Éxodo 6:1-30
6 O Señor díxolle a Moisés: —“Agora vera-lo que vou facer co faraón. Forzado por man rexa, deixaravos saír e mesmo vos botará da súa terra”.
2 Deus seguiu dicindo: —“Eu son Iavé.
3 Aparecinme a Abraham, a Isaac e a Xacob co nome de Deus todopoderoso; pero non lles dei a coñece-lo meu nome Iavé.
4 Eu fixen con eles un pacto: dárlle-lo país de Canaán, terra na que viviron coma forasteiros.
5 Estou escoitando as queixas dos israelitas que os exipcios asoballan; teño en conta o meu pacto.
6 Dilles, pois, ós israelitas: Eu, Iavé, tirareivos de debaixo da carga que vos impoñen os exipcios, sacareivos da súa servidume, librareivos con brazo estendido e con grandes escarmentos.
7 Tomareivos coma meu pobo e eu serei o voso Deus. Saberedes que eu son Iavé, o voso Deus, o que vos tirou de debaixo da carga dos exipcios.
8 Levareivos á terra que xurei darlles a Abraham, a Isaac e a Xacob, e daréivola a vós en posesión. Eu, Iavé”.
9 Moisés díxolles ós israelitas todo iso. Pero non lle fixeron caso, polo desfalecemento do espírito baixo a dureza do traballo.
10 O Señor díxolle a Moisés:
11 —“Vai onda o faraón, rei de Exipto, e dille que deixe saí-los israelitas da súa terra”.
12 Moisés respondeulle: —“Se non me fan caso os israelitas, ¿como mo vai facer o faraón, sendo eu tan torpe de palabras?”
13 Pero o Señor seguiu falando con Moisés e Aharón e dándolle-las súas ordes para os israelitas e para o faraón, rei de Exipto, co fin de sacar de alí ós israelitas.
14 Estes foron os xefes dalgunhas familias patriarcais. Fillos de Rubén, primoxénito de Israel: Hanoc, Palú, Hesrón e Carmí. Estes son os clans de Rubén.
15 Fillos de Simeón: Iemuel, Iamín, Ohad, Iaquín, Sohar e Xaúl, o fillo da cananea. Estes son os clans de Simeón.
16 Estes son os nomes dos fillos de Leví, conforme as súas xeracións: Guerxón, Quehat e Merarí. Leví viviu cento trinta e sete anos.
17 Fillos de Guerxón: Libní e Ximí, coas súas familias.
18 Fillos de Quehat: Amram, Ishar, Hebrón e Uziel. Quehat viviu cento trinta e tres anos.
19 Fillos de Merarí: Mahlí e Muxí. Estes son os clans de Leví, conforme as súas xeracións.
20 Amram tomou por muller á súa parente Ioquébed, que lle deu a Aharón e a Moisés. Amram viviu cento trinta e sete anos.
21 Fillos de Ishar: Córah, Néfeg e Zicrí.
22 Fillos de Uziel: Mixael, Elsafán e Sitrí.
23 Aharón tomou por muller a Elixeba, filla de Aminadab e irmá de Nahxón; ela deulle por fillos a Nadab, Abihú, Elazar e Itamar.
24 Fillos de Córah: Asir, Elcanah e Abiasaf. Estes son os clans de Córah.
25 Elazar tomou por muller unha das fillas de Futiel, que lle deu a Pinhás. Estes son os xefes das familias dos levitas, conforme os seus clans.
26 Foi a Aharón e a Moisés ós que lles dixo o Señor: —“Sacade as multitudes dos israelitas de Exipto”;
27 os que falaron ó faraón, rei de Exipto, de deixalos saír de alí. Eses foron Moisés e Aharón.
28 Cando o Señor falou con Moisés en Exipto,
29 díxolle: —“Eu son Iavé. Repítelle ó faraón, rei de Exipto, todo o que eu che digo”.
30 Respondeulle Moisés: —“¿Como me fará caso o faraón, sendo eu tan torpe de palabra?”