Libro Primeiro das Crónicas 15:1-29
15 David levantou un pazo na Cidade de David e preparou un lugar para a arca de Deus, alzando para ela unha tenda.
2 Entón ordenou: —“A arca de Deus non debe ser transportada senón polos levitas, porque son os que Iavé escolleu para trasladala e para face-lo seu servicio para sempre endexamais”.
3 Reuniu David a todo Israel en Xerusalén para subi-la arca de Iavé ó lugar que lle tiña disposto.
4 Tamén reuniu ós fillos de Aharón e ós levitas.
5 Dos fillos de Quehat ó xefe Uriel e mais cento vinte da súa familia.
6 Dos fillos de Merarí, ó xefe Asaías e mais douscentos vinte da súa familia.
7 Dos fillos de Guerxom, ó xefe Ioel e mais cento trinta da súa familia.
8 Dos fillos de Elisafán, ó xefe Semaías e mais douscentos da súa familia.
9 Dos fillos de Hebrón, ó xefe Eliel e oitenta da súa familia.
10 Dos fillos de Uziel, ó xefe Aminadab e cento doce da súa familia.
11 David chamou ós sacerdotes Sadoc e Abiatar e ós levitas Uriel, Asaías, Ioel, Semaías, Eliel e Aminadab
12 e díxolles: —“Vós sóde-los xefes da familia dos levitas; santificádevos vós e vosos irmáns para subi-la arca de Iavé, o Deus de Israel, ó lugar que eu teño preparado.
13 Por non estardes vós alí a primeira vez, Iavé, noso Deus, castigounos, porque non o fomos buscar como é debido”.
14 Santificáronse os sacerdotes e os levitas para subi-la arca de Iavé, Deus de Israel.
15 Os fillos dos levitas levaban a arca de Deus ás costas por medio de varais, como ordenara Moisés, segundo o disposto por Iavé.
16 David mandou ós xefes dos levitas que dispuxesen os seus irmáns cantores, que fixesen resoa-los instrumentos musicais; harpas, cítolas e pandeiros en sinal de ledicia;
17 e os levitas designaron a Hemán, fillo de Ioel; e, de entre os seus irmáns, a Asaf, fillo de Berequías; e, de entre os fillos de Merarí, de entre os seus irmáns, a Etán, fillo de Cuxaías.
18 Con eles tamén, os seus irmáns de segunda orde: Zacarías, Iaziel, Xemiramot, Iehiel, Uní, Eliab, Benaías, Maseías, Matitías, Eliflehu, Micneías, Obededom e Ieiel, porteiros.
19 Os cantores, Hemán, Asaf e Etán levaban e facían resoar címbalos de bronce;
20 Zacarías, Uziel, Xemiramot, Iehiel, Uní, Eliab, Maseías e Benaías, tiñan harpas afinadas para voces virxes;
21 Matitías, Eliflehu, Micreías, Obededom, Iehiel e Azarías, tiñan cítolas acordadas na oitava, para dirixi-lo canto;
22 Quenanías, xefe dos levitas, dirixía o canto, pois era moi entendido nel,
23 Berequías e Elcanah eran os porteiros da arca;
24 Xebanías, Ioxafat, Natanael, Amasai, Zacarías, Benaías e Eliézer, sacerdotes, tocaban as trompetas diante da arca de Deus. Obededom e Iehías eran tamén porteiros da arca.
25 David, os anciáns e os xefes de millares, foron trae-la arca da alianza de Iavé desde a casa de Obededom, con gran ledicia.
26 E por axudar Deus ós levitas que levaban a arca da alianza de Iavé, sacrificáronse sete xatos e sete carneiros.
27 David ía vestido dun manto de liño fino, e o mesmo os levitas que levaban a arca, os cantores e Quenanías, director dos cantos. David tamén levaba por riba da túnica un efod de liño.
28 Desta maneira levou todo Israel a arca da alianza de Iavé entre aturuxos ó son das bucinas, das trompetas, dos pandeiros, das harpas e das cítolas.
29 Cando a arca da alianza de Iavé chegou á cidade de David, Micol, filla de Xaúl, que ollaba desde unha ventá, viu ó rei David cantando e bailando diante da arca e menosprezouno no seu corazón.