Éxodo 34:1-35

34  O Señor díxolle a Moisés: —“Labra dúas táboas de pedra, o mesmo cás primeiras. Eu escribirei nelas as palabras que había nas que rompiches.  Disponte para mañá. Sube cedo ó monte Sinaí e agárdame alí, no cume da montaña.  Que ninguén suba contigo; que non se vexa unha persoa en todo o monte; que non pazan preto del nin ovellas nin vacas”.  Moisés labrou dúas táboas de pedra, o mesmo cás primeiras. Ergueuse cedo e rubiu ó monte Sinaí, conforme lle mandara o Señor, levando consigo as dúas táboas de pedra.  O Señor baixou na nube e parou alí con el. Moisés pronunciou o nome do Señor.  O Señor pasou diante del proclamando: —“O Señor, o Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade,  que garda o seu amor ata a milésima xeración, que perdoa as culpas, os pecados e os erros, pero non declara inocente ó culpado, e castiga as culpas dos pais ata a terceira e a cuarta xeración”.  Moisés, ó tempo que se postraba polo chan e adoraba,  dixo: —“Se merezo, Señor, o teu favor, pídoche que veñas ti connosco. Este pobo ten cerviz dura, pero ti perdoara-las nosas culpas e pecados e farás de nós a túa herdade”. 10  O Señor respondeulle: —“Eu vou facer convosco unha alianza. Á vista de todo o teu pobo farei marabillas que nunca se fixeron en ningún país nin nación. Todo o pobo que te rodea poderá ve-los feitos do Señor, pois farei por medio de ti cousas marabillosas. 11  Observa o que hoxe che mando. Eu botarei de diante de ti ós amorreos, ós cananeos, ós hititas, ós perizitas, ós hivitas e ós iebuseos. 12  Gárdate de facer pactos cos moradores da terra na que entras, para que logo non teñas contigo unha trapela. 13  Polo contrario, derrubara-los seus altares, crebara-las súas estelas, tronzara-las súas árbores sagradas. 14  Non adorarás deuses alleos, porque o Señor, que leva nome de celoso, éo de verdade. 15  Non concluirás pactos cos moradores do país, non sexa que, despois de se prostituíren cos seus deuses e de lles ofreceren culto, te conviden a comer dos seus sacrificios e ti aceptes. 16  Non tomes de entre as súas fillas mulleres para os teus fillos, non sexa que ó prostituírense elas cos seus deuses, leven á prostitución tamén ós teus fillos. 17  Non te fagas imaxes de deuses. 18  Garda a festa dos Ázimos. Sete días comerás pan sen levedar, como che mandei, pola festa do mes de abib, pois no mes de abib saíches de Exipto. 19  Tódolos primoxénitos son meus; e meus son tamén os primoxénitos machos do teu gando, das ovellas e das vacas. 20  As primeiras crías da xumenta poderalas rescatar por unha ovella; pero, se non as rescatas, deberalas esnucar. Rescatara-los teus fillos primoxénitos. E non viredes onda min coas mans baldeiras. 21  Seis días traballarás e o sétimo descansarás. Descansarás o mesmo na sementeira coma na recolleita. 22  Celebrara-la festa das Semanas, ó comezo da sega do trigo, e a festa da Colleita, á fin do ano. 23  Tres veces no ano presentaranse tódolos varóns diante do Señor, Deus de Israel. 24  Cando eu bote as nacións de diante ti e anchee as túas fronteiras, ninguén cobizará a túa terra, namentres sobes visita-lo Señor o teu Deus, as tres veces no ano. 25  Non ofrecerás pan lévedo co sangue do sacrificio. Do sacrificio da festa da Pascua non deixarás quedar nada para o día seguinte. 26  Levarás á casa do Señor o teu Deus os primeiros froitos da túa terra. Non cocera-lo cabrito no leite de súa nai”. 27  O Señor díxolle a Moisés: —“Pon por escrito estas palabras, pois conforme a elas fago contigo e con Israel esta alianza”. 28  Moisés estivo alí co Señor corenta días e corenta noites. Nelas non comeu pan nin bebeu auga. E escribiu nas táboas as palabras da alianza, os dez mandamentos. 29  Cando Moisés baixou do monte Sinaí, traendo consigo as dúas táboas da alianza, non sabía que lle brillaba a pel da cara, por conversar co Señor. 30  Ó veren que a pel da cara lle brillaba, Aharón e os israelitas tiñan medo de aproximarse a Moisés. 31  Moisés chamou por eles e entón viñeron onda el Aharón e os xefes da comunidade. E Moisés conversou con eles. 32  Despois acercáronse a el tódolos israelitas, e Moisés déulle-las ordes que recibira do Señor no monte Sinaí. 33  Cando acabou de falarlles, tapou a cara cun veo. 34  Sempre que Moisés entraba onda o Señor para falar con El, quitaba o veo, ata que volvía a saír. Cando saía, dáballes ós israelitas as ordes do Señor. 35  Os israelitas podían ver como lle brillaba a pel da cara. Pero Moisés tapábaa co veo, ata que volvía outra vez a falar con Deus.

Notas ó pé