Éxodo 5:1-23
5 Moisés e Aharón presentáronse ó faraón para lle dicir: —“Isto di Iavé, o Deus de Israel: Deixa saí-lo meu pobo, para que celebre a miña festa no deserto”.
2 Respondéulle-lo faraón: —“¿E quen é Iavé, para que eu o obedeza e deixe saír a Israel? Non coñezo a Iavé, e non deixarei saír a Israel”.
3 Eles dixeron: —“O Deus dos hebreos chámanos. Déixanos facer polo deserto unha viaxe de tres días, para ofrecermos un sacrificio a Iavé o noso Deus, e que non nos fira coa peste ou coa espada”.
4 O rei de Exipto respondeulles: —“Moisés e Aharón, ¿por que molestáde-lo pobo no traballo? Ide cumprir co voso labor”.
5 E engadiu: —“Eles son un pobo xa numeroso no país, e agora queredes que deixen o traballo”.
6 Aquel día ordenoulles o faraón ós capataces e ós gardas:
7 —“Non sigades dándolle palla a esa xente que prepara os adobes, como faciades ata agora. Que a busquen eles mesmos.
8 Pero esixirédeslle-la mesma cantidade de adobes que facían ata hoxe, sen rebaixarlles nada, pois son uns lacazáns. Por iso berran, dicindo: Queremos ir ofrecer un sacrificio ó noso Deus.
9 Póndelle a esa xente un traballo máis duro. Que se entreteñan con el e que non lles dean creto a contos mentireiros”.
10 Foron os capataces e os gardas e faláronlle ó pobo: —“Isto di o faraón: Non seguirei provéndovos de palla.
11 Ide vós mesmos buscala onde queira que a haxa. Pero a vosa tarefa non ha minguar en nada”.
12 A xente espallouse por toda a bisbarra, á pescuda de restrollo para a palla dos adobes.
13 Os capataces apremiábanos, dicíndolles: —“Acabade a xeira do día, como cando tiñades palla”.
14 Os capataces do faraón batían nos inspectores israelitas que eles mesmos puxeran á cabeza da xente, e dicíanlles: —“¿Por que non completades agora a cantidade asignada, coma nos días pasados?”
15 Os inspectores israelitas fóronse queixar ó faraón: —“¿Por que tráta-los teus servos deste xeito?
16 Sen nos daren a palla, esíxennos que fagámo-los adobes. Os teus servos levan os paus, cando a culpa é do teu pobo”.
17 O faraón respondeulles: —“Lacazáns é o que vós sodes, lacazáns. Por iso andades dicindo: Queremos ir ofrecer un sacrificio a Iavé.
18 Ide traballar agora mesmo. Non se vos dará a palla; pero vós entregaréde-los adobes que vos tocan”.
19 Os inspectores israelitas víronse nun apreto, cando lles dixeron: —“Non minguará en nada a cantidade de adobes asignada”.
20 E, ó que saíron de ve-lo faraón, foron falar con Moisés e Aharón, que os estaban agardando.
21 Dixéronlles: —“Que o Señor olle o voso feito e que xulgue. Fixéstesnos aborrecer polo faraón e polos seus servidores, e puxésteslles na man a espada para que nos maten”.
22 Moisés volveuse cara ó Señor e rogou: —“Señor, ¿por que aflixes a este pobo? ¿Para que me mandaches?
23 Desde que entrei onda o faraón para falarlle no teu nome, el trata peor ó teu pobo, e ti non fas nada por libralo”.