Éxodo 7:1-25
7 O Señor díxolle a Moisés: —“Voute pór no lugar de Deus para o faraón, e teu irmán Aharón será o teu profeta.
2 Ti dirás todo o que eu che mando, e teu irmán Aharón diralle ó faraón que deixe saí-los israelitas da súa terra.
3 Eu endurecerei o corazón do faraón, e farei moitos sinais e moitos milagres en Exipto.
4 Ó non darvos creto o faraón, eu porei sobre Exipto a miña man e sacarei as multitudes do pobo de Israel daquela terra con fortes escarmentos.
5 Os exipcios aprenderán que eu son Iavé, cando alongue a miña man contra o Exipto e saque de alí os israelitas”.
6 Moisés e Aharón fixeron exactamente o que lles mandaba o Señor.
7 Moisés tiña oitenta anos e Aharón oitenta e tres, cando falaron co faraón.
8 O Señor díxolles a Moisés e a Aharón:
9 —“Cando o faraón vos diga: Facédeme algún milagre, ti mandarás a Aharón: Colle a vara e bótaa diante do faraón. E converterase en serpe”.
10 Moisés e Aharón entraron onda o faraón e fixeron o que o Señor lles tiña ordenado. Aharón botou a vara diante do faraón, e converteuse en serpe.
11 O faraón mandou chamar ós seus sabios e feiticeiros, e os magos exipcios fixeron iso mesmo cos seus encantamentos.
12 Cada un botou polo chan a súa vara e convertéronse en cobras. Pero a vara de Aharón enguliu as dos magos.
13 O faraón teimou na súa e non lles fixo caso, conforme dixera o Señor.
14 O Señor díxolle a Moisés: —“O faraón ponse duro e non deixa saí-lo pobo.
15 Vai onda el mañá cedo, cando sae para o río. Agárdao á beira do Nilo e leva na man a vara que se trocou en serpe.
16 Diraslle así: Iavé, o Deus dos hebreos, mandoume dicirche isto: Deixa saí-lo meu pobo, para que me ofreza culto no deserto. Ata agora non fixeches caso aínda.
17 Iavé di: Nisto poderás recoñecer que eu son Iavé. Coa vara que levo na man baterei na auga do Nilo e trocarase en sangue.
18 Os peixes morrerán, as augas federán e os exipcios terán noxo de beber auga do río”.
19 O Señor mandou a Moisés que lle dixese a Aharón: —“Colle a túa vara e alonga a man sobre as augas de Exipto: os ríos, os canais, as lagoas e depósitos, e que se troquen todos en sangue. Haberá sangue en todo o Exipto, mesmamente nos recipientes de madeira e de pedra”.
20 Moisés e Aharón fixeron o que o Señor lles mandara. Aharón ergueu a vara, bateu nas augas do río, á vista do faraón e dos seus servidores, e as augas do río trocáronse en sangue.
21 Os peixes morreron, as augas fedían e os exipcios non podían beber auga do Nilo. Por todo o país de Exipto había sangue.
22 Pero os magos de Exipto fixeron tamén iso cos seus encantamentos. O faraón endureceuse e non lles fixo caso, conforme dixera o Señor.
23 Voltou para o seu pazo e non pensou máis naquilo.
24 Os exipcios cavaban pozos nas ribeiras do río, buscando auga que beber, pois a auga do río non servía.
25 Pasados sete días desde que o Señor batera o Nilo,