ahisamac, da tribo de Dan. A tódolos homes capaces deilles habilidade, para que poidan facer todo canto che mandei:  a Tenda do Encontro, a arca da alianza co propiciatorio que está por riba dela, e os utensilios todos da tenda,  a mesa cos seus accesorios, o candelabro de ouro cos seus trebellos, o altar do incenso,  o altar dos holocaustos con tódolos seus utensilios e a pía coa súa base, 10  as vestes sacras do sacerdote Aharón e de seus fillos, cando serven no santuario, 11  o óleo da unción, o incenso recendente para o santuario. Farán todas esas cousas conforme eu che mandei”. 12  O Señor díxolle a Moisés: 13  —“Dilles ós israelitas: Gardaréde-lo meu sábado, porque o sábado é o sinal entre min e vós, dunhas a outras xeracións, polo que coñeceredes que eu son o Señor que vos consagro. 14  Gardaréde-lo sábado, que será día santo para vós. O que o profane será reo de morte; o que traballe nese día será excluído do pobo. 15  Seis días traballarás, pero o sétimo, sábado, é día de lecer, consagrado ó Señor. O que traballe en día de sábado será reo de morte. 16  Os israelitas gardarán o día do sábado, celebrarano polas xeracións, cumprindo un pacto perpetuo. 17  Será sinal duradeiro entre min e os israelitas, pois en seis días fixo o Señor o ceo e a terra, e o sétimo descansou”. 18  Cando o Señor rematou de falar con Moisés no monte Sinaí, entregoulle as dúas táboas da alianza, táboas de pedra escritas polo dedo de Deus.

Notas ó pé